ALGÚNS NACEN GRANDES, ALGÚNS CONSEGUEN GRANDEZA E ALGÚNS TEÑEN A GRANDEZA PROXECTADA SOBRE ELES
Amandla! (poder na lingua xhosa da tribo orixinal de Mandela; palabra coa que se iniciaban as súas convocatorias) non cre nos milagres. Mandela non é inmortal. Viviu a máis plena das vidas. Amandla! está coa súa familia, o CNA (a organización pola que viviu e morreu), os seus camaradas máis achegados, especialmente os superviventes de Xuízos por Traizón e os prisioneiros de Robben Island, co pobo de Sudáfrica así como tamén millóns de persoas en todo o mundo conmemoran a morte dun gran home.
Porén, Mandela non era nin un deus nin un santo, senón un home do pobo. Con el confírmase que as persoas con orixes humildes poden elevarse e conseguir proezas extraordinarias. A vitoria é posible contra todas as probabilidades.
Mandela tiña todos os atributos de grandeza de Shakespeare. É neste sentido que a nación surafricana, tal e como é, coas súas divisións, polarizacións e desigualdades, rende tributo a un home que dedicou a súa vida á liberación do seu pobo.
As persoas que coñeceron a Mandela espertaron do seu adormecemento, dun xeito que só acontece cando te decatas da morte dalgún dos teus achegados. É así como a maioría da xente de Venezuela sentiu a morte de Chávez. Curiosamente nesta nación dividida, nación aínda en construción e ás veces en deconstrución, a morte de Mandela será case universalmente chorada.
Era querido polos surafricanos, negros e brancos, pobres e ricos, de esquerdas e de dereitas. Era querido pola súa honestidade e integridade. Era querido porque non era nin Mbeki nin Zuma (dirixentes do CNA que se consideraban corruptos). Foi un visionario, tiña un gran proxecto. Era político. Tiña un gran sentido da temporalización estratéxica. Pero non era maquiavélico. Era amado porque non era nin Mugabe nin Blair. A súa visión consumiu a súa vida. Era de natureza xentil. E como un bo pai ademais de ser amable, ás veces podía ser cruel. Era digno, e sobre todo, sentía un inmenso amor cara o seu pobo e o proxecto de construír unha Sudáfrica non racial e non sexista.
Pero por enriba de todo era un home africano consciente de selo. Era un home de virtude. Unha virtude e unha consciencia que o fixeron tan mundialmente aclamado polo feito de liderar unha nación nos tempos nos que a virtude e a moral estaban universalmente ausentes nos líderes mundiais. Deulles coa porta nos fociños a Blair e a Bush pola guerra de Iraq: “O que eu condeno é que un poder, cun presidente que non ten visión de futuro e que non pode pensar correctamente, estea agora querendo sumir o mundo nun holocausto.” Para Blair tiña estas palabras: “É o ministro de Exteriores dos Estados Unidos. Xa non é o primeiro ministro británico.”
Elevouse por enriba da amargura e o resentimento. Era abnegado e podía achegarse aos seus inimigos e atravesar numerosas brechas. Era grande porque era o gran unificador. En moitos sentidos foi o arquitecto da nova Sudáfrica.
Pero por todo isto debemos evitar a mitificación. Mandela non era nin un rei nin un santo.
Mandela non estaba só. Só fai falla ler o gran poema de Bertolt Brecht Preguntas dun obreiro que le /1 para sabelo.
A loita para liberar Sudáfrica foi un esforzo colectivo. Ademais foi o poder dos pisados, dos traballadores nas fábricas, dos pobres nas comunidades, das mulleres de clase obreira e da xuventude, foi o que puxo ao goberno do apartheid, se non completamente de xeonllos, polo menos na posición de negociar con el as condicións de finalización do seu sistema racista.
Toda loita precisa dun vehículo, un movemento cun liderado que poda dar direccións políticas e que tome as difíciles decisións estratéxicas e tácticas. O CNA de Mandela chegou para prevalecer. Porén Mandela foi o primeiro en recoñecer o papel da ampla gama de movementos que compoñían a loita pola liberación nacional e o movemento democrático de masas.
E mentres era Mandela quen iniciaba as conversacións co goberno do apartheid, facíao cinguíndose á dirección colectiva do CNA. Tomou a iniciativa, liderou, pero fíxoo como parte dun colectivo. Era un home de organización. Esforzábase por explicar que era un produto do CNA. Era un home do negro, verde e dourado, pero que tiña alcance máis aló das fronteiras da organización. En palabras de Fikile Bam, un prisioneiro de Robben Island do esquerdista Fronte de Liberación Nacional: “Mandela tiña esta calidade de ser quen de manter unida á xente. Non importaba que pertenceses ao CPA ou ao CNA ou o que fose, todos tendíamos a congregarnos ao seu redor. Incluso os críticos –e abofé que tiña– mirábano ao final do día como un líder moral. Aínda ten esa calidade. Sen el non podo visualizar como tería sido a transición.”
Si, diranse e escribiranse millóns de palabras sobre o legado de Mandela, agora, nos próximos meses, o ano que vén e de aí en diante. E imos loitar para facer xustiza a este legado. A parte máis difícil será capturar a esencia de Mandela indo máis aló da mitificación, avaliando á vez con precisión a natureza contraditoria do seu legado.
