Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Canto votan as mulleres: sufraxismo e feminismo / Angustias Bertomeu

20/11/2013
By

 “É un problema de ética, de pura ética, recoñecer á muller, ser humano, todos os seus dereitos; só aquel que non considera a muller como ser humano é quen de afirmar que todos os dereitos humanos do home e do cidadán non deben ser os mesmos para a muller que para o home.” Clara Campoamor

 “(O feminismo é a) doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller” Dicionario da Real Academia Galega

O que coñecemos por primeiro feminismo desenvolveuse durante a segunda metade do século XIX e o primeiro terzo do século XX no seo de sociedades industrializadas con réximes democráticos. Sociedades que incumprían o principio teórico da igualdade natural de todos os seres humanos ao negar ás mulleres os dereitos recoñecidos aos homes: educación, traballo, capacidade legal, voto, etc. Para conseguilos naceu a loita feminista, que tivo na reunión de Seneca Falls (1) (Nova Iorque, 1848) o seu primeiro acto público, e na Declaración de Sentimentos que nela se aprobou, o seu primeiro documento reivindicativo. A película Anxos de ferro (2),realizada no ano 2004 recreou con rigor histórico o contexto da loita do National Women’s Party. Conta a historia de Alice Paul que reclamou ás portas da Casa Branca ata conseguir a XIX Emenda á Constitución pola que se recoñecía o dereito da muller a votar.

De todas as peticións enumeradas, o voto converteuse no obxectivo principal, razón pola que a esta etapa do feminismo coñécese tamén como sufraxismo. Esperábase que o seu recoñecemento facilitase obter as restantes. Na práctica, o sufraxio foi o último dereito conseguido, dadas as fortes resistencias que xeraba a súa petición. Nova Zelandia abriu camiño en 1893; seguíronlle Australia (1902) e Finlandia (1906). Pero haberá que esperar ata o período de entre guerras (1918 – 1940) para que o feito de outorgar ás mulleres a capacidade de elixir e ser elixidas se estenda polos países occidentais. Isto non resultou tan sinxelo nin tan evidente, se vemos a lista cronolóxica dos países que recoñecen ás súas cidadás o dereito a voto. Recordemos algunhas datas, en Andorra 1970, Portugal 1976, Liechtenstein 1984, Suíza 1990, Sudáfrica 1994 e por último Iraq no ano 2005. Este é o caldo de cultivo que permite o debate parlamentario en torno ao voto das mulleres en España.

Antecedentes históricos

En España as primeiras peticións de voto feminino desestimadas datan de 1877 e 1908.

Ditadura de Primo de Rivera

En 1924, D. Miguel Primo de Rivera recoñeceuno, pero baixo fortes limitacións: só para as mulleres maiores de vinte e tres anos non suxeitas a patria potestade, autoridade marital nin tutela. O Ditador excluíu as casadas, por entender que votaban a través do marido e para non provocar disputas dentro do matrimonio. En calquera caso, como dixera Clara Campoamor, foi un voto na nada por estar suspendidas as garantías constitucionais.

II República

A II República recoñeceu definitivamente o sufraxio feminino, tras os ardorosos debates do 30 de setembro, 1 de outubro e 1 de decembro de 1931. O elemento central foi a oportunidade de conceder o voto en total igualdade co masculino, dado o forte conservadorismo das españolas. Entre os partidarios da identidade de dereitos políticos para ambos sexos, Clara Campoamor e unha gran parte dos próceres socialistas; entre os que avogaban por recortar a participación feminina estaban o resto dos partidos da coalición republicana. O 1 de outubro, coa tribuna pública chea de mulleres, os defensores da igualdade imponse por 161 votos contra 121. O intento final de decembro de recortar o uso do dereito recoñecido ás mulleres no Artigo 36 da Constitución fracasara de novo. España uníase así aos países democraticamente máis avanzados.

En 1931 coa chegada da República redáctase unha nova Constitución en España e o artigo 34 di:

“Os cidadáns dun e doutro sexo, maiores de vinte e un anos, terán os mesmos dereitos electorais, conforme determinen as leis”.

