Alemaña
O desmantelamento do “capitalismo social”
[A fundación Rosa Luxemburgo de Alemaña publicou un estudo sobre a “Milagre do emprego alemán” realizado polo mestre da Universidade de Jena, Klaus Dörre, do que Terrains de Luttes vai publicar un extracto en dúas partes. Esta que presentamos hoxe é a primeira delas.]
Comecemos por cita-las características do que se denomina o “modelo alemán”. ¿Que se agocha tras esta etiqueta?, ¿como evolucionou esta variante do capitalismo desde inicios dos anos 1990? e, en fin, ¿en que medida se pode seguir falando hoxe dun “modelo alemán”?
O vello capitalismo social
Inicialmente, o termo “modelo alemán” designaba un sistema social capitalista que acadou concilia-la busca do beneficio da economía privada e o interese colectivo da xente asalariada e as súas familias en torno á Seguridade Social e o benestar. Durante o período de prosperidade do capitalismo renano, do capitalismo cooperativo ou, como nos o denominamos aquí, do capitalismo social, lograron e preserváronse compromisos sociais baseados en sólidas redes institucionais, organismos e actores.
En Alemaña do Oeste, este modelo comprendía:
a) Unha produción diversificada de calidade en determinados sectores de mercado que permitía producir produtos especializados para salarios relativamente altos;
b) Un sistema financeiro dependente do Banco Central que integraba institucións de crédito estreitamente unidas coas grandes empresas industriais, ben como bancos desas empresas, ben a través da participación no seu capital.
c) Un sistema de formación profesional dual, no que invertían tanto o Estado como as empresas; e
d) Unha regulación das relacións entre o capital e o traballo que combinaba os convenios colectivos (que determinan os salarios a nivel de sector a escala rexional) coa súa adaptación ó nivel das empresas. (…)
A achega particular do capitalismo social consistía en encadra-lo traballo asalariado no marco do Estado de Benestar. De aí resulta o que a posteriori cualificouse como unha relación de traballo “normal” ou “estándar”, socialmente protexida. Para a grande maioría da xente asalariada, sobre todo masculina, o traballo asalariado no marco do Estado de Benestar implicaba unha disociación relativa das rendas e da situación do emprego en relación ós riscos do mercado. O capitalismo social repousou sempre sobre desigualdades propias das categorías sociais e, particularmente en Alemaña do Oeste, nunha intersección asimétrica no mercado de traballo de homes e mulleres. Xeraba unha discriminación en relación a man de obra inmigrante ou pouco cualificada. O pleno emprego dos homes non se podía concibir sen os traballos de coidados, que eran realizados fundamentalmente polas mulleres e de forma gratuíta. Os empregos pouco atractivos, mal pagados e pouco valorados, eran realizados polas e polos inmigrantes que chegaban da periferia sur de Europa e de Turquía cara ós países do centro (“os traballadores inmigrados” – “Gastarbeiter”). En calquera caso, para a maioría das e dos obreiros, empregados e das súas familias, este cambio foi sinónimo de transición cara a un status integrador de “cidadanía social” plena. A xente asalariada dispuña, por fin, dunha “propiedade social”/1. A pobreza e a precariedade estiveron sempre ben presentes, pero se atopaban relegadas ás marxes da sociedade do pleno emprego e do seu protexido mercado interno de traballo; atopábanse practicamente invisibles e relegadas á esfera privada, marxinadas (…)
O novo e competitivo capitalismo financeiro
Desde ese punto de vista parece lóxico que, co cambio de milenio, o capitalismo social alemán sufrira unha reforma fundamental. Durante os anos da coalición vermello-verde [Alianza do SPD cos Verdes], déronse unha serie de reformas nos sistemas sociais que introduciron elementos de competencia, privatizaron unha parte da prevención en torno ós riscos sociais, liberalizaron o acceso ós mercados financeiros, flexibilizaron o mercado de traballo e alentaron a expansión de formas de emprego atípicas e, a miúdo, precarias. A diferenza dos EEUU, baixo Reagan, por exemplo, ou da Inglaterra da era Thatcher, non se deron agresións xeneralizadas contra o Estado de Benestar, contra os sindicatos ou o sistema de negociación colectiva e a coxestión. A erosión do capitalismo social deuse de forma sibilina. Sen embargo, non hai dúbida de que, a miúdo, baixo o verniz de institucións aparentemente intactas do vello capitalismo social, realizáronse modificacións que equivalen en definitiva a un cambio de modelo. A modo de exemplo, sinalamos algunhas das máis importantes que se deron antes da crise do 2008.
1) A estratexia de internacionalización das empresas orientadas á exportación e ó mercado para o control de empresas instaurouse a partir de 1998 despois de que a nova lexislación sobre os mercados financeiros destruíra de forma irreversible a vella rede do que se denominou a “Deutschland AG” na que as institucións de crédito e as empresas líderes nos mercados se apoian mutuamente en materia de política industrial. A diferencia dos anos 1990 nos que a internacionalización significaba fundamentalmente exportación de capital, actualmente Alemaña converteuse nun mercado privilexiado para os investimentos estranxeiros directos (“FDI”). (…)
2) A modificación das relacións de propiedade e a internacionalización das empresas facilitaron o paso a formas de xestión baseadas o mercado de capitais, a financiarización interna das empresas, así como á subordinación do conxunto do proceso a unha xestión rigorosamente baseada en torno ós beneficios. (…)
Se a xestión descentralizada non acada os seus fins a pesar de tódolos medios que se puxeron ó seu dispor, entón, a única solución consiste en acada-los obxectivos de produción recorrendo á subcontratación, ó traballo temporal, ós contratos de servizos ou outras formas de emprego flexíbel que parcialmente poidan ser contabilizadas como gastos de material. A consecuencia disto, chégase a unha división estrutural nas distintas categorías do persoal. Por exemplo, no caso da BMW de Leipzig, ós empregados fixos se lles engaden traballadores temporais pola propia empresa. Ademais tamén existen, de facto, os traballadores e traballadoras temporais provintes de empresas subcontratadas, na que teñen un contrato indefinido e ós que as súas prestacións se establecen por medio dun contrato de empresa que os diferencia dos contratos temporais da empresa matriz. Así nace unha curiosa estabilidade do emprego inestábel. Arredor do núcleo de empregados do fabricante final agrúpanse, como círculos concéntricos, diferentes categorías de empregos precarios, con salarios e garantías en termos de seguridade e de calidade cada vez menores a medida que o círculo se alonxa do núcleo central/2.