O presente non pode entenderse sen entender o pasado e non todo o que hoxe vai mal en Sudáfrica pode achacárselle a Zuma ou Mbeki. O acordo negociado que trouxo a Sudáfrica democrática sobre a base de “unha persoa, un voto”, será considerado como o maior logro de Mandela. Evitou a sangría dun camiño de terra queimada como o que vemos agora en Siria.
“O seu obxectivo sempre foi a desracialización da sociedade surafricana e a creación dunha democracia liberal, para ese obxectivo estaba disposto a asumir compromisos con persoas con diferentes puntos de vista. Era quen de concentrarse no seu obxectivo con absoluta convicción e lucidez, e era un home extremadamente disciplinado.”
E porén son eses compromisos os que agora están a derrubarse. A desigualdade social non resolta que deu lugar, en palabras de Thabo Mbeki, a unha Sudáfrica como un país de dúas nacións: unha branca e relativamente próspera, e unha segunda negra e pobre.
O legado de Mandela terá tamén que medirse polo feito de que Sudáfrica está máis dividida que nunca como resultado da desigualdade e a exclusión social. Os ricos son máis ricos e os pobres máis pobres. O gran unificador podía levar a cabo grandes actos simbólicos de reconciliación para pacificar a nación branca, mais dado que isto require, por definición, sacrificar a redistribución da riqueza, a reconciliación cos brancos fíxose a expensas da gran maioría da poboación negra.
Mandela era grande, pero non tan grande como para poder franquear a brecha social enraizada no capitalismo do século XXI que nos trouxo a era dos uns por cento. Foi a desafortunada coincidencia temporal da transición surafricana, sucedendo cando o poder global se arraigaba na corporación global, empoderando a través das regras de globalización neoliberal. A reconciliación requiría o abandono da política do CNA tal e como a articulou Mandela á súa saída do cárcere: “a nacionalización das minas, bancos e monopolios industriais é a política do CNA e o cambio ou modificación das nosas posicións ao respecto é inconcibible.”
Este abandono da nacionalización, unha nacionalización que simbolizaba a redistribución da riqueza, foi ditado polas necesidades de reconciliación non só coa elite branca, senón co capitalismo global. En palabras de Mandela, nunha entrevista con Anthony Lewsis: “O desenvolvemento do sector privado segue sendo a forza motriz do crecemento e desenvolvemento.” Os seus encontros coa elite global en Davos, o fogar do Foro Económico Mundial, convenceuno de que se tiña que chegar a compromisos cos financeiros. Foron tamén os tardíos encontros cos capitáns do capitalismo surafricano como Harry Oppenheimer os que reforzaron a súa crenza de que non había outra alternativa que non fose a vía capitalista.
En palabras de Ronnie Kasrils: “Foron os anos entre 1991 e 1996 nos que a batalla pola alma do CNA perdeuse en favor do poder empresarial e a influencia. Ese foi o punto de inflexión fatal. Eu chamaríao o noso momento fáustico, cando quedamos atrapados; algúns claman hoxe en día que «vendemos a nosa xente río abaixo».”
Esta vía capitalista é precisamente a que probou ser desastrosa e a que pode en última instancia destruír a obra da vida de Mandela, a consecución dunha persoa, un voto nunha Sudáfrica unida, non racial e non sexista. Para facer xustiza á vida de Mandela de dedicación e sacrificio pola igualdade entre negros e brancos, a loita debe continuar.
Ten que centrarse agora na superación da desigualdade e na consecución da xustiza social. Nesta loita precisaremos da grandeza e a sabedoría de moitos Mandelas. Precisaremos unha organización dedicada a mobilizar a toda a poboación negra e branca de Sudáfrica para liberar a riqueza deste país das mans dunha elite minúscula. Precisaremos dun movemento como o CNA de Mandela, un movemento baseado nun liderado colectivo coas calidades combinadas de Walter Sisulu, Govan Mbeki, Ahmed Kathrada, Fatima Meer, Albertina Sisulu, Chris Hani, Ruth First, Joe Slovo, Robert Sobukwe, Steve Biko, IB Tabata, Neville Alexander e moitas outras grandes persoas que lideraron a nosa loita de liberación nacional. Pero o máis importante é que precisaremos que a xente tome a vida nas súas propias mans e se convertan nos seus propios liberadores.
Non é acaso polo que loitou Nelson Mandela?
1/ Quen construíu Tebas, a das Sete Portas?
Nos libros figuran só os nomes de reis.
Acaso arrastraron eles bloques de pedra?
E Babilonia, mil veces destruída, quen
a volveu erguer outras tantas?
Quen edificaron a dourada Lima, en que casas vivían?
Onde foron a noite en que se rematou a Gran Muralla, os seus albaneis?
Chea está de arcos triunfais Roma a grande. Os seus césares, sobre quen triunfaron?
Bizancio tantas veces cantada, para os seus
habitantes, só tiña pazos?
Ata a lendaria Atlántida, a noite na que o mar tragouna,
Os que se afogaban pedían, bramando, axuda aos seus escravos.
O xove Alexandre conquistou a India. El só?
César venceu os galos. Non levaba sequera un cociñeiro?
Filipe II chorou ao saber a súa flota afundida. Ninguén chorou máis que el?
Federico de Prusia gañou a guerra dos Trinta Anos. Quen gañou tamén?
Un triunfo en cada páxina. Quen preparaba os festíns?
Un gran home cada dez anos. Quen pagaba os gastos?
A tantas historias, tantas preguntas.