Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Dez mentiras sobre a crise en Galicia / David Lombao

21/01/2014
By

Primeiro era só unha “desaceleración transitoria“. Despois era xa unha crise, pero Galicia gozaba dun “plus de resistencia” para saír mellor parada da treboada perfecta. Acto seguido era unha crise e ademais, grave, pero boa parte da súa resolución dependía dun cambio de cor política nos gobernos da Xunta e do Estado, da fin do “desbalde” e da aplicación dun programa “serio” de austeridade. A continuación, xa coa Xunta en novas mans, o vieiro da solución era un “plan de choque” e, como medida adicional, a oportunidade “histórica” do Xacobeo 2010. Sexa como for, o certo é que Galicia sufriu e sufre a dura crise económica e faino con independencia de que algúns indicadores se comporten un chisco mellor ou peor que no seu entorno xeográfico máis inmediato. Estes son algúns dos prognósticos, sentenzas e diagnósticos lanzados ao longo destes anos e que non se corresponderon, á luz dos datos, exactamente coa realidade.

1. O “plus de resistencia”

Se ben é certo que, nos primeiros compases da crise, a recesión económica e a destrución masiva de emprego foron máis intensas en boa parte do Estado que en Galicia, non o é menos que de que ambaos fenómenos deron en chegar ao país. Alén desa tardanza e do feito de que o territorio galego non estivese tan exposto á burbulla do ladrillo como, por exemplo, o Levante español, unha ollada ás cifras do PIB permite coñecer que o ritmo de decrecemento económico vén sendo semellante nos últimos anos e mesmo algún, como 2011, rematou en España cun levísimo crecemento (0,1%) e en Galicia, con recesión (-0,5%). Galicia tampouco foi allea, nin moito menos, á crise financeira, e en apenas dous anos pasou de ter dúas grandes caixas e dous bancos relevantes a ficar, a efectos prácticos, sen sistema financeiro propio.

2. A culpa era do bipartito

Nos tempos preelectorais de 2008 o PP de Alberto Núñez Feijóo, que aspiraba por primeira vez a presidir o Goberno galego, adxudicáballe á Xunta e ao seu presidente, Emilio Pérez Touriño, a responsabilidade case exclusiva sobre a recesión económica e o paro, agravados, segundo os conservadores, polo “desbalde” e o gusto polo “luxo” de PSdeG e BNG. Aínda que Feijóo nunca prometeu, como se lle adxudicou, rematar co paro en 45 días, o certo é que si asegurou que centraría todos os seus esforzos en loitar contra o desemprego. O certo é que, co bipartito fóra da Xunta, o paro continuou a incrementarse, por veces mesmo a un ritmo maior que na media do Estado. Ademais, dende 2012 a Enquisa de Poboación Activa, o estudo homologable a nivel da UE, xa recolle máis persoas en situación de desemprego que o paro rexistrado, que mide a cidadanía que está anotada nas oficinas de emprego.

3. Arranxábase con “austeridade” no gasto corrente

Tras a vitoria electoral do PP un dos diarios máis próximos ás teses conservadoras e que máis impulsou a carreira de Feijóo a San Caetano daba por finiquitado o “réxime do desbalde” e por inaugurada a era da austeridade. Se ben é certo que o Goberno galego reduciu determinados gastos correntes, diminuíu a estrutura do Goberno galego e reestruturou áreas como o parque móbil, non o é menos que estas medidas non supuxeron un xiro radical na situación económica xeral do país. Os Orzamentos do Executivo autonómico retrocederon a, aproximadamente, niveis do ano 2006 e os salarios dos altos cargos minguaron levemente, pero a crise seguiu ao seu ritmo. O último capítulo desta tese estase a vivir no Parlamento, co consabido recorte de escanos que os populares se dispoñen a executar en solitario.

4. Non implicou recortes sociais

A “blindaxe” do gasto social e o incremento do seu peso relativo nos Orzamentos da Xunta é, posiblemente, unha das mensaxes máis reiteradas dende instancias oficiais galegas ao longo de toda a crise. Malia a estes slogans, a análise homoxeneizada que o Ministerio de Facenda fai de todas as contas autonómicas desmentiu o discurso oficial do Goberno galego e certificou a perda de dotación orzamentaria das áreas sociais -sanidade, educación e protección social-, así como a caída do seu peso no conxunto das contas públicas. Ao contrario do afirmado pola Xunta Galicia non é a comunidade con maior peso do investimento social, senón a duodécima e estas partidas non absorben oito de cada dez euros do erario, senón pouco máis de seis. Ao tempo, unha análise dos cadros orzamentarios amosa que mesmo neste 2014 as consellerías sociais seguen a sufrir recortes, que agregados ao longo dos anos suman uns 800 millóns de euros.

