Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Estratexia policial e calidade democrática / Richard Crowbar

23/07/2014
By

POLICÍA NAS MANIFESTACIÓNS: DA “SEGURIDADE” Á “ORDE PÚBLICA”

Estratexia policial e calidade democrática

O Ministerio de Interior non se dá por aludido ante as recomendacións da UE.

Richard Crowbar

Redacción

Pé de imaxe: axentes antidisturbios disparan balas de goma durante os incidentes ocorridos en Madrid tras as Marchas da Dignidade./ DANI GAGO/DISO PRESS

Dende hai un tempo, abriuse un debate sobre as formas de intervención das unidades antidisturbios, encirrado pola grande cantidade de persoas que resultan feridas cando actúan estas unidades. Segundo os datos aportados polo Goberno, un total de 777 persoas resultaron feridas como consecuencia das intervencións policiais durante as manifestacións celebradas entre xaneiro de 2012 e maio de 2013. Esta cifra só recolle aqueles casos nos que se deron partes de lesións, polo que é probable que a cifra real supere o millar.

Un debate que quizais tivese maior percorrido en Catalunya, territorio no que provocou a substitución das balas de goma por proxectís de gomaespuma que, tal e como denuncia o colectivo Stop Bales de Goma, teñen o mesmo potencial lesivo, e onde se acadou o último capítulo coa dimisión do director dos Mossos d’Esquadra, Manel Prat, o 27 de maio. Un dos elementos policiais que cambiou a raíz deste debate, polo menos na Policía Nacional e nos Mossos d’Esquadra, foi a aparición do Número Operativo Policial, visible nas costas dos axentes antidisturbios. É un número que non debe confundirse coa Tarxeta de Identidade Profesional, á que vulgarmente se coñece como número de placa. Este tipo de identificacións veñen utilizándose por parte de diferentes policías europeas desde hai varios anos, pero, tal e como denunciaban fontes dos equipos legais que atenden aos movementos sociais alemáns, neste país “este tipo de identificación só serve para a organización interna das unidades policiais e non permitiu esclarecer casos de brutalidade policial”. Máis aló destas cuestións, os modelos de intervención teñen moitos pregos.

Indicador democrático

Donatella Della Porta, do Instituto Europeo Universitario de Florencia e unha das académicas máis recoñecidas dentro do campo de estudo dos movementos sociais e a violencia política, afirma no seu texto Policing transnational protest que “as estratexias policiais de cara a manter a orde pública son un indicador clave á hora de medir a calidade da democracia nun determinado sistema político”. Deste xeito, a forma na que se resolve a tensión entre o mantemento da orde legar e a defensa dos dereitos políticos, tales como o dereito de reunión, manifestación e liberdade de expresión, resulta clave de cara a analizar a propia credibilidade do sistema político.

Partindo desta análise, pode interpretarse que diferentes modelos de democracia corresponderíanse con diferentes modelos de actuación policial. Esta liña foi un dos puntos que destacou Marc Pons, especialista en modelos de orde pública comparados do Instituto de Seguridade Pública de Catalunya, quen participou na Comisión de Estudos dos Modelos de Seguridade e Orde Pública e do Uso de Material Antidisturbios, celebrada no Parlament de Catalunya o pasado mes de outubro. Pons citaba a Otto Adang, catedrático de Orde Pública na Academia de Policía dos Países Baixos, quen afirma que existen tres niveis á hora de entender a xestión da orde pública. Primeiro fala da xestión da paz social, é dicir, o que ocorre de xeito cotiá no interior dos diferentes movementos sociais, o que tamén se chama “ausencia de acontecemento”. En segunda instancia apunta á xestión do acontecemento, o que en termos clásicos de orde pública se definiría como o control da masa, dunha manifestación. Por último, establece un terceiro nivel, que sería a xestión do disturbio, da manifestación que devén enfrontamento.

Continuaba Marc Pons afirmando que se poden distinguir catro modelos de intervención policial: o primeiro que sinalaba era o modelo nórdico, encabezado por Suecia, caracterizado polo que se denomina “aproximación dialogada”, é dicir, unha estratexia policial que entende a xestión da orde pública como unha cuestión principalmente de carácter cotiá, retomando a definición de Adang. En segundo lugar, falaba do caso inglés, no que, se ben se contempla a “aproximación dialogada”, non é algo que defina a estratexia policial no seu conxunto, senón que aparece de forma táctica. En terceiro lugar sinalaba os modelos mixtos, entre os que se sitúa o caso catalán, xa que, na súa opinión, estaban a realizarse intentos para xestionar a orde pública con ferramentas de carácter preventivo á vez que se seguen a utilizar ferramentas de carácter reactivo e disuasorio, as cales caracterizan á denominada “aproximación robusta”, é dicir, aquela na que se prioriza a utilización de unidades máis orientadas á xestión do disturbio que a xestionar a orde pública. Esta sería a característica do cuarto e último modelo, o mediterráneo, dentro do cal Pons incluía ao Corpo Nacional de Policía.

O Proxecto Godiac

Desenvolto pola Unión Europea, o proxecto Godiac, cuxas siglas correspóndense en inglés co obxectivo de promover “boas prácticas para o diálogo e a comunicación como principio estratéxico de cara ás intervencións nas manifestacións políticas que se desenvolven en Europa”, busca como aplicar principios estratéxicos que posibiliten a distensión e a prevención das alteracións da orde pública.

Nun manual desenvolvido por este proxecto, recoméndase que a actuación policial dirixida ao control de manifestacións se guíe por unha serie de elementos: evitar o uso da violencia indiscriminada contra os manifestantes cando a desorde está a ser causada só por un grupo reducido de persoas, xa que isto pode provocar a expansión da violencia; un achegamento gradual e de perfil baixo que permita o diálogo entre a policía e as persoas que se manifestan; que as actuacións policiais sexan informadas con antelación á súa posta en marcha, que as posturas e xestos dos axentes amosen unha actitude cordial e amigable e que o material antidisturbios (furgóns, cascos, escudos…) permaneza nun lugar discreto ata que se decida ensinalo como mostra de presión. Da vintena de organizacións policiais que participan neste proxecto, no que están representados once países da Unión Europea, non hai ningún corpo policial do Estado español, tan só conta coa participación do Instituto de Seguridade Pública de Catalunya.

Falecidos e feridos pola acción policial

Outro elemento que aviva o debate sobre as actuacións da policía antidisturbios son os casos de persoas gravemente feridas. Este foi o caso especial de Íñigo Cabacas, que faleceu o 9 de abril de 2012 en Bilbao a consecuencia do impacto dunha bala de goma lanzada pola Ertzaintza. Ester Quintana, en Barcelona, perdeu un ollo no transcurso da folga xeral do 14 de novembro dese mesmo ano ao recibir tamén o impacto dunha bala de goma. Os casos máis recentes de feridos de gravidade son os de Gabriel e Iñaki, quen perderon polo mesmo motivo un testículo e un ollo respectivamente trala actuación policial ao finalizar as marchas do 22M en Madrid.

 

Fonte: https://www.diagonalperiodico.net/libertades/23100-estrategias-intervecion-policial-y-calidad-democratica.html


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!