Gambia, a un paso da cadea perpetua para homosexuais
Desalambre
– A reforma do código penal toma como modelo a lei anti-gai ugandesa e introduce o delito de “homosexualidade agravada”.
– “Hai un clima de medo, aquí ninguén di abertamente que é gai por temor ás consecuencias” afirma un investigador gambiano.
– Medra a homofobia en África: Chad camiño de converterse no 37º país do continente que criminaliza a homosexualidade.
– Esta é a criminalización da homosexualidade en África, país por país.
En Gambia non parece sinxelo atopar persoas dispostas a falar abertamente sobre a homosexualidade. Neste pequeno país do África Occidental, as voces que o fan son as oficiais e as súas posicións alimentan a homofobia. Nun clima de crecente temor, o presidente Yahya Jammeh ten nas súas mans ratificar unha lei que emenda o código penal e endurece as penas ás que se expón a xa castigada comunidade LGTBI gambiana. Este xoves cumpríase o prazo de 30 días desde que a lei anti-gai fora aprobada pola Asemblea Nacional. Os homosexuais poderían encarar penas como a cadea perpetua.
“Non sabemos que pode pasar pero está claro que Jammeh ten un longo historial de declaracións homófobas” di a eldiario.es o responsable de Campañas para África Occidental de Amnistía Internacional, François Patuel. “Sabémolo, pero esperamos que empregue a súa autoridade para devolver esta lei á Asemblea Nacional para a súa reconsideración” confía desde a oficina de AI en Dakar (Senegal). Se a lei se asinou ou non onte é algo que probablemente non se coñecerá ata dentro dun mes, “ese é o prazo que teñen para publicalo na gaceta oficial, a menos que o presidente faga algunha declaración pública”.
Un dos aspectos máis controvertidos do texto é a tipificación do delito de “homosexualidade agravada” castigado coa cadea perpetua, e que, segundo Patuel, é basicamente idéntico ó da lei anti-gai ugandesa, revogada o pasado 1 de agosto pola Corte Constitucional do país. “Unha persoa que sexa arrestada por ser gai e que ademais sexa portadora do VIH pode ser sentenciada a cadea de por vida” denuncia. Ademais, teñen tal consideración as relacións entre persoas do mesmo sexo cando algunha delas sexa menor de idade, discapacitada ou estea baixo os efectos das drogas. Por outra banda, tamén poderían ser sentenciados a cadea perpetua os “reincidentes”, é dicir, quen xa foi condenado algunha vez no pasado.
Un tabú ben arraigado
As relacións entre persoas do mesmo sexo criminalizáronse oficialmente en Gambia no ano 2005, tras unha emenda ó código penal que establecía este delito para homes e mulleres e castigábao con penas máximas de 14 anos de cárcere. Pero a historia da homofobia no país remóntase a moito antes, concretamente ó Código Penal de 1933, estando aínda baixo o dominio colonial de Grande Bretaña. Nel figuraba o crime de “ofensas anti-natura” e o de “indecencias graves entre homes”, baixo os cales foron historicamente perseguidos os homosexuais. Non é de estrañar, por tanto, que todo o relacionado cos dereitos LGTBI constitúa un enorme tabú social.
“O problema aquí é que non hai ninguén que diga publicamente que é gai, polo medo a hostilidade debido ás leis”, constata desde Banjul, a capital gambiana, un investigador do Instituto para os Dereitos Humanos e o Desenvolvemento en África (IHRDA). El mesmo “por estes temas que estamos a falar” di ó outro lado do teléfono cun ton de voz máis baixo do normal, solicita permanecer no anonimato. No seu centro de investigación non se traballan as cuestións LGTBI. “Non podemos dicir que vivamos nun ambiente moi libre, hai un clima de medo, a xente ten medo das consecuencias de aquilo que poida dicir” admite este gambiano, que asegura non coñecer a ningún homosexual e non dubida do apoio popular á lei, unha aceptación que atribúe ó carácter conservador da sociedade e a unhas taxas de analfabetismo que se sitúan en torno ó 60 por cento da poboación.
En Gambia non hai asociacións LGTBI nin activistas que defendan publicamente estes dereitos. “A meirande razón é o temor, a longa historia de criminalización que agora podería agravarse se esta lei sae adiante. Para as persoas LGTBI é moi difícil saír do armario” explica Patuel. De feito, son moitos os que optaron por fuxir a outros países, aínda que as ameazas do presidente Jammeh non entenden de fronteiras. En maio deste ano adicou estas palabras ós membros da comunidade LGTBI no exilio: “Algúns marchan a Occidente e claman que son gais e que as súas vidas están en risco en Gambia para conseguir asilo e quedar en Europa. Se os atrapo, matareinos”. Tamén os comparou coa malaria ou chamounos “parasitos”.
Pese ó arraigamento da homofobia de Estado, non transcenden moitos casos nos que se condenen persoas por este delito. “Sempre foi algo criminal pero eu non teño coñecemento de que houbera moitas condenas, por iso me chocou tanto cando vin a reforma ¿que sentido ten esta lei se a homosexualidade sempre estivo prohibida, acaso non hai problemas máis graves?”, pregúntase o investigador do IHRDA.