5. Amorteceuse con rebaixas de impostos

Apenas un ano despois de chegar ao Goberno, en xullo de 2010, o presidente da Xunta aseguraba que as “subas de impostos” eran sinónimo de “prolongar a crise económica”. Por este motivo, explicaba, o seu gabinete apostaba por “ser austeros no funcionamento das administracións públicas, non subir os impostos e facer rebaixas selectivas”. Nesta liña, nos primeiros compases do seu mandato e apoiado, aínda que sen nomealo, no suposto plus de resistencia da economía galega, o Goberno do PP impulsou recortes en tributos como os de actos xurídicos documentados, os de transmisións patrimoniais ou algúns impostos que gravan a compra e rehabilitación de vivendas. Non obstante, a combinación das políticas estatais e autónomicas provocou que medidas como a suba do IVE ou o novo financiamento autonómico incrementasen a recadación tributaria da Xunta todos os anos agás 2010Neste escenario, o PP concorreu aos comicios de 2012 prometendo, literalmente, “non subir impostos”, pero as contas galegas para 2014 trouxeron consigo o incremento do imposto sobre hidrocarburos, o coñecido como céntimo sanitarioEsta suba impositiva non se compensa, malia ao suxerido pola Xunta, coa leve rebaixa do IRPF incluída nos mesmos Orzamentos, toda vez que a suba supera en 8 millóns a rebaixa.

6. Supérase con emprendemento

Dende todas as administracións e tamén dende múltiples cores políticas vénse consagrando o emprendemento como o “motor que conduce o país á prosperidade” e por iso cómpre que emprendedores e emprendedoras teñan “alfombra vermella”. Con independencia da evidente importancia de que o tecido empresarial reciba apoio e, sobre todo, financiamento para impulsar o crecemento económico, as cifras oficiais amosan que unha ampla maioría das empresas de Galicia, máis do 60%, non teñen persoal asalariado e apenas o 7% teñen máis de 10 persoas en nómina. Nesta liña, analistas como o economista Manuel Lago sinalan que o problema non é de número de emprendedores, máis que abondoso, senón da “dimensión” das súas iniciativas empresariais. Neste sentido, os impulsores casos de emprendemento de éxito, como a tecnolóxica Quobis, con sede no Porriño, amósanse críticos coa política que desenvolven neste ámbito os gobernos galego e español e os e as profesionais que traballan no réxime de autónomos ven como os obstáculos económicos, lonxe de minguar, aumentan a súa dimensión.

7. Estase a vencer grazas ao investimento en I+D+i

Outro dos lugares comúns nos discursos oficiais está vinculado ao “cambio de modelo produtivo”, pasando do sector servizos ou da construción ao “coñecemento” e á “tecnoloxía”, en definitiva ao investimento en investigación, desenvolvemento e innovación, cuxos centros de referencia en Galicia son, segundo o propio Feijóo, a mostra do que “queremos facer despois da crise”. Nesta liña, o Plan Estratéxico do Goberno galego, situado como roteiro esencial na saída da crise, marcábase entre os seus obxectivos incrementar os recursos destinados a I+D+i, tanto no ámbito público como no privado, ata chegar en 2014 a, polo menos, niveis superiores ao 1%. Catro anos despois as principais previsións daquel plan foron desmontadas pola realidade e o investimento galego en I+D+i retrocedeu sistematicamente ata situarse por baixo da media estatal.

8. Sairá mellor que o resto do Estado porque “non gasta o que non ten”

“Pagar o que se debe” e “non gastar máis do que non se ten” foron dúas das frases máis reiteradas neste tempo dende a Xunta. Estas afirmacións, que en sentido estrito implicarían opoñerse a calquera tipo de endebedamento, contrastan coa práctica financeira da Xunta. Así, os datos oficiais do Banco de España acreditan que os actuais responsables da Administración autonómica incrementaron a débeda case un 100%, achegándoa ao 17% do PIB, máis de sete puntos por riba de onde estaba en 2009. No mesmo período os recursos orzamentarios dedicados a pagar débeda non deixaron de aumentar. As cantidades consignadas para facerlles fronte aos xuros xerados polo endebedamento incrementáronse un 138%e a débeda é xa unha caste de terceira consellería, só por tras de sanidade e educación.

9. Sairá impulsada por un sistema financeiro propio

A fusión de Caixa Galicia e Caixanova foi, posiblemente, o gran fiasco da primeira lexislatura tras o retorno do PP á Xunta. Apadriñada inicialmente polo propio presidente, que entre apelacións á “solvencia e galeguidade” bendiciu a unión, a mala saúde financeira de ambas entidades e as decisións gobernamentais e da UE provocaron a desaparición das históricas caixas e a venda dos seus restos, Novagalicia Banco, ao venezolano Banesco, que comeza a facerse cargo da empresa. O propio Banesco mercara previamente o Banco Etcheverría, antes participado por Caixanova e o Banco Sabadell fíxose co Gallego. Previamente, o Popular xa tomara o control do Banco Pastor. Entre a tempestade só resiste unha entidade financeira do país, a cooperativa de crédito Caixa Rural Galega.

10. Será a primeira en saír

En tempos de apelacións ás “luces ao final do túnel” o que antes era “plus de resistencia” agora é presentado como “anticipación”. A tese da Xunta consiste, esencialmente, en asegurar que Galicia abandonará antes o territorio das dificultades económicas porque adoptou as medidas axeitadas antes que o resto do Estado. Non obstante, datos como o do paro ou a incerteza que paira sobre sectores produtivos tan relevantes como o naval fan que, cando menos polo momento, este prognóstico sexa pouco máis que cuestión de fe.

Artigo publicado en http://praza.com/economia/6325/dez-mentiras-sobre-a-crise-en-galicia/

 

Tags: ,


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!