A discusión sobre a inclusión ou non deste artigo na Constitución e a súa aprobación por parte do Parlamento supuxeron naquel momento un importante acontecemento para as mulleres españolas. Clara Campoamor xunto con outras dúas mulleres, Victoria Kent e Margarita Nelken foron elixidas deputadas para o parlamento en 1931 nunha situación peculiar que compartían cos sacerdotes, pois podían ser elixidas, pero tiñan prohibido votar.

Clara Campoamor pasou a formar parte da Comisión Constitucional encargada de redactar a nova Constitución. Algúns grupos de mulleres da época, así como un incipiente movemento sufraxista apoiárona, pero ante o parlamento non se atopou soa defendendo esta causa, non a apoiou o seu propio partido (o Partido Radical) por medo a que o voto da muller danase os intereses da República ou favorecese ás dereitas, tampouco tivo o apoio das outras dúas deputadas, Victoria Kent do partido Radical Socialista e Margarita Nelken do Partido Socialista, que, aínda que estaban convencidas da necesidade de conceder este dereito, non o apoiaron, movidas pola súa crenza de que así defendían os intereses da República e dos seus propios partidos.

A esquerda argumentaba que o voto das mulleres sería un voto conservador, pois estaban baixo a influenza da Igrexa, que inclinaría o voto á dereita. Os argumentos que se esgrimiron no debate sobre o voto feminino: filosóficos, biolóxicos, culturais, relixiosos e educacionais, resaltando a incapacidade das mulleres e ridiculizándoas, así como o ton que se empregou no mesmo por parte dalgúns deputados intentando minimizar este tema, reflicten o machismo da época e a pouca importancia que se concedía ás causas das mulleres. Hoxe, oíndo a algúns deles, podemos comprobar que os seus argumentos de fondo non cambiaron moito.

A defensora nas Cortes Constituíntes de 1931 dos dereitos femininos xustificou a súa actuación nos imperativos de conciencia para non traizoar o seu sexo e en defensa da República, como unha necesidade imperiosa do réxime que, se desexaba cambiar a face de España, debía superar o desprezo do home cara a muller.

Defendeu estes dereitos contra a oposición dos partidos republicanos máis numerosos do Parlamento. Obtivo o apoio dos votos do Partido Socialista (con algunhas desercións destacadas) e de certos núcleos republicanos: Cataláns, Progresistas, Galeguistas e Ao Servizo da República. Tamén votaron as dereitas a favor da concesión do voto feminino.

Clara Campoamor pagou un alto prezo, as esquerdas culparon o voto feminino da perda das seguintes eleccións. As primeiras eleccións nas que participaron as mulleres foron as de 1933 (3); e botóuselles a culpa do triunfo da dereita. Volveron votar en 1936 (4) e venceu a Fronte Popular. A vitoria ou derrota nas urnas tratábase dun problema de estratexia política e de unidade de esquerda, non do voto feminino. Pero Clara Campoamor tivo que abandonar o seu partido, custoulle a súa carreira política e un forte agravio persoal. Todo isto quedou reflectido no seu libro: O meu pecado mortal, o voto feminino e eu onde di textualmente:

“Illada de todos os meus correlixionarios e dos meus afíns en ideas da Cámara, combatida con animosidade por todos, ás veces sospeitei que odiada por todos (e o porvir deume lamentablemente a razón nesta sospeita), sostida tan só pola minoría socialista que a máis de votar defendeu a concesión e por algunhas personalidades illadas sufrín rabuños ou feridas no transo, pero logrei ver triunfante o meu ideal. Todo o dou polo ben sufrido”.

Debate parlamentario

O tema do divorcio e do dereito da muller a votar foron dos máis polémicos nas discusións parlamentarias. O Goberno provisional nun Decreto do 8 de maio de 1931 concedeu o voto a todos os homes maiores de vinte e tres anos e declarou que as mulleres e os sacerdotes podían ser elixidos (pero non votar) para ser deputados; non tiñan sufraxio activo pero si podían ser candidatos. En consecuencia, as eleccións celebradas en xuño de 1931 deron como resultado dúas mulleres parlamentarias dun total de 465 deputados: Clara Campoamor do Partido Radical e Victoria Kent de Esquerda Republicana. A finais do mesmo ano outra muller ingresou nas Cortes, Margarita Nelken, do Partido Socialista. Das tres, a avogada Clara Campoamor foi a defensora por excelencia dos dereitos da muller e a súa actuación foi relevante no debate en torno ao sufraxio feminino. Tamén as mulleres da ANME (5) estiveron presentes nos debates e apoiaron o recoñecemento constitucional de este dereito.

A condición social da muller, reducida ao espazo doméstico e sen o recoñecemento de ser suxeito de dereitos, percíbese con claridade meridiana en todo o debate constitucional.

O anteproxecto só dera o voto á muller solteira e á viúva  (que non dependían do varón) pero ás ligadas por contrato matrimonial se lles negaba por diversas razóns: por ser o voto fonte de discordia doméstica, pola influenza da Igrexa Católica á hora de dirixir o seu voto, debido tamén a argumentos biolóxicos – irreflexiva, espírito crítico, sentimental, histérica, deficiente en vontade e en intelixencia…-. Todas as intervencións e as razóns alegadas carecían de base racional e só se mantiñan no que ocultaban; o desexo de seguir deixando reducida a muller ao espazo do privado-privado, negándolle o dereito á igualdade e á dignidade humana que en teoría tiña recoñecido desde os orixes do constitucionalismo moderno.

Os primeiros días de decembro de 1931 Clara Campoamor logrou, en soidade e apoiándose só na razón e na forza das súas conviccións, que no debate das Cortes Constituíntes para o sufraxio feminino se nos recoñecese o dereito a voto.

A votación foi nominal e antes de producirse, moitos deputados socialistas abandonaron a Cámara ao non estar de acordo co seu partido. O resultado, 161 votos a favor (co si de socialistas, Partido Agrario e republicanos conservadores) e 121 en contra (radicais, radical-socialistas e Acción Republicana). O 40% restante, 188 deputados, ou non estiveron presentes ou abstivéronse. O artigo 34 quedou aprobado, aínda que Acción Republicana aínda fixo un último intento: no período aberto para presentar Disposicións Adicionais Transitorias ao texto constitucional, propuxo unha emenda na que pretendía que o voto feminino só fose efectivo nas eleccións municipais e non nas lexislativas. De novo, Clara Campoamor levantou a súa voz en contra desta limitación. Esta vez a emenda quedou desbotada tan só por catro votos de diferenza (127 a favor e 131 en contra), pero o dereito a voto feminino era xa unha realidade en España.

Clara Campoamor escribe en 1936 un relato detallado da súa loita para conseguir o voto das mulleres:

“(…) E ao atoparme na Cámara coa oposición de elementos republicanos, homes e muller, a aquela consagración, eu sentín vibrar en min, imperativo, lesionado, o espírito do meu sexo; vin con maior claridade, polos elementos de oposición, que disto dependía o futuro de España e que o meu deber era loitar por conseguilo, reunindo todos os meus recursos dialécticos e toda a miña capacidade de loita (…)”

No seu libro O meu pecado mortal, o voto feminino e eu, pide:

“(…) que o silencio non absolva as inxustizas” e que “delas deduzamos ensinanzas as mulleres. E todo isto por un futuro mellor, máis libre e igualitario (…)”.

O debate parlamentario segundo Amelia Valcárcel

Amelia Valcárcel (6) cóntanos: É o 1 de outubro de 1931. Vaise continuar o debate e vaise votar o artigo que fala dos dereitos electorais.

Campoamor xa trae a costas un par de meses de debates, intensos, pero que foi gañando. Non faltou un só día á Comisión Redactora e coñece tamén o que os grupos apoian. Os dereitos políticos das españolas están, por fin, ao alcance da man. Dúas mulleres, que non podían elixir, foron elixidas, para un Parlamento de 465 deputados.

