Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

O que pasa 1.100 días antes de chegar á valla de Ceuta /Cristina de Fina

21/07/2014
By

O TESTEMUÑO DUNHA DAS PERSOAS QUE SALTOU A VALLA EN 2005

O que pasa 1.100 días antes de chegar á valla de Ceuta

“Partir para contar” detalla en primeira persoa tres anos de odisea ata Europa

Cristina de Fina

Redacción Andalucía

Pé de fotografía: emigrantes en Ceuta/ Diego González

Partir para contar (Pepitas de Calabaza, 2014) é a historia de Mahmoud Traoré, recollida polo seu amigo o xornalista francés Bruno Le Dantec. Coa sinxeleza dun relato oral, ispe a vivencia dun emigrante senegalés que entrou no Estado español despois de máis de tres anos de traxecto por África. Para Mahmoud, o libro ten o valor dun testemuño, dunha loita para recuperar a palabra: “Para min, defender o libro é moi importante”, afirma, e conta satisfeito como na presentación en Sevilla había moitos africanos que interviñan contando as súas historias. “O que me interesa é isto, que tomemos a palabra nós, non que alguén fale no noso lugar”, di. Mahmoud explica que isto non sempre sucede: “Para a maioría, despois do vivido, é difícil ter confianza. Por isto é importante contar o que pasa antes de chegar á fronteira”.

Na noite do 28 de setembro de 2005, preto de Ceuta, centenares de emigrantes precipitáronse sobre as vallas que os separan de Europa. A policía abriu fogo e houbo mortos, sen nomes, sen historia: as cifras varían entre os cinco falecidos dos que se informou inicialmente e as 15 mortes das que, con cautela, falan investigadoras como Claire Rodier. Mahmoud foi dos que lograron pasar e, máis aló do ruído mediático destes asaltos colectivos, desvela a vida cotiá, os perigos, as vexacións e as formas de sobrevivir dos emigrantes na súa odisea.

Leva 12 anos lonxe da súa terra, Senegal, que deixou con só 19 anos. O seu primeiro obxectivo era chegar a Costa de Marfil, nunha moi practicada migración Sur-Sur que adoita preceder á do Estreito, pero a guerra que vivía o país fixo que cambiase de destino. Comezou así a aventura cara Europa, unha viaxe que durou tres anos e medio, a través do Sahel e o Sáhara, pasando por Níxer, Libia e o Magreb, traballando en cada etapa para custear a seguinte, tomando unha ruta que coincide coa que foi utilizada durante séculos para a trata de escravos.

Sen concesións ao dramatismo fácil, Mahmoud cona a súa experiencia, que é a de moitos, a través de feitos concretos dunha realidade subterránea: a experiencia de pasar o terrible deserto do Teneré, á mercé dos pasadores tuareg, alimentándose cun anaco de pan e leite en po, durmindo en buracos no chan. “Alí é onde te decatas de que xa non hai volta atrás. Por nada do mundo quereriamos cruzar de novo este deserto”, conta.

A difícil estancia en Libia, “o país máis racista” que coñeceu, onde “esixían a bitaka, unha especie de carné sanitario que serve de salvoconduto, porque pensan que todos os subsaharianos temos SIDA”. En Libia, Mahmoud pensaba ir a Italia, pero resultou ser imposible pola forte militarización da costa a causa da guerra de Iraq. Así que decidiu tomar rumbo a Marrocos pasando por Alxeria. Nesta parte do percorrido, “o business da fronteira é máis estruturado e aumenta a medida que te achegas á liña fronteiriza”, di, e desvela os trapicheos en torno aos pasaportes malienses para poder circular en Alxeria e os múltiples negocios que a inmigración clandestina xera e que converten as fronteiras en peaxes.

O negocio intensifícase en territorio marroquí, nun estraño xogo de rebote de subsaharianos. Grazas ás expulsións en quente, tan ilegais como frecuentes, os clandestinos volven a Marrocos, país financiado pola UE polo seu papel de xendarme da fronteira sur, e son amoreados en convois que van ao deserto. “Sóltannos en medio da nada, repetíndonos a mesma broma: volvede cando queirades, non hai problema”, conta. “En Marrocos fan que firmes varias veces o mesmo papel, multiplícannos. Logo din que repatriaron a moitos máis e iso significa máis financiamento”. E, denuncia: “Hai moitas máis persoas que morren no deserto que na valla, pero iso non importa, iso non sae nas noticias porque está lonxe”.