3) Esta evolución ven determinada polas profundas modificacións das relacións laborais. Antes de nada é preciso sinala-lo retroceso dramático do poder das organizacións sindicais. Se, na antiga Alemaña Federal, a taxa de afiliación era en torno ó 35% nos anos oitenta, esta taxa caeu a preto do 18% en 2013 para o conxunto de Alemaña. Debido a iso, tamén perderon capacidade de atracción as organizacións patronais. En reacción á súa propia perda de efectivos, ou ó rexeitamento das empresas a afiliarse, numerosas federacións patronais puxeron en pé a posibilidade de afiliarse sen pagar cota. Consecuentemente, en determinados sectores, os sindicatos atópanse sen contraparte na negociación colectiva. A obriga de pagar cotas das empresas está globalmente en retroceso. Entre 1995/96 e 2010, a proporción de empresas vencelladas por convenios colectivos en Alemaña do Oeste retrocedeu do 54% ó 34%; no Leste, o retroceso foi do 28 ó 17%,
(…) A erosión do sistema de convenios colectivos favorece a competencia ben sobrepoxando ou subpoxando. Pequenos sindicatos que representan categorías profesionais con grande poder (pilotos, médicos, condutores de trens, controladores aéreos, etc.) acadan impoñer parcialmente reivindicacións que non poden ser logradas polas grandes federacións sindicais (ver.di, IG Metall, IG BCE). Polo contrario, ó longo destes últimos anos, nos sectores debilmente organizados das e dos traballadores temporais, os pequenos e dispersos sindicatos acordaron convenios colectivos que entran no ámbito do dumping e estimulan salarios/hora inferiores a cinco e, ás veces, seis euros. (…) Todo isto non so contribuíu á erosión do poder das organizacións sindicais, senón tamén ó poder institucional das e dos asalariados/3.
4/ Agora ben, todo isto non sería posible sen as reformas políticas baseadas no mercado. As “reformas Hartz”/4, xa mencionadas, forman parte das principais. Mediante estas reformas, o goberno reaccionaba ante o feito de que, desde mediados dos anos 1970, o número de xente en paro en Alemaña se duplicaba en cada ciclo conxuntural. Co fin de remediar este problema, había que deixar de considera-lo paro como fenómeno estrutural, social, e tratalo como un problema persoal. Desde o punto de vista dos reformadores, as e os parados de longa duración constitúen unha categoría pasiva formada de indixentes carentes de espírito de iniciativa e de vontade para saír da focha. Co obxectivo de modificar esta “mentalidade pasiva”, era necesario modifica-lo status dos inactivos de longa duración e converte-lo status de parado/parada no máis inconfortable posíbel (…)
Esta posta en “competencia” da sociedade, que nós cualificamos como apropiación capitalista do campo social, consiste nun desposuimento selectivo da “propiedade social”, dirixido cara ás institucións, as formas de organización social así como ás normas sociais que limitan os efectos perversos do “mercado”. Esta apropiación significa, neste caso, que se desmantela progresivamente, capa tras capa, o carácter protector do Estado de Benestar, que dotaba ó traballo asalariado dun status social e o convertera nun útil fundamento de inserción social. En Alemaña, as reformas do mercado de traballo deron un forte pulo a este proceso. En xeral, reformas que ó principio parecían progresivas e graduais conduciron a un cambio de paradigma. O vello capitalismo social pereceu e quen se obstine en afirma-la súa vitalidade e a súa capacidade de adaptación agárrase a un mito. (…)
Notas:
1/ “A propiedade social podería definirse como a produción de servizos que contribúen a unha seguridade social equivalente á que noutros momentos só estaba garantida pola propiedade privada” Robert Castel, L’insécurité sociale: qu’est-ce qu’être protégé? , Paris: Éditions du Seuil et La République des Idées], p. 41 et suivantes
2/ Hajo Holst, Oliver Nachtwey, Klaus Dörre (2009): Funktionswandel von Leiharbeit. Neue Nutzungsstrategien und ihre arbeits- und mitbestimmungspolitischen Folgen. Eine Studie im Auftrag der Otto-Brenner-Stiftung, OBS-Arbeitsheft 61, Francfort-sur-le-Main: Otto-Brenner-Stiftung.
3/ A propósito das modificacións nas relacións laborais, véxase Stefan Schmalz, Klaus Dörre (Éd.) (2013): Comeback der Gewerkschaften. Machtressourcen, innovative Praktiken, internationale Perspektiven, Francfort-sur-le-Main/New York: Campus.
4/ Hartz é o nome outorgado ás contrarreformas laborais emprendidas polo Goberno Alemán a partir de 2002, a partir das propostas da comisión parlamentaria encabezada por Peter Hartz.
Fonte orixinal: http://terrainsdeluttes.ouvaton.org/?p=4068
Tradución: VIENTO SUR