David Harvey: a conquista do espazo
O crédito inmobiliario, as privatizacións ou a apropiación masiva de recursos naturais son estratexias de acumulación centrais para o capitalismo actual.
A obra enteira de David Harvey é unha das maiores contribucións á revitalización do marxismo das últimas décadas. Unha revitalización que, precisamente por ser en boa parte de orde analítica, devolveu ó marxismo á súa función como ferramenta política práctica. Dúas dimensións que no proxecto orixinal de Marx eran inseparábeis. En realidade, o movemento de desprazamento orixinal que opera Harvey con respecto ó marxismo de anteriores décadas é tan sinxelo como radical: trátase de asumir que a dinámica do capital e das súas resistencias teñen lugar no espazo. Os conceptos abstractos cos que os marxistas analizaron o mundo non se sitúan en punto algún intanxible de iso que se chama a teoría senón que se despregan na xeografía realmente existente e tenden a recompoñela á súa imaxe e semellanza, na medida en que o conflito social, a loita de clases, permíteo.
Desde logo, Harvey non foi o primeiro marxista en falar do espazo e a xeografía do capital, máis ben recuperou e actualizou unha tradición que ven desde o propio Marx e que chega ata os anos vinte ou trinta do século XX, no que a xeografía do capital e das loitas eran centrais. Unha tradición que pechou o stalinismo decretando a renacionalización das loitas obreiras e que as correntes marxistas dos cincuenta e sesenta enterraron entre toneladas de estruturalismo e de teoría; tan só as versións poscoloniais do marxismo mantiñan vivo, por motivos obvios, o estudo dos procesos xeográficos desiguais naqueles anos.
O grande concepto marco que Harvey desenvolveu para a análise do capital é o de arranxo espacial (spatial fix en inglés), un concepto que enunciado na súa forma máis sinxela ven a dicir que a acumulación de capital constrúe unha xeografía á medida das súas necesidades e que, nos momentos de crise sistémica, o capital despraza, nunca resolve, as súas contradicións mediante este proceso de contrución do espazo. Iso que chamamos globalización, financeira e neoliberal, sería o último grande arranxo espacial que tivo lugar. Ante a agudización das contradicións do capital que provocou a forza das loitas de clases durante os anos posteriores a 1968, o capital recompuxo as cadeas de valor, a organización da produción, xerando unha nova serie de vencellos entre as distintas partes do mundo e, en definitiva, unha nova división internacional do traballo na que os distintos territorios se especializan no control de recursos diferenciais e xerarquizados; obviamente non é a mesma posición de poder a dun país ou unha cidade que se especialice no control dos fluxos financeiros que gobernan este arranxo espacial que un territorio que queda relegado ó papel de provedor de recursos naturais e de forza de traballo excedente.
O enfoque territorial, ademais, permitiu a Harvey considerar formas e dimensións dos procesos de acumulación que teñen lugar no territorio e que non funcionan exactamente a través da extracción de plusvalor canónica que describiu Marx como central no capitalismo -na que o capital fixo e variábel mestúranse en distintas proporcións, sometidos á cambio tecnolóxico, para producir unha mercadoría que chega ó mercado, onde se realiza a través dun sistema de prezos sometido a distintos graos de monopolización e competencia. Fronte ó grande entramado manufactureiro fordista, Harvey describe outro tipo de estratexias económicas que se superpoñen ás anteriores e están en relación con elas, pero funcionan a partir da creación de entornos territoriais nos que se realiza o arranxo espacial. O sistema de transportes, as grandes obras de enxenería ou a construción de vivendas ou de infraestruturas de consumo colectivo crean unha constelación relacional na que os prezos se forman de maneira diferente, especulativamente ou por desconto dos seus valores futuros, porque en última instancia son formas transformadas dunha figura tan arcaica como a renda do chan.
Neste modelo, son as grandes inversións e a amortización lenta das estruturas territoriais as que se impoñen, mediante a mobilización de grandes masas de crédito, fronte á tendencia á sobreprodución nas liñas capitalistas convencionais. Por iso, segundo Harvey, cando aparecen problemas de sobreprodución de realización nas primeiras, o capital concéntrase nas segundas. É o que Harvey denomina o Circuíto Secundario do capital. Un concepto sen o que, por poñer un exemplo preto, simplemente non seriamos capaces de dar unha expresión sistémica ás burbullas inmobiliarias dos últimos anos, entre elas a española, e teriamos problemas para analizar en toda a súa profundidade a hexemonía do capital financeiro, o proceso de financiarización do capital.
