Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

As mentiras do orzamento de Defensa / Pere Ortega

10/03/2015
By

As mentiras do orzamento de Defensa

O gasto do Ministerio de Defensa aumenta, por primeira vez desde 2008, un 1,1%, pero o gasto militar real sobe alomenos un 33%

infomilitar239

 

Pere Ortega é membro do Centro Delàs de Estudos pola Paz

Desde a chegada da crise en 2008 os orzamentos do Estado contribuíron a aumenta-la desigualdade na sociedade española, debido ós axustes aplicados naqueles ministerios destinados ó ámbito social e ó fomento do emprego. Así, durante estes oito anos, o Ministerio de Educación descendeu un 22,5%, o de Sanidade un 12,9%, Cultura un 38,6% e a partida de Fomento do Emprego un 38,2%… Ou aqueles outros gastos destinados a axudar á recuperación da economía, como as inversións en infraestruturas, que diminuíron un 58,2% ou a investigación (I+D) civil, un 26,2%, mentres que o gasto militar só o fixo nun 17,9% se se teñen en conta tódolos gastos asociados a defensa que se atopan repartidos por outros ministerios.

O gasto do Ministerio de Defensa de 2015 aumenta por primeira vez desde 2008 un aparente 1,1%. E digo aparente porque sumando as partidas que se agochan aumenta un 33%. E é que os responsables dos ministerios de Facenda e Defensa fan trampas nas contas, porque, a sabendas de que o gasto final nalgunhas partidas militares será enormemente superior, minuvalóranas, en concreto a destinada a cubri-la factura dos Programas Especiais de Armamento (PEAS), os gastos das misións militares no exterior e os recursos en I+D destinados a novas armas.

Respecto dos PEAS, como ven ocorrendo nos anos anteriores, voltou a orzamentarse a cifra de 6,8 millóns, cando nos últimos tres anos aprobáronse créditos extraordinarios para cubri-la factura real desas armas: en 2012 o gasto real foi de 1.782,8 millóns; en 2013, de 879,5 e en 2014 de 883,6 millóns. Para 2015 e de acordo coa programación de pagamento prevista por Defensa, teranse que aboar arredor de 1.000 millóns polos PEAS. Entón, ¿por que se orzamentan tan so 6,8 millóns? Sen dúbida se trata dun fraude para amaña-lo gasto real de Defensa, feito que promoveu que os partidos da oposición PSOE, UpyD e IU presentaran unha demanda ante o Tribunal Constitucional por incumpri-la legalidade orzamentaria.

Na partida das operacións militares no exterior ocorre algo similar, consígnanse 14,3 millóns, cando ano tras ano se produce un gasto de entre 700 e 800 millóns, que son aportados mediante unha transferencia desde un Fondo de Continxencias.

Pero aínda hai un terceiro engano. É o referente á I+D militar destinada a novas armas, que aumenta un 43,5% respecto a 2014 e acada os 727 millóns. Deles, 563,9 serán créditos ás empresas militares a interese cero e ligados ós PEAS concedidos desde o Ministerio de Industria e que, por tanto, tampouco suman como gasto de Defensa. Estes créditos suman desde a súa creación en 1996 a escandalosa cifra de 16.120 millóns, que na súa maioría non foron devoltos e que son outra trampa contable que nin Defensa nin Facenda saben como resolver. Unha I+D militar que contrasta co escaso 4,8% que aumenta a I+D civil. Outro agravio para o desenvolvemento da produtividade e a mellora social.

En definitiva, trampas contables para amaña-lo orzamento de Defensa e impedir que a opinión pública coñeza o gasto militar real do Estado español e poder xustificar tamén os axustes practicados nos ministerios de carácter social.

Fonte: https://www.diagonalperiodico.net/global/25690-mentiras-del-presupuesto-defensa.html


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!