Cabalgando a onda da UE
Os sindicatos europeos chegaron a ve-la Unión Europea como un aliado no seu obxectivo de construír unha forma máis socialdemócrata de capitalismo en Europa. Os sindicatos viron á UE como o medio primario para crear un modelo de mercado social do capitalismo contra a forma anglosaxoa de mercado libre do capitalismo. Polo tanto, a austeridade imposta pola UE nos últimos anos fixo sentir os sindicatos traizoados. Mentres crecían os ataques ós traballadores os sindicatos demandaban á volta a unha Europa máis “social”. Pero a idea de que a UE apoia unha forma máis humana de capitalismo e actúa polos intereses dos traballadores é unha ilusión mantida a duras penas polos sindicatos europeos, cada día máis preto da bancarrota.
A UE, desde a súa mesma concepción, ten actuado só polos intereses da clase capitalista. Durante gran parte do período de posguerra a idea dunha forma de capitalismo de “benestar” encaixaba cos intereses inmediatos das elites capitalistas, por iso a UE apoiou a creación do mercado social. Pero os grandes cambios que tiveron lugar no capitalismo nos últimos anos converteron o capitalismo de benestar e o estado socialdemócrata que o sostiña en superávit para as necesidades capitalistas. O movemento actual da UE cara a unha austeridade de carácter neoliberal corresponde simplemente a un caso de capitalismo de Estado respostando ás necesidades capitalistas mediante o desmantelamento dun sistema que xa non precisa. A pesar das desesperadas chamadas dos sindicatos, a UE no vai restaura-lo mercado social, vaino destruír.
Para entende-lo que pasa hoxe, é necesario mirar atrás ás condicións que afrontaba o capitalismo no fin da Segunda Guerra Mundial, que levou directamente ó capitalismo de benestar. A fin da guerra atopou ó capitalismo nunha posición de risco. No exterior afrontaba un inimigo encoraxado, mentres na casa afrontaba poderosos movementos de traballadores europeos que ameazaban cun cambio revolucionario.
Aceptouse que se o capitalismo ía sobrevivir tiñan que producirse cambios. Isto levou o desenrolo do capitalismo de benestar, segundo o cal o Estado posuiría ou controlaría amplos sectores da economía, como medio para estabiliza-lo capitalismo e erradica-la súa tendencia crónica ás burbullas seguidas polas depresións. O obxectivo do capitalismo de benestar non era simplemente maximiza-los beneficios senón proporcionar estándares de vida máis elevados, máis benestar e pleno emprego. Baixo o capitalismo de benestar ós elementos máis moderados do movemento sindicalista déuselles un posto na mesa capitalista garantíndolles unha pequena dose de toma de decisións nun intento de asimilalos no sistema. A esperanza era que ó crear unha forma máis humana de capitalismo os traballadores rexeitasen as alternativas revolucionarias do marxismo e o anarquismo e chegaran a verse eles mesmos colaborando co capitalismo neste novo paraíso socialdemócrata.
A UE, que naceu como a Comunidade Europea para o Carbón e Aceiro en 1951, ó principio desempeñou só un pequeno papel na creación do capitalismo de benestar. Os EEUU establecérono, co apoio de Francia, principalmente como un medio para conter a Alemaña. O obxectivo era prever que Alemaña se convertera nun contendente á dominación dos EEUU. A UE tamén formaba parte dun número de organismos establecidos nos anos inmediatamente posteriores á guerra, como a OTAN ou a OCDE, co obxectivo de unir á Europa Occidental nunha alianza capitalista máis ampla contra a ameaza Soviética no comezo da Guerra Fría.
O establecemento do capitalismo de benestar despois da guerra foi levado a cabo principalmente polos gobernos nacionais subvencionados por préstamos dos EEUU. Isto levou a diferencias significativas na forma en que se desenrolaron nos distintos países europeos. Os primeiros movementos cara á unha maior integración das economías de benestar europeas en desenvolvemento viñeron en 1957 coa creación do predecesor da UE, a Comunidade Económica Europea. Sen embargo, a CEE permaneceu basicamente como unha zona de libre comercio ata os anos 70, cun poder limitado para intervir nos asuntos dos estados membros. As nacións estado permaneceron como motores de Europa e non a CEE.
Unha das principais razóns polas que non houbo movementos cara á unha maior integración nos primeiros anos da CEE foron as diferencias e a competitividade existente entre as elites capitalistas dentro de Europa. Grande parte destas foron entre os tres países dominantes da CEE: Reino Unido, Francia e Alemaña. Francia favoreceu a integración como medio de facer a Europa rival da dominación dos EEUU. Alemaña favoreceu a integración pero veu Europa como un poder menor ós EEUU. O Reino Unido, tanto antes como despois de entrar na CEE, opúxose a unha maior integración, querendo que a CEE permanecese como unha alianza informal que cooperase só a nivel económico de libre comercio, cos EEUU no posto de forza dominante dentro do capitalismo mundial. Debido ás grandes rivalidades dentro de Europa e a que ningún país dominante conseguía impoñe-la súa vontade, o progreso para acadar máis integración era lento, constantemente impedido por discusións e diferencias de enfoque.
