Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Hai alternativas ao desemprego distintas á precariedade laboral? /Gaindegia

24/04/2014
By

Hai alternativas ao desemprego distintas á precariedade laboral?

Gaindegia

Neste artigo pártese dunha preocupación pola evolución do mercado de traballo desde que se iniciou a crise en 2008, indicando que procede fundamentalmente da destrución de postos de traballo e de tecido produtivo, coas consecuentes elevadas taxas de desemprego; pero tamén da cada vez maior conciencia por parte da cidadanía de que a situación non mellorará a curto e medio prazo.

Ademais de realizar un breve diagnóstico das reformas e vías de axuste impostas polos poderes públicos e privados trasnacionais, apúntanse algunhas estratexias que poderían contribuír a abordar a problemática laboral (non só o desemprego, senón tamén a precariedade do emprego) desde outra perspectiva e a establecer algunhas bases para modos de organización sociolaboral que nos leven cara mercados de traballo máis inclusivos. Sinálanse tamén algunhas condicións previas que deberían concorrer para poder poñer en práctica estas estratexias e que no caso de Euskal Herria non se producen, pero indícannos en que dirección debería traballarse.

Esta e outras análises serán publicadas a finais de abril nun extenso dossier sobre o Mercado Laboral de Euskal Herria (2013) realizado por Gaindegia.

Hai alternativas ao desemprego distintas á precariedade laboral?

Mª Luz de la Cal

Profesora de Economía Laboral

Escola de Relacións Laborais da UPV/EHU

A preocupación pola evolución do mercado de traballo desde que se iniciou a crise en 2008 procede fundamentalmente da destrución de postos de traballo e de tecido produtivo coas consecuentes elevadas taxas de desemprego, pero tamén da cada vez maior conciencia por parte da cidadanía de que a situación non mellorará a curto e medio prazo.

As razóns son de diverso tipo. En primeiro lugar, porque os importantísimos cambios que se deron en materia de lexislación laboral mediante as reformas de 2011 e 2012 implican que a estrutura e o funcionamento do mercado laboral puideron quedar alterados para sempre (nestas páxinas non analizaremos estes aspectos, xa que pertencen fundamentalmente á área xurídica). En segundo lugar, porque o deseño da política económica en xeral e das políticas laborais en particular lévannos a un modelo de crecemento no que hai pouca marxe para a mellora das condicións de traballo e os niveis de vida.

A mellora dos niveis de emprego vincúlase case en exclusiva ás políticas de mercado de traballo, deixando de lado as políticas monetarias e fiscais, as políticas cambiarias, as políticas industriais e tecnolóxicas ou o papel do sistema financeiro.

E é que a mellora dos niveis de emprego vincúlase case en exclusiva coas políticas de mercado de traballo. Déixanse de lado aspectos importantísimos que inflúen no nivel de emprego dunha economía como son as políticas monetarias e fiscais, as políticas cambiarias, as políticas industriais e tecnolóxicas ou o papel do sistema financeiro. Pero é que ademais, e unha vez centrados nas políticas de mercado de traballo, deuse un exceso de protagonismo ás de regulación laboral (de aí as reformas da lexislación laboral levada a cabo desde mediados dos 80) fundamentalmente para favorecer o abaratamento do custo laboral e ás políticas activas de emprego para impulsar a empregabilidade dos parados.

O abaratamento do custo laboral converteuse no principal factor sobre o que influír, actuándose para isto en varias frontes: a flexibilidade salarial, o impulso das modalidades temporais e parciais na contratación laboral e o abaratamento do despido. A xustificación é que esta é a única alternativa á que se pode recorrer cando se quere gañar competitividade pero non se pode desvalorizar a moeda, que é o caso das economías periféricas da Eurozona.

