Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Cinco claves sobre a participación das mulleres en territorio zapatista / Soraya González Guerrero

08/03/2015
By

MÉXICO I MOVEMENTO INDÍXENA EN CHIAPAS

Cinco claves sobre a participación das mulleres en territorio zapatista

¿Como están a participa-las mulleres nos distintos cargos do goberno autónomo zapatista?

Soraya González Guerrero

Non pode ser que os compañeiros digan “estamos loitando, aquí estamos facendo a revolución” e só os compañeiros están desempeñando tódolos cargos e as compañeiras aí están na casa, iso non é unha loita para todos”. Quen fala non é unha feminista grega, é Yolanda, promotora de educación do Municipio Autónomo Rebelde Zapatista La Paz.

oventicchiapas

Movilización zapatista en Oventic (Chiapas)

Agora que está no candeeiro a participación das mulleres en experimentos políticos como Podemos ou Syriza pode ser inspirador volta-la vista a un goberno que desde os seus inicios apostou pola participación das mulleres man a man cos homes. ¿Como o fan? Mulleres dos cinco caracois que tiveron cargos na Xunta de Bo Goberno, como consellas municipais e autoridades locais, responden desde a súa práctica no caderno de texto de primeiro grado do curso A Liberdade segundo @s zapatistas. Non son supermulleres, non son as mellores nin as máis eficaces. Son as que están, elixidas ou voluntarias. Tiveron que aprender a espanta-lo medo para gobernar. E aínda lles queda camiño por percorrer, pero niso están.

Os seus problemas son comúns ós que pode enfrontar unha grega, pero coas singularidades dun contexto rural e indíxena (triplo discriminación) e dun Estado criminal como o mexicano. Compartimos cinco claves sobre a súa participación:

1. Obrigarse a si mesmas e converter en tarefa colectiva a participación das mulleres

Ó principio non había mulleres nas Xuntas de Bo Goberno. Non estabamos acostumadas a realizar unha actividade xunto ós compañeiros fóra do noso pobo”.

Cando se nomea ás compañeiras non queren aceptar, por máis que lles digas que o fagan, ninguén o quere facer, só ás veces unha na Xunta ou no Consello”.

As mulleres zapatistas non adoitan ofrecerse como voluntarias para os cargos, especialmente fóra das súas comunidades. E, sen embargo, “está equilibrado entre compañeiras e compañeiros. En total son 30 compañeiras que son membros da Xunta. Os municipios teñen 12 consellos, entón son seis compas e seis compañeiras. Así están os seis municipios”.

Se a maioría delas participa é porque son elixidas, é un imperativo colectivo da Xunta de Bo Goberno. “Nas asembleas da zona coa Xunta e a CCRI [Comité Clandestino Revolucionario Indíxena] sempre se esixe que haxa participación de compañeiras e iso ten que ir como tarefa. Cando chegan os compañeiros ou compañeiras ó pobo dinnos que temos que nomear compañeiras para as tarefas ou traballos onde as mulleres están participando”.

Se unha muller deixa o cargo na comunidade debe repoñela outra muller. Imposíbel que haxa mulleres que días despois de ser elixidas renuncien ó seu cargo para que as suceda un home. A cota de xénero como xesto electoral no é plantexable nun Goberno autónomo que non busca convencer ás maiorías senón sobrevivir dignamente.

Aínda que a participación das mulleres é alta, recoñecen que non é o 100% e considéranse corresponsables.

Non só temos dereitos senón que tamén na nosa loita autónoma temos obrigas, temos que cumprir tamén o que dicimos e face-los traballos como se debe”.

Estamos a obrigarnos a nós mesmas a ver que si temos que tomar un cargo”.

Ó falar tamén da súa responsabilidade elixen colocarse nun rol activo como mulleres.

2. Calquera persoa pode ter un cargo, non tes que se-la mellor

Unha das propostas do zapatismo é que tódalas persoas teñen que aprender a gobernar, aínda que non estean moi preparadas. Os postos son transitorios, revogables e elixidos pola asemblea. Ninguén é imprescindíbel, todos son revogables. Este sistema de participación permitiu que mulleres analfabetas como a comandanta Ramona se transformasen en grandes estrategas.

A práctica é o que permitiu desbloquea-lo medo inicial.

Nos traballos das compañeiras nos municipios moitas voltas o problema que atopamos é o medo a non saber gobernar, a non saber como traballar. As compañeiras preocúpanse moito de levar ben os seus cargos, pero non hai máis que superalo coa práctica. Así pasaron aprendendo pouco a pouco coa súa participación”.

Para seren elixidas basta con que sexan persoas honestas, din. Aínda que tamén admiten que os criterios de elección non sempre son politicamente correctos. “As solteiras son máis elixidas que as casadas”, por iso atoparon un desequilibrio de idade, con mozas sen experiencia e que ó casar abandonan o cargo e están a tomar nota.

Agora os pobos xa saben que non poden nomear moi novas porque deben nomear e elixir a compañeiras que sexan maiores de idade e con algo de experiencia”.

3. Xerar confianza e acompañar para vencer-lo medo a gobernar

O temor a equivocarnos nos traballos que nos toca desempeñar ou o medo a que os nosos compañeiros se burlen da nosa participación” é unha dificultade que moitas comparten. Ademais de obrigarse a si mesmas e que a participación das mulleres sexa unha aposta política do zapatismo, as compas demandan apoio moral. “Ás veces di a compañeira “non, é que non vou poder, non sei escribir, non sei ler, é que teño pena de falar”. Aí lles dicimos ós compañeiros e a outras compañeiras que as animen, que lles digan “vas entrar para aprender”. Estando aí, nuns catro ou cinco meses vas agarrando como face-lo traballo e o xeito de ir participando”.

