A dereita europea queda soa na súa defensa da blindaxe ás multinacionais
Os socialdemócratas, que adoitan pactar con PPE nos “asuntos de Estado” marcaron clara distancias ante un mecanismo “que outorga uns dereitos desproporcionados ás grandes corporacións fronte ós Estados”
MANUEL RUIZ RICO
BRUXELAS. – Nin grande coalición, nin pacto de estabilidade. Nada disto viuse nas reunións que mantiveron os partidos políticos entre onte (mércores) e hoxe no Comité de Comercio do Parlamento Europeo. O resultado destas dúas xornadas de debates parlamentares foi palmario: a dereita europea queda soa na súa defensa de blindaxe ás multinacionais que a Comisión Europea pretende inclui-lo Tratado de Libre Comercio (TTIP, nas súas siglas en inglés) que se negocia con Estados Unidos.
A clave estivo nos socialdemócratas, quen nos chamados “asuntos de Estado” adoitan pactar co PP Europeo e os liberais en aras da estabilidade política da Unión (e tamén para asegurarse cotas de poder no seo da UE) pero que esta vez marcaron claras distancias ante un mecanismo “que outorga uns dereitos desproporcionados ás grandes corporacións fronte ós Estados”, segundo as palabras empregadas polo socialista británico David Martin. “Os cidadáns europeos amosaron a súa fonda preocupación sobre este asunto e teñen moi boas razóns para iso” remachou.
Xunto ós socialistas europeos aliñáronse Os Verdes e Esquerda Unitaria Europea, ademais do Movemento 5 Estrelas italiano (encadrado no partido euroescéptico).
Deste xeito, a dereita europea (PP Europeo, Liberais e o partido dos Conservadores e Reformistas) queda soa na súa defensa do mecanismo de blindaxe ás multinacionais. Pero é que os argumentos esgrimidos chegaron incluso a provocar severas reaccións desde a esquerda.
O deputado sueco do PP Europeo Christofer Fjellner chegou a soster, sen ir máis lonxe, que se os europeos amosaron o seu rexeitamento ó emprego de tribunais internacionais en caso de conflitos entre un investidor e un Estado (o chamado mecanismo ISDS) débese ó seu “descoñecemento” deste sistema.
Fjellner minusvalorou así o balance da consulta pública europea lanzada pola Comisión con resultados coñecidas a semana pasada: das 150.000 persoas da UE que participaron nela, 145.000, é dicir, o 95% rexeita que o TTIP inclúa este privilexio xurídico ás grandes corporacións.
En soporte a estas teses, o popular italiano Salvatore Cicu apelou ós 1.400 tratados comerciais que os países europeos asinaron nas últimas décadas e que inclúen este tipo de mecanismo para protexe-lo inversor estranxeiro. “Trátase” dixo “dun mecanismo que funciona e cun funcionamento verificado en profundidade, non se trata dunha fórmula que se vaia estrear agora”. Ante isto, o deputado dos Verdes Yannick Jadot respondeu con dureza: “Non se pode dicir, como fai o PP, que os cidadáns están en contra do ISDS porque non o coñecen, porque non saben que significa. 145.000 persoas deixaron a súa opinión contraria a este mecanismo e esa vontade popular non se pode desprezar. “¿E que non contan para nada esas opinións? ¿Para que se fixo entón a consulta? Paréceme un argumento horrible” sinalou.
Para Jadot, inclui-lo ISDS no tratado comercial con Estados Unidos “significa outorgarlle ás multinacionais o poder para contesta-las decisións dun Estado, é dicir, o poder de tumba-la vontade popular na toma de decisións”.
Os socialistas europeos tamén criticaron á Comisión por non da-los suficientes estudos previos sobre as consecuencias que o tratado comercial con Estados Unidos poderá ter sobre a UE en ámbitos tan decisivos como o ambiente, a administración pública, o dereito dos consumidores ou o dereito do traballo.
“Chegamos ó debate directamente pasando por enriba de todo isto, o cal resulta moi negativo” sinalou o socialista portugués Pedro Silva Pereira, ó que o seu compañeiro de partido, o socialdemócrata alemán Joachim Chuster sumouse para cargar despois contra “a falla de transparencia da Comisión”. O presidente do Comité de Comercio do Parlamento, o tamén socialista alemán Bernd Lange, concluíu asegurando que no documento de recomendacións parlamentares que lle enviará este Comité á Comisión Europea para as negociacións con Estados Unidos quedara claro que a UE “pode renunciar ós instrumentos para protexer innecesariamente ás investidores estranxeiros en Europa e nos Estados Unidos, como se fixo no acordo comercial entre Australia e Estados Unidos (de 2005), onde non se recorreu a medidas excesivas (como o ISDS). Estas consideracións non son determinantes á hora de si unha multinacional inviste nun deses países ou non” argumentou Lange.
Por outra banda, as recomendacións tamén abordarán que “as normas de protección non se reduzan nin se rebaixen, que se teña en conta o dereito dos traballadores, a protección do ambiente, o sector público e a sostibilidade” engadiu Lange.
A Comisión Europea prevé facer público en primavera o mandado concreto coas liñas estratéxicas de negociación con Estados Unidos sobre este acordo comercial.
Fonte: http://www.publico.es/internacional/derecha-europea-queda-sola-defensa.html