ORGANISMOS PÚBLICOS QUE:
• Funcionan como brazo executivo do poder xudicial.
• Fan cumprir as leis ditadas polo lexislativo a través do emprego da forza.
• “Teñen como misión protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades e garantir a seguridade cidadá” (artigo 104.1 da Constitución Española).
REALMENTE CÚMPRENSE A MISIÓN E AS SÚAS FUNCIÓNS?
Non. A austeridade e a liquidación de dereitos e liberdades fai que a tensión social estea a medrar a pasos axigantados polo que, ao mesmo tempo, a resposta dende a rúa é, cada vez, máis prolongada, constante e belixerante. O goberno, que sabe que a crise vai ser moi prolongada, está apostando polo control da cidadanía a través da represión das forzas de seguridade do estado. De feito os países que peor o están a pasar coa crise (España, Greza, Portugal e Italia) son os países europeos que teñen un maior número de policía por habitante de toda Europa segundo un informe de Eurostat. Nos presupostos aprobados este ano aumenta o gasto nos corpos antidisturbios un 1780% e dos 759.330 euros previstos para os anos 2011-2015 pasouse a 10.000.000 de euros para o período 2012-2016.
Así pois, na práctica, o artigo 104.1 da constitución sobre as forzas e corpos de seguridade debería dicir que “teñen como misión protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades e garantir a seguridade das grandes empresas transnacionais, financeiras e políticas”.
As forzas e corpos de seguridade empréganse como ferramentas para:
• Esmagar calquera modo de protesta cidadá a través do emprego da forza.
• Protexer o sistema actual e defender as medidas tomadas dende a clase de poder.
• Xerar un clima de medo que desanime á poboación a participar en calquera protesta contra o sistema establecido.
• Criminalizar e xerar unha imaxe negativa e violenta das persoas que defenden os seus dereitos.
QUE IRREGULARIDADES COMETEN?
• Emprego desproporcionado da violencia. En moitas ocasións as forzas de seguridade empregan a forza a pesar de haber un clima pacífico na protesta. Isto é o que sucedeu, por exemplo, en maio de 2011 en Plaça Catalunya, onde se cargou contra a xente que estaba a protestar sentada no chan.
• Infiltración dentro da masa para provocar situacións de violencia. En ocasións as forzas de seguridade empregan a axentes infiltrados para provocar disturbios e así desvirtuar a protesta.
• Non amosan identificación. A pesar de que o seu réxime de funcionamento lles obriga a identificarse, as forzas de seguridade (especialmente os antidisturbios) non levan a identificación visible. Isto fai que poidan actuar con total impunidade sobre a xente e nunca se poida render contas fronte á xustiza.
• Agresión a menores. Os menores gozan dunha especial protección en tódolos eidos lexislativos, pero cando actúan as forzas de seguridade do estado isto non é así. Exemplo disto temos a carga policial en Valencia contra os estudantes do Lluís Vives no mes de febreiro de 2012 aos que o propio xefe da Policía, Antonio Moreno, cualificounos como “o inimigo”.
• Uso de pelotas de goma. As pelotas de goma seguen a ser empregadas pola policía como unha das principais armas coas que actuar sobre a poboación civil, a pesar de que no ano 2011 o seu uso foi prohibido en Europa ao ser un arma que pode chegar a ser mortal. Isto foi o que sucedeu o 29/03/2012 no que o seguidor do Athletic de Bilbao Iñigo Cabacas morreu a causa dun impacto dunha bola de goma lanzada pola ertzaintza.
• As cargas son indiscriminadas. Cando as forzas de seguridade do estado cargan contra unha masa de xente, xs axentes non distinguen ben entre a masa e, tal e como recoñecía o voceiro do Sindicato Unificado de Policía, José María Benito despois das cargas policiais do 25S do 2012: “Cando á Policía se lle ordena cargar, as cargas non son pacíficas, é dicir, son violentas por natureza, por definición. A Policía non pode distinguir entre manifestantes pacíficos ou violentos. Que é verdade que nunha carga policial pagan xustos por pecadores e que hai xente que pasa por alí, que non ten nada que ver cos violentos e tamén recibe? É verdade”.
• Gases lacrimóxenos en lugares pechados. En ocasións as forzas de seguridade empregan estes gases para desaloxar dun lugar pechado ás persoas, a pesar de que xa está demostrada a súa mortalidade nese tipo de usos que implican que as persoas estean expostas durante un tempo medio a este tipo de substancias.
COMO EVITAN AS FORZAS DE SEGURIDADE
AS CONSECUENCIAS DESTAS IRREGULARIDADES?
Partindo de que as Forzas de Seguridade son parte do estado e, polo tanto, responsabilidade dos gobernos, o sistema actual protexe e tapa as faltas cometidas polos membros das mesmas a través de diferentes mecanismos.
– Trato preferente no sistema. A súa palabra vale máis que a do resto [artigo 37 da Lei 1/1992]. O principio de veracidade que posúen fai que perante unha situación xudicial a palabra dun membro das Forzas de Seguridade do Estado valla máis que a de calquera outra persoa. Buscar dato
– Ocultamento das accións. O estado, coa complicidade dos grandes medios de comunicación, “lava” a imaxe dos abusos cometidos polas súas forzas de seguridade a través do silenciamento e a manipulación. Un claro exemplo de manipulación foi o que se produciu na canle Telemadrid o día 16/06/2011 no que se emitiron imaxes de disturbios en Greza facéndoos pasar por violentxs manifestantes dos indignados do 15M.
O GOBERNO ACTUAL:
XERANDO UN MARCO DE IMPUNIDADE POLICIAL TOTAL
Por se fora pouco van soando de fondo determinadas medidas (Lei de Seguridade Cidadá) coas que darlle impunidade total ás Forzas de Seguridade do Estado. Así o pasado 19/10/2012 o xefe da policía Ignacio Cosidó (logo desautorizado por algunhas persoas do goberno) anunciou que o goberno está estudando unha lei coa que tentan anular calquera tipo de resposta social. Así pois esta nova medida conta con tres liñas que reducen de xeito hostensible os dereitos dxs manifestantes.
– O goberno prohibirá filmar á policía. Nos últimos anos as cámaras convertéronse nunha ferramenta de defensa dos manifestantes.
• A policía reprímese ou detense de facer determinado tipo de actuacións.
• Estas actuacións irregulares das forzas de seguridade quedan rexistradas e pódese empregar para dar unha versión obxectiva perante a opinión pública así como para o seu uso xudicial.
– Xs manifestantes non poderán cubrir a cara, a policía si. Isto fai imposible a identificación dos policías. Segundo fontes oficiais a xustificación de que a policía leve a cara tapada é porque así se protexe a súa privacidade, xerando unha situación de discriminación dándolle á policía un dereito que o cidadán non ten. Por outra banda a liberdade individual veríase truncada con esta medida porque nos obrigan a ter un determinado patrón de vestimenta.
– Reformulación do concepto “ataque violento”. Os manifestantes poderán ser procesados por calquera tipo de agresión ou ameazas de violencia contra forzas de seguridade. É dicir que as meras ameazas serán castigadas como violencia directa.
E TI… QUE PODES FACER?
Denuncia todos e cada un dos casos que coñezas de abuso por parte das forzas de seguridade do estado. Pide que cambien as normas que lle entregan un estatus privilexiado á policía. Non te deixes dominar polo medo e participa de xeito responsable en tódalas accións, actos e iniciativas que consideres que debes defender independentemente das actuacións policiais que vivas ou coñezas. Infórmate dos teus dereitos e exérceos con toda a túa forza.