Son aqueles bens que forman parte do medio natural ou humano no que nos desenvolvemos e que “normalmente” son de libre acceso a todas as persoas. O seu goce e aproveitamento por unha persoa non impide que tamén o sexa polas outras.
Exemplos de bens públicos:
-de orixe natural: a auga, o aire, o mar e os ríos cos seus litorais, ou mesmo o espazo radioeléctrico.
-de orixe humana: a vía pública, certo tipo de vías de comunicación, o patrimonio cultural,…
Por que se privatizan e atacan estes bens públicos?
Historicamente os bens públicos son aqueles que: ou ben as sociedades consideraron imprescindibles e beneficiosos para todxs (como a auga); ou ben eran tecnicamente imposible privatizalos (ata fai pouco, por exemplo, non había a posibilidade de poñer “valados ao mar”).
Pero, dado o “gran mercado” que son, nunca faltou quen estivese interesado en privatizar, mercantilizar e lucrarse con estes bens. Xa dende a época dos romanos está estipulado legalmente cales son concretamente os “bens públicos” e como deben ser tratados e defendidos por todos. Porén o avance do sistema capitalista e a técnica están a atacar o número e calidade dos “bens públicos” dos que podemos gozar.
Un dos pretextos empregados hoxe en día para xustificar a privatización e mercantilización destes bens é que o libre acceso é a causa do ateigamento e sobreexplotación dos mesmos. Por exemplo o proceso de privatización da auga estase a xustificar a través do argumento de que “se todo o mundo ten acceso libre chegará un momento no que a auga vai esgotarse. Polo tanto, para controlar o gasto, a xente ten que pagar polo consumo da auga”. Este é un argumento tendencioso, ao servizo do capitalismo. Tal e como demostraron varios estudos (como “Gobernando os bens comunais” da premio nobel de economía Elinor Ostrom) o ideal para xestionar un ben público é que sexan xs propixs usuarixs xs que institúan un sistema de goberno do mesmo: eles/as son os que mellor coñecen o ben e quen máis interesadxs están na súa conservación. Un exemplo deste tipo de xestión é o que, dende fai máis de mil anos, ten a comunidade de regantes da horta de Valencia, un sistema que conta con ordenanzas para fixar o acceso á auga en cada situación e un tribunal, composto polos propios agricultores, que sanciona a aqueles, que por interese ou neglixencia, menoscaban o ben común: este sistema tan só recorre excepcionalmente ao diñeiro para o seu funcionamento.
Procesos de privatización e destrución dos bens públicos actuais:
• Vía pública.
As rúas e prazas das vilas e cidades sempre foron espazo de tránsito, encontro e lecer da cidadanía. Incluso serven de lugar de traballo e negocio para certos sectores da poboación (por exemplo os comerciantes ambulantes que acoden ás feiras).
Actualmente esta diversidade e liberdade de acceso e aproveitamento do espazo público está sendo obxecto dun ataque dende as administracións públicas para o beneficio duns poucos. Así, por exemplo, o Concello de Santiago de Compostela aprobou en 2012 unha “Ordenanza municipal de actividades, instalacións e ocupación da Vía Pública” que equipara as mesas informativas (con fins cívicos e culturais) ás ocupacións mercantís. Esta esixe altas taxas e fianzas aos organizadores das mesmas para a concesión de licencias e faino ademais dun xeito “precario” (a administración municipal pode retirar a licencia en calquera momento dun xeito arbitrario). O resultado deste tipo de ordenanzas é que só as grandes empresas e organizacións con recursos económicos e influencia “política” suficiente poden ocupar este ben público.
• Dominio público marítimo-terrestre.
O mar e as augas interiores, así como as súas ribeiras, son un ben público ao que pode acceder libremente toda a cidadanía, incluso para extraer dela certos recursos (por exemplo os pescadores/as, sexan profesionais ou afeccionados/as). Así, a Constitución do estado español (art. 132) di que estes bens non se poden privatizar, pero a voracidade de industriais e promotores inmobiliarios (e tamén de pequenos propietarios/as) leva xeracións “mordendo” a riqueza, cantidade e calidade das nosas augas e costas.
Sen ir máis lonxe, na nosa ría atopámonos con innumerables recheos e concesións “incondicionais” a empresas (algunhas delas nin sequera relacionadas co mar), que coa protección e promoción das institucións do estado destrúen e privatizan zonas da costa; nalgúns casos incluso sen actividade económica ningunha, como son os casos dos 20.000 m2 ocupados por AUCOSA en Punta Chapelisa.
Outro caso de privatización e destrución deste ben público é a especulación inmobiliaria. Empresas e institucións públicas realizan lucrosísimos proxectos urbanísticos sobre parcelas afectadas polo dominio público da costa de xeito ilegal para, despois de feitos, presentalos ante a opinión pública como inamovibles. Un destes casos que, afortunadamente se puido deter a tempo grazas á presión popular, foi o proxecto do Concello de Cangas, Marina Atlántica e Caixanova no antigo complexo de Massó.
O actual goberno acaba de aprobar unha reforma da Lei de Costas que indultaría milleiros de vivendas e portos deportivos ilegais; alongaría aínda máis as concesións; reduciría as zonas de servidume; e incluso permitiría a privatización de terreos ata agora pertencentes ao dominio público marítimo-terrestre.
• A paisaxe.
A paisaxe é un ben público mixto (de orixe natural e humana). Podemos definila como o conxunto de elementos culturais, naturais e sociais que coexisten conformando un espazo. A paisaxe é un elemento de identidade das comunidades na que se reflicte os seus modos de vida e historia amais de servir como obxecto espallamento e inspiración. Legalmente, tan só ás veces a paisaxe é recoñecida como un ben público (cando é considerada patrimonio cultural e/ou natural).
A transformación da paisaxe é unha constante e forma parte da súa propia dinámica, pero nos últimos anos o tamaño e cantidade de transformacións da paisaxe comezan a ter a calidade de agresións. Así na nosa cidade certas edificacións están a tapar miradoiros tradicionais, como foi o caso das Torres do Club Financeiro dende Vía Norte.
En Galicia a expansión dos parques eólicos e a minería son unha ameaza constante. Na nosa contorna os parques eólicos do Galiñeiro e de Pedras Negras, amais de destruír a natureza e importantes elementos do noso patrimonio cultural, tamén estaría a afectar a un dos poucos elementos da paisaxe que leve inmutable dende sempre: o perfil dos montes da Ría.
Xa no conxunto de Galicia, novas explotacións mineiras a ceo aberto, como a de Corcoesto en Bergantiños, ademais de esgazar solo fértil e ameazar a calidade da auga, transformarán para sempre grandes extensión de paisaxe de zonas do interior de Galicia con grandes posibilidades de goce para locais e visitantes.