Ocúltase así o feito de que a competitividade dos países ou rexións pode proceder de varias fontes. Unha é, por suposto, o baixo prezo dos seus produtos por vantaxes en recursos naturais ou por baixos custos laborais; esta estratexia correspondería a estadios de baixo nivel de desenvolvemento, segundo a clasificación de Porter. Outras posibles vías refírense ao incremento da eficiencia dos procesos produtivos e da calidade dos produtos así como á innovación ou fabricación de produtos novos e únicos; estas estratexias corresponden a países ou rexións con niveis de desenvolvemento respectivamente medios e altos. Supoñen procesos de alta produtividade, levados a cavo por man de obra cualificada, en contornos macroeconómicos estables, con altos niveis de confianza nas institucións públicas, un mercado financeiro que cumpre axeitadamente o seu papel, etc. Todos estes aspectos recóllense no Índice Global de Competitividade que elabora anualmente o World Economic Forum e que constitúe unha das definicións de competitividade máis completas e ambiciosas. Queremos dicir con isto que a única forma de mellorar a competitividade non é a redución dos custos laborais; é máis, os custos laborais poden ser verdadeiramente elevados se a produtividade tamén o é, e esta é precisamente a estratexia de países con mercados de traballo máis eficientes que os nosos. Así que a competitividade e unhas taxas de paro moderadas poden convivir con altos niveis de vida. Agora ben, será preciso dedicar recursos á educación, a política tecnolóxica, a industrial, etc., para ir cara un tecido produtivo máis diversificado e que produza máis valor engadido.

As políticas activas de emprego precisan o acompañamento de políticas macroeconómicas, políticas industriais e tecnolóxicas que impulsen procesos produtivos innovadores, e tamén servizos públicos que faciliten a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, etc.

En canto ás políticas activas de emprego non cabe dúbida de que teñen un papel importante para favorecer o axuste entre a demanda e a oferta de traballo e tamén para apoiar os colectivos con máis dificultades de inserción laboral, pero non poden ser o único ingrediente para a mellora da empregabilidade. Esta mellora esixe, por suposto, incidir sobre as características persoais dos desempregados (formación, actitudes, aptitudes), pero tamén medidas para que as empresas efectivamente demanden man de obra e tamén melloras dos servizos públicos que posibiliten, por exemplo, a empregabilidade de traballadoras que teñen persoas dependentes ás que coidar. Queremos dicir con isto que as políticas activas de emprego necesitan o acompañamento de políticas macroeconómicas, políticas industriais e tecnolóxicas que impulsen procesos produtivos innovadores, e tamén servizos públicos que faciliten a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, etc. Agora ben, un enfoque que fixa en exceso a atención nas características dos desempregados serve para situar a responsabilidade do desemprego en exclusiva nas persoas que o sofren, nas súas características ou na súa actitude “pouco activa” cara o emprego.

Nesta liña, a visión que se foi impoñendo pasa tamén por resaltar os efectos desincentivadores que poden ter as políticas pasivas de emprego para favorecer un clima de aceptación dos recortes en prestacións e subsidios. Ao mesmo tempo, descóidase o importante papel que cumpren estas prestacións no mantemento dos niveis de vida das familias e, por conseguinte, na demanda agregada, así como a súa función de proporcionar ao parado un tempo para renovar as súas competencias profesionais e acceder a posicións máis estables no mercado laboral.

Sirva todo isto para sinalar que a creación de emprego non se producirá a medio prazo e que cando chegue, virá probablemente da man do emprego de baixa calidade. A razón é que se está a poñer en práctica unha estratexia que, sobre todo, favorece a redución do custo laboral e non establece camiños para que mellore a eficiencia dos procesos produtivos.

