Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Abril: Unión Europea

25/11/2014
By

UNIÓN EUROPEA

 

QUE É A UNIÓN EUROPEA?

É unha organización política supranacional integrada por 28 estados. A UE constitúese nunha forma de confederación moderna, atípica e única, na que a soberanía está repartida entre a Unión e os estados que a integran. Así a UE é suxeito de dereito internacional por si mesma, pero os estados que a integran tamén o son separadamente.

A UE conta cun sistema de goberno híbrido, no que se conxugan institucións baseadas na ciudadanía europea e outras derivadas de acordos entre os 28 estados que o integran.

 

COMO SE ORIXINA A UNIÓN EUROPEA?

A Unión Europea naceu da man do gran capital e os grandes estados europeos (fundamentalmente Francia e Alemaña). A historia da UE baséase na unidade económica e xeopolítica que, aínda que supostamente está construída sobre a defensa dos dereitos das persoas, a realidade é que a UE é unha ferramenta que empregan as élites económicas e gubernamentais para perpetuarse no poder. Proba disto é que as institucións con máis poder na UE (CE, BCE,…) nin sequera se derivan do sufraxio universal da cidadanía europea, senón que son designados pola elite gubernamental, convertendo ao Parlamento Europeo nunha cámara sen poder real, na que se fan debates estériles.

  • 1951: Os seis membros fundadores (Bélxica, Luxemburgo, Países Baixos, Italia, Alemaña e Francia) crean a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA), mediante a cal, suprimíronse os aranceis nacionais e deuse pulo ás empresas siderúrxicas deses países.
  • 1952: Téntase aprobar a Comunidade Europea de Defensa, que finalmente non é ratificada, e que buscaba a integración militar dos países da CECA, e que avanzaba sobre a Unión Europea Occidental (1948). Os dous proxectos buscaban converter a futura UE nun títere da OTAN dende onde facer fronte á consolidación dos países socialistas do leste.
  • 1957: Os mesmos seis países asinan os Tratados de Roma, creando a Comunidade Económica Europea (CEE) e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica (Euratom).
  • 1973: As comunidades amplíanse a nove Estados membros e introducen máis políticas comúns.
  • 1979: Primeiras eleccións directas ao Parlamento Europeo.
  • 1981: Primeira ampliación mediterránea.
  • 1992: O mercado único europeo convírtese nunha realidade.
  • 1993: O Tratado de Maastricht establece a Unión Europea (UE).
  • 2002: O euro entra en circulación.
  • 2007: A UE ten 27 Estados membros.
  • 2009: Entra en vigor o Tratado de Lisboa. Cambia o funcionamiento da UE, consolídase o neoliberalismo como liña de construción da UE.

 

EN QUE SE BASEA A UNIÓN EUROPEA?

As políticas e institucións da UE caracterízanse por:

Parcialidade: Aplícanse só nalgúns territorios, mentres que noutros non. Por exemplo, o Euro, que é moeda oficial en 18 paises, mentres os 10 restantes manteñen a súa moeda nacional.

Asimetría: Non teñen as mesmas implicacións nuns territorios que noutros.

Por exemplo o IVA, que é un imposto da normativa da UE, é fixado por cada estado nun tipo distinto, así en Hungria é do 27%, e en Luxemburgo do 15%.

Multilateralidade: As relacións entre os estados membros e a UE poden desenvolverse en diferentes planos:

  • Todos dentro da Unión
  • Entre partes dos estado membros.
  • Entre un/s estado/s membro/s e a Unión.

Por exemplo, o do “Cheque británico”, acordo polo cal o Reino Unido desconta de antemán, 2/3 partes da súa participación nos presuposto da UE.

Progresividade: Todas estas peculiaridades débense a un “suposto” espírito de progresiva integración de todos os estados membros e a cidadanía na Unión.

Por exemplo a directiva de libre circulación de traballadoras na UE, da que foron parcialmente excluídxs xs traballadorxs rumanxs e búlgarxs entre o 2007 e o 2014.

 

CAL É A PROBLEMÁTICA DA UNIÓN EUROPEA?

Inexistencia de Democracia. Moita da lexislación da UE baséase nun ideario ético aínda que logo queda socavado pola falla de persoal, a falla de liderado e a mala praxe. Apoiándose na xustificación de salvar a lentitude do proceso, tendeuse cara a procedementos máis informais. De aí a presenza, cada vez maior, dun maior secretismo e opacidade nas negociacións importantes que, ademais, non reciben o escrutinio axeitado.

Participación Popular reducida ao absurdo. A cidadanía europea ten un papel  espectador, cunha participación residual que a afasta dos mecanismos da toma de decisións clave. A cidadanía europea unicamente pode escoller as persoas que ocuparán o Parlamento Europeo, que é unha cámara que, a nivel efectivo, non ten poder decisorio, pois as decisións tómanse noutras cámaras escollidas pola elite gobernante (BCE, CE,…).

