EUA presiona para a liberalización total de 14 servizos profesionais en Europa
> O tratado TISA afecta a unha ampla categoría de servizos profesionais, de xustiza a propiedade intelectual ou transaccións electrónicas.
> EUA quere que Europa permita a comercialización masiva de ‘big data’ e información persoal en liña
> Documentación obtida a través filtrala.org revela as pretensións estadounidenses: no ámbito do comercio electrónico, ningún Estado poderá “outorgar preferencia aos bens producidos no seu territorio, ou á compra de bens de persoas no seu territorio”
Antonio M. Vélez
17/12/2014 – 12:05h
Servizos xurídicos (avogadxs, procuradorxs notarixs, rexistros) e servizos auxiliares de Xustiza (funcionarixs, secretarixs xudiciais e xuíces); os servizos tecnolóxicos ou de Internet, propiedade intelectual, transaccións electrónicas, sinatura dixital, contabilidade, auditoría e teneduría de libros de contas, asesoría fiscal, arquitectura e enxeñaría, consultoría en ciencia e técnicas de ensaios e análises, servizos veterinarios e ensino.
Son as catorce grandes categorías de servizos cuxa liberalización total propuxo Estados Unidos no marco das negociacións do Acordo sobre o Comercio de Servizos (TISA, polas súas siglas en inglés) que negocia en segredo coa Unión Europea e unha vintena de países, entre eles Australia, Xapón, México e Canadá.
eldiario.es tivo acceso, a través da caixa de correos Fíltrala, que comparte cos medios La Marea, Diagonal e Mongolia, a dous dos documentos confidenciais que serven de base ás negociacións entre ese medio centenar de países. Estas discorren en paralelo ao famoso tratado de libre comercio TTIP, que, como desvelou en xuño eldiario.es tamén grazas a Filtrala, pretende facilitar a EEUU a entrada no negocio dos servizos públicos en Europa.
Os novos documentos son apenas seis páxinas correspondentes a dúas propostas de acordo (una do 25 de abril e a outra, un “anexo” do 5 de setembro) que recollen as pretensións de EEUU e que supoñen unha parte moi pequena do que está sobre a mesa: “É como unha partida de mus na que só se repartiron dúas cartas”, resume Pablo Sánchez Centellas, da Federación Europea de Sindicatos (PSI, polas súas siglas en inglés).
Para Rosa Pavanelli, secretaria xeral da Internacional de Servizos Públicos, “os documentos filtrados confirman os peores medos, de que o TISA está a ser utilizado para cumprir os intereses das máis grandes corporacións”. Pavanelli considera “inaceptable que a cidadanía deba basearse en documentos filtrados para decatarse das leis que os seus gobernos están a negociar no seu nome.”
“O fin da privacidade”
No relativo a “movemento de información”, o documento sinala que “ningunha parte poderá impedir a un provedor de servizos doutra parte transferir, acceder, tratar ou almacenar a información, incluíndo información persoal, dentro ou fóra do territorio” do país, “cando esa actividade se leva a cabo en relación co exercicio da actividade comercial do prestador de servizos”.
Para o avogado Josep Jover, experto en propiedade intelectual, isto supón o “fin da privacidade como a entendemos”. X consumidor/a “convértese na gasolina do provedor de servizos e información”, o que enmarca na comercialización masiva do chamado Big Data (datos a gran escala en formato electrónico): “Os provedores de información poderán tratar, recoller e vender sen atranco algún os datos da cidadanía/xs clientes, propixs e allexs”, asegura Jover, para quen o TISA consagra a suxeición “ao modelo americano de propiedade intelectual, onde esta cómprase e véndese” sen posibilidade de que se recoñeza a arte, o que podería implicar “a desaparición das sociedades de autorxs e asimiladas” e das axudas a industrias culturais como o cinema.