Non embargante, a finais dos 70 as condicións do capitalismo comezaron a cambiar drasticamente, o que tería implicacións significativas para a UE. O longo período de expansión chegou á súa fin e o capitalismo de benestar comezou a diluírse. A política de intervención do Estado xa non funcionaba dado que o capitalismo tornouse máis inestable en medio dun desemprego crecente e unha inflación en aumento. As cifras de beneficios baixaron e o capitalismo comezou a ofensiva. A finais dos 70 a estratexia de asimilación dos sindicatos case se lograra; o movemento obreiro europeo estaba completamente dominado polas ideas socialdemócratas de colaboración co capitalismo. Enfrontados a ataques capitalistas en aumento, os sindicatos, sen alternativa revolucionaria ó capitalismo, quedaron tratando de defender unha versión decadente de capitalismo de benestar.
Durante os anos 80 as vellas ideas de mercado libre voltaron na forma de neoliberalismo. Fronte a decadencia do capitalismo de benestar o neoliberalismo era o ariete ideolóxico empregado para atacar á clase traballadora. Primeiro, a través de axencias dominadas polos EEUU como o FMI e o Banco Mundial, impúxose a axenda neoliberal ós países en desenvolvemento a cambio de rescates financeiros, con efectos desastrosos para a clase traballadora. Nos EEU e o Reino Unido, declarouse o asalto capitalista con medidas draconianas empregadas para esmaga-lo poder de negociación colectiva dos sindicatos e abri-lo sector estatal para a explotación capitalista.
Tamén foi a partir dos 80 que a CEE comezou a desenrolarse máis claramente como un estado capitalista europeo acelerando para impoñe-lo neoliberalismo no continente europeo dominado polo benestar. Cobra forza nesta década a idea da unión económica e monetaria completa, co mercado central europeo como medio para crear unha presión á baixa nos salarios e dereitos dos traballadores. Neste momento a Comisión Europea acuña o termo “o modelo social europeo” como medio de enfatiza-la crecente inclusión social segundo os principios do capitalismo de benestar. Isto provocou que os sindicatos europeos, baixo unha crecente presión de ataques capitalistas, comezasen a ve-la CEE como a grande esperanza de conte-lo neoliberalismo, agora personificado polas odiadas economías de mercado libre anglosaxoas do Reino Unido e os EEUU.
Aínda que o compromiso co mercado social elevouse ós altares máis tarde, no Tratado de Lisboa de 2007, a idea de integración social permaneceu só como iso, unha idea, que nunca se levou a cabo. A partir dos anos 80 foron as ansias pola unidade económica e monetaria baseadas no neoliberalismo as que xurdiron como obxectivo real da CEE. Isto acadou o seu froito coa firma do Tratado de Maastricht en 1992 que creou a UE, a unión económica e monetaria e, en en última instancia, a eurozona. En efecto, o tratado colocou as estruturas que levarían a que a eurozona adoptase o neoliberalismo, cos seus orzamentos equilibrados, divisa sólida e mercados de traballo flexibles que vemos levar a cabo na actual crise da eurozona.
A pesar das obvias implicacións do tratado de libre mercado, virtualmente case tódolos sindicatos europeos e os seus aliados nos partidos socialdemócratas e socialistas subscribiron de modo entusiasta Maastricht. Estes son os mesmos sindicatos e partidos que gritan “traizón” cando a UE pon en práctica as medidas de austeridade trazadas no mesmiño Tratado de Maastricht que apoiaran completamente. O rexeitamento do Banco Central Europeo de acudir ó apoio dos países do sur de Europa mediante a emisión de bonos ou mediante a intervención nos mercados financeiros para mercar débeda europea como medio de reduci-las taxas de interese dos bonos dos gobernos, baséanse nos criterios de funcionamento dos bancos creados en Maastricht.
