O vindeiro 11 de outubro terá lugar o Día de Acción Europea STOP TTIP (Tratado Trasatlántico de Comercio e Inversión entre a UE e os EU), CETA (Tratado Económico e Comercial Integral entre a EU e Canadá )& TISA (Acordo sobre o Comercio de Servizos). Cidades e colectivos de toda Europa uniranse a esta xornada de rexeitamento cara estes tratados e defensa dos dereitos das persoas, os pobos e o medioambiente. En Vigo, ECOAR))) apoiará este Día de Acción Europea STOP TTIP, CETA E TISA cun reparto de folletos en Praza América, Centro Comercial Travesía e Porta do Sol.
Por ECOAR | GC ABERTO | 11/10/2014
O TTIP, o CETA e o TISA son acordos comerciais internacionais negociados de costas á cidadanía cuxa aprobación suporá o establecemento definitivo dun sistema onde as multinacionais e as finanzas someterán definitivamente a soberanía popular!! O TTIP, o CETA e o TISA conformarán o marco legal que blinde o expolio do común por parte do poder económico a costa do esnaquizamento das persoas, os pobos e o medioambiente.
A aprobación destes tratados suporá que:
– As empresas multinacionais terán dereitos exclusivos para demandar aos gobernos ante tribunais de arbitraxe privados, que serán independentes dos sistemas lexislativos.
Reduciranse os estándares de saúde e seguridade.
– Os gobernos deixarán de ter competencia para previr prácticas nocivas, como o fracking ou o uso de transxénicos.
– Os servizos públicos esenciais deixarán de ter carácter universal e buscarase a súa total privatización.
– Os dereitos sociais e laborais xerais veranse reducidos á mínima expresión, cando non eliminados en moitos dos casos.