1. ESTADO SOCIAL E LAICO
Definición estado social: É aquel que garante os dereitos e deberes entre as persoas dunha comunidade e o acceso equitativo aos recursos (naturais, tecnolóxicos, financeiros, enerxéticos e de produción) e servizos, como son a sanidade, a educación, a cultura, o traballo, a vivenda, o transporte, a asistencia social, xurídicos, etc.
Definición estado laico: É aquel que exerce unha separación efectiva entre o público e o relixioso.
Por que defendemos un Estado Social?
Porque entendemos que os dereitos, servizos e recursos da comunidade son inherentes á mesma e, polo tanto, non poden ser tratados como mercadorías para o beneficio duns poucos.
A xestión privada de bens e servizos sociais, implica unha perda de calidade dos mesmos debido a incapacidade de compaxinar a esencia redistributiva dos servizos públicos con afán de lucro das empresas. A experiencia amósanos que ante esta situación os custes da privatización trasládanse á cidadanía en forma de rescates e subvencións.
Por que defendemos un Estado Laico?
Porque entendemos que é necesario que as relixións abandonen o plano público para quedar relegada ó plano persoal, rompendo definitivamente coas ataduras sobre a sociedade e os individuos que se foron construíndo ao longo da historia.
*Estado: entendemos por estado o conxunto de órganos e/ou espazos que serven para xestionar ‘o común’.
2. DEFENSA DO PÚBLICO
Definición de Público: conxunto de realidades que afectan á totalidade da sociedade como son: a sanidade, a educación, a cultura, o emprego, os espazos, a vivenda, as comunicacións, a asistencia social, os recursos naturais ou as enerxías.
Por que defendemos o Público?
Porque entendemos que non podemos permitir a enaxenación en mans privadas da sanidade, da educación ou da auga; aquilo que é común debe ser xestionado polo conxunto da sociedade, porque só así se garante o igual acceso aos bens, servizos e recursos. Por isto buscamos deter, e no posible reverter, o proceso de privatización.
3. CONSUMO RESPONSABLE
Definición de consumo responsable: Conduta social que pretende fomentar na cidadanía hábitos de consumo coherentes coas súas necesidades reais, as necesidades medioambientais dende unha perspectiva de xustiza social.
Por que buscamos un consumo responsable?
O 10% da poboación mundial consume o 90% dos recursos globais. Ademáis, resulta xa evidente que o actual nivel de explotación é insostible para o planeta. Estas dúas razóns bastan para entender que debamos cambiar a nosa forma de consumir. O actual sistema oriéntanos cara a un consumo que se basea en:
-
comprar como finalidade última, e non como un medio para cubrir as necesidades.
-
adquirir bens como método de integración e realización social.
-
adquirir produtos deseñados para que teñan unha vida curta, e que nos obrigan a compralos de xeito constante.
-
mercar bens producidos a través da violación das condicións sociais, medo ambientáis e laborais.
4. ECOLOXISMO
Definición de ecoloxismo: Conciencia social que postula a defensa do medioambiente, o desenvolvemento sostible e a conservación do ecosistema. Hoxe en día úsase cun senso máis amplo que inclúe, ademais da natureza, unha concepción baixo estes mesmo paradigmas da sociedade e a cultura.
Por que defendemos unha liña ecoloxista?
Atopámonos ante unha crise ecolóxica global (esgotamento de recursos naturais, especismo, desaparición de ecosistemas, alteracións climáticas,…) que pon en perigo non só a natureza senón tamén a nosa propia existencia. Faise necesario, por tanto, o desenvolvemento dun ecoloxismo combativo coas raíces do problema, que é o sistema capitalista de produción, distribución e consumo, como medio indispensable para construír unha sociedade máis xusta e en harmonía co planeta. Necesítase impedir tamén que a homoxeneización da globalización non acabe tan só coa biodiversidade natural senón tamén coa social e cultural. Fronte á uniformización globalizadora defendemos a conservación e a dignificación de cada unha das expresións, individuais ou colectivas, de cada sociedade e cada cultura. Así pois asumimos a lingua galega como parte da nosa identidade colectiva e como un elemento clave máis da biodiversidade cultural global.
5. ANTIGLOBALIZACIÓN
Definición de globalización: Fenómeno polo cal o conxunto da humanidade adopta progresivamente un único sistema económico, político e cultural; promocionado de xeito interesado por un determinado conxunto de poderes fácticos. Como consecuencia prodúcese unha aculturación progresiva das sociedades nas que se desenvolve, relegando á marxinalidade os modos de vida anteriores.
Por que antiglobalización?
Os avances tecnolóxicos, o progresivo aumento da influenza dos poderes económicos e os sucesos sociopolíticos de impacto global están a espallar un sistema monolítico a tódolos niveis. A globalización significa que as empresas teñen máis dereitos que as persoas e máis soberanía que os estados. Imponse un novo tipo de colonialismo sobre os pobos orixinarios aos que ademais se lles impide exercer o seu dereito de autodeterminación ou a súa soberanía alimentaria e manufactureira. Este sistema impón de forma directa e indirecta unha única forma de pensar e de actuar que impide o libre desenvolvemento como individuos mediante a limitación de opcións socioeconómicas e culturais. Así pois consideramos que é preciso combater, a hexemonía dos poderes fácticos (OMC, G8, FMI, G20, BM, Multinacionais…) e favorecer a variedade de culturas, economías, ecosistemas, linguas… que producen unha multiplicidade de oportunidades de desenvolvemento para o individuo e os colectivos. Para invertir esta situación cómpre establecer unha resposta social global coordinada que se vertebre a través dos millóns de olladas, ideosincrasias, iniciativas e accións locais.
6. ANTICAPITALISMO
Definición de capitalismo: Sistema económico en que os medios de produción e distribución son de propiedade privada e teñen fins lucrativos. Baséase en dous polos: a acumulación de capital en mans duns poucos que posúen de xeito exclusivo os medios de produción e a explotación do resto de poboación que para subsistir debe vender a súa forza de traballo (e calquera outra cousa de valor que aínda posuíse, incluso cousas públicas ou comunais).
Por que anticapitalismo?
O capitalismo é un sistema tan asentado na conciencia colectiva que apenas admite cuestionamento. A medida que o mundo occidental artellaba (e artella) un mundo globalizado, as teses capitalistas foron espallándose debido á súa influencia. A crise actual é resultado da propia dinámica de funcionamento do sistema capitalista que prima as necesidades dunhas elites que detentan o control dos recursos provocando consecuencias negativas no tecido social (conflitos armados, fame, carencia de oportunidades,…). Así pois situámonos a favor da eliminación do actual sistema e da creación de novos xeitos de entender as relacións económicas (Renda Básica das Iguais, decrecemento, autoxestión, consumo responsable,…) baseándose na participación directa e activa dxs traballadorxs na toma de decisións, na igualdade de oportunidades, no reparto equitativo da riqueza e na protección da diversidade social, cultural e medioambiental.
7. INTERCULTURALISMO
Definición de interculturalismo: Situación pola cal nunha sociedade conviven varias culturas en igualdade de condicións, predominando a horizontalidade, de forma que ningunha teña prevalencia sobre as outras. O interculturalismo avoga pola integración plena de cada un dos membros dunha sociedade a través do exercicio e respecto das particularidades de cada cultura.
Por que interculturalismo?
A presión exercida pola globalización xera un sistema que orbita sobre o modelo de sociedade occidental (con prevalencia do ámbito anglosaxón). O uso do inglés coma “lingua franca”, a difusión do estilo de vida occidental ou as intervencións militares en favor dos intereses das empresas transnacionais son mostra deste proceso. Por outra banda, a situación de crise actual está favorecendo as posturas xenófobas e excluíntes que se basean na desconfianza do alleo, polo que se impide o desenvolvemento desta óptica.
Consideramos a diversidade cultural un aspecto fundamental para o desenvolvemento do ser humano. A diversidade de coñecementos e puntos de vista acugulados en cada unha das culturas outorga ferramentas que permiten que cada un dos individuos se axeite ás diversas situacións e necesidades que se lle presentan.
8. NON VIOLENCIA
Definición de violencia: Interacción manifestada naquelas condutas ou situacións que, de xeito deliberado, provocan (ou ameazan con facelo) o dano, control, agresión ou sometemento grave (físico ou psicolóxico) dun individuo ou dunha colectividade.
Triángulo de Galtung: Segundo Galtung, a violencia é como un iceberg, de xeito que a parte visible é moito máis pequena que a que non se ve:
-
A violencia directa, que é visible, concrétase con comportamentos e responde a actos de violencia explícita. Exemplo: Carga policial.
-
A violencia estrutural, céntrase no conxunto de estruturas que non permiten a satisfacción das necesidades e concrétase, precisamente, na negación desas necesidades. Exemplo: non acceso á vivenda.
-
A violencia cultural, que crea un marco lexitimador da violencia e concrétase en actitudes e comportamentos determinados adquiridos socialmente. Exemplo: violencia machista.
Por que NON VIOLENCIA?
