Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Os tres mitos do TTIP e as nosas alternativas

02/03/0201
By

Os tres mitos do TTIP e as nosas alternativas

Florent Marcellesi

Manifestacion-Berlin-TTIP-Demokratie-Flickr_EDIIMA20150212_0848_13

Manifestación en Berlín contra o TTIP. Foto: Mehr Demokratie vía Flickr

A pesar de que non se implementou aínda, o Tratado de Libre Comercio entre Estados Unidos e a Unión Europea (TTIP) é xa unha reliquia da teoría económica dominante. Seguen a vendernos que a globalización é o fin da historia, que a competencia é o xeito máis eficiente de organizar unha economía e que para xerar benestar e emprego, hai que medrar. Estes tres dogmas son simplemente erróneos. Polo tanto, o problema do TTIP non é de matiz, é de raíz: vai en dirección oposta á sociedade próspera e sostible que a grande maioría quere construír. Repasemos pois os tres mitos do TTIP e presentemo-las nosas alternativas.

Mito 1: A globalización é o fin da historia

A globalización actual non é outra cousa que unha extraordinaria acumulación enerxética e as súas conseguintes emisións de CO2 para que unha minoría da humanidade poida producir e consumir cada vez máis nun mundo convertido en mercado global. Pois ben, esa globalización utópica rematou: non hai máis enerxía fósil barata, nin atmosfera suficiente para tanta depredación.

Sen embargo, parece que o TTIP vive nunha cuarta dimensión lonxe das realidades enerxéticas e materiais. Tendo como único horizonte o Business As Usual, o TTIP quere pisa-lo acelerador da globalización fósil e depredadora:

  1. Terminar con calquera restrición para as exportacións de “bens enerxéticos” dando de novo prioridade ás enerxías máis suxas e contaminantes do pasado como o carbón, o petróleo ou o gas.
  2. Facilita-la exploración e explotación de hidrocarburos por parte das multinacionais en EEUU e a UE, abrindo a porta ó fracking e á súas desastrosas consecuencias sobre o ambiente e o clima.
  3. Imposibilitar que calquera país adopte medidas que privilexian saberes, tecnoloxías ou empresas locais, pondo freno deste xeito ó desenvolvemento das enerxías renovables.

Fronte a esta irresponsable “estratexia Titanic”, unha estratexia sensata, é dicir menos enerxívora e contaminante, pasa en cambio pola relocalización de grande parte do comercio e das nosas economías. O noso futuro e o dos noso fillos chámase “circuítos curtos” que nos permitan, na maior medida posible, consumir localmente a enerxía e os alimentos que producimos localmente e sen tantos intermediarios e dar máis espazo á autoprodución e ó autoconsumo. Dentro dunha rede cooperativa mundial (véxase punto seguinte) falamos dunha economía que bota raíces no local, privilexia produtos de calidade e con forte valor engadido ecolóxico, constrúe comunidade desde abaixo e acerca as decisións produtivas e de consumo á xente de a pé. In fine, unha economía máis humana, máis sostible e máis democrática.

Mito 2: A competencia é o xeito máis eficiente de organizar unha economía

O TTIP busca reforza-la competitividade das empresas europeas e estadounidenses. Este é o mantra repetido á saciedade polo darwinismo social e económico: o noso entorno, e en particular o mercado, é unha selva onde se salvan polas migallas convertidas en caridade. O TTIP reforza este canibalismo comercial onde os peixiños (pequenas e medianas empresas autónomos, cooperativas, etc.) tanto de EEUU como da UE nadan entre os tiburóns chamados multinacionais. En proveito duns poucos, reforza unha mercantilización tan insana como ineficiente dos bens comúns, das nosas vidas e dos demais seres vivos.

Precisamos reequilibri-la balanza, hoxe vencida cara a unha competitividade a ultranza e a favor dos peixes gordos. No eixe central ha de estar a cooperación, é dicir a nosa capacidade de obrar conxuntamente entre moitos peixiños para o beneficio colectivo. E para iso voltamo-la mirada cara á natureza que, lonxe das teorías económicas alleas ás necesidades da xente e dos límites biofísicos, recompensa a colaboración e o beneficio mutuo.

Para iso, fai falla establecer estratexias comúns de cooperación entre a UE, EEUU e máis países para por fin ós paraísos fiscais e á economía de casino; impulsar regras comerciais supeditadas ó respecto dos dereitos humanos, o traballo digno e o respecto ós ecosistemas (como propón a iniciativa Alternative Trade Mandate) ou reforza-los marcos multilaterais para loitar contra o cambio climático. Ademais hai que afianzar vencellos entre movementos sociais, ONG, sindicatos, partidos de ambos lados do Atlántico para compartir experiencias e construír alternativas dentro dunha economía social, solidaria e ecolóxica. Temos intereses comúns, poñamo-las respostas en común.

Mito 3: Para xerar benestar e emprego, hai que medrar

O TTIP teno claro: é unha ferramenta a favor do crecemento. De feito, grande parte do debate xira en torno á taxa de crecemento que podería aportar un tratado deste calado. Sen embargo, que sexa o 0,5% de aumento de PIB dentro de 10 anos como vaticina a Comisión Europea, ou diminución do PIB segundo outros estudos, temos que saír deste estéril debate de cifras: o crecemento non é a solución, forma parte do problema. Por tres razóns básicas:

  1. O crecemento é incapaz de ter en conta a finitude do planeta e leva directamente ó colapso ecolóxico. Na súa estela, o TTIP será ó mellor un pouco pan para hoxe e sen dúbida, para as maiorías, moita fame para mañá.
  2. Por enriba de 13.000 euros por habitante, o crecemento do PIB non significa maior benestar. Ademáis, como proba o caso de España, é perfectamente posíbel medrar sen crear emprego e aínda menos de calidade. Así que afirmar como a Comisión Europea e a Grande Coalición (conservadores, social-demócratas e liberais) que o TTIP xerará máis PIB e polo tanto unha mellora do nivel de vida para a cidadanía oscila entre ignorancia e mentira.
  3. O crecemento non voltará. Os países occidentais, incluído España, estamos entrando nun novo período da historia onde o crecemento será baixo, nulo ou negativo. Ó agarrarse a un dogma decadente, o TTIP xa é unha reliquia doutra época que, ademáis xera falsas expectativas.

A estas alturas da historia, o preciso e desexable é unha grande transición xusta e ecolóxica da economía que ademáis é capaz de crear millóns de empregos dignos e sostibles en Europa e España. Que haxa crecemento ou non do PIB é totalmente secundario: o prioritario é cubri-las necesidades reais da poboación dentro dos límites do planeta. Para iso, requírese dentro da transición dos ingredientes ignorados polo TTIP: a redistribución das riquezas e máis e mellor democracia.

En conclusión, hoxe un tratado revolucionario á vez que útil e realista sería un que marcara no seu preámbulo: “Conscientes da crise ecolóxica así como das enormes desigualdades deste mundo e nos nosos países respectivos, a nosa cooperación transatlántica ten como obxectivo garantir a través dunha Grande Transición xusta e ecolóxica da economía local e e mundial que as xeracións presentes e futuras vivan ben, felices e prósperas dentro dos límites reais do planeta”.

Fonte: http://www.eldiario.es/


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!