A insoportábel molestia da nosa saúde
Repasamo-las implicacións do Tratado de Libre Comercio entre a UE e EEUU na nosa seguridade alimentar
Por: Javier Guzmán (VSF) – El País
A Asociación Transatlántica para o Comercio e a Inversión (TTIP pola súas siglas en inglés) é un soño feito realidade. O soño das grandes corporacións agroalimentares. Para o resto da sociedade é un pesadelo. Será necesario espertar e que o noso pesadelo e o seu soño sexan sómente iso, unha mala noite.
As corporacións agroalimentares levan anos preiteando na Organización Mundial de Comercio contra diversas normativas europeas que protexen elementos clave da nosa seguridade alimentar. Parece que, por fin, chegou a hora de soluciona-los seus problemas e para iso puxeron a traballar ós seus negociadores en forma de representantes gobernamentais entre Estados Unidos e a Unión Europea. O obxectivo é acadar un Acordo comercial entre as dúas rexións que, a diferenza do resto deste tipo de tratados xa asinados en todo o mundo, non pretende “abrir” fronteiras ós alimentos estadounidenses senón “abri-los” órganos reguladores agroalimentares europeos.
Como xa admitiron funcionarios de ambas partes, o obxectivo principal do TTIP non é estimula-lo comercio eliminando aranceis entre a UE e os EEUU (neste momento os aranceis son tan baixos que apenas poden reducirse xa), a súa principal finalidade é elimina-las barreiras reguladoras que limitan os beneficios potenciais das corporacións transnacionais ós dous lados do Atlántico. O problema é que estas barreiras son en realidade algunhas das nosas normativas máis prezadas en materia de dereitos sociais e ambiente, como os dereitos laborais, as normas de seguridade alimentar (incluida-las restricións ós Organismos Modificados Xeneticamente (OGM polas súas siglas en inglés), as regulacións sobre o uso de substancias químicas tóxicas, as leis de protección da privacidade en Internet e incluso as novas garantías no ámbito bancario introducidas para previr outra crise financeira como a de 2008. Noutras palabras, o TTIP é unha especia de tratado ómnibus no que viaxan algunhas das normativas que máis protexen á cidadanía e o ambiente. No que se refire o ámbito agroalimentar, as normativas que se negocian determinan como se producen os alimentos, como se etiquetan, como se comercializan, como se avalía a súa seguridade ou como se inspeccionan. Non podería haber máis en xogo.
As barreiras non son os aranceis
Se analizamo-los dereitos arancelarios sobre o comercio agrícola bilateral entre EEUU e a UE, vemos que, de feito, estes aranceis non fixeron outra cousa que reducirse nas últimas décadas sen necesidade algunha dun grande acordo comercial. Así os EEUU pasaron en 6 anos dun arancel agrícola medio respecto ós produtos europeos dun 9,9% a un 6,6% e na UE pasouse dun 19,1% ó 12,8%. Para poder entende-la magnitude deste dato, digamos que o arancel agrícola promedio no mundo é do 60%.
Se o que desexan as grandes corporacións agroalimentares, a través do TTIP, é que un produto agroalimentar producido, elaborado e comercializado en EEUU poida ser, inmediata e automaticamente, vendido na UE e á inversa, o problema non son ese aranceis. ¿Onde está entón? Nas chamadas “Medidas non arancelarias” ou NTM segundo a xerga da OMC. É dicir, as leis, regulacións ou políticas dun país que afectan a ese produto agroalimentar e que son distintas das doutro país.
E aquí ven a nai do cordeiro, porque en realidade os marcos regulamentarios que afectan a elementos clave da produción, comercialización, etiquetado ou inspección alimentares, son radicalmente distintos entre EEUU e a UE. Entón ¿Como van os negociadores comerciais para o goberno de Estados Unidos e a Comisión Europea a resolver estas diferenzas entre os dous sistemas de regulación?
Non se preocupan, xa o teñen claro. Para iso, dentro das negociacións do TTIP existen dous elementos claves. Un se refire a unha ferramenta e outro a unha estrutura. A ferramenta é a coherencia ou harmonización regulatoria. É dicir, das dous normas, escolla-la menos esixente para as corporacións (que é, ó mesmo tempo, a menos protectora para a cidadanía). A estrutura é o Consello de Cooperación Regulatoria (RCC) e todo parece indicar que é o centro mesmo da estratexia TTIP.