Porque cremos na liberdade, individual e colectiva, das persoas. Porque entendemos que por riba de cada un de nós só estamos nós mesmxs, polo que nos opoñemos frontalmente ao militarismo, a xenofobia e, ao principal derivado do capitalismo, o fascismo. Porque violencia é sometemento, dano e/ou control das persoas en contra da nosa vontade. Violencia son as medidas de control policial ou estatal contra unha manifestación, as vallas, os muros, os CIEs, as deportacións, a discriminación dalgunhas culturas (como a xintana) que sofren aillamento social; a expresión dunha falsa realidade nos medios de comunicación; as persoas sen teito; sen entorno social; sen traballo; sen acceso á sanidade ou á educación. Violentos son todos aqueles axentes (lexislación, corpos represivos, empresas, organismos, institucións,…) que impiden que cada un/ha de nós non poidamos acadar o noso modo de vida.
Perante unha situación de violencia entendemos que a persoa e/ou pobo está lexitimada para defenderse.
9. HORIZONTALIZACIÓN DA SOCIEDADE
Definición de horizontalización da Sociedade: Proceso polo cal un grupo social concíbese a si mesmo como unha estrutura na que non hai ninguén por riba de ninguén, tanto en dereitos como en deberes, e que entende a toma de decisións e a rendición de contas das persoas a través dun rol activo dentro do propio sistema. Contraponse ao xeito tradicional (vertical) de entender o sistema social, non que hai xerarquías que ditaminan o grao de participación e construción de dereitos e deberes dos individuos.
Por que a pretendemos?
Buscamos unha sociedade horizontal, na que cada persoa participe de xeito directo e activo nunha sociedade xusta. Cada un/ha de nós sabe que é o que quere, para si mesmx e para todxs, e debe ter os mecanismos necesarios para decidir e expresar a súa vontade. Todas as persoas que conformamos a sociedade somos quen de elixir en moitas das circunstancias da nosa vida, pero iso non se traduce de igual xeito na elección e conformación de normas polas que nos rexemos, xa que hai unha pequena elite que decide polo resto. Así pois opoñémonos ao modelo da sociedade vertical: varón, occidental, heterosexual, caucásico, enriquecido,,… e defendemos un modelo social diverso e horizontal baseado no antipatriarcado e no feminismo, nos dereitos LGBTIQ, na multirracialidade e no antifascismo, na defensa dxs empobrecidxs,…
10. DEFENSA DOS DDHH (PC-DESC)
Definición de DDHH: Os dereitos humanos son aquelas liberdades e dereitos básicos que toda persoa posúe, polo mero feito da súa condición humana, á garantía dunha vida digna; independentemente de factores particulares como o seu status, etnia ou nacionalidade. Estes dereitos, habitualmente, defínense como inherentes á persoa, irrevogables e inalienables, o que implica que non poden transmitirse, transferirse ou renunciar a eles: ninguén, por exemplo, pode venderse como escravo. Por definición, este concepto de dereitos humanos é universal e igualitario, e incompatible cos sistemas baseados na superioridade dunha casta, raza, pobo, grupo ou clase social determinado.
A Declaración Universal dos Dereitos Humanos establece dous grandes tipos de Dereitos Humanos:
-
Políticos e Civís (PC): son dereitos que protexen as liberdades individuais da infracción inxustificada dos gobernos e organizacións privadas, e garanten a capacidade para participar na vida civil e política del Estado sen discriminación ou represión.
-
Económicos, Sociais e Culturais (DESC): son aqueles dereitos que garanten o benestar económico e a saúde (tanto física como mental), o acceso á vivenda, á alimentación e á auga, así como ao traballo, a educación e á cultura de tal xeito que asegure o desenvolvemento dos seres humanos e dos pobos.
Por que os defendemos?
Porque entendemos que calquera intento de alteración das condicións inherentes dun ser en contra da súa vontade, implica a aplicación de violencia sobre o mesmo. Os dereitos humanos, así como as partes do corpo, son inherentes ás persoas. Por isto consideramos que todxs debemos evitar e defender calquera agresión contra algún deles; o ataque aos dereitos humanos dun individuo ou dun pobo implica a merma dos dereitos de cada un/ha de nós. Así pois evidenciamos a falsa asociación de que a situación legal ou socio-económica é o mesmo que dereitos que ten unha persoa, o cal permite unha violación impune e reiterada de determinados colectivos (presxs, “sen papeis”, represaliadxs, mulleres, drogodependentes, menores, sen teito, discapacitadxs, empobrecidxs, maiores, dependentes,…).
Denunciamos, opoñémonos e combatemos todas e cada unha das violacións de dereitos das persoas, así como presionamos para tratar os crimes de lesa humanidade (procesos de Memoria Histórica, xenocidios,…) seguindo os principios de “xustiza, verdade e reparación”.
