Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
É a memoria histórica de Alemaña un exemplo a seguir? / Ángel Ferrero - ECOAR))) | ECOAR)))
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

É a memoria histórica de Alemaña un exemplo a seguir? / Ángel Ferrero

27/11/2013
By

Cando no Reino de España se fala de memoria histórica, adóitase mencionar, como exemplo, o caso alemán. Con frecuencia cítase, por exemplo, como a exhibición pública de “símbolos de organizacións anticonstitucionais” –insignias, bandeiras, uniformes, slogans e formas de saúdo- está castigada polo artigo 86 do código penal (§86 StGB) con penas de prisión de ata tres anos. A pesar de que as formacións máis afectadas son, efectivamente, as herdeiras do Partido Nazi (NSDAP) convén lembrar que o artigo tamén se aplicou ao Partido Comunista alemá da RFA –prohibido en 1956- e á súa organización xuvenil, a Freie Deutsche Jugend (Xuventude Libre Alemá). En canto ao neofascismo, o artigo aplícase ás insignias −a cruz gammada, a cruz celta, o emblema da SA e todas as insignias das SS e as súas organizacións−, as diferentes bandeiras do Terceiro Reich e os seus slogans −“Heil Hitler”, “Sieg Heil”, “Meine Ehre heißt Treue” (“O meu honor, a lealdade” , lema das SS)−, o saúdo fascista e algunhas das cancións (Horst-Wessel-Lied, o himno do NSDAP; Vorwärts, Vorwärts! Schmettern die hellen Fanfaren, o himno das Xuventudes hitlerianas). O obxectivo desta lei é privar ás organizacións de extrema dereita da presenza pública necesaria para o seu crecemento, pero a súa utilidade é porén discutible. Isto é así porque, por unha parte, as organizacións neofascistas demostraron perfectamente a súa capacidade de reinvención −tamén a nivel propagandístico, coa invención de novos símbolos e códigos visuais−, subliñando así o seu carácter superficial, xa que non elimina o substrato social do que se alimenta o fascismo. Ademais, unha das consecuencias indirectas da lei é o establecemento de obstáculos á liberdade relixiosa de budistas e hindús, xa que os nazis adoptaron o símbolo da esvástica afirmando que a ascendencia da raza aria procedía da India. Os carteis cinematográficos de películas ambientadas na Segunda Guerra Mundial teñen que modificarse para axustarse á lei −un dos casos máis recentes foi o de Malditos Bastardos (Quentin Tarantino, 2009) −, o polémico artista Jonathan Messe foi recentemente procesado tras realizar o saúdo fascista fóra dun recinto cultural e a lei serviu, ironicamente, incluso ata para multar a diversos militantes antifascistas por utilizar a esvástica dentro do sinal de prohibido.

Outra das cousas que chama a atención do visitante é a cantidade de monumentos e placas en memoria das vítimas do nazismo. Esta proliferación escultórica, porén, non tería que chamarnos a engano, xa que é o equivalente social do que os psicanalistas chaman “externalización”: un mecanismo de defensa psicolóxico consistente en proxectar ao mundo físico a propia culpa para evitar ter que asumila. Máis aló da “inflación monumentaria” que criticou recentemente o historiador Wolfgang Wipperman, convén preguntarse cal é o verdadeiro estado da memoria histórica en Alemaña. Na edición dixital de La Directa (“70 anys de l’aixecament de Sobibór: memòria i polèmica”, LD 22/10/2013) xa tivemos a oportunidade de ver as mentiras e a dobre moral do goberno alemán durante a conmemoración da insurrección de Sobibór, pero este non é, nin moito menos, o único caso.

Grecia: Alemaña négase a pagar reparacións de guerra

O 13 e 14 de setembro de 1943 aWehrmacht asasinou a máis de 500 homes das provincias de Viannos e Ierapetra na illa de Creta en vinganza por un ataque dos partisanos. O responsable da orde, o xeneral Friedrich-Wilhelm Müller, foi xulgado por este e outros crimes de guerra en Grecia e executado en 1947. En Alemaña, en cambio, ninguén foi xulgado, e o estado alemán nunca pagou polas reparacións de guerra correspondentes. Ás conmemoracións do Holocausto de Viannos non acudiu ningún representante oficial do goberno alemán.

O 13 de decembro de 1943, as tropas de ocupación alemás cometeron un dos peores crimes de guerra da Segunda Guerra Mundial en Kalavryta. Ao coñecer a morte de 78 soldados da Wehrmacht a mans dos partisanos nas proximidades do municipio, o xeneral Karl von Le Suire ordenou o exterminio de toda a poboación masculina de Kalavryta. As tropas alemás incendiaron fogares e mosteiros por toda a rexión −máis de mil vivendas só en Kalavryta− e executaron a 700 persoas, incluíndo mulleres e nenos. O mosteiro de Agia Lavra, onde comezou a Guerra de Independencia de Grecia, foi incendiado, e 28 municipios desapareceron completamente do mapa. Alemaña nunca pagou reparacións de guerra por este crime. O 18 de abril, o entón presidente de Alemaña, Johannes Rau, visitou a cidade para expresar as súas condolencias, pero non aceptou a responsabilidade do estado alemán e evitou facer referencia ás reparacións.

En Distomo, as SS asasinaron o 10 de xuño de 1944 a 214 homes, mulleres e nenos en represalia por un ataque dos partisanos. Segundo os superviventes, os soldados asasinaron con baionetas a bebés nos seus berces, apuñalaron a mulleres embarazadas e decapitaron publicamente ao sacerdote do municipio. Alemaña nunca pagou as reparacións de guerra por este crime ás familias e incluso obstaculizou todos os procesos legais. O 30 de outubro de 1997 un tribunal grego sentenciou a favor dunha demanda de catro familias das vítimas e esixiu ao estado alemán 28 millóns de euros. A sentencia foi confirmada polo Tribunal Superior de Grecia en maio de 2000, pero non se fixo efectiva, porque calquera sentencia contra un estado soberano require o consentimento do Ministerio de Xustiza e este non o concedeu baixo o chantaxe económico de Berlín. Cando os demandantes trataron de levar o seu caso a Alemaña, este foi rexeitado por todas as instancias. No 2008 un tribunal italiano ao que recorreron os demandantes sentenciou a que recibiran, como compensación, Villa Menaggio no lago Como, un edificio propiedade dunha axencia estatal alemá. A reacción alemá non se fixo esperar: o goberno de Merkel recorreu a sentenza ao Tribunal Internacional de A Haia en decembro de 2008 e denunciou o goberno italiano por violar a soberanía alemá. Despois dun tira e afrouxa, A Haia emitiu a sentenza definitiva no 2012 a favor de Alemaña e en contra de Grecia e Italia. Alemaña recuperou a súa vila á beira do Como e continuou sen pagar as reparacións.

Rusia: Alemaña négase a pagar reparacións aos presos soviéticos

Na última sesión parlamentaria da pasada lexislatura, a coalición de goberno entre conservadores e liberais votou en contra dunha moción de socialdemócratas e verdes para ofrecer unha simbólica reparación económica de 2.500 euros aos presos soviéticos dos campos de concentración nazis. Segundo o socialdemócrata Stefan Schwartze, un dos impulsores da moción, aos presos soviéticos negóuselle a protección da Convención de Xenebra e foron vítimas das mesmas condicións que o resto de internos, sendo, polo tanto, vítima do Holocausto. Ulla Jelpke, de A Esquerda, propuxo aumentar a contía e incluír tamén aos partisanos. Conservadores e liberais recorreron á equiparación da Unión Soviética e a Alemaña nazi como “réximes totalitarios”. Manfred Kolbe, da CDU, despachou o asunto afirmando que a URSS tamén cometeu crimes de guerra e maltratou prisioneiros alemáns. Holger Krester, do FDP, relativizou o caso: os abusos contra os prisioneiros do Exército Vermello “só foron unha das numerosas violacións dos dereitos humanos que ambos bandos cometeron”.

Nos campos de concentración nazis internaron a máis de cinco millóns de soldados soviéticos, máis de tres millóns deles foron executados ou morreron como consecuencia dos traballos forzados, a fame, por conxelación ou diferentes enfermidades. Considerados “subhumanos”, recibiron o mesmo trato que os xudeus. O obxectivo do réxime nazi foi o exterminio da poboación soviética para repoboar o territorio con cidadáns alemáns.

O Bundeswehr: un exército fundado por criminais de guerra

Un ano despois da fundación da República Federal Alemá, o chanceler Konrad Adenauer ordenou en secreto ao xeneral Gerhard von Schwerin a reconstrución do exército alemán. O goberno de Alemaña occidental negárase previamente a recoñecer o Acordo de Postdam formado polas potencias ocupantes −Estados Unidos, Reino Unido e a Unión Soviética− para a reconstrución de Alemaña, cuxo artigo terceiro pedía “o desarme e a desmilitarización completa de Alemaña e a eliminación ou control de toda a industria alemá que poda ser utilizada para a produción militar” e pedía a disolución das forzas armadas, academias militares, organizacións de veteranos de guerra e outras asociacións para previr calquera rebrote do militarismo xermano. A súa fundación foi máis tarde tolerada de acordo coa lóxica da guerra fría.