O acompañamento e o liderado compartido , ou “colectivismo” como o nomean algunhas, é outra estratexia que funcionou.

Estabamos aínda nosoutras no período da Xunta cando entrou unha compa que non sabía ler nin escribir, poñémoslle atención, amosámoslle o que facemos, vamos ensinándolle o pouco que ela pode aprender, incluso empezou a escribi-lo seu nome”.

Ás veces temos desánimo, non queremos tomar cargos porque sabemos que ó mellor vai estar soa. Se me nomean eu sei que vou ir na Xunta, pero me sinto soíña porque o meu pobo non vai ir comigo e quen sabe se alá hai compañeiras”. Para resolver iso, hai pobos que se coordinan “nomean dúas compañeiras na comunidade e entón van as dúas a face-lo traballo”.

O xeito de participar do goberno autónomo favorece a inclusión das mulleres. “Os postos da Xunta de Bo Goberno vanse substituíndo progresivamente. Empezan a poñer a xente que non sabe con xente que sabe e van aprendendo. Teñen iso ben calculado para que en cada posto haxa un tempo de aprendizaxe, que non cheguen en branco a algo que non saben, apréndeno na práctica” contábame a feminista mexicana Sylvia Marcos nunha entrevista.

4. Recoñecer e nomea-las situacións de sexismo, inseguridade e hostigamento

Fagan o que fagan as mulleres políticas están no punto de mira, a súa vida íntima tráese a colación para desprestixialas. A prensa está pragada de comentarios que desautorizan ás mulleres con cargos públicos por non seren boas esposas, boas nais, boas políticas… As estes comentarios difamatorios cara ás mulleres as compas chámanlles “chismes”.

Cando unha muller se ausenta da súa casa, da súa comunidade e traballa con homes pode ser mal vista pola comunidade. Enfróntase ós chamados “chismes””.

Cando son mulleres casadas e trátase de chismes relacionados coa infidelidade, o problema considérase maior. Terminan abandonando o cargo. “¿Por que as mulleres cando cometen ese erro non poden continua-lo seu traballo e por que os compas, aínda que se meten en problemas deste tipo poden continua-lo seu traballo?” pregúntanse.

Pero nun contexto de impunidade e hostigamento ás comunidades en resistencia, a inseguridade a que se enfronta unha zapatista non ten parangón. A mobilidade en entornos rurais tamén é un problema engadido.

Ás veces saímos cedo das nosas casas e ás veces non atopamos carro, ás veces chegamos tarde onde se fai o traballo, pero non é por gusto senón por esa dificultade que temos. Tamén ás veces hai algúns homes priístas que nos faltan ó respecto como mulleres. Atopamos bébedos no camiño, comezan a molestarnos, a dicir moitas cousas”.

Fronte a isto, articularon estratexias de acompañamento nalgúns casos. Noutros non. “Arriscámonos, porque é un risco que tes como muller”. Nomealo abertamente, aínda que non sexa co cualificativo de sexismo, é un grande paso.

5. Os coidados como responsabilidade colectiva para que as mulleres exerzan a súa liberdade

Non podo compañeiros, é que están moi chiquitos os meus fillos. Quero face-lo traballo, pero non podo” din as compañeiras. Ser nai é un dos principais obstáculos que enuncian. Os traballos de coidados en casa non se reparten cos seus compañeiros nin cos fillos. É a división sexual do traballo e as responsabilidades ¿Sóanos? Pero, ollo, estamos falando de familias moi numerosas e dun entorno campesiño, dun traballo doméstico de alto rendemento.

Nalgúns núcleos familiares as mulleres enfrontan ademais a hostilidade dos seus propios compañeiros: repróchanlles que non estean cumprindo coas súas tarefas, sospeitan cando se ausentan e as ameazan con irse con outra se non volven ó curral, contan.

Para transformar esta desigualdade conceptualizaron dereitos básicos. Moi básicos. O capítulo tres da Lei revolucionaria das Mulleres estipula que as mulleres teñen dereito a decidi-lo número de fillos que poden ter e coidar. Para iso puxéronse en marcha políticas de planificación familiar desde dentro, para que valoren “cantos fillos poden coidar e non ter fillos cada ano”.

No 96 ampliouse a lei revolucionaria das mulleres: “A muller ten dereito a ser apoiada polo esposo cando ela vai facer traballo para a organización. Cando a muller vai ás reunións, o home debe coidar e alimentar ós fillos e atender o fogar” di un artigo. Coidar como imperativo colectivo para os homes, pero ¿como se fai seguimento de portas adentro?

¿Como podemos cambiar se os compañeiros non saben aínda tortear, non saben aínda poñe-lo millo, lava-la súa roupa? A educación ten que ser dentro da casa” recoñecen. Aínda que haberlos haylos. Segundo contan, si que hai compañeiros que transformaron a súa aptitude (novas xeracións, principalmente) porque na súa casa recibiron unha socialización de xénero diferente.

Nalgunhas comunidades tamén se deron experiencias de colectivización do coidado dos fillos para apoia-las mulleres con cargos. “Houbo pobos que se organizaron para apoia-las súas autoridades. Cando quedan nenos, dánselles torradas. Pero hai pobos que aínda non fan iso, non hai organización, non lles importa se ten fillos a compañeira que foi… Falta organiza-los pobos para que así podamos facer ben o traballo”.

Fonte: https://www.diagonalperiodico.net/global/25675-cinco-claves-sobre-la-participacion-mujeres-territorio-zapatista.html


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!