Centos de empregados de Amazon en Alemaña comezaron a organizar a finais de novembro unha serie de folgas salvaxes. O luns, centos de traballadores abandonaron os seus postos de traballo nun intento de exercer presión sobre a compañía durante os días de gran actividade previos ao Nadal. O sindicato Ver di declara que os empregados de Amazon reciben salarios máis baixos que outros traballadores con empregos no sector da venta polo miúdo e catálogo. Segundo o sindicato, “o sistema de Amazon caracterízase por ofrecer salarios baixos e contratos temporais de curta duración e por exercer unha presión permanente sobre os seus empregados”
Estas protestas resultaranlles familiares aos empregados de Amazon nos Estados Unidos, pois confirman a existencia de constantes presións, lesións no traballo, encargados indiferentes, incontables horas de traballo e salarios baixos.
O febreiro pasado, Amazon.com foi obxecto de ataques en Alemaña polo presunto abuso dos traballadores despois da emisión dun documental de televisión. O programa en cuestión amosaba as condicións de empregados inmigrantes, que vivían amoreados en vivendas baixo a vixilancia de gardas de seguridade con atavío neo-Nazi. A empresa asegurou aos traballadores que cobrarían 9,69 €, mais ao presentarse no traballo informáronos de que soamente serían compensados con 8,52 € á hora.
Segundo a revista de negocios Businessweek, despois deste incidente Amazon declarou que cancelara o contrato coa empresa de seguridade cuxos gardas foran acusados de acosar aos traballadores, rexistrar os seus cuartos e cachear aos empregados para asegurarse de que non collían alimentos do comedor.
De acordo co xornal The New York Times, os empregados alemáns planean agora convocar unha folga de aviso dun día de duración nos centros loxísticos de Amazon en Leipzig, Bad Hersfeld e Graben. Ademais, algúns dos folguistas teñen pensado organizar o luns unha concentración no exterior das oficinas centrais de Amazon en Seattle coa esperanza de atraer a traballadores dos sindicatos do lugar, así como a membros solidarios do público.
The Times engade que parece estar aparecendo unha “reacción violenta” contra as empresas de tecnoloxía de éxito como Amazon por facer que suban os prezos das vivendas, contribuír ás desigualdades salariais e estender unha actitude burguesa en xeral ofensiva entre “colegas de tecnoloxía”. Por exemplo, o xove empresario fundador Peter Shih publicou en liña unha lista das 10 cousas que odia de San Francisco en agosto que incluía as persoas sen fogar; o tempo, que parece sufrir “un constante síndrome premenstrual” e “as rapazas que teñen un físico dun 4 e compórtase coma se fosen un 9”.
As vendas de Amazon en Alemaña están a dispararse. O ano pasado aumentaron un 21 por cento e Amazon Alemaña é o segundo mercado máis grande da compañía despois dos EUA, ao ser responsable de preto dun terzo de todas as compras do estranxeiro, segundo informa a BBC. E mentres que isto é claramente unha disputa de traballo sobre o xa familiar terreo dos salarios mínimos, The Times engade que tamén trata a cuestión aínda máis importante de se os traballadores dos almacéns deberían ter control sobre o seu lugar de traballo. (Os empregados coñecidos como “recolledores” reúnen os pedidos de Amazon. Estes traballos son extremadamente esixentes fisicamente falando, e os recolledores están constantemente vixiados e non se lles proporciona seguridade laboral).
The New York Times:
“Tratan máis aos traballadores como robots que como humanos”, dixo nun e-mail Markus Hoffman-Achenbach, un organizador de Ver di do almacén de Amazon da cidade de Werne. Ía de camiño a Seattle para participar na manifestación.
“Como empresa internacional”, engadiu o señor Hoffmann-Achenbach, “Amazon debería tratar os seus traballadores de xeito equitativo e con respecto en todos os países. A solidariedade dos sindicatos estadounidenses e Ver di, o sindicato de servicios unidos alemán, é un sinal de que os movementos sociais non están limitados polas fronteiras nacionais e que en tempos de globalización os traballadores de todo o mundo mantéñense unidos”.
Nancy Becker, unha estadounidense que leva traballando en Alemaña desde 2001, tamén viaxa a Seattle para a concentración.
“Vou a Seattle para desafiar a Jeff Bezos a que probe a traballar como recolledor durante só unha semana”, dixo. “Estou segura de que non sobreviviría”.
Segundo Mechthild Middeke de Ver di, esta é a primeira vez que o sindicato leva unha disputa salarial alemá fóra do país, ata o limiar dunha compañía.
Middeke insiste en que o que está a pasar en Seattle non é unha folga, senón un acto de solidariedade que involucra varios sindicatos dos EUA, entre os que se inclúen Teamsters e o Service Employees International Union, dous dos sindicatos máis importantes dos Estados Unidos.
“Os empregados de Amazon fan un traballo excelente cada día e por teñen todo o dereito de esixir a seguridade e protección dos acordos salariais do sector da venta polo miúdo e catálogo, así como unhas condicións de traballo razoables e un trato respectuoso”, declarou o sindicato.