As cidades son as configuracións sociais máis complexas e máis decisivas politicamente da forma de pensa-lo territorio capitalista de David Harvey. De feito, foi a partir dos estudos urbanos, en concreto desde os estudos sobre as desigualdades constitutivas da cidade capitalista, desde onde Harvey saltou á reflexión máis ampla sobre o territorio. A cidade de Harvey é, dende logo, o lugar preferencial para a reorganización dos arranxos espaciais capitalistas e para o crecemento dos circuítos secundarios, pero tamén o espazo preferencial para as resistencias e a reorganización política en torno ó dereito á cidade.
Especialmente importante neste terreo foi o concepto de empresarialidade urbana co que Harvey bosquexa a posición das cidades no arranxo espacial da globalización financeira. As cidades a partir dos anos sesenta abandonan a súa función política como meras xestoras do modelo fordista-keynesiano que privilexiaba o Estado-nación e “independízanse” como entidades políticas con capacidade de establecer unha interlocución directa coa masa de capitais financeiros desterritorializados que emerxe do proceso de concentración de capital-diñeiro dos anos setenta e oitenta.
Este cambio de posición relativa implica que as cidades, a maneira das empresas, compiten por captar fluxos financeiros transnacionais mediante a reorganización do seu espazo físico e a súa estrutura social conforme ós principios da hexemonía financeira neoliberal como proxecto de clase dos propietarios dos cartos. Isto, á súa vez, implica que as coalicións de elites locais se atopan nos aparellos estatais locais e, a través deles, lancen amplos programas de desenvolvemento de burbullas inmobiliarias, reorganización do espazo público, captación de rendas de todo tipo, privatizacións de activos públicos e disciplinamento da forza de traballo. A chamada cidade marca Barcelona sería o noso exemplo máis preto, unha das estratexias máis xeralizadas de cidade-marca que non é máis que unha proxección simbólica das especificidades do territorio destinada a posiciona-la cidade neste esquema.
Toda esta focalización de Harvey nos procesos espaciais de acumulación ten unha consecuencia política especialmente importante. Estas liñas de análise conducen ó que Harvey denomina acumulación por desposesión, é dicir, ás formas de capta-la riqueza social que non pasan tanto pola subtracción do plusvalor como valor novo que xorde dun proceso de produción, como á captación da riqueza xa producida ou da riqueza non producida por medios capitalistas; os activos naturais serían o mellor exemplo desta segunda forma. Harvey, seguindo tamén unha liña de interpretación marxista, que non foi maioritaria nas décadas anteriores pero sempre estivo viva, recupera o concepto de acumulación primitiva que Marx situaba como a xénese violenta do capitalismo, na que a clase capitalista se constituíu mediante o roubo e a apropiación dos bens comunais que sostiñan as formas comunitarias precapitalistas, e amplíao temporalmente para soster a súa vixencia permanente en tódalas formas de capitalismo posteriores.
O crédito inmobiliario, a perda de activos públicos pola privatización ou a apropiación masiva de recursos naturais, no noso caso mediante medios financeiros, son estratexias de acumulación centrais para o capitalismo actual. Os programas de austeridade, punta de lanza da xestión neoliberal da crise, que na actualidade sofre medio mundo e moi en especial España, non serían máis que unha forma coordenada deste tipo de acumulación.
En termos políticos, esta análise de Harvey acaba cun certo tipo de marxismo que privilexiaba de maneira excesiva as loitas no lugar de traballo e máis en concreto do obreiro industrial, como lugar onde se xogaba a derrota do capitalismo. Un entorno de acumulación por desposesión xeralizada nos devolve a un escenario no que as loitas pola vivenda como valor de uso, os impagos da débeda, as loitas polos servizos públicos e polos bens comúns, polo espazo público ou pola titularidade social do coñecemento e a tecnoloxía, teñen tanta importancia como as loitas no lugar de traballo e ó redor do mercado laboral. De feito, compleméntanas e amplifícanas.
Observatorio Metropolitano / Traficantes de soños
Orixinal: http://lahaine.org/eN0K