Campoamor xa sabe olfactear o ambiente. Venta que algo non vai ben. Entradas, saídas, sinais, grupiños, risas… Máis tarde escribirá: “O primeiro de outubro foi o gran día do histerismo masculino dentro e fóra do Parlamento, estado que se produciu, quizais aínda máis agudizado, no primeiro de decembro. Esta manifestación nerviosa localizouse amplamente nas tres minorías republicanas e acusou manifestacións agudísimas persoais en deputados a quen criamos máis serenos. Estendeuse a toda a prensa, de esquerdas e non de esquerdas”.

Con ambiente tenso e ánimo caldeado, a Cámara bule. Campoamor agarda. Todo o mundo pon a luz sobre ela e a identifica como valedora do dereito das mulleres ao voto. Ten apoios; contounos e cultivounos. Ten inimigos; coñéceos e xa argumentou contra as súas posicións. É boa dialéctica, moi boa incluso.

Saíu de Malasaña, orfa, cunha nai costureira e unha avoa porteira; púxose a traballar aos 12 anos, primeiro en talleres de modista, de peque, despois de dependenta de mercería. E soa foi estudando, aprendendo, formándose. Foi primeiro empregada e recorreu España por oficinas de telégrafos e pensións; despois mestra de adultos en Madrid. Fixo o bacharelato como puido, pero en dous anos, os mesmos que lle leva rematar a carreira de Dereito cando ten 35. Sen familia que a promova, feita a si mesma, e, como se vai decatar inmediatamente, sen grupo político propio que a apoie. A outra deputada, Victoria Kent, pediu intervir.

“É significativo que unha muller coma eu se levante para dicir á Cámara, sinxelamente, que creo que o voto feminino debe aprazarse. Que creo que non é o momento de outorgar o voto á muller española: dío unha muller que, no momento de dicilo, renuncia a un ideal”.

A verdade é que, despois desta sorpresa, e andados xa moitos parlamentos, a estratexia era máis que sabida: que sexa unha muller quen se opoña aos avances feministas. Pero en 1931 era algo novo.

A Cámara estira as orellas. Desconcerto e chacota: só son dúas e non están de acordo! Así son elas, como de antigo se sabe.

No fondo do asunto unha fronte pechada contra os dereitos políticos das españolas, representada por unha deputada que consegue vivas e aplausos a medida que debulla a súa postura. Non se opón ao voto, senón á oportunidade: que voten as españolas cando estean maduras para facelo, que xa se verá.

Campoamor ten que falar, ten que defender o voto, temperadamente, como se non percibise a puñalada. Fala, escribirá despois, “ben ao seu pesar”. Xa sabía que levaba a bandeira do sufraxio a que esta resultaba pesada; pero terá que oporse a unha Cámara cun nivel que baixa continuamente, entre interrupcións, apupos, bromas de dubidoso gusto e esporádicos aplausos.

“Eu rogo á Cámara que me escoite en silencio; non é con agresións e non é con ironías como ides vencer a miña fortaleza; a única cousa que eu teño aquí ante vós que mereza a consideración e acaso a emulación é defender un dereito ao que me obriga a miña natureza, a miña tensión e a miña firmeza”.

E engade:

“É un problema de ética, de pura ética, recoñecer á muller, ser humano, todos os seus dereitos; só aquel que non considera á muller como ser humano é quen de afirmar que todos os dereitos humanos do home e o cidadán non deben ser os mesmos para a muller que para o home.”

Pero, como se fala de oportunidade, acóllese ás estatísticas: españois e españolas están case igual, pero agora as españolas saen do analfabetismo máis á présa, porque queren cambiar e ter outra vida, porque confían na nova política, porque teñen esperanza. E a plenitude dos dereitos políticos é o seguro certo de que acadarán a equidade dos civís, de que terán oportunidades: non se xoga só o voto, xógase toda unha forma de entender a xustiza entre sexos.

Foi unha sesión longa que tivo ademais sucesivas voltas ao retrouso. Neste tema, os que perdían nunca se daban por vencidos. Alongaron a agonía ata decembro. Campoamor, esgotada, viu como remataba a daquel día cunha apertada vitoria de 40 votos. Levaba moitos anos nisto e marchou a prepararse para a seguinte. A ela esa vitoria custoulle primeiro a súa carreira política e un solitario exilio despois. Nunca se arrepentiu.

Escribe:

“Digamos que a definición de feminista coa que o vulgo pretende malevolamente indicar algo extravagante indica a realización plena da muller en todas as súas posibilidades, polo que debería chamarse humanismo”.

A Constitución de 1978

A Constitución vixente, aprobada en 1978, foi elaborada por unhas Cámaras que eran fiel reflexo da sociedade española daquel momento, marcada por unha desigualdade real entre mulleres e homes. Por isto só vinte e seis mulleres formaron parte das Cortes Constituíntes. A pesares de representar só o cinco por cento do total dos seus compoñentes, a súa presenza e achegas foron máis que testemuñais e empeñáronse a conciencia en perfeccionar a nosa Constitución, en canto proxecto político de futuro do pobo soberano (7).

Recolle a igualdade sen distinción de sexo, raza ou relixión. Agora o voto das mulleres é decisivo nas eleccións, somos o 51% da poboación, é un voto autónomo que nace dunha toma de decisión persoal e por tanto un voto de calidade, que hai que gañar, ténsenos que convencer. Ante as ofertas duns e doutros, para decidir a quen votar as mulleres non podemos esquecer algúns feitos: os desenvolvementos lexislativos dos últimos 8 anos consolidaron os dereitos das mulleres e garantiron a igualdade legal, fáltanos a real que vén dada polos usos e costumes aferrados nos comportamentos sociais de xeracións de homes e mulleres. O paso da igualdade legal á real precisa do impulso das institucións encargadas de velar polo cumprimento dos nosos dereitos, sumado á forza de cada unha das mulleres que non debemos consentir a desigualdade, apoiadas en que desde que se aprobaron estas tres leis: Lei Orgánica 1/2004 de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, e a Lei Orgánica 3/2007 de 22 de marzo para a Igualdade Efectiva entre Mulleres e Homes, xunto a Lei Orgánica 2/2010 de 3 e marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, a igualdade é un dereito recoñecido na nosa lexislación e atentar contra ela é un delito.

Cando chegan as eleccións debemos estar atentas ás propostas que nos afectan como cidadás, saber distinguir entre quen propón manter e soster a igualdade e o seu cumprimento real e quen fala da muller en baleiro, sen concretar, sen falar dos seus dereitos e que, ademais, impugna no Constitucional as leis que nos defenden.

E sempre sen esquecer que as cousas das mulleres son as cousas de toda a sociedade. Quen apoiaría hoxe a Clara Campoamor? Eu teño a miña resposta e o meu voto non será para aqueles que entre sotanas e corrupción, queren levarme 40 anos atrás. Pero tamén esixirei a quen defendeu a igualdade que agora temos que pasar da igualdade legar á igualdade real.

Notas:

(1) En 1848 celebrouse en Seneca Falls (Nova Iorque) a primeira convención sobre os dereitos da muller nos Estados Unidos. Organizada por Lucretia Mott e Elizabeth Cady Stanton. O resultado foi a publicación da “Declaración de Seneca Falls” (ou “Declaración de sentimentos”, como elas a chamaron), un documento baseado na Declaración de Independencia dos Estados Unidos no que denunciaban as restricións, sobre todo políticas, ás que estaban sometidas as mulleres: non poder votar, nin presentarse a eleccións, nin ocupar cargos públicos, nin afiliarse a organizacións políticas ou asistir a reunións políticas.

(2) Título orixinal: Iron Jawed Angels (Anxos de ferro) 2004. Directora: Katja Von Garnier. Intérpretes: Hilary Swank, Anjelica Huston, Margo Matindale, Frances O’Connor, Lois Smith, Vera Farmiga, Brooke Smith, Laura Fraser.

