Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Co corpo das mulleres non se negocia. Nosoutras decidimos

16/03/2014
By

Co corpo das mulleres non se negocia. Nosoutras decidimos

A autora analiza o anteproxecto do aborto do PP.

Justa Montero – Activista da Asemblea Feminista de Madrid

 

Non hai nada máis persoal nin máis político para as mulleres que o noso corpo. Non en van forma parte do reducto máis íntimo da subxectividade, das vivencias, da sexualidade e da formación das identidades persoais, ó tempo que é un ámbito de actuación pública onde as institucións (médicas, relixiosas e políticas) actuaron e actúan definíndoo coma lugar de interpretacións culturais e sociais. Por iso dende o feminismo segue a afirmarse o que a estas alturas debería ser unha obviedade: “o meu corpo é meu”, unha reivindicación que recolle a esixencia de liberdade e autonomía individual e tamén de xustiza social dado que o exercicio dos dereitos sexuais e dos dereitos reprodutivos require que existan unhas condicións sociais, políticas e económicas que o fagan posible para tódalas mulleres.

 

Esta consideración do corpo das mulleres explica que as políticas neoliberais e o fundamentalismo católico estableceran unha mortífera alianza patriarcal para negar e tentar acerna-lo dereito das mulleres a decidir. No contexto da actual crise sistémica, o intento de controla-la sexualidade e a reprodución convértese nun dos instrumentos máis importantes na brutal ofensiva e involución que a tódolos niveis tratan de impoñer. Non é nin moito menos a primeira vez que sucede (ahí está para recordalo o estudo de Silvia Federicci sobre o significado da caza de meigas), nin tan sequera na nosa historia recente, pero parece claro que en momentos de crise, o control da reprodución e a sexualidade das mulleres e, polo tanto, dos seus corpos, convértese nun elemento fundamental para reprivatiza-la reprodución social. Os discursos que explícita ou implicitamente cuestionan os dereitos conseguidos e as políticas que os limitan como son o anteproxecto de lei sobre o aborto, a eliminación dos xa limitados servizos de atención á dependencia, a redución das escolas infantís, os efectos das sucesivas reformas laborais, os recortes a recursos e servizos sociais e un largo etcétera reflícteno.

 

O aborto coma moeda de cambio

 

Considérase ás mulleres coma incubadoras, portadoras do feto, con dereitos derivados da súa condición de embarazadas, dado que, en verbas do Ministro de Xustiza ‘o dereito por excelencia das mulleres é o de ser nai’. A maternidade, á que o feminismo dera unha resignificación, considerada coma unha opción no proxecto de vida das mulleres, reaparece con forza no discurso oficial coma unha imposición e un imperativo divino que marca a natureza da condición feminina e por tanto a posición de tódalas mulleres na sociedade. Dende o goberno recupérase así o discurso franquista de negación das mulleres coma seres sexuais e a maternidade coma o seu destino natural.

 

No anteproxecto as mulleres desaparecemos coma suxeitos de dereitos, para pasar a ser algo instrumental ós dereitos “do concebido”, ó que ademáis atribúeselle persoalidade xurídica, nunha das manifestacións máis misoxinas do desprezo absoluto á vida das mulleres.

 

Pero ademáis o momento elixido para presenta-lo anteproxecto da reforma da lei do aborto e o seu propio contido son un exemplo de cómo se emprega o noso corpo coma moeda de cambio. Neste caso é o goberno quen o fai para fideliza-lo voto dos sectores máis montaraces do PP. E para isto recúrrese, de forma reiterada, á constitucionalidade da proposta, atopando na “Constitución Española” un inestimable apoio ás propostas máis reacionarias. Agora que se revisa criticamente a chamada Transición Política, compre non esquecer que a Transición tamén está en débeda coas mulleres. Os pactos que subscribiron os partidos con presenza parlamentaria e que acabaron dando forma á “Carta Magna” tamén empregaron o corpo das mulleres coma moeda de cambio nas negociacións. O texto aprobado foi un agasallo para os anti-elección (daquelas con roupaxes e siglas distintas ós de agora, pero co mesmo ideario), que conseguiron impoñer que “todos teñen dereito á vida” fronte a proposta inicial na que figuraba “tódalas persoas teñen dereito á vida”. Un pequeno matiz cunha enorme significación e trascendencia que provocou a crítica e o rexeitamento de todo o movemento feminista e que, na actualidade lle serve ó goberno, con Gallardón á fronte, para incluír nese “todos” ó “nasciturus” e despoxa-las mulleres do dereito a decidir.

 

Un anteproxecto cruel

 

Este perverso anteproxecto plantexa multitude de problemas concretos para as mulleres. Se saíra adiante a proposta do goberno, o 94% das mulleres que abortan convertiríanse en “delincuentes”, fosen ou non á cadea, porque unha das funcións desa proposta e criminalizar e estigmatiza-lo aborto, culpabiliza-las mulleres que abortan e ó seu entorno. Suporía na práctica a prohibición do aborto salvo para algo máis do 5% das mulleres que interrompen voluntariamente o embarazo. É dicir, para o 0,02% (dados do 2009), que son quen abortaron por seren violadas e o 5,67% (dados do 2011) que corresponde ás que se acolleron o suposto de risco grave para a súa saúde e a súa vida. Quizáis, se se confirma a táctica que emprega o PP que xa experimentou con outros temas, pola cal, tras propostas extremas que xeraron un rexeitamento xeralizado inclúe algunha variación facendo aparece-lo resultado coma unha mellora, pode que na súa proposta final incorpore a despenalización de suposto de “risco de malformación grave do feto”. Nese caso a porcentaxe de mulleres que poderían interromper voluntariamente o seu embarazo nas crueis, inhumanas e degradantes condicións que prevé o anteproxecto chegaría a un exiguo 8%.

 

Isto é unha parte do problema, a outra é a situación na que quedarán o resto de mulleres, nin máis nin menos que o 94% ou o 92% das que interromperon voluntariamente un embarazo e ás que o goberno situaría fóra da lei. ¿90.000 mulleres van ter que saír a outros países a abortar? Semellante escándalo social fai pensar na imposibilidade de que chegen a aplica-la lei e tamén nas moi diversas formas de desobediencia civil que, en caso de que se aprobara o anteproxecto, haberá que por en marcha. Non nos colle de novas, e como di a canción: “coidado, coidado, avisámosvos, somos moitas máis que cando comezamos”.

 

Polo tanto, pode afirmarse que o anteproxecto que plantexa o goberno supón non só un reforzamento da consideración penal do aborto na medida en que serán moi poucas as mulleres que poderán abortar nos supostos despenalizados, menos cas que poderían facelo coa lei do 85 e coa do 2010 (todavía vixente). En tódolos casos persiste un problema: que o aborto se considere un delicto e se realmente se queren resolve-los problemas que atopan es mulleres que deciden abortar, a experiencia colectiva de 35 anos de movilización polo dereito ó aborto reafirma a saída plantexada dende as organizacións feministas: o aborto debe regularse coma dereito e ten que saír do Código Penal.

 

A negación do dereito ó aborto está na base da involución democrática á que asistimos pola que tratan de impoñe-la súa saída á crise. As liberdades, a ciudadanía inclusiva e a democracia coma aspiración que compartimos moitas xentes son incompatibles con negar-la posibilidade de decidir sobre a vida das mulleres.

 

A defensa do dereito ó aborto compétenos a todas e a todos.

 

Justa Montero forma parte da Asemblea Feminista de Madrid.

 

*Subliñados da autora. N. del T.

Fonte: http://www.feministas.org/spip.php?article829



Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!