Baixo o TTIP, máis de 75.000 empresas poderán dobrega-la vontade dos gobernos
Verónica Gómez | O tratado entre EEUU e Europa suporá o fin do modelo social europeo e un golpe de estado por parte das corporacións que rematará por esnaquiza-las nosas xa precarias democracias.
Ata hoxe é preocupante o baixo perfil das novas relacionadas co TTIP nos medios de comunicación, o Acordo Transatlántico de Comercio e Inversión que están a negociar a UE e os EEUU no secretismo máis absoluto e con obxectivos que poderían ter un impacto dramático na calidade de vida dos cidadáns e a democracia.
O TTIP pretende a creación dunha zona de libre comercio e investimento que englobaría á UE e EEUU. Un dos seus focos de interese está en elimina-las “barreiras” á libre circulación de produtos e servizos, que non é outra cousa que a degradación das normas, salvagardas e estándares sociais e medioambientais que se acadaron ó longo de loitas xeracionais. Sen embargo, este artigo, non se vai centrar nesta cuestión de fondo calado e maior impacto, senón no segundo foco de interese do TTIP: a creación de procesos paralelos totalmente á marxe dos parlamentos, a cidadanía e o control democrático, que outorgan un poder inusitado ás multinacionais en detrimento do interese xeral e a soberanía dos gobernos para regular a favor do interese público.
Para iso contan con dúas estratexias. A primeira é a creación do “Consello de Cooperación Regulatoria Transatlántica”. Este instituto transnacional e sen precedente histórico, ten como propósito que un puñado de funcionarios e representantes das corporacións senten á mesa para que, a porta pechada e totalmente á marxe do debate público e o interese xeral, segan a desregularse aqueles sectores onde non se acadara un acordo tras finaliza-las negociacións do TTIP. Máis alá aínda, o obxectivo é que tódalas novas normas e regulacións sexan supervisadas primeiro desde o seu impacto sobre o comercio e deban ir acompañadas dun informe que asegure que os lexisladores non adoptan medidas que van en detrimento dos grandes negocios. É dicir, medidas perfectamente lexítimas para salvagarda-la saúde pública, protexe-lo ambiente, apoia-las empresas nacionais fronte ás estranxeiras, apoiar ás PEMES, loitar contra a crise ou promover modelos produtivos alternativos, poderían ser rexeitadas ou “suavizadas” para asegurar que as grandes corporacións segan facendo negocio. Mentres tanto, aquelas medidas que favorezan a estas, presentaríanse como un acordo sen espazo para ningunha modificación. Polo tanto, este consello ten o poder de subtrae-las novas propostas normativas do debate público, modificalas no mellor interese das multinacionais e presentarllas xusto despois, como o resultado lóxico de acordos previamente acadados entre os lobbies, autoridades de EEUU e a UE e un grupo de funcionarios non responsables fronte a cidadanía.
Por se isto non fora suficiente, o TTIP inclúe o ISDS, un mecanismo que outorga ás corporacións o poder de demandar ós gobernos dun país cada vez que aproben unha lei que contraveña os seus intereses, fora do seu sistema legal e en tribunais ad hoc, onde 3 avogados privados deciden, arbitrando normalmente a favor das multinacionais e obrigando ós gobernos a pagar demandas millonarias cos cartos dos sufridos contribuíntes. Así ven ocorrendo nos 10 últimos anos. Vattenfall demandou ó goberno alemán por querer desmantelar dúas das súas plantas nucleares tra-lo accidente de Fukushima por 3.700 millóns €, Philip Morris a Uruguai por lanzar unha campaña para reduci-lo consumo de tabaco, 2.000 millóns $, Arxentina recibiu máis de 40 demandas (1.000 millóns $) por conxela-los intereses dos servizos de auga e electricidade para que foran accesibles en época de crise e así un longo etcétera. Baixo o TTIP máis de 75.000 transnacionais poderían usa-lo ISDS para dobrega-la vontade dos gobernos e impedir leis a favor do interese público.
García Bercero asegurou ó seu homólogo estadounidense que os documentos das negociacións non serían públicos ata pasados 30 anos e hai razóns de sobra para así sexa, o TTIP suporía o final do modelo social europeo e un golpe de estado por parte das corporacións que terminaría de esnaquiza-las nosas xa precarias democracias.
Fonte:http://www.nuevatribuna.es/articulo/europa1/ttip-secuestro-democracia/20150413100222114664.html