El Diario, La Marea e Diagonal publican en exclusiva os documentos, revelados a través da ferramenta de filtracións anónimas Filtrala.org. A sanidade e a educación están na mesa de negociacións do Tratado Transatlántico de Libre Comercio e Investimentos
Europa e Estados Unidos negocian ás costas dos cidadáns un dos pactos que máis influirán na vida dos europeos nas próximas décadas. Trátase do Tratado Transatlántico de Libre Comercio e Investimentos, coñecido polas súas siglas en inglés TTIP, e que busca igualar a regulación en ambas as dúas zonas económicas para potenciar o comercio e o investimento.
eldiario.es tivo acceso, en exclusiva xunto a La Marea e Diagonal, a un dos documentos secretos que serven de base á negociación, xa que supón a oferta de servizos que Europa está disposta a negociar con Washington. O documento chegou a través de Filtrala.org, a ferramenta de filtracións anónimas na que colaboran estes medios.
O acordo está no punto de mira de organizacións sociais e partidos de esquerda, xa que os seus efectos poden supor na práctica unha maior liberalización de decenas de sectores na UE, que ten unha normativa en xeral máis esixente que en EEUU, e abre a porta a un maior poder das empresas privadas.
O borrador secreto chegou fragmentado en tres arquivos e esténdese en cando menos un cento de páxinas. A portada do encabezado deixa claro que é un documento secreto, xa que as negociacións se clasificaron como confidenciais en Europa e Estados Unidos, algo moi criticado por persoas como Joseph Stiglitz, Noam Chomsky ou Sami Naïr. Até o momento, só se coñecen outros catro documentos das decenas de informes que cruzan o océano. Aínda que formalmente esta rolda de negociacións comezou en 2013, leva décadas xestándose con sucesivos acordos e grupos de traballo que se formaron na UE e EEUU. Este documento ten este venres (13 de xuño) como data límite para que os estados membros fagan as súas achegas.
Esta é unha oferta inicial, unha sorte de catálogo, do que a Unión Europea está disposta a negociar con Estados Unidos para flexibilizar os negocios no sector servizos. Cada unha das áreas que negocia o TTIP discútese nunha comisión ad hoc, coma no caso da enerxía, outro dos documentos filtrados con anterioridade no que se falaba de temas coma o fracking. O que chegou a Filtrala.org é o borrador co que traballa a Comisión de Servizos e Investimento, o que supón que se fai un percorrido por todos os servizos, incluídos os públicos, que se lles ofrecen aos cidadáns. Isto implica que tamén se abra no abano das ofertas cuestións coma os servizos sanitarios, servizos sociais, educación e cuestións claves coma os servizos da enerxía. É unha lista en positivo de puntos que negociar. É dicir, inclúese todo o que é susceptible de discusión.
No membrete aparecen os selos do Consello da Unión Europea e da Comisión, xa que a representación permanente de cada país no Consello é a que está a negociar o acordo (non é posible que o Goberno de cada país acuda continuamente a Bruxelas para estas discusións).
O documento marca o amplo perímetro das negociacións en servizos da UE. Tras unha listaxe de cautelas iniciais na que a Comisión se reserva a posibilidade de negociar aspectos nunha ampla panoplia de servizos que se consideran de seguridade nacional, logo móstralle ao socio norteamericano en que áreas sería posible establecer unha negociación. Os estados membros deben fixar estas reservas por adiantado, xa que unha vez asinado o acordo non se poden introducir novas excepcións. É unha forma de non comprometerse a modificar un determinado aspecto na lexislación nos acordos multilaterais.
As excepcións viran ao redor da extracción de petróleo, minería, produción nuclear e outros elementos sensibles, coma a pesca e a agricultura das que a UE se desentende de compromisos a priori. A súa inclusión na lista non é unha negativa a discutir senón unha reserva a non facelo no caso de que non lles interese aos estados.
O documento sinala unha a unha as barreiras de acceso ao mercado que os estados membros, ou a UE no seu conxunto, teñen actualmente nunha infinidade de sectores, co fin de negociar a súa total apertura. Nunha última columna (baixo o encabezado Limitations on National Agreement) sublíñase tamén que países favorecen a entrada aos seus propios cidadáns ou empresas, unha das restricións ao mercado máis importantes e que a UE loita por limar.
O documento é un destape en toda regra no que os eurócratas exhiben todas as fraquezas dos países membros para que os estadounidenses saiban a que restricións se van enfrontar, e para que negocien a súa eliminación. Na nota inicial, a UE deixa claro que esta proposta inicial se fai á espera de que “Estados Unidos ofreza un nivel de transparencia significativo a nivel sub-federal”. É dicir, alén do Atlántico deberíase estar a construír un borrador similar a este pero coas restricións que expoñen os Estados federados.
Liña vermella na banca
É especialmente rechamante que só unha área queda fóra do texto: as finanzas. Aínda que inicialmente os servizos financeiros se ían incluír no Tratado, como todos os demais aspectos da economía, EEUU puxo trabas na negociación. Washington entende que a actual regulación financeira é máis esixente que a europea, grazas sobre todo a unha das últimas leis aprobadas tras o estalido da burbulla, a Dodd-Frank. Por este motivo, os estadounidenses pediron excluír as finanzas do marco de cooperación regulatoria, que os levou a negociar o seu actual nivel de regulación financeira e facelo máis laxo.
Este aspecto é moi importante, xa que tal e como lembra Tom Kucharz, portavoz de Ecoloxistas en Acción, fai que os argumentos que esgrimen os negociadores para defender o Tratado “caian polo seu propio peso”. Se Estados Unidos non quere negociar no ámbito financeiro porque suporía unha rebaixa das súas esixencias, está claro que o proceso de negociación se fai á baixa. Neste caso, é a lexislación comunitaria a que máis ten que perder, xa que salvando a área das finanzas, a UE é moito máis esixente en canto a normativa. Por exemplo, o principal interese de EEUU é negociar a cooperación regulatoria no campo da enerxía, onde os estadounidenses son moito máis abertos que os europeos.
O documento di que “debido á firme oposición de Estados Unidos a incluír cooperación regulatoria no campo do acordo, considérase apropiado non incluír ningún compromiso na oferta de servizos financeiros por parte da UE neste punto”. A Comisión deixa a porta aberta a que se “no futuro” os estadounidenses cambian de opinión e se comprometen a abrir o melón das finanzas, Europa tamén mostrará as súas cartas.
Os servizos bancarios son polo tanto a única liña vermella marcada no documento, e non por vontade europea. Do resto, a UE mostra o seu desexo a falar de todo, incluída a prestación de servizos médicos (o que abriría aínda máis o negocio da saúde ás grandes corporacións estadounidenses de sanidade), o transporte ou a liberalización dos colexios profesionais. Desde os sindicatos europeos de servizo público sublíñase que esta apertura a negociar este tipo de prestacións atentará contra a calidade dos servizos e o emprego. Para Kucharz, é unha “alerta a todas as mareas españolas. É unha megaamenaza á calidade dos servizos públicos”.
Cabe resaltar que ao facer o percorrido de trabas actuais nos países da Unión, España é un dos países que menos aparece, en gran medida porque é un dos países máis liberalizados do Continente. As escasas mencións que se atopan de España son respecto das restricións dos colexios profesionais e, como non, á posibilidade de pór unha farmacia ou ao traballo dos auditores contables.
Os defensores do acordo falan de cifras por valor de miles de millóns de impacto económico e de creación de emprego. Os detractores, de destrución de miles de postos de traballo en Europa e de perda de dereitos laborais.