En 2012, 20 persoas (18 homes e dúas mulleres) foron detidas mentres estaban nunha festa, acusóuselles de cometer actos contra natura e os seus nomes e fotografías foron expostos nos medios de comunicación. Algúns, como Alhaji, aseguran que foron torturados e, tras retira-los cargos na súa contra, optaron por abandona-lo país e fuxir a Senegal. En xuño de 2008, a policía gambiana detivo a dous turistas españois en Banjul, acusados de lanzarlle “propostas deshonestas” a uns taxistas. Segundo Patuel, o problema non é só o feito de que haxa ou non arrestos e condenas, é unha cuestión de liberdade. “Non se pode prohibir a ninguén que exprese a libremente a súa identidade sexual, é preocupante que a xente tema pola súa vida se decide saír do armario, o problema é tamén a homofobia” sentenza.
Para Patuel e organizacións como a súa ou Human Rights Watch, a reforma do código penal é un paso máis no retroceso en canto ó respecto polos dereitos humanos en Gambia. “Nos últimos 20 anos, desde que o actual presidente asumira o poder en 1994, a situación dos dereitos humanos deteriorouse notablemente. En 1995, Jammeh reintroduciu a pena de morte ,que fora abolida dous anos antes, e as execucións reanudáronse, despois de 30 anos, en 2012. Nove persoas foron executadas sen que se informara previamente ós seus familiares nin ós avogados. Outro exemplo é a Lei de Información e Comunicación, que se emendou o ano pasado para multar a quen sexan críticos coa liña oficial. Non se pode falar de liberdade de expresión, a xente exponse a detencións arbitrarias e tortura, particularmente os defensores de dereitos e os disidentes políticos” detalla. “A comisión Africana para os Dereitos Humanos, con sede en Banjul, fixo en maio un chamamento para protexer estes dereitos, sen embargo, Gambia está camiñando nunha dirección totalmente oposta”.
Chad o 37º país africano que criminaliza a homosexualidade
A institucionalización da homofobia no continente africano estendese tamén a Chad. Á espera de que sexa ratificado polo parlamento, a reforma do código penal foi aprobada polo Consello de Ministros chadiano o pasado 4 de setembro. Nela modifícase o artigo 361 alegándose que “facía falla incluír e criminaliza-la homosexualidade”. As relacións entre persoas do mesmo sexo pasan a ser castigadas con penas de 15 a 20 anos de prisión e multas que oscilan entre os 50.000 ós 500.000 francos CFA (76 e 760 euros) segundo informou este luns The Guardian.
Esta lei carrexaría a posibilidade de que “calquera persoa poida ser investigada e xulgada sobre a base da súa homosexualidade ou o rumor de selo” lamenta o director rexional para África Central e Occidental de Amnistía Internacional, Stephen Cockburn. “As persoas que sexan percibidas como gais ou non se axusten ós estereotipos tradicionais de xénero non poderán vivi-la súa vida en condicións de igualdade e dignidade” alerta. Un retroceso que contrasta coa abolición da pena de morte, tamén incluída no proxecto de lei e que foi ben recibida polas organizacións de dereitos humanos.
Nun comunicado conxunto elaborado pola Federación Internacional de Dereitos Humanos (FIDH) e a Liga Chadiana para os Dereitos Humanos (LTDH) o presidente honorífico desta última, Dobian Assingar, cualifica o novo código penal de “discriminatorio e demagóxico”. “O que Chad realmente precisa é xustiza social, democracia e desenvolvemento. Estigmatizar a un grupo da poboación non nos axudará a construír unha sociedade xusta e tolerante” denuncia. De ser finalmente aprobado, Chad converterase no 37 país africano que criminaliza a homosexualidade.
As leis anti-gai en África
Nestes últimos anos os gais, lesbianas, bisexuais, transexuais e persoas intersexo experimentaron un notorio retroceso nos seus dereitos. En máis da metade do continente amar a alguén do teu mesmo sexo é un crime que, segundo os casos, pode chegar a castigarse coa pena de morte. Esta é a criminalización da homosexualidade en África, país por país.
PENA DE MORTE
Mauritania, Sudán, Norte de Nixeria, Sur de Somalia.
ILEGAL
Alxeria, Angola, Botswana, Burundi, Camerún, Comoras, Exipto, Eritrea, Etiopía, Gambia, Ghana, Guinea, Kenya, Liberia, Libia, Malawi, Mauritania, Mauricio, Marrocos, Mozambique, Namibia, Nixeria, Santo Tomé y Príncipe, Senegal, Seicheles, Serra Leoa, Somalia, Sudán del Sur, Sudán, Suazilandia, Tanzania, Togo, Túnez, Uganda, Zambia, Cimbabue.
LEGAL
Benin, Burkina Faso, Cabo Verde, República Centroafricana, Chad*, Congo-Brazzaville, Costa de Marfil, República Democrática del Congo, Djibuti, Guinea Ecuatorial, Gabón, Guinea-Bissau, Lesoto, Madagascar, Malí, Níxer, Ruanda, Suráfrica.
Fonte: http://www.eldiario.es/desalambre/homofobia-lgbt-Africa-Gambia-Chad_0_306919306.html