O denominado Big Data está de plena actualidade. Como sinalaba hai uns días Julian Assange, fundador de Wikileaks, nunha entrevista con Carne Cruda, “Google ten máis influencia que a que tivo nunca a Igrexa. É como un confesionario global que garda todos os nosos segredos e está conectado co goberno de Estados Unidos”.
En opinión do avogado Josep Jover, que puido analizar a documentación obtida a través de Fíltrala, o TISA equivale a impor “unha barreira que desprotexe dunha maneira absoluta á cidadanía”. Pola súa banda, Rosa Pavanelli, da federación de sindicatos PSI, considera que “a negociación irrestricta de fluxo de información persoal, neutralidade da Internet e sinatura eletrónicas pode ser usada para violar os dereitos individuais. Os gobernos deben ser claros sobre o que están a negociar neses tratados secretos”.
No seu artigo X-2, “Contido local”, proponse que ningún/ningunha dxs asinantes do tratado poida, “para a prestación dun servizo”, impor nin facer cumprir ao provedor ningún requisito, obrigación ou compromiso. Tampouco cando aquel requira establecer presenza comercial nun dos países asinantes. Prohíbese así “calquera tipo de modulación por parte do Estado para que o prestador de servizos veña obrigado a adquirir bens, servizos ou man de obra de carácter local”, resume Josep Jover.
Tamén se propón que, en materia de comercio electrónico, ningún Estado poida “outorgar preferencia a bens producidos no seu territorio, ou á compra de bens de persoas no seu territorio”. Esta eliminación de calquera tentativa proteccionista “non se aplica aos requisitos de cualificación dos bens e servizos con respecto a programas de promoción da exportación e a axuda exterior, ou para requisitos impostos por unha banda importadora con respecto ao contido dos bens necesario para cualificar para aranceis ou cotas preferentes”. Noutras palabras, segundo Jover, “basicamente este punto quere dicir que as limitacións de subvencións e facilidades” para xs empresarixs locais non rexerán para as multinacionais, “que si poderán axenciarse de todos os programas, preferencias e axudas… sempre que sexa para vender ao exterior”.
Este tratado negóciase desde xullo de 2013 en segredo en Xenebra (Suíza) polos autodenominados “moi bos amigos dos Servizos”. Os documentos foron cualificados polo diario económico belga L’Echo (que adiantaba a súa existencia este martes na súa edición impresa) como “un ‘bazooka’ contra a regulación do mercado de servizos” que persegue “liberalizar ao máximo os mercados nacionais limitando no posible as posibilidades de regulación”.
Demandas contra empresas
Unha primeira filtración das negociacións, coñecida a través de Wikileaks, permitiu identificar aos servizos financeiros coma un dos principais obxectos de discusión. O novo documento establece que “ningunha parte poderá esixir ao provedor de servizos doutra parte, como condición para a subministración transfronteiriza dun servizo no seu territorio, que estableza ou manteña unha presenza comercial ou resida no territorio da parte”.
O resultado disto é que calquera cidadán/cidadá que queira demandar a unha empresa por un servizo mal prestado podería ter que iniciar accións legais onde teña a súa sede central, e conforme ás súas leis locais, xa que, explica Jover, de aplicarse as propostas de EEUU, “desaparecerían os conceptos de xurisdición e competencia” de ámbito nacional.
Para comprender a orixe do TISA hai que remontarse a 2001, cando a Rolda de Doha da OMC tentou acabar, sen éxito, con todas as barreiras e limitacións para o comercio mundial. Tras os fracasos destas negociacións e do Tratado de Libre Comercio para as Américas (ALCA), as grandes potencias lanzáronse a asinar acordos bilaterais e multilaterais para avanzar na liberalización do comercio.
Todas estas negociacións levanse a cabo á marxe da Organización Mundial do Comercio (OMC). Entre os grupos de presión que están a impulsar actualmente o TISA e o TTIP están a US Coalition of Service Industries, que, fundamentalmente, defende os intereses do lobby dos servizos financeiros e tecnolóxicos de Estados Unidos, e o European Services Forum, onde están todos os sectores de servizos europeos.