OUTRAS FORMAS DE PARTICIPACIÓN POLÍTICA
“O maior castigo para quen non se interesan pola política é que serán gobernados por persoas que si se interesan.” Arnold Joseph Toynbee
“Actualmente a crueldade máis grande é a indiferenza. Coñecer pero non actuar é unha forma de consentir as inxustizas.” Elie Wiesel
QUE É A PARTICIPACIÓN POLÍTICA? EN QUE SE BASEA?
Conxunto de accións, campañas e iniciativas realizadas polas persoas dunha comunidade dirixidas a influír nas pautas, relacións e insitucións que constrúen esa mesma sociedade.
Esas accións, campañas e iniciativas poden ser:
- segundo as persoas que as conforman: individuais ou colectivas
- segundo a legalidade das mesmas: legais, ilegais ou alegais.
- segundo a relación coa proposta inicial: de apoio ou de presión
- segundo a relación co sistema: rupturistas, reformistas ou continuistas.
- segundo a institucionalización: institucional ou non institucional.
CALES SON OS PROBLEMAS DA PARTICIPACIÓN POLÍTICA ACTUAL?
A política é a arte de vivir en sociedade a través da construción da mesma e das súas relacións así como das normas polas que se rexe. As persoas vivimos en sociedade e mediante a asociación con outras persoas construímos cada día a comunidade na que vivimos. Na actualidade o mundo é un complexo baseado nunha enorme diversidade onde menos do 1% da poboación ten a práctica totalidade do poder global.
Hoxe a democracia representativa é o sistema político máis espallado por todo o planeta como forma de goberno e, derivado desta, a votación, o sistema de participación política máis espallado (que en moitos dos casos acidadanía entende como o único!). A democracia representativa baséase nunha idea moi sinxela: ciclicamente hai un chamamento ás urnas para escoller un/ha(s) poucxs delegadxs políticxs. O ideal dese sistema é que xs delegadxs políticxs realicen os desexos dxs seus/súas electoras… pero, realmente é así?
Incluso unha constitución tan obsoleta como a do estado español recoñece que “os /as cidadá(n)s teñen dereito a participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes” e que “tamén teñen dereito a acceder en condicións de igualdade ás funcións e cargos públicos”, pero na realidade o sistema electoral español e as estruturas económicas que o definen imposibilitan a “participación directa” e a “igualdade de condicións”. En xeral, nas diferentes democracias representativas do planeta repítense unha serie de problemas:
- O sistema político está en mans duns poucos partidos que defenden os intereses das súas xerarquías por riba dos dos seus electores (isto implica: listas pechadas, eliminación de calquera outro sistema de participación política (referendos, plebiscitos,…),…)
- Os partidos carecen de democracia interna polo que as decisións derivadas dos mesmos tampouco teñen un carácter democrático, senón que se limitan ás decisións das xerarquías.
- Desaparece a conexión elector/a e representante. A cidadanía asume que o seu papel non serve de nada.
- As elites mediáticas teñen uns intereses semellantes á elite política, polo que actúan de xeito conxunto.
- A cidadanía media non se sente representada polas persoas que “supostamente” as representan.
- Os cargos políticos están ocupados por individuos que pertencen a unha elite que, en moitos dos casos, identifican que “o público” é un ben da súa propiedade e poden xestionalo no seu propio beneficio (corrupción).
- Financiamento irregular dos partidos (doazóns privadas, corrupción, condonación de débedas por parte dos bancos, falla de transparencia, compatibilidade de financiamento público e privado,…).
- A axenda internacional está por riba dos intereses de cada sociedade polo que desaparece a posibilidade de construír alternativas e de adoitar decisións propias.
- A visión electoralista fai que a visión dos asuntos sexa cortopracista, xa que se basean máis na captación de votos que no interese xeral.
- Soen producirse pequenas ditaduras de “x” anos nos que as listas máis votadas teñen un poder case absoluto, ao tempo que non representan máis que a unha minoría da sociedade.
QUE OUTROS TIPOS DE PARTICIPACIÓN POLÍTICA HAI?
Pero o voto non é o único xeito de participar políticamente! Existen outras formas de Participación Política Popular.
Desobediencia civil
Consiste en resistirse a unha norma obrigada polo Estado que o pobo considera ilexítima. O obxectivo pode ser desacreditar a norma ante a opinión pública ata que o goberno se retracte, ou ben facela directamente estéril, xa que nalgúns casos as normas non se poden realizar por falla de participación da cidadanía. Esta oposición pode facerse dun xeito manifesto ou disimulado, organizándose nun acto colectivo ou pola suma de moitos actos individuais.
Así por exemplo, cando en 1955 a muller afroamericana Rosa Parks refusou cederlle o seu asento de autobús a un home branco realizou un acto de desobediencia civil, que despois tivo eco por tódolos EE.UU e axudou a dar pulo ao Movemento polos Dereitos Civís de Estados Unidos.
Outro exemplo máis recente, é a campaña “Dereito a curar” de “Médicos do Mundo en España”, que chama ao persoal do sistema sanitario público a seguir atendendo as persoas sen permiso de residencia: facendo así estéril o Real Decreto 16/2012 que deixa sen atención sanitaria a este colectivo dende o 1 de setembro de 2012.
Folga.
Consiste en non realizar voluntariamente un acto “habitual” ata acadar que o conxunto da sociedade atenda á nosa reivindicación. A reivindicación pode non estar directamente relacionada coa actividade paralizada. O obxectivo dos diversos tipos de folgas é mostrar a interdependencia (moral e material) de tódolos membros dunha sociedade.
Un tipo de folga extremo é a folga de fame, como a de 28 días sostida na primavera de 2012, por un milleiro de presos palestinos ata que conseguiron que Israel suspendese as detencións ilegais indefinidas.
Outro tipo de folga é a xeral, como a próxima do 14 de Novembro, formulada como unha folga de traballo, social e de consumo en España, Portugal, Greza, Malta e Chipre, contra a vaga de recortes dos dereitos sociais e laborais.
Participación político-institucional.
Consiste en participar nos procesos políticos e administrativos instituídos no noso sistema e cultura (iniciativa lexislativa popular, alegacións, denuncias,…). O obxectivo pode ser o mesmo explicitado no proceso pero tamén pode ser outro distinto, de tal xeito que a nosa participación no proceso sexa un instrumento.
Un exemplo de participación directa é o caso do barrio do Cabanyal de Valencia: onde en 1999 o colectivo “Salvem o Cabanyal” presentou 110.380 alegacións ao plan urbanístico ate que conseguiu que o Tribunal Supremo obrigara ao Concello de Valencia detivese a demolición do seu barrio.
Un exemplo de participación instrumental foi o uso do dereito a asistir aos plenos do Concello de Vigo que fixeron as traballadoras da limpeza das escolas públicas no 2010-11, cando moitas delas sufriron despidos improcedentes. Asistiron a varios plenos, pero non co propósito de escoitar outros asuntos municipais, senón para reclamar que o seu fose escoitado.
E TI… QUE PODES FACER?
Ti es responsable do que sucede na túa sociedade. Non deixes que ninguén defina cal é a túa vontade. Infórmate e informa ás persoas que te rodean. Contrasta datos e posiciónate perante os diferentes asuntos que afectan á túa comunidade. Actívate e actúa nas diferentes iniciativas que propoñan os diversos colectivos ou persoas coas que ti compartes unha mesma ollada, ou crea ti mesmx (individual ou colectivamente) as túas propias campañas, accións e iniciativas.
pdf novembro 2012