(3) O 19 de novembro de 1933 celebráronse as segundas eleccións xerais da Segunda República Española para as Cortes e foron as primeiras nas que houbo sufraxio universal en España. As eleccións deron a maioría aos partidos de dereitas, o que deu lugar ao denominado bienio radical-cedista ou bienio negro dos anos 1934 e 1935.

(4) Os días 16 e 23 de febreiro de 1936 celebráronse en España as terceiras eleccións xerais, e últimas, da Segunda República Española. As eleccións deron a triunfo á coalición de esquerdas denominada Fronte Popular que, con máis do 60% dos deputados electos, agrupaba ao PSOE, Esquerda Republicana, Unión Republicana, ERC, PCE, Acción Catalá, POUM, Partido Sindicalista e outros.

(5) A Asociación Nacional de Mulleres Españolas (ANME) foi unha asociación sufraxista e en pro dos dereitos da muller en España. Estivo activa durante o primeiro terzo do século XX, desde 1918 ata 1936.

(6) http://www.e-mujeres.net/ateneo/amelia-valcarcel/textos/campoamor-y-voto-femenino

(7) Cfr. O traballo colectivo dirixido por Julia Sevilla: As mulleres parlamentarias na lexislatura constituínte.

 

Anexo: LISTA CRONOLÓXICA DE PAÍSES CON SUFRAXIO FEMININO

África

· Sudáfrica: 1994

Europa

· Alemaña: 1871

o Revocado durante a Alemaña nazi (1933-1945)

· Finlandia: 1906 (nas eleccións locais: 1917)

· Noruega: 1913

· Dinamarca: 1915 (con Islandia)

· Rusia: 1917

· Austria: 1918

· República Checa: 1918

· Eslovaquia: 1918

· Estonia: 1918

· Hungría: 1918

· Luxemburgo: 1919

· Países Baixos: 1919

· Polonia: 1919

· Suecia: 1921

· Irlanda: 1922

· Lituania: 1922

· Romanía: 1923

· Reino Unido: 1928

· España: 1931, exércese por primeira vez en las Eleccións de 1933

o Revocado durante a ditadura (1936/39-1975)

· Francia: 1944

· Italia: 1945

· Bélxica: 1948

· Grecia: 1952

· Andorra: 1970

· Portugal: 1976

· Liechtenstein: 1984

· Suíza: 1990

Asia y Oceanía

· Nova Zelandia: 1893

· Sri Lanka: 1931

· Turquía: 1931

· Xapón: 1945

· Israel: 1948

· India: 1950 (como parte de su constitución)

· Malasia: 1955

· Australia: 1962 (previamente non outorgado a los aborixes australianos a nivel federal)

· Iraq: 2005

América

· Uruguai: 1918 Na constitución dese año: declarouse o universal e obrigatorio e instaurouse o voto feminino que foi exercido por primeira vez en 1927 no plesbicito de Cerro Chato.

· Ecuador: 1924, ao recoñecer o sufraxio feminino. Porén, a Constitución Política

de 1861 xa prevé o establecemento do sufraxio universal para cargos nacionais de representación popular.

· Arxentina: 1949: ao recoñecer a lei 13.010 do 9 de setembro de 1947 o dereitoo a

voto das mulleres; aplícase por primeira vez nas eleccións nacionais de 1951.

o 1912: Lei Sáenz Peña establecendo o sufraxio secreto, universal e obrigatorio

para varóns.

· Venezuela : 1947

· Bolivia: 1952

· México: 1953

o 1947: sufraxio universal a nivel municipal

· Colombia: 1957 (recoñecido por lei en 1954)

· Canadá: 1960

· Estados Unidos: 1965

· Chile: 1970 homes e mulleres maiores de 18 años, saiban ou non ler e escribir.

o 1888: sufraxio universal masculino para maiores de 21 anos que saiban ler

o 1934: as mulleres obteñen o voto para as eleccións municipais.

o 1949: homes e mulleres maiores de 21 anos que soubesen ler.

 

http://www.e-mujeres.net/noticias/80-aniversario-consecucion-del-voto-mujeres-espana


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!