Ensinar aos nenos que os dinosauros non existiron: como as escolas públicas suspenden en temario
Marion Maddox
A educación relixiosa nas escolas australianas deberían pasar a exame: a maioría dos pais non desexan que aos nenos se lles ensine o Creacionismo ou que ás súas fillas lles digan que as súas mamilas son unha “tentación para os homes”.
O director dunha escola primaria vitoriana cualificou a semana pasada as leccións da súa escola de “lixo”, “ocas e de retórica baleira” e sen “absolutamente ningún valor”. Cancelou as clases de Formación Relixiosa Específica e explicou que:
Aprobaba e aceptaba cegamente esas actividades na miña escola ata que comecei a fixarme no material e a fixarme aínda máis nas mesmas leccións que os voluntarios estaban impartindo. Concluín que tanto o material como os mestres asociados e os métodos de ensinanza sinxelamente non acadaban os estándares de calidade da práctica educativa que esta escola precisa.
Unha mestra que se atopou con que na clase de Formación Relixiosa Específica do seu fillo ensinábase que os “dinosauros nunca existiron” (simplemente Deus plantou os rexistros fósiles), cualificou as clases de “mal gusto”, “ofensivas” e “inaceptables”.
Unha directora de escola primaria esixiu una desculpa e agora está a organizar unha investigación departamental despois de que os voluntarios para a formación relixiosa desen aos nenos de sexto ano un sermón aconsellando ás rapazas como evitar que as súas mamilas fosen “unha distracción e tentación para os homes”, que explicaba que as esposas deben “someterse” aos maridos e que instruía aos nenos para non caer na homosexualidade. Ela cualificou o material de “totalmente desapropiado”, “en contra dos valores fundamentais da escola” e engadiu que “cuspe sobre todo o que facemos”.
Pero isto non é algo novo. “A imaxe da educación en relixión é, no mellor dos casos, unha hora libre e no peor, un caos indescritible”, queixábase un pastor anglicano da Igrexa de Newcastle Synod, segundo publicou o Newcastle Herald en 1969. As principais igrexas xa se retiraran á hora de ofrecer formación relixiosa no sur de Australia, algo que xa comezara cos metodistas en 1968. Durante os setenta, os gobernos de Tasmania, Victoria, do sur e oeste de Australia levaron a cabo unha investigación sobre a Formación Relixiosa. En 1980, Nova Gales do Sur fixo o mesmo.
Todos rexistraron frustracións familiares: a Formación Relixiosa segregaba os nenos baixo o criterio da relixión, cando a esencia das escolas públicas é a inclusión, dando lugar a múltiples dores de cabeza para a súa organización en tanto que aumentaba o número de familias (e de igrexas) que non facían nada ao respecto. Recorreuse a voluntarios, cuxas mellores aptitudes eran a fe e o entusiasmo, en lugar da capacidade para ensinar ou o coñecemento sobre a materia. Era inxusto, xa que as relixións minoritarias tiñan problemas á hora de atopar voluntarios, o que deixaba aos nenos mal atendidos; mentres que as visitas breves, semanais, facían imposible construír ningunha relación significativa entre a clase e o monitor.
As demandas estatais avogaron por substituír ou complementar a Formación Relixiosa cunha “Educación Xeral Relixiosa”, na que mestres profesionais –mellor que voluntarios– ensinasen sobre as diferentes relixións –non só unha– así como crenzas non relixiosas, como parte do itinerario docente, durante as horas lectivas e non en grupos segregados por relixión.
Nos 34 anos tras a última investigación estatal, a Educación Xeral Relixiosa estandarizouse en Inglaterra, Irlanda, na maioría da zona oeste de Europa e en Quebec, pero en Australia púxose en práctica moi pouco ou nada, aínda que nalgúns estados impártese entre os 11 e os 12 anos. Empeorando aínda máis a situación, na medida en que as principais igrexas deixaron por imposible a Formación Relixiosa, os predicadores apocalípticos e os contrarios ás teorías da evolución a miúdo encheron o oco.
Tras conducir seguimentos e entrevistas en 23 escolas públicas de Nova Gales do Sur e en Queensland entre 2009 e 2012, a investigadora en educación Cathy Byrne atopouse con que os voluntarios para a Formación Relixiosa Específica “preferían de xeito significativo enfoques conservadores” nos seus materiais máis que os mesmos pais, directores ou mestres profesionais.
Por exemplo, cando se preguntou sobre se se consideraba que a Biblia debía ensinarse como “un feito” e de aí “ser aceptada sen cuestionala”, os pais e os profesionais da educación inclináronse a favor de cuestionala, mentres que os voluntarios da Formación Relixiosa inclináronse cara a “infalibilidade da Biblia”, dende o punto de vista de que o texto da Biblia está libre de todo tipo de error. En case un cuarto das escolas, Byrne atopouse con ensinanzas do tipo en que os alumnos ou as súas familias ou amigos “arderían no inferno” se non crían na versión dos voluntarios.
Os defensores do sistema actual a miúdo sosteñen que tales cousas son aberracións. Evonne Paddison, conselleiro delegado de Access Ministries, cuxos voluntarios estenderon o sermón do aviso sobre as mamilas, dixeron que a súa organización sentíase absolutamente decepcionada polo incidente e que continuaría investigando que foi o que sucedeu.
Porén, o sistema actual fai imposible eliminar tales farsas por adiantado. No seu lugar, os pais desconcertados son abandonados sen saber cara onde ir. As queixas ás escolas tenden a ser desviadas ás organizacións provedoras. A miúdo declararon abrigar intencións tales como usar as escolas públicas como un “campo misioneiro” nos que “facer discípulos” (Paddison) ou “bombardear as escolas estatais de Nova Gales do Sur co evanxeo” de xeito que “moitas vidas xoves veranse transformadas a través do Señor Xesucristo” (GenR8 Ministries).
En resposta á suxestión de que “a Formación Relixiosa non ten valor nun sistema educativo segrar”, Paddison escribiu en 2011: “considero que todas as fes xogan un valioso papel en dar forma á nosa comprensión de quen somos como individuos e como membros do pobo global”. Os pais, os directores e os mestres están de acordo. Tamén os comités de investigación de hai trinta anos ou máis. Porén, resulta duro pensar nunha maneira menos efectiva de fomentar tal “comprensión” que a de segregar aos alumnos polo criterio da relixión, ensinándolles que o resto dos demais grupos están equivocados. As investigacións do Estado propuxeron itinerarios docentes para axudar aos nenos a aprender sobre as diversas relixións e as tradicións non relixiosas, en clases impartidas por mestres profesionais, vinculados aos temas do resto do itinerario docente e con todos os alumnos aprendendo xuntos.
O informe de Steinle do sur de Australia, publicado en 1973, propuxo a cota de que os estudantes que tivesen completado o seu itinerario docente aos 12 anos terían conseguido “unha mellor comprensión de si mesmos e das súas crenzas”, que entenderían “a presenza e a influenza da relixión na vida e na sociedade” e de que gañarían “un maior respecto e tolerancia cara os outros e as súas crenzas”.
Corenta anos despois aínda soa revolucionario.
Marion Maddox escribe regularmente en The Guardian.
Sinpermiso electrónico ofrécese semanalmente de xeito gratuíto. Non recibe ningún tipo de subvención pública nin privada e a súa existencia só é posible grazas ao traballo voluntario dos seus colaboradores e ás doazóns altruístas dos seus lectores.