A globalización perxudica seriamente a saúde
Un estudo realizado por dous economistas das universidades de Chicago e Oxford sobre mil traballadores de Etiopía mostra como a industrialización que vive o país nos últimos anos supuxo o empeoramento da saúde dos traballadores do sector industrial sen que se percibira un aumento dos ingresos.
Cales son os efectos da industrialización sobre a poboación de países en desenvolvemento?
O empeoramento da súa saúde e un salario mesmo menor. Estas son as principais conclusións dun estudo realizado por dous economistas das universidades de Oxford e Chicago, Chris Blattman e Stefan Dercon. Os dous economistas lanzaron un estudo que consistiu en facer seguimento, durante trece meses, a traballadores recentemente contratados por cinco compañías en Etiopía, país que actualmente vive un intenso proceso de industrialización, entre os anos 2010 e 2013.
Do seguimento dos preto de mil traballadores -unhas 80% mulleres e o 20% restante homes; a maioría deles de 22 anos de idade-, os dous economistas destacan que, en contra da teoría coa que partían, pola que se atoparían cun sistema laboral que permitise o acceso a emprego de longa duración e seguridade, os mozos e as mozas usaban os traballos industriais de baixa cualificación máis como unha “rede de seguridade” que como un traballo a longo prazo. “Máis é preocupante, esta seguridade industrial parece vir con serios riscos para a saúde”, subliña o informe. “Ata as tempadas máis curtas na industria resultan en aumentos significativos de problemas serios de saúde un ano despois”, continúa o informe.
O informe sinala que un terzo dos traballadores sobre os que se fixo seguimento abandonaron o traballo no sector industrial no primeiro mes, e ata un 77% durante o ano que comprendeu o estudo. “As empresas informaron de que se atoparon cun maior nivel de rotación non desexada, pero xeralmente foron capaces de encher os postos de traballo con outros traballadores de baixa cualificación xa que, dado o seu estilo de produción, estes traballadores non requirían de formación. As empresas mostráronse remisas a aumentar os salarios en orde de reducir a rotación”, apunta o estudo.
Os traballos ofrecidos aos mil traballadores analizados eran de 45 a 50 horas semanais, cinco ou seis días á semana. O salario era de entre 1 e 1,5 dólares por día de traballo, segundo os tipos de cambio de divisas de 2010. Algunhas empresas ofrecían beneficios adicionais, como atención sanitaria no lugar de traballo ou transporte. A pesar de que había un bo mantemento dos lugares de traballo, os riscos para a saúde eran comúns, especialmente por aire contaminado ou falta de auga.