Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

A loita do pobo kurdo

25/02/2014
By

A LOITA DO POBO KURDO

Por Guillermo

A razón do meu interese pola redacción e publicación deste artigo nace da necesidade (ao meu parecer) de dar voz e difusión ao movemento kurdo e á súa loita, xa que considero que é un tema bastante descoñecido en occidente, así como incitar ao debate e a preocupación por dita cuestión. Non estou afeito aos procesos de investigación e redacción, polo que temo non realizar un bo artigo. Non son xornalista, nin historiador, nin sociólogo… só unha persoa corrente que se identifica co modelo social baseado no socialismo libertario, desde unha tendencia anarquista, que viu na loita do pobo kurdo un exemplo para todos os pobos, e considerou imprescindible a súa difusión por todos os medios posibles. Sen máis dilación, comezarei co desenvolvemento do artigo:

Os kurdos son un pobo indoeuropeo que habita na rexión montañosa do Kurdistán ao suroeste de Asia, repartida principalmente entre os estados de Siria, Iraq, Turquía e Irán, aínda que tamén hai que engadir un pequeno enclave en Armenia. É a minoría étnica máis grande no Oriente Medio que non se atopa establecida nalgunha forma de estado-nación. Considérase que se asentaron no sur de Anatolia en torno ao século X a.C.; pero non decidín escribir este artigo para falar sobre a súa historia ou a súa cultura. O que me impulsou a redactar isto foi o seu relativamente recente posicionamento político e ideolóxico, moi relacionado co movemento libertario, así como a súa praxe como movemento. Dispóñome a falar sobre a organización confederal chamada Koma Civakên Kurdistán (KCK), así como todos os grupos vinculados a ela, e da ideoloxía política e social común que as une a todas nunha mesma loita cun mesmo obxectivo: o Confederalismo Democrático.

1. CONFEDERALISMO DEMOCRÁTICO

Abdullah Öcalan, ideólogo fundador de dito modelo de organización social que combina, entre outros conceptos, o pensamento de Murray Bookchin respecto ao municipalismo libertario e o ecoloxismo social co de Immanuel Wallerstein. Busca construír unha sociedade civil baixo principios do municipalismo libertario, porén, ao contrario que Boockchin, non busca a oposición directa cos estado-nación. Así suponse chegar a unha paz estable na rexión do Medio Oriente. A ideoloxía integra conceptos como a democracia directa nas súas organizacións, o socialismo (dentro dun prisma libertario, como veremos), as liberdades individuais, a igualdade de sexos, o ecoloxismo, etc.

Öcalan, actualmente en prisión, fundou o partido Partiva Karkerên Kurdistan (PKK), o cal, nun principio, seguía unha tendencia marxista-leninista tradicional, para máis tarde abandonar esta liña ideolóxica e apoiarse nun socialismo libertario moi inspirado nas ideas de Bookchin (quen tamén sufriu esta transformación). Busca un socialismo democrático cuxo tipo de administración pode ser chamada “administración política non estatal” ou “democracia sen Estado“.

1.1. Política

O confederalimo Democrático desenvolveu unha crítica ao estado-nación que o levou a interpretar o dereito dos pobos á súa autodeterminación como “a base para o establecemento dunha democracia de base, sen necesidade de buscar novas fronteiras políticas”. Nisto distínguese de Bookchin, quen cre necesaria a ruptura co estado-nación, pero Öcalan, aplicando as ideas de Boockchin á situación kurda, considera como prioridade a paz, como obxectivo inmediato. De tal xeito como propugna o EZLN no Estado mexicano de Chiapas, a sociedade tomará e organizará máis e máis tarefas sociais, culturais e políticas por propia conta, limitando deste xeito as intervencións dos Estados ao estritamente necesario.

O Confederalismo Democrático formula un rexeitamento do centralismo e propón un federalismo de asociacións voluntarias baseadas na democracia directa. Polo que politicamente podería dicirse que se basea en organizacións de base democráticas e federadas entre si, defendidas por milicias populares (YPG, HPG, HRK, etc.). Öcalan presenta a súa forma de organización social así:

“Este tipo de autoridade o administración pode ser chamada administración política non estatal ou democracia sen Estado. Os procesos de toma de decisión democráticos non deben ser confundidos cos procesos coñecidos da administración pública. Os Estados están fundados no poder, as democracias están baseadas no consenso colectivo. O mandato no Estado está determinado por decreto, aínda que pode en parte ser lexitimado a través de eleccións. As democracias usan eleccións directas. O Estado usa a coerción como medio lexítimo. As democracias apóianse sobre a participación voluntaria.

