Os riscos silenciados do tratado de libre comercio entre a UE e os EUA
Miguel Pardo
A Unión Europea e os Estados Unidos seguen dando pasos para a aprobación futura do Tratado Trasatlántico de Comercio e Investimento (TTIP polas súas siglas en inglés). Un acordo entre a UE e os EUA que marcará o futuro socioeconómico do continente nos vindeiros anos e que, como tantas decisións fundamentais para a cidadanía, está a ser agochado polos dous grandes partidos e polos propios gobernos dos Estados comunitarios nesta campaña europea. Durante esta mesma semana, responsables comunitarios e de Washington seguiron a impulsar coas súas xuntanzas a sinatura dun pacto que crearía a maior zona de libre comercio no mundo e do que pouco se sabe. E do que se sabe, pouco gusta.
Son ONG, movementos sociais e diversos partidos de esquerda os que en Europa chaman a atención sobre as “graves consecuencias” que terá este tratado silenciado por socialistas e populares, que aluden tan só aos seus presuntos beneficios económicos cando se lles pregunta sobre o tema. En Galicia, o BNG e especialmente a candidata de AGE, Lidia Senra, loitan por meter na axenda da campaña un TTIP do que algunha filtración máis sobre a súa negociación descobre os riscos que pode provocar na sociedade.
A organización Observatorio das Corporacións Europeas advirte dun documento filtrado o pasado luns do que se tira que as propostas actuais do Tratado concederían tanto aos gobernos como ás empresas estranxeiras máis oportunidades para influír na opinión pública, tanto na UE coma nos EUA. Lidia Senra, candidata de AGE na lista da Esquerda Plural, leva semanas denunciando o “escurantismo” sobre un acordo que “rematará de entregar o noso país ás multinacionais e que está a ser defendido tan só polos lobbies destas empresas transnacionais”.
O Congreso dos Deputados, o pasado 7 de maio, votou maioritariamente en contra dunha proposta para que se convocase un referendo para que os europeos decidisen se queren ou non ese Tratado. PP, PSOE, UPyD e PNV votaron en contra da consulta sobre un acordo que se está a negociar desde hai máis dun ano pero do que nada se sabería se non fose pola loita de entidades civís, ONG e algunhas formacións políticas.
O impacto negativo non é só sobre as vidas das persoas e o medio ambiente. Os seus críticos falan dun “ataque á soberanía popular” que reducirá estándares ambientais, sociais e laborais e que incrementará os privilexios ás multinacionais. Un instrumento desregulador, froito das políticas máis extremas do neoliberalismo, que vai moito máis aló de calquera acordo bilateral.
Os servizos públicos serán moi afectados. O mecanismo que utiliza o TTIP para a solución de conflitos entre investidores e Estados permite a estes investidores situarse á marxe da xustiza e presentar as súas queixas directamente aos tribunais internacionais de arbitraxe, que moitas veces están compostos por avogados das mesmas empresas. A defensa dos servizos públicos ou dunha maior regulación pode provocar custos millonarios aos gobernos á hora de defendelos, como ocorreu noutros casos de acordos bilaterais cos EUA. Hai un capítulo, incluso, que fala da “protección dos investimentos” e que busca limitar a posibilidade de políticas públicas a prol da redistribución da riqueza.
Ademais, as grandes empresas atacan tamén o principio de precaución que guía a lexislación medioambiental europea. O seu obxectivo é desregular ou igualar estándares ambientais, pero por abaixo, tal e como lembraron Laia Ortiz e Ernest Urtasun, deputada e candidato europeo de ICV nun artigo. Un editorial do European Journal of Public Health foi moi claro ao advertir da ameaza deste TTIP para importantes aspectos dos principios e proteccións existentes na saúde pública: desde o acceso aos medicamentes esenciais e aos servizos sanitarios ata o control e regulación do sector da alimentación e dos produtos sanitarios. A converxencia regulatoria da UE cos EUA achegaría Europa ao modelo estadounidense, onde predomina a libre comercialización de produtos ata que a evidencia científica non demostre que é nocivo. Mentres, na UE, o que domina é o principio de precaución.
Algo semellante ocorrerá na lexislación laboral, xa que, de consumarse este Tratado, acabaríase por rebaixar a protección dos traballadores. Hai que ter en conta que os Estados Unidos non teñen ratificadas seis das oito normas fundamentais da Organización Internacional do Traballo (OIT). “É imprescindíbel que a cidadanía da Galiza coñeza e debata as gravísimas implicacións que este tratado terá para a nosa nación”, advirte nos seus mitins Lidia Senra, que pide á sociedade “que se organice para deter esta salvaxe agresión neoliberal ás nosas vidas”.
A agricultura, o sector “máis agredido”
O Sindicato Labrego Galego (SLG) advirte de que a agricultura sería o sector “máis agredido” por esta “liberalización das relacións comerciais entrambos bloques”. Así, alerta da “competencia desigual” que significará para Europa. Nos Estados Unidos, as granxas predominantes son de tipo industrial e o seu tamaño medio é 13 veces superior á media europea. Ademais de ser máis pequenas, as explotacións europeas “teñen unha normativa medioambiental e sanitaria moito máis estrita”, mentres que as granxas norteamericanas, moito máis grandes e concentradas, “comercializan a través de grandes corporacións, sen ter que cumprir as mesmas normativas sanitarias e ambientais”. “Sen os aranceis que agora protexen as nosas producións, varrerían, literalmente, centos de miles de explotacións e sectores produtivos enteiros na UE”, asegura.
En canto aos tranxénicos, o SLG lembra que agora na UE é obrigatorio informar na etiquetaxe dos alimentos e pensos se conteñen ou non tranxénicos e hai moreas de test de seguridade. “De ir para adiante o tratado, a UE estaría obrigada a eliminar as poucas barreiras de seguridade que temos para equipararse ás normas dos EUA, onde os tranxénicos non deben ser supervisados, non teñen que realizar ningún test de seguridade e nin sequera é obrigatorio informar na etiquetaxe dos alimentos da súa presenza”.
Tamén é perigoso o tema da carne tratada con hormonas e cloro. As vacas de aló producen ata un 10% máis de leite polas hormonas tranxénicas que se lles aplica e que “está relacionada con cancro”. Hai autorizadas hormonas esteorides para os becerros e dorgas para que os porcos aumenten a súa masa musucular e que están prohibidas en 150 países, incluída a UE. Os polos, ademais, son desinfectados con cloro antes de ser comercializadas. Todos estes métodos están prohibidos en Europa, pero, segundo SLG, a UE “debería eliminar tamén as prohibicións a este modelo produtivo tan insán e perigoso para a seguridade alimentaria se o Tratado sae adiante”.
Por último, o SLG tamén advirte da seguridade alimentaria e do principio de precaución que exixe probas cientíicas que hai en Europa e que non existe nos EUA. “A cidadanía galega non pode obviar que este tratado destruiría o escaso tecido económico que aínda sobrevive no noso medio rural, desertizando e desestruturando aínda máis o noso campo, deixando sen medio de vida a miles de familias, e eliminando a nosa capacidade de producir alimentos e principios básicos de seguridade alimentaria”, conclúe o sindicato, que pide aos partidos políticos “un posicionamento claro sobre o Tratado de Libre Comercio entre a UE e EUA”.