Despois de 12 anos de nacionalsocialismo, o novo Bundeswehr tivo que construír o seu propio mito fundacional, facendo derivar a súa lexitimidade dos militares do chamado “complot do 20 de xullo” que intentaron rematar coa vida de Hitler en 1944. En realidade todos os seus xenerais, oficiais e suboficiais procedían da Wehrmacht e das Waffen SS. Trinta e un dos trinta e oito xenerais do Bundeswehr no ano da súa fundación foran membro do estado maior da Wehrmacht, e ata a segunda metade dos sesenta, o almirantado e xeneralato do exército alemán compóñase de oficiais de alto rango da Wehrmacht, ningún deles membro da resistencia contra Hitler. Dos 14.900 oficiais que pertencían en 1959 ao Bundeswehr, 12.360 tiñan o mesmo cargo durante o nazismo: ningún deles foi degradado. O seu mesmo organizador, von Schwerin, fora xeneral na Wehrmacht: baixo o seu mando as tropas asasinaron durante a campaña do Somme a 100 soldados africanos da compañía Tiralleurs Sénégalais do exército francés despois de que estes se rendesen e entregasen os seus rifles, un crime de guerra claro cunha motivación racista, ademais, que non se pode obviar. Von Schwerin tamén participou na campaña de exterminio na fronte oriental, no asedio a Leningrado e na batalla de Stalingrado.

Hoxe en día moitos dos cuarteis, unidades e buques de guerra do exército alemán seguen levando nomes de militares da Wehrmacht. Unha reportaxe da televisión pública alemá descubriu que en diferentes actos públicos do Bundeswehr deposítanse coroas de flores a unidades da Wehrmacht que cometeron notorios crimes de guerra, como a Panzengrenadier Division Großdeutschland ou a Panzerkorps Feldherrnhalle. Veteranos das SS acoden a estes actos coa complicidade dos militares e interpretan publicamente os seus himnos. O historiador Detlef Bald descubriu que ata o 2009 os libros de instrución do Bundeswehr incluían citas de Paul Karl Schmidt, un dos principais responsables políticos dos pogroms contra os xudeus na Alemaña nazi como responsable da área de prensa do Ministerio de Asuntos Exteriores nacionalsocialista.

Relativismo e revisionismo

Debido ás medidas puramente cosméticas, as xeracións máis novas de alemáns están perdendo a conciencia do papel de Alemaña na Segunda Guerra Mundial a medida que esta se afasta no tempo. Un fenómeno que, porén, é saudado positivamente pola prensa como parte dunha pretendida “normalización” do país. Baixo a tese do “totalitarismo” iguálanse nazismo e comunismo, pero poucos mencionan que un dos pais desta tese foi Paul Hasser, un oficial das SS xulgado en Núremberg que defendeu durante a posguerra que os soldados nazis −e dentro desta categoría incluía ás SS, un corpo paramilitar− foron “soldados como os demais”. Da caída da República de Weimar cúlpase por igual a comunistas e nacionalsocialistas, unha estratexia de revisionismo histórico, dito sexa de paso, exportada con éxito a España. Na prensa o exército soviético convértese con inquietante frecuencia no “exército de ocupación”, incluso cando se fala dos anos de guerra, e a diferenza dos países que formaron parte da Unión Soviética, o 9 de maio −a madrugada na que a Alemaña nazi firmou a súa capitulación incondicional en 1945− non é festivo máis aló do estado federado de Mecklemburgo-Pomerania Occidental. Durante a RDA, o 9 de novembro era día festivo e coñecíase como “Día da liberación do fascismo”, pero o goberno de Bonn negouse a manter a efeméride tras a Reunificación e incluso deu ás aos descendentes de nazis que reclamaron nos tribunais o retorno dos terreos e bens inmobiliarios expropiados ás súas familias tras a Segunda Gurra Mundial. A día de hoxe, o estado alemán segue subvencionando o Bund der Vertriebenen (BdV), a organización que agrupa aos “alemáns étnicos” expulsados de Europa oriental, cuxa presidenta, Erika Steinbach, votou na Reunificación en contra do recoñecemento da liña Óder-Neiße que delimita o actual estado alemán. A lista podería continuar, pero a proba máis demoledora da desmemoria histórica a proporcionou –quen senón?- o diario Bild, o máis vendido de toda Alemaña, que o 19 de marzo ilustrou a súa portada cuns soldados da Wehrmacht e a seguinte pregunta: “De verdade foron tan malos os soldados alemáns?”

Ángel Ferrero é membro do comité de redacción de Sin Permiso. A versión catalá deste artigo foi publicada en La Directa, 337.

Sinpermiso electrónico ofrécese semanalmente de forma gratuíta. Estamos a realizar unha campaña de microfinanciamento que rematará o 22 de decembro para poder renovar a web. Se lle interesou este artigo, considere a posibilidade de contribuír ao desenvolvemento deste proxecto político-cultural realizando unha doazón a: http://www.verkami.com/projects/7097-sinpermiso-br-una-nueva-web-br-para-seguir-luchando

www.sinpermiso.info, 24 de novembro de 2013


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!