Quédanos por apuntar algunhas estratexias que, ao noso xuízo, si que poderían contribuír a abordar a problemática laboral (non só o desemprego, senón tamén a precariedade do emprego) desde outra perspectiva e a establecer algunhas bases para modos de organización sociolaboral que nos leven cara mercados de traballo máis inclusivos. Sinalaremos tamén algunhas condicións previas que deberían concorrer para poder poñer en práctica estas estratexias e que no caso de Euskal Herria non se producen, pero nos indican en que dirección debería traballarse:

  • Flexiguridade

A primeira delas é a da flexiguridade, que durante os anos 90 permitiu unha importante redución das taxas de para nalgúns países do norte como Austria, Holanda e Dinamarca. Trátase de favorecer a flexibilidade dos mercados de traballo mediante lexislacións laborais máis laxas, pero garantindo á vez uns niveis de seguridade aceptables para a man de obra. Esta seguridade conséguese mediante uns sistemas de protección social ben adaptados a esa nova realidade laboral máis flexible e mediante as políticas activas de emprego. Deste xeito, a mobilidade laboral é maior, pero as transicións entre empregos ou entre emprego, desemprego e inactividade fanse cunha rede de seguridade para os traballadores, rede que lles garante un ingreso e tamén uns programas de recapacitación profesional ben financiados. Neste contexto, as empresas teñen máis liberdade para adaptar de xeito continuo os seus procesos produtivos e, en definitiva, poden ser competitivas.

Cómpre sinalar que unha estratexia de flexiguridade no sentido apuntado ten implicacións orzamentarias para os gobernos, para a seguridade social, para as empresas e para as e os traballadores, debido a que se teñen que financiar as prestacións sociais e as políticas activas de emprego. Non é casualidade que os países nos que houbo experiencias con éxito da man da flexiguridade, sexan os que teñen sistemas de protección social máis desenvolvidos e sexan tamén os que máis recursos dedican ás políticas activas de emprego. Desafortunadamente, os anos de bonanza económica non se aproveitaron para o desenvolver sistemas de protección social nas economías do sur de Europa, así que seguimos con sistemas que descansan no importante papel que xogan as estruturas familiares na provisión de benestar. Hai que dicir tamén que isto veu favorecendo polo feito de que a UE optou por minimizar a súa influenza nos sistemas nacionais de benestar en base ao principio de subsidiariedade, limitándose a facer recomendacións aos Estados sen establecer metas a acadar en indicadores concretos, como si que se fai por exemplo en materia monetaria e fiscal.

Por outra parte, os acordos de flexiguridade teñen como precondición que haxa tradicións ben establecidas de diálogo social, xa que a implicación dos axentes sociais é clave para que a flexiguridade reparta beneficios para todos. Se non hai confianza mutua entre os axentes sociais ou cara o goberno, as reformas orixinarán gran oposición. Ademais, a negociación colectiva ten que ser ampla en canto ás materias que se pactan. Se se refire só aos salarios e á xornada, vai resultar complicado buscar diferentes opcións de combinación entre flexibilidade e seguridade, xa que a seguridade unicamente reside na renda xerada polo traballo e no mantemento do posto. Pero se a axenda de negociación abarca a formación, a empregabilidade, a organización flexible do traballo e a conciliación da vida laboral e a persoal, é máis probable que se poda chegar a acordos con ganancias para todas as partes.

  • O desemprego, un problema colectivo

A segunda estratexia ten que ver coa consideración do desemprego, non como un problema individual das persoas que non atopan un emprego, senón como un problema colectivo que ten que ver co noso modelo de organización social e coa consideración que damos ás diversas actividades. Nesta liña, cremos que merece a pena explorar as posibilidades que dá o reparto do traballo, de todo o traballo que é necesario nas nosas sociedades para o mantemento da vida. Tanto o traballo remunerado que se realiza en empresas e organizacións que producen os bens e servizos que se contabilizan no PIB, como o traballo doméstico e de coidados que se realizan nos fogares, en gran parte por mulleres, e que non é remunerado.

Pois ben, repartir o traballo non remunerado de xeito máis equilibrado entre mulleres e homes sería un pasa cara o seu recoñecemento, valoración e internalización como custo no proceso produtivo. Ademais, conduciría tamén ao reparto do traballo remunerado, é dicir, do emprego, e propiciaría un modelo favorecedor da conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Nesta liña, a proposta de 21 horas de traballo semanais da New Economic Foundation resulta moi suxestivo.

http://www.basqueinfo.net/es/?p=1989

Fonte: http://www.economiacritica.net/?p=3060


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!