Desde comezos dos 90 había outros factores en xogo que converterían á UE no medio co que o capitalismo europeo podería ataca-la clase traballadora. O colapso do imperio soviético provocou a reunificación de Alemaña, a que se opuñan tanto o Reino Unido como Francia. Isto alterou a estrutura de poder interna da UE, convertendo a Alemaña na forza dominante, o cal resulta irónico, dado que a UE creouse para evitar que sucedese iso mesmo. A suba do seu poder económico e o declive relativo dos EEUU, levou a Alemaña, sen a ameaza militar soviética, a aproximarse á idea francesa da UE como competidor dos EEUU e de China, co obxectivo a longo prazo de que o euro substituíse ó dólar como divisa de reserva mundial. Pero se a UE ía competir co crecente poder económico de China existía a necesidade de baixa-los custos totais dentro da UE. Desde mediados dos anos 90 Alemaña comezou a emprega-lo seu crecente dominio para leva-la UE cara a un liberalismo cada vez maior para reduci-los custos. Despois do colapso da Unión Soviética os ex-membros do Pacto de Varsovia puxéronse á cola para unirse á UE. A moitos destes países o FMI xa lle ten imposto recortes profundos; a aqueles que non se lles impuxo como condición para ingresar na UE. Na Europa do norte a maior asimilacións dos sindicatos limitou severamente a súa capacidade para resisti-los ataques capitalistas, de xeito máis notable en Alemaña, onde os soldos baixaron drasticamente acompañados do programa “Hartz 4” que recortou o benestar. Cos estándares de vida caendo no Norte e Este da UE, so quedaba Europa do sur, onde unha maior tradición de militancia traballadora previu a imposición da axenda neoliberal. Alemaña foi quen de emprega-lo euro como medio de ataque ós estándares de vida dos traballadores en Europa do Sur. Antes do Euro estes países poderían ter devaluado as súas divisas, aumentando de golpe o prezo das exportacións alemanas. Pero na eurozona isto xa non era posible, deixando como única alternativa o recorte dos custos laborais. Fronte a resistencia dos traballadores, os países da Europa do Sur aumentaron a petición de préstamos emitindo bonos, que os deixou expostos ás demandas dos mercados financeiros cando a crise económica golpeou en 2008.
Como xa vimos, isto podería corrixirse coa emisión de eurobonos e a inxección de cartos públicos como medio de estimula-lo crecemento económico. Pero isto tería sido un regreso o falido capitalismo de benestar. En vez de iso, a UE neoliberal demandou unha austeridade mesquiña a cambio dos rescates. Por toda Europa do Sur houbo unha liquidación de bens públicos, recortáronse drasticamente benestar e salarios e desreguláronse os mercados de traballo. Isto provocou recortes xerais nos estándares de vida dos traballadores e niveis obscenos de desemprego. O mesquiño shock de austeridade neoliberal aínda non está a piques de acabar. Nos pasados anos a UE apurou máis acordos para impor máis recortes draconianos de gasto público. Presentouse o “Pacto Euro-Plus” que, por vez primeira, permite que a UE interveña directamente nas economías dos estados nación para desregula-los mercados de traballo, baixa-los estándares de vida e incluso impor recortes de impostos. Isto asegura que os ataques ós traballadores europeos continuarán nunha aposta sen fin para asegurar que a UE poida competir cos EEUU e co aumento de poder de China.
Ata o momento, tódolos partidos políticos gobernantes de Europa, de calquera signo político, levaron a cabo os recortes impostos pola UE. Isto non é tan sorprendente, dado que os partidos políticos sempre actúan na interese do Estado. Pero o máis impactante é a incapacidade dos sindicatos europeos para defende-los traballadores. Aínda que poida ser impactante, non sorprende. Nos anos 80, cando a UE comezou a prepara-la ofensiva neoliberal, os sindicatos de toda Europa estaban encerrados nun sistema de comités de empresa, que creou a ilusión de comparte-las decisións pero que efectivamente forman ferramentas de control e os medios primarios de asimilación do movemento sindical no capitalismo.
Esta asimilación socavou e nalgúns países case eliminou a capacidade dos sindicatos para organizar incluso accións limitadas contra a ofensiva capitalista. Algúns países da UE teñen visto folgas xerais esporádicas pero non houbo grandes intentos de organizar accións a nivel de toda Europea. Máis aínda, a demanda foi que a UE abandonase a austeridade en favor dun aumento no gasto. Isto supón ve-las actuais medidas de austeridade como unha reacción fronte a actual crise do euro e non como unha parte da tendencia neoliberal a longo prazo destinada a baixa-los custes para facer á UE máis competitiva. Aínda que pode haber medidas como a emisión de eurobonos se a crise ameaza a supervivencia a longo prazo, non se volverá ás políticas de intervención do estado anteriores. Os días do capitalismo de benestar xa pasaron, para nunca máis volver.
Os días dos sindicatos socialdemócratas como tales tamén están pasando. Os sindicatos socialdemócratas naceron da necesidade do capitalismo de asimila-lo movemento sindical. Agora, o capitalismo pasou á ofensiva, non tentando asimila-lo movemento sindical, senón destruílo. Fronte a este acontecementos, o que se require é o renacemento do movemento sindical baseado na loita de clases e na acción directa. A Asociación Internacional dos Traballadores traballa arreo para crear ese movemento. Recoñecemos que non se pode loitar contra os ataques actuais da UE nun so país senón que deben combaterse necesariamente en toda Europa e incluso en todo o mundo. Como organización ligamos ós traballadores de diferentes países e organizamos accións en apoio dos traballadores en loita. O noso obxectivo último e destrui-los xemelgos malvados do capitalismo e o estado e substitúelos cunha sociedade comunista libertaria.
Fonte: http://adargainfo.com/adarga/otros-idiomas/ingles-english/122-riding-the-tide-of-eu