Por outra banda a participación popular está practicamente desaparecida. Por exemplo, para levar ao cabo unha Iniciativa Cidadá Europea só se pode facer sobre a aplicación dos tratados aprobados e tras recoller máis dun millón de sinaturas en, polo menos, 7 estados diferentes da UE.

Omnipotencia e omnipresenza dos lobbys empresariais. O panorama dos grupos de presión caracterízanse pola falla de regras. En Bruxelas hai máis de 15.000 lobbies pero non hai normas que obriguen a quen lexisla a revelar os seus encontros con elxs. Ademais a representación dos estados membros queda excluída de toda normativa.

UE neoliberal para as empresas, non para as persoas. A Unión non se orienta cara a creación dunha comunidade xusta e cooperativa entre os diferentes pobos senón que se dirixe a beneficiar ás grandes empresas para que compitan coas do resto do mundo. Baséase na idea errónea de que os bos resultados das grandes empresas implican directamente benestar para a cidadanía, mentres que o que realmente sucede é que á poboación xeral réstanselle dereitos e liberdades (represión, desemprego, precarización, diferencias entre países e rexións,…).

Ataque frontal contra os servizos públicos. Baixo falsos argumentos (“maior eficiencia do sector privado”, “crise da seguridade social”,…) estanse privatizando a sanidade e a educación ou o sistema de pensións, así como o resto de sectores (enerxético, tecnolóxico, transporte,…). Nos artigos 86 e 87 do Tratado de Lisboa os servizos públicos quedan supeditados á competencia. O mesmo texto que troca o dereito a ter un emprego polo xenérico dereito a traballar, ou o dereito a gozar con todas as garantes dunha seguridade social e servizos sociais substitúese polo dereito de acceso ás prestacións de seguridade social e aos servizos sociais.

Creación dun espazo de peso militar. A Unión Europea ten 5 países dentro do grupo dos 20 países con máis gasto militar do mundo. Ao mesmo tempo a UE refórzase progresivamente co compromiso e inmersión na OTAN, deslígase da necesidade de aprobación por parte do Consello de Seguridade das Nacións Unidas para unha intervención militar e aposta por unha política exterior baseada nos ataques preventivos  a calquera lugar do planeta. O carácter militarista da UE pódese aprezar ademais en que o Tratado de Lisboa é o único do planeta que recolle por escrito o incremento da capacidade militar como meta. Por outra banda introdúcese unha situación un tanto perigosa respecto da “loita contra o terrorismo” pois o art. 25bis indica que “o tratamento dos datos persoais no ámbito da política de seguridade rexerase polas normas establecidas no Consello”, polo que queda o tratamento desta información fóra do control do Parlamento e dos Tribunais da UE.

Destrución do medio ambiente. Poténciase un modelo de crecemento a costa da degradación da natureza e en contra de calquera idea de sustentabilidade (grandes infraestruturas, sistemas de produción que implican o hiperdesenvolvemento dos megatransportes, aposta polas urbanización social e a concentración demográfica,…) a través dun confuso discurso de protección do medio ambiente.

Tratado de Lisboa: o neoliberalismo completamente fortificado. Os principios estruturais do tan confrontado Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa, que acabou sendo rexeitado pola cidadanía, recóllense no denominado Tratado de Lisboa (2007). Nel fíxase que os servizos supedítanse á competencia, que o crecemento económico é o obxectivo fundamental, que a libre circulación de capitais é a garante fundamental ou que a competencia é o principio reitor da UE.

-Europa: Un proxecto neocolonialista. No mesmo Tratado de Lisboa fálase de  ”manter a súa competitividade no mercado mundial intensificando os seus esforzos para crear oportunidades para as súas empresas en terceiros países”. A UE réxese por dous principios a lei do máis forte e o todo vale. Externamente a UE instálase en países nos que a lexislación de protección das persoas e a natureza é moi laxa ou practicamente inexistente, para obter grandes beneficios a costes irrisorios;  internamente as economías fortes explotan as súas vantaxes económicas e comerciais, a través do sometemento das economías máis febles ás que lles impoñen as súas condicións e lles cercenan a súa posibilidade de desenvolvemento.