Como garante de independencia de actuación de ECOAR))) adóptanse os seguintes tres puntos metodolóxicos:
1. A-SINDICALISMO
Definición de sindicalismo:Movemento social estruturado a partir dos intereses profesionais, económicos e sociais da clase traballadora. O sindicalismo maniféstase mediante a organización dos mesmos traballadores/as en diferentes tipo de accións (folgas, marchas, solidarizacións, …), asociacións (gremios, sindicatos, cooperativas,… ) e institucións socio– políticas (comités de empresa, convenios, fundacións, partidos políticos, …).
Contextualización do sindicalismo: Na actualidade o sindicalismo atópase fortemente controlado por elementos alleos e incluso contrapostos á clase traballadora (partidos políticos, tecnócratas, patronal, igrexa,…); elementos co interese e a capacidade de limitar a democracia interna das asociacións sindicais, instrumentalizar as mobilizacións dos traballadores/as, e mesmo devaluar a capacidade defensiva e promotora dos movementos sociais. Certas centrais sindicais son verdadeiros “monstros” socio-políticos, con interese e capacidade de instrumentalizar todo tipo de organizacións.
Que significa a-sindicalismo en ECOAR?
O a-sindicalismo é un principio metodolóxico de ECOAR que significa:
- Que a nosa asociación nunca vai ser encadrada nun sindicato determinado (A cooperación coas organizacións sindicais dependerá da vontade da Asemblea de ECOAR).
- Que ningún sindicato poderá integrarse en ECOAR (Cousa que non impedirá que os membros individuais de ECOAR estean sindicados).
- Que a nosa plataforma permanecerá afastada e procurará denunciar a aquelas correntes do sindicalismo que se manifesten xerárquicas, retrógradas e contrapostas aos nosos principios ideolóxicos (Pero ao mesmo non se impedirá o achegamento, colaboración e apoio as correntes sindicais que compartan os nosos principios ideolóxicos).
2. A-PARTIDISMO
Definición de partidismo:Movemento social estruturado a partir dos intereses dun partido político. O partidismo maniféstase mediante o encadramento de diferentes axentes socio-políticos (individuos, colectivos, institucións, sindicatos, empresas,… ) nunha estratexía ou táctica política determinada (campaña electoral ou publicitaria, insurrección civil ou militar,…) que ten coma eixo central a un partido.
Contextualización do partidismo:Os partidos políticos tenden por natureza a arrogarse a totalidade do poder político. No noso contexto, resulta que os partidos políticos tenden instrumentalizar calquera aspecto da vida pública como medio para alcanzar e perpetuarse no poder para acadar os seus obxectivos particulares e non os da sociedade. Son estruturas que someten a sindicatos, institucións, asociacións,… secuestrando a nosa vida política.
Que significa a-partidismo en ECOAR?
O a-partidismo é un principio metodolóxico de ECOAR que significa:
- Que a nosa asociación nunca vai ser encadrada nun partido político determinado (A cooperación nunha inciativa dun partido político dependerá da vontade da Asemblea de ECOAR)
- Que ningún partido político poderá integrarse en ECOAR (Cousa que non impedirá que os membros individuais de ECOAR teñan filiación nun partido político).
- Que a nosa plataforma procurará denunciar as manipulacións partidistas da realidade socio-política.
- Que a nosa plataforma poderá sumarse ou contrapoñerse ao posicionamento de calquera partido político, atendendo sempre as propias razóns e nunca ás partidistas.
3. A-CONFESIONALISMO
Definición de confesionalismo: Movemento social estruturado a partir da confesión relixiosa ou os intereses dunha xerarquía clerical. O confesionalismo maniféstase mediante a submisión da participación social e política dos individuos e colectivos aos designios relixiosos, sexan estes de orixe místico (a fe) ou “terreal” (a xerarquía).
Contextualización do confesionalismo:As confesións relixiosas constrinxen as inquedanzas persoais en xeral e negan a autonomía ao colectivo. Hai xerarquías eclesiásticas que detentan un poder tal que deforman a existencia dos individuos e a sociedade mesma.
Que significa a-confesionalismo en ECOAR?
O a-confesionalismo é un principio metodolóxico de ECOAR que significa:
- Que a nosa asociación nunca se vai a identificar cunha confesión relixiosa.(Cousa que non impedirá que os membros individuais de ECOAR teñan confesión calquera).
- Que ningún colectivo dirixido por unha igrexa ou confesión poderá integrarse en ECOAR (Cousa que non impedirá que os membros individuais de ECOAR pertenzan a unha igrexa ou algún colectivo confesional.)
- Que a nosa plataforma procurará a emancipación da humanidade respecto do confesionalismo (respectando sempre a vivencia privada das confesións relixiosas).
- Que a nosa plataforma loitará contra as inxerencias das igrexas na vida pública.