AGE alerta da repercusión social das políticas europeas
Lidia Senra comprometeuse, no caso de saír elixida, a facer tódalas propostas posibles para que a UE asuma políticas de xénero
A candidata de Alternativa Galega de Esquerda en Europa Lidia Senra e o deputado Antón Sánchez explicaron onte en Vilalba as “repercusións sociais” das políticas europeas como a negociación dun tratado bilateral de libre comercio entre EEUU e a UE que se está a negociar actualmente (Transatlantic Trade and Investment Partnership, TTIP) e que, segundo denuncia AGE, suporá “a entrega da soberanía dos pobos ás corporacións supranacionais” e “converterá á UE nun satélite dos intereses de EEUU” denuncian. AGE tamén destaca a violencia machista como un dos principais inimigos a erradicar polo Parlamento europeo.
A histórica líder agraria Lidia Senra lembrou na súa intervención as concentracións de repulsa polo último asasinato machista e defendeu que, no caso de saír elixida, unha das súas principais tarefas será facer “tódalas propostas posíbeis para que a UE asuma como compromiso real as políticas de xénero” e eleva-la violencia machista como un dos principais temas para a cidadanía europea, “nunha sociedade na que unha de cada tres mulleres declara ter sofrido violencia machista” sentenciou.
Senra tamén alertou da necesidade de facer fronte á actual “falta de calidade democrática das institucións europeas” e alertou de que “dous potentes lobbies” como a Mesa Redonda Europea de Industrias e o Foro Europeo de Servizos están influíndo nas decisións da Comisión Europea.
Pola súa banda, Antón Sánchez destacou a importancia da cohesión e da necesidade de conformar unha ampla fronte de esquerdas. “A esquerda ten que ser transgresora e desobediente” defendeu o deputado de AGE na localidade lucense.
Fonte: http://www.laopinioncoruna.es/galicia/2014/04/29/age-alerta-repercusion-social-politicas/835947.html