-Persoas inmigrantes: unha categoría menor para a UE. A Unión Europea enfoca o tratamento das persoas migrantes como un problema de seguridade e non como unha cuestión de dereitos humanos con persoas con dereitos iguais que os do resto. Os CIE (Centro de Internamento de Extranxeiros) de España, Francia, Portugal,… teñen sido denunciados en innumerables ocasións por violar os dereitos máis baśicos das persoas e por interpretar que unha persoa sen papeis é o mesmo que unha persoa sen dereitos. As fronteiras externas da UE é o sitio onde teñen lugar os peores abusos da UE contra as persoas. A detención coa finalidade do retorno forzado, que debería ser unha medida de última instancia, emprégase como algo cotián; ademais a externalización do control fronteirizo sen garantes de respecto dos dereitos das persoas a terceiros países, tense convertido nunha situación normalizada.

-A fin da soberanía dos Estados da UE. O proxecto europeo aposta por unha centralización na toma de decisións, quitando, progresivamente, peso aos parlamentos estatais. Co tratado de Lisboa a Unión Europea adquire personalidade xurídica, co que poderá asinar, por exemplo, tratados de libre comercio sen pasar polas cámaras dos países membros. Ademais diminúen os ámbitos nos que os países teñen dereito de veto, mentres se incrementan aqueles onde as decisións son tomadas nos órganos da Unión Europea.

1374483519_643743_1374487255_sumario_normal

QUE LOITAS HAI ACTIVAS HOXE NA UNIÓN EUROPEA?

En marzo de 2013, coincidindo co Cumio da UE en Bruxelas, realizouse unha semana de loita que se denominou Pola Europa das persoas contra a UE dos mercados. A campaña baseábase en derogar os pactos e tratados da UE, e na construción dunha Europa das persoas e dos pobos. Esta mesma idea sería a base das mobilizacións do 1 de xuño dese mesmo ano que percorreron toda Europa baixo o lema Pobos Unidos contra a Troika. A auditoría pública da débeda, a implantación dun sistema fiscal progresivo, suficiente e xusto, o cesamento das privatizacións e os recortes,… son algúns dos puntos que se van fixando pouco e pouco e que buscan outro xeito de construír a UE, rexeitando frontalmente o enfoque capitalista neoliberal na construción da mesma e plasmando de xeito claro a resposnsabilidade das elites políticas e financeiras, na situación de crise en Europa. Este enfoque, que parte da idea da necesidade de traballar a partir da coligación dos pobos e persoas de Europa, xa abrollara na Campaña contra a Constitución Europea (outubro de 2004) que enfocaba tres problemas base: avance na construción dunha potencia militar con vocación colonialista, recorte de dereitos sociais en prol do beneficio económico para as elites e afastamento das decisión aínda máis da cidadanía.

Cartel16M3

Cartaz da movilización “Por unha Europa das persoas”

 

Tratado Transatlántico de Comercio e Inversión (Transatlantic Trade and Investment Partnership) [TTIP]: O TTIP é un acordo entre a UE e os EEUU que se centra na desregulación total do comercio e que supedita os estados ás empresas de xeito definitivo (do lado do Pacífico os EEUU e outros 11 países están negociando un tratado similar que se denomina Acordo Estratéxico Trans-Pacífico de Asociación Económica,  (Trans-Pacific Partnership) [TPP]). A negociación estase facendo a “porta pechada” e os poucos datos que se teñen chegan a través de filtracións. As grandes empresas poderán denunciar aos estados (a través do ISDS) cando consideren que algunha decisión democratica destes pode non darlle os beneficios previstos. Xéranse ademais estruturas paralelas de goberno e plásmase na lexislación, de xeito definitivo, que as persoas están por debaixo do beneficio económico das empresas. Fronte a isto tense iniciado unha campaña que busca frear este proceso “Non ao TTIP”: http://noalttip.blogspot.com.es/

 

Acordo Internacional de Comercio de Servizos (Trade in Services Agreement) [TISA]: Este acordo tamén se coñeceu a través de filtracións, pois tamén se negocia “de costas” á cidadanía. Afecta a máis de 50 países aínda que quen leva o peso central son EEUU, a U.E., Xapón, Canadá, Australia, Nova Zelandia, Suiza e Corea do Sur. O TISA aproveita o labor da OMC e os acordos bilaterais (como o TPP e o TTIP) para privatizar os servizos esenciais e crear un marco legal que faga imposible para os gobernos reverter esa situación, polo que nunca máis poderán volver ser de dominio público.

 

E TI… QUE PODES FACER?

Hoxe vivimos nun periodo de fortes trocos que están a fixar a sociedade futura. Infórmate do que sucede na túa sociedade e cales son os novos escenarios que se están a debuxar. Ao tempo informa ás persoas da túa contorna e difunde datos sobre as liñas que pretenden debuxar os novos tratados como o TISA ou o TTIP. Actívate! Participa en campañas, accións e iniciativas que aposten por unha UE para as persoas e os pobos. Insírete e actúa con colectivos que se posicionen contra a liña neoliberal actual de construción da UE e que, ao tempo, loiten en prol dun mundo máis xusto.


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!