As consecuencias laborais do TTIP: crónica dun desastre anunciado
Dumping social e competencia normativa á baixa son as primeiras consecuencias que se prevén do que ata agora se coñece co Acordo de Libre Comercio entre Estados Unidos e a Unión Europea (TTIP)
Ante estas novas rebaixas nos dereitos laborais, a resposta das forzas políticas e sindicais debe ser clara e rotunda para acadar sensibilización social e mobilización fronte ó Tratado
A sétima rolda de negociacións do TTIP (o Acordo de Libre Comercio entre Estados Unidos e a Unión Europea) tivo lugar hai dous meses e a información que temos acerca do futuro Tratado segue senda escasa e profundamente sesgada. O seu impacto, indubidable, sobre os dereitos das e dos traballadores de ambos lados do Atlántico mantense oculto e silenciado.
O pasado outubro, ante a presión social, a UE desclasificou o documento co que, en xuño de 2013, o Consello deu o mandado á Comisión para que comezará “oficialmente” as negociacións con EEUU; unhas negociacións que xa se viñan realizando dun xeito opaco desde ó menos o ano 2005.
Con este documento habilitouse á Comisión para negociar con EEUU un acordo para aumenta-lo comercio e a inversión entre as dúas partes con tres obxectivos: a eliminación de barreiras ó comercio, arancelarias e especialmente non arancelarias (normativa aplicábel á produción de bens e servizos); a busca da converxencia entrambos sistemas de “regulación” da produción (é dicir, aproximación das normas xurídicas estatais que non poidan eliminarse); e a elaboración de normas comúns para ser posteriormente compartidas a nivel internacional.
En materia de dereitos laborais, o documento refírese unicamente á obriga das partes de incluír no acordo mecanismos para apoia-la promoción do traballo decente e a implementación dos estándares fundamentais da Organización Internacional do Traballo, sen maior concreción. Máis alá deste documente, non é posible atopar unha referencia concreta sobre os dereitos laborais na información que publica a UE.
A desclasificación desta escasa información veu seguida dunha ampla campaña de promoción e xustificación do Tratado por parte das institucións europeas. Unha serie de informes sinalan as vantaxes e o crecemento económico que conlevaría a firma do acordo con Estados Unidos, indicando que a total abertura comercial xeraría billóns de beneficio en ambas economías. EN concreto, afírmase que un 80% das ganancias que implicaría o acordo resultarán da redución dos “custes” impostos pola “burocracia e as regulacións”, así como da liberalización do comercio en servizos e na contratación pública, evidenciando que o principal obxectivo do acordo non é a redución de aranceis senón a redución das normas que regulan dereitos; entre outros, os laborais.
Esta campaña de propaganda está a cuestionarse desde diversos ámbitos científicos, que sinalan á súa vez outras preguntas para a cal os economistas entregados ó TTIP non teñen resposta: ¿quen se vai beneficiar desta xeración de riquezas? ¿que grao de afectación no benestar da poboación terán as medidas respecto dos servizos públicos? ¿pode provoca-lo TTIP unha redución dos dereitos laborais?
Centrándonos nesta última cuestión, cabe lembrar que a sinatura dun tratado de libre comercio multiplica os supostos de prestacións transfronterizas de servizos e de mobilidade transnacional de empresas, pondo en contacto de maneira habitual distintos ordenamentos xurídicos laborais e distintos niveis de protección de dereitos. Esta situación non conlevaría problemas se se deran dúas circunstancias: por unha banda, que o tratado incluíra estándares comúns respecto dos dereitos laborais (salario mínimo, xornada máxima, dereitos colectivos, etc.); por outra banda, e aínda sen darse a primeira condición, que o tratado incluíra unha cláusula de intanxibilidade ou non regresividade que obrigara ós Estados a mante-los niveis laborais inalterados. No caso de que non se dea ningunha das dúas circunstancias, a experiencia dinos que, cando entran en contacto ordenamentos laborais dispares e se deixa á libre elección do capital o lugar para ubica-la empresa ou o lugar onde presta-los servizos, prodúcense dous fenómenos xa habituais no ámbito da UE: o dumping social e a competencia normativa á baixa.
O dumping social é unha estratexia empresarial para abaratar custes sociais trasladando a produción a un Estado con dereitos laborais máis reducidos (normalmente salariais). Tamén é posíbel que as empresas só despracen ós seus traballadores para prestar servizos nun Estado con estándares laborais máis altos, pero mantendo as súas condicións de traballo de orixe, situándose así nunha mellor posición en materia de custes sociais que as empresas nacionais. Por outra banda, a competencia normativa é un fenómeno que se produce cando, na situación de disparidade normativa antes descrita, os gobernos pretenden atraer a empresas estranxeiras a través da redución de dereitos laborais (salarios inferiores ou facilitación do despedimento).
Todos estes fenómenos forman parte da realidade da UE. É certo que para controlar, minimamente, o dumping social e cala-las críticas respecto ó déficit social da UE, adoptáronse diversas medidas de escaso resultado. Non obstante, o fenómeno da competencia normativa converteuse na estratexia das autoridades financeiras internacionais, establecida na actualidade a través dos mecanismos de gobernanza económica da UE. O resultado é evidente e só fai falla observa-lo agravamento das disparidades en materia laboral e social no ámbito da UE, con Grecia, Portugal e Irlanda á cabeza do desemprego, da precarización, da pobreza e da exclusión.
Á vista do dito, para avalia-lo impacto do TTIP sobre os dereitos laborais debemos ter en conta dúas premisas: por unha banda, que a integración económica no ámbito europeo tivo consecuencias negativas para unha maioría das e dos traballadores, especialmente do sur, aínda a pesar de que os Estados membros da UE, polo menos ata as últimas ampliacións, comparten tradicións próximas en canto ó recoñecemento de dereitos sociais e laborais; por outra banda, que co TTIP vanse poñer en contacto dous sistemas basicamente opostos en canto ó recoñecemento e protección de dereitos laborais como son o norteamericano e o europeo (polo menos a dunha maioría dos Estados da UE). Unha ollada ó número de ratificacións de convenios da OIT danos unha idea deste disparidade: España ratificou 133, Francia 125, Alemaña 85 e Estados Unidos 14, entre os que non aparecen os convenios relativos á liberdade sindical.
Ante esta situación algúns propoñen a vía de forza-la inclusión no futuro Tratado de cláusulas de non regresividade, de recoñecemento dos estándares laborais, de excepción das cuestións laborais do ámbito de actuación do sistema especial de resolución de controversias, etc. Sen embargo, ningunha destas cláusulas, no dubidoso caso de integrarse, evitaría a futura carreira á baixa dos dereitos laborais. A experiencia da UE así o demostrou. Non caben parches no TTIP, nin en materia laboral nin medio ambiental nin sanitaria. A única posibilidade que temos para mante-los nosos dereitos é a oposición frontal e rotunda dos pobos de Europa para amosar, como xa se fixo fronte a aquela falsa “Constitución Europea”, que todo engano ten un límite. A realización de campañas, como a de ATTAC, fronte o Tratado é agora unha prioridade para sensibilizar ás maiorías sociais e acadar unha mobilización sostida que faga fronte ó antidemocrático e antisocial TTIP. Unha vez máis, a resposta debe vir das rúas e asumirse como cabalo de batalla polas forzas políticas e sindicais que defendan os dereitos da xente.
Fonte: http://www.eldiario.es/contrapoder/TTIP-derechos_laborales_6_332876713.html