O Confederalismo Democrático está aberto a outros grupos e faccións políticas. É flexible, multicultural, anti-monopólico e orientado cara o consenso. A ecoloxía e o feminismo son piares centrais. No marco deste tipo de autoadministración, unha economía alternativa tórnase algo necesario, o que incrementa os recursos da sociedade en lugar de explotalos e así fai xustiza ás múltiples necesidades da sociedade.” Confederalismo Democrático (páx. 21)

1.2. Economía

Esta organización política vai acompañada dunha organización económica baseada no socialismo, pero non un socialismo de características marxistas-leninistas (posesión dos recursos por parte do Estado), senón un socialismo libertario cun marcado carácter local e autoxestionario (posesión dos recursos por parte da sociedade). É dicir, crear un sistema económico enfocado a satisfacer as necesidades da poboación, non a satisfacer os intereses individuais dos produtores, non á acumulación de riquezas. Así é como o ve Öcalan:

“Unha das principais razóns do deterioro da sociedade atópase nos efectos nocivos dos mercados financeiros. A produción de necesidades artificiais, a busca interminable de novos mercados de consumo e a cobiza sen límites de beneficios cada vez maiores son os responsables da diferenza cada vez máis abismal entre pobres e ricos, inchando a diario o batallón dos que viven baixo o limiar da pobreza ou incluso dos que pasan fame. Unha política económica deste tipo non se pode tolerar xa máis. Este é entón o maior desafío do proxecto socialista: poñer en práctica unha política económica alternativa que non aspire unicamente ao beneficio polo beneficio, senón a unha distribución xusta dos recursos e á plena satisfacción das necesidades básicas do conxunto da sociedade.” Guerra e Paz no Kurdistán (páx. 36)

1.3. Ecoloxismo

Ademais, o socialismo é o único sistema económico que pode dar lugar a unha sociedade ecolóxica, que é un dos puntos fundamentais do Confederalismo Democrático. Este punto e a súa relación co socialismo vese resumido no seguinte fragmento:

“Un modelo de sociedade ecolóxico é por esencia un modelo socialista. Un equilibrio ecolóxico soamente será posible co paso dunha sociedade alienada baseada no despotismo, a unha sociedade socialista. Sería iluso crer que a preservación do medio ambiente é compatible co sistema capitalista. Ao contrario, o sistema capitalista contribúe avidamente á devastación do medio ambiente. Debe terse seriamente en conta a protección ecolóxica no proceso de cambio social.” Guerra e Paz no Kurdistán (páx. 35)

1.4. Feminismo

Outro dos piares básicos do Confederalismo democrático é o feminismo. A loita contra o patriarcado faise importantísima, sobre todo no caso do movemento kurdo, xa que o islamismo imponse nos catro Estados principais nos que se divide o Kurdistán. Numerosas veces producíronse enfrontamentos entre milicias de Al-Qaeda e grupos armados kurdos. O KCK está dotado de numerosas organizacións, xa sexan militares ou non, constituídas por mulleres.

1.5. Loita polas liberdades individuais

Tamén as liberdades individuais están presentes na ideoloxía, como son por exemplo a liberdade de expresión e decisión, que tamén son imprescindibles nunha sociedade tan rodeada de ideas islamitas.

2. ORGANIZACIÓNS

2.1. KCK

O KCK é a confederación de todas as organizacións kurdas que seguindo o ideario de Öcalan buscan o establecemento do Confederalismo Democrático e conseguir a liberdade e autonomía do pobo kurdo. Así, dentro do KCK podemos atopar entre outros grupos, aos distintos partidos, organizacións xuvenís, organizacións femininas e organizacións armadas, que subscriben este ideario. Kongra- Gel é o nome que recibe o parlamento do KCK, no cal se reúnen en asemblea delegados de todas as partes do Kurdistán e Europa para decidir a orientación da organización.

2.2. Organizacións vinculadas ao KCK

Partidos

-PKK- Partiya Karkerên Kurdistan – Turquía

-PJAK- Partiya Jiyana Aza a Kurdistanê – Irán

-PYD- Partiya Yekiti a Demokratik – Siria

-PÇDK- Partiya Çaresera Demokratik Kurdistan – Iraq

Femininas:

-KJB – Koma Jinen Bilind

-PAJK – Partiya Azadiya Jinên Kurdîstanê

-YJA – Yekîneyên Jinên Azad

-YJA- Star – Yekîneyên Jinên Azad ên Star

-YJRK – Yekîtiya Jinên Rojhilatê Kurdistanê

-Union Star- Agrupación feminina do Kurdistán Oeste (Siria)

Xuvenís:

-YÖGEH – Movimiento de la Juventud Libre y Patriota- Turquía

-KOMALEN CIWAN – Juventud Democrática Confederalista – Siria

-KOMALEN CIWAN – Juventud Democrática Confederalista – Iraq

-KOMALEN CIWAN – Juventud Democrática Confederalista – Irán

-KOMALEN CIWAN – Juventud Democrática Confederalista – Europa

Guerrillas:

-HPG – Hêzên Parastina Gel

-HRK – Hezên Rojhilatê Kurdistan

-YPG – Yekîneyên Parastina Gel

NOTA

  • A principal páxina na que me baseei e da que collín a maior parte da información (así como os fragmentos dos textos de Öcalan e a lista de organizacións) foi http://solidaridadkurdistan.wordpress.com/ , páxina moi recomendable para saber máis sobre o tema e estar ao día en canto á información sobre o mesmo.

BIBLIOGRAFÍA

http://solidaridadkurdistan.wordpress.com/

http://juventudrebelde.org/index.php?mact=News,cntnt01,detail,0&cntnt01articleid=609&cntnt01origid=64&cntnt01detailtemplate=textos&cntnt01returnid=64

http://www.malaka.es/noticias_ampliar.php?id=35787

http://www.pkkonline.com/en/

http://barcelona.indymedia.org/newswire/display/465112/index.php


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!