As diferenzas
Existe unha extensa lista da diferenzas entre as normas que afectan á saúde alimentar entre a UE e EEUU e aínda que un artigo non de para máis, podemos destacar algunha das máis importantes.
A irradiación é unha delas. A irradiación é un tratamento baseado na aplicación de radiacións ionizantes, xeralmente electróns de alta enerxía ou ondas electromagnéticas (raios gamma ou X). Non é un “simple proceso de conservación de alimentos” como sempre se lle denomina por parte da industria alimentar. Para facernos unha idea rápida, a dose promedio de irradiación de alimentos (alá onde está permitida) é de 10 Kgy (10.000 Grays) ou que basta con expoñe-la pel a unha irradiación de 10 Grays para perder permanentemente o pelo. Ou que facer que cheguen 8 Grays ós ovarios dunha muller para provocarlle infertilidade. En radioterapia, a dose máxima que se emprega é de 80 Grays. Este tratamento está permitido en EEUU para case tódolos alimentos. A UE sómente o autoriza para as herbas aromáticas secas, especias e condimentos vexetais (se ben é certo que deixa liberdade a cada estado membro para incorporar novos alimentos á lista).
Hai que lembrar que este punto é especialmente preocupante de cara ós consumidores pois a irradiación pode formar substancias tóxicas e canceríxenas. A irradiación produce radicais libres e demais subprodutos. Moi poucos destes produtos químicos foron adecuadamente estudados sobre a súa toxicidade na saúde. Ademais, os alimentos irradiados non están adecuadamente etiquetados e o dereito do consumidor a elixir, con suficiente información, no está suficientemente asegurado. Por último, é coñecido que a irradiación reduce o valor nutritivo dos alimentos. Por exemplo, reduce o contido en vitaminas do alimento, así, a vitamina E pode reducirse nun 25% despois da irradiación e a vitamina C entre un 5 e un 10%.
Outro punto diferenciador entre as dúas normativas que serve para ilustrar de que estamos falando é a lista de plaguicidas autorizados nos dous lados do Atlántico. Aquí se reflicte perfectamente que o TTIP é un convenio de modificación normativa. De entre as numerosas diferencias existentes na lexislación sobre pesticidas, as dúas máis importantes refírense a grande cantidade de pesticidas perigosos permitidos para o seu uso por EEUU pero que están prohibidos na UE, ademais dos distintos niveis de residuos destas substancias que se permiten nos alimentos que se venden ós consumidores nos Estados Unidos en relación coa UE. Os chamados Límites Máximos de Residuos, moito máis protectores na UE que en EEUU.
O tema non é menor xa que estes produtos, por definición, teñen unha alta actividade biocida e poden causar efectos adversos á saúde humana e o ambiente. A iso se debe unir que, en moitas ocasións, presentan unha alta persistencia no ambiente co que os seus efectos se prolongan a longo prazo. Que son substancias de alto risco o sábeno perfectamente os consumidores, como amosan os datos do último Eurobarómetro que preguntou pola cuestión e que indicaba que o 66% dos españois está bastante ou moi preocupado pola presenza de residuos de pesticidas nos alimentos. Un estudo realizado polo Instituto de Comercialización de Alimentos detectou que o 72% dos enquisados os consideraban unha ameaza moi importante para a súa saúde.
Dos dous sistemas regulatorios sobre pesticidas, o que mellor protexe a cidadanía é sen dúbida o europeo, que lonxe de ser ideal, é mellor que o estadounidense. Dicimos lonxe de se-lo ideal porque, por exemplo, cada ano se empregan máis de 40.000 toneladas de plaguicidas (sómente tendo en conta a cantidade de principio activo) no estado español e ese uso intensivo segue xerando denuncias polos efectos sobre a saúde humana como para o ambiente. Por exemplo, un informe realizado por investigadores da Universidade de Valencia e a Universidade Politécnica de Valencia detectou 23 pesticidas diferentes en distintos tramos do río Júcar, entre eles algúns prohibidos.
A avaliación, a comercialización e o uso de plaguicidas (herbicidas, insecticidas, funxicidas, etc.) está fortemente regulada na Unión Europea. A normativa expón un procedemento de avaliación de riscos e autorización para substancias activas e produtos que conteñen ditas substancias. A fin de que poida permitirse a súa comercialización é preciso amosa-la seguridade de cada substancia activa desde o punto de vista da saúde humana, incluído-los residuos na cadea alimentar, a sanidade animal e ambiente. A industria ten a responsabilidade de facilita-los datos que amosen que unha substancia pode ser empregada sen riscos para a saúde humana e o ambiente.
Polo contrario, en EEUU, a seguridade química está regulada pola Lei de Control de Substancias Tóxicas de 1976 (TSCA). En contraste co proceso europeo, que revisa tódalas substancias “antigas ou novas”, a TSCA outorga unha serie de dereitos adquiridos a miles de produtos químicos. Como mostra, basta dicir que a Axencia de Protección Ambiental de Estados Unidos (EPA) requiriu probas de seguridade sómente a 200 dos máis de 80.000 produtos químicos empregados comercialmente. Outra diferencia fundamental é que, no caso norteamericano, requírese unha avaliación completa do risco por parte das autoridades gobernamentais cousa que, na práctica, sitúa a responsabilidade e a carga de demostrar que unha substancia non é nociva para a poboación ou o ambiente na administración, en lugar de nas industrias. Iso ten profundas implicacións prácticas que, finalmente, tradúcense nunha grande cantidade de plaguicidas que circulan libremente polo mercado estadounidense sen que exista a suficiente certeza de que non supoñen un risco para a saúde ou o ambiente.
O RCC
Estes son só dous exemplos do obxectivo que marca o tratado de harmonización de estándares, que na práctica é a devaluación do sistema de garantías europeo actual, para favorece-los intereses de grandes corporación. Pero como diciamos, o auténtico perigo deste acordo radica na nova estrutura de toma de decisións que se pretende incrustar na UE.
Aspectos como os transxénicos, a produción gandeira hormonada ou a autorización de plaguicidas catalogados como perigosos son o que poderiamos chamar temas-alerta, aspectos que, cando se tocan, espertan o rexeitamento case automático da cidadanía.
Isto, obviamente, sábeno tanto a industria como os negociadores comerciais. Se sae á luz un acordo que autorice a comercialización e non etiquetado dos alimentos transxénicos ou o engorde de tenreira con implantes de estradiol ou pesticidas con risco para a saúde, entón, o soño corporativo acaba. Por esa razón, revelar detalles das negociacións e presentalo como o que é, un enorme paquete desregulatorio, un ómnibus no que viaxan as normas que se vai despeñar, e que pareza un accidente, podería ser politicamente perigoso para os negociadores, as corporacións e, de rebote, para os gobernos que a avalan, xa que podería dar lugar a un rexeitamento de todo o paquete pola cidadanía e incluso polos parlamentos estatais.
Os grupos de presión empresariais de ambos lados do atlántico e os seus representantes políticos son perfectamente conscientes das complicacións políticas deste tipo de acordo. Atopámonos ante un dilema. ¿E cal é a resposta que se atopou? A resposta se chama “cooperación regulatoria”. Que se traduce en “toquemos pouca cousa agora pero deixemos todo a punto para cambia-las normas despois, lentamente, ás escuras e a soas”.
O Acordo e a cláusula de Cooperación regulatoria deseñan un complexo entramado que permitirá que se tomen decisións sen control público real e con tódalas portas abertas para o lobby empresarial. As empresas participarán desde o inicio do proceso, moito antes de calquera debate público e democrático e terá unha excelente oportunidade para desfacerse de importantes iniciativas para mellora-los nosos estándares de alimentos ou protexe-los consumidores. En esencia, a proposta permitiría ós grupos de presión empresariais a “co-escritura” lexislativa.
A nosa saúde só é un obstáculo para os seus beneficios, e corre presa.
Javier Guzmán e Ferran García, membros de VSF Xustiza Alimentar Global
Fonte: http://noalttip.blogspot.com.es/2015/02/la-insoportable-molestia-de-nuestra.html#more