República gueto

Traoré conta con detalle a realidade cotiá dos guetos onde quedan os emigrantes, como o de Maghnia (Alxeria) ou o de Beliones (Marrocos). Estes campamentos clandestinos son unha especie de subestados, cos seus presidentes, policías, tesoureiros, tendeiros. Ironicamente hai ata “cascos azuis” e “conferencias internacionais para ratificar leis, decretar normas de convivencia pacífica e conseguir que se respecten: é o que chamamos a Unión Africana”, lembra Mahmoud, a quen non lle gusta que a estas formas de organización se lles chame mafia. “Son sistemas para defendernos e sobrevivir, as mafias verdadeiras son as institucionais”, subliña, “e comezan nas embaixadas dos nosos países, onde un pobre nin se atreve a entrar para pedir un visado polo sistema de corrupción que hai”.

Algúns campamentos son máis democráticos que outros, como a república clandestina de Gurugú, cunha organización máis horizontal, xefes de barrio, delegados ao parlamento e cooperación para comer, e onde os cargos son rotatorios. Nestes míseros poboados improvisados nos que se reinventa unha organización social precaria inténtase traballar no que se pode, sobrevívese comendo algo cada dous días, pásase o tempo entre torneos de damas e partidos de fútbol. Nun destes guetos, preto de Ceuta, Mahmoud viviu un ano e medio.

No sotobosque atópanse bloqueados, entre a montaña e a fronteira, os que non teñen diñeiro para a pateira, porque, paradoxalmente, “a pateira é para os ricos, xa que pode custar entre 1.000 e 3.000 euros segundo que punto da costa africana”. Sobrevívese basicamente mendigando. “Os máis pobres sempre son os máis xenerosos”, comenta. Ao contar a súa historia subliña tamén os aspectos positivos, o apoio da poboación local, a axuda mutua entre os viaxeiros, a solidariedade e o sentido comunitario africano, que no libro toma corpo nos pasaxes sobre a vida na súa aldea, intercalados ao relato da súa aventura.

A revolta e asalto de 2005

Na primavera de 2005 intensificáronse as redadas e as autoridades marroquís lanzaron repetidas operacións de repatriación xeral, os habitantes da ladeira do monte atopáronse cercados, como nunha prisión ao aire libre, baixo un acoso constante. Bloqueados sen poder seguir a viaxe nin volver atrás, imposibilitados para buscarse a vida, reuníronse en asemblea no bosque para unha fuxida cara adiante a costas da policía marroquí e dos xefes dos guetos. “Decidimos saltar -conta- porque xusto antes da valla non hai vida”.

A viaxe de Mahmoud rematou ben e ao final foi enviado á península cun salvoconduto válido para un mes. Agora reside en Sevilla e axuda ao seu sobriño en Senegal, “para que teña un futuro e non teña que pasar o que eu pasei”. Para el a súa vivencia é “unha aventura dura que me serviu para aprender a ser prudente, a ter paciencia e non renderme. As feridas prefiro non esquecelas, pero intento quedar co positivo”.

Mahmoud indígnase fronte a criminalización dos últimos sucesos de Ceuta: “Os clandestinos non son violentos, nin lles convén que haxa violencia”. Respecto ás críticas á inmigración declara: “Europa sempre buscou man de obra barata. As multinacionais compran barato o produto que se traballa na miña terra. Países como Marrocos e Libia sacaron partido ao seu papel de subcontratista dos movementos migratorios”, e engade que “non serve de nada que reforcen a valla, a xente vai seguir entrando. Deberían mirar moito máis aló da valla”. Mahmoud denuncia a hipocrisía dos que miran cara outro lado, “os que non queren ver o tráfico de mercancía negra” e suxire unha esperanzadora e utópica solución, “a libre circulación das persoas. Se os africanos puideses ir e vir abrirían lazos coa xente de aquí, crearíanse intercambios e poderían xurdir cooperativas entre os pobres de ambos lados”.

23.000 mortes en 13 anos na fronteira sur

D.S.P.

Preto de 23.000 persoas morreron entre 2000 e 2013 ao intentar cruzar o mediterráneo desde o norte de África. As cifras, superiores nun 50% ás estimacións anteriores, proceden de The Migran Files, un estudo transnacional publicado no Estado español por El Confidencial. Ata agora, a fonte máis fiable – por sistemática e tamén por ser a única que intenta dar datos globais- era o reconto elaborado polo xornalista italiano Gabrielle del Grande a partir das noticias de naufraxios publicadas pola prensa desde 1988. A investigación separa os datos polas rutas existentes: a máis perigosa, cunha taxa de mortalidade do 4%, é a ruta central que une as costas de Libia con Italia e Malta, seguida de preto pola ruta marítima entre Senegal e as Illas Canarias, que supera o 3%. O informe pode consultarse integramente en detective.io/detective/the-migrants-files

Fonte: https://www.diagonalperiodico.net/global/22966-lo-pasa-1100-dias-antes-llegar-la-valla-ceuta.html


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!