ESTE MECANISMO DE ARBITRAXE ATÓPASE EN 3.000 ACORDOS
ISDS, cando o árbitro é xuíz e parte
Os tratados de libre comercio da UE con EEUU e Canadá inclúen o mecanismo ISDS, que permite ás multinacionais denunciar ós Estados cando as súas regulacións lles prexudican.
Algo parecido, con consecuencias moito máis graves para as poboacións, ocorre co ISDS (solución de controversias inversor-Estado), un mecanismo de arbitraxe presente nos tratados bilaterais de inversión (TBI) e en moitos tratados de libre comercio (TLC) que permite ós inversores estranxeiros denunciar a un Estado ante un tribunal de arbitraxe privado cando sentan que algúns dos seus “dereitos” foron vulnerados, por exemplo, polo cambio dunha lexislación que afecte ós seus beneficios presentes ou futuros. Este mecanismo tamén está previsto no tratado de libre comercio UE-Canadá (CETA), pendente de aprobación no Parlamento Europeo, e no que se está a negociar a porta pechada entre a UE e Estados Unidos (TTIP).
“Son unha ferramenta de chantaxe” e poden levar a que os Estados se absteñan de regular sobre certos aspectos
Desde que en 1959 Alemaña firmara o primeiro TBI con Paquistán, estes fóronse multiplicando, principalmente a partir dos anos 90, á calor da expansión das políticas neoliberais, ata acada-los 2.811 actuais. Todos eles inclúen o ISDS, que comezou a incorporarse tamén en moitos TLC a partir do Nafta, asinado entre EEUU, Canadá e México en 1994. E foi precisamente a partir da aplicación do Nafta cando se disparou o uso do ISDS por parte de inversores. Se en 1997 había 19 casos coñecidos de denuncias, hoxe achéganse as 600.
Pero poden ser moitos máis, xa que o sistema de arbitraxe faise a porta pechada e, como explica Luis Rico, coordinador do Proxecto de Tratados e Inversións de Ecoloxistas en Acción, “se unha das dúas partes pide que non haxa comunicación, non haberá. Trátase dun proceso pouco transparente e sen control cidadá”. Ademais, é un mecanismo unidireccional: só a empresa estranxeira pode denunciar ó Estado ante este tribunais, e non ó contrario, aínda que estas corporacións violaran dereitos humanos ou lexislación ambiental ou laboral.
Nos últimos anos, moitos foron os Estados que se viron obrigados a desembolsar sumas inxentes de cartos públicos a multinacionais que os denunciaron amparándose no ISDS. Como Ecuador, que pagou en 2012 a maior cantidade ata o momento, 2.300 millóns de dólares, a Occidental, unha compañía petroleira estadounidense, despois de que o tribunal de arbitraxe decidira que por fin ó contrato desta petroleira equivalía a unha expropiación a pesar de que a empresa violara o contrato. Ou Eslovaquia, que se viu obrigada a pagar á empresa aseguradora Achmea 29,5 millóns de euros, o equivalente a todo o seu orzamento en Sanidade, cando o novo goberno electo decidiu reverte-lo proceso de privatización do sistema sanitario. Mentres tanto, Exipto espera o resultado arbitral despois de que a empresa Veolia denunciara en 2013 ó Estado por sentirse prexudicada polo aumento do salario mínimo.
“O TTIP da pé a que nos unamos tódalas loitas que nos opoñemos a recortes e privatizacións”
Alejandro Teitelbaum, avogado diplomado en Relacións Económicas Internacionais, incide en que “trátase dunha “feudalización” do dereito”, dun dereito corporativo oposto ó dereito público nacional e internacional, que funciona no interese exclusivo do grande capital transnacional e dos Estados ricos e en detrimento dos dereitos fundamentais dos Estados chamados periféricos e dos seus pobos”. Erika González, de OMAL, engade que se produce “un desequilibrio entre a empresa transnacional, que ten recursos importantes para levar adiante estas denuncias, e Estados que non teñen tantos recursos”. Os países periféricos son os máis demandados, “tamén cando tomaron medidas políticas acordes coas demandas da cidadanía”. Segundo os datos coñecidos, o 65% destas denuncias foron lanzadas por multinacionais de EEUU e a UE.
Arrefriamento regulatorio
Teitelbaum explica que este mecanismo “comporta a renuncia á facultade soberana dos Estados de adoptar decisións de política nacional relacionadas co interese xeral sen interferencias estrañas”, e engade que “os Estados perderon o seu poder de decisión nas políticas nacionais e non poden adoptar medidas lexislativas, por exemplo, de protección ambiental ou en materia fiscal ou laboral porque o investidor, e incluso o futuro investidor, pode reclamar indemnizacións”.
Unha das peores consecuencias destes ataques é, tamén segundo Luis Rico, que, aínda que este tribunais non poden decidir sobre a lexislación dun Estado, “realmente son unha ferramenta de chantaxe moi potente contra toda regulación, e poden levar a un arrefriamento regulatorio”, é dicir, a que os Estados se absteñan de impulsar políticas e cambios lexislativos por medo a seren denunciados. Vemos un exemplo en Uruguai, que rebaixou as súas advertencias sobre os perigos do tabaco aínda antes de que se puxera en marcha o proceso de arbitraxe iniciado pola tabaqueira Philip Morris. Ou en Suráfrica, que rebaixou dun 10% a un 1% a porcentaxe dos beneficios que as mineiras debían aportar á poboación máis desfavorecida despois de seren denunciados por dúas empresas mineiras.
“Suráfrica viuse obrigada a rebaixar dun 10% a un 1% a porcentaxe dos seus beneficios que as mineiras debían aportar á poboación máis desfavorecida”
Ademáis, estes “xuízos” non se realizan tendo en conta as lexislacións nacionais. É máis, segundo Álvaro de Regil, coordinador da Alianza Global Jus Semper, “desfanse das xurisdicións nacionais” e “teñen un trazo total en favor das empresas”. Os tribunais “son privados, non suxeitos a control, e neles non existe posibilidade de apelación” explica Rico. De feito, o tribunal máis importante deste tipo, ó que recorren a maioría das multinacionais, chamado CIADI, é dependente do Banco Mundial. Segundo Regil, quen “están ó control” nestes procesos “son os investidores institucionais dos mercados financeiros, quen á súa vez son donos das transnacionais e quen se encargan de cabildea-los tratados en segredo, como sucede agora nos casos do Acordo Transpacífico (TPP) e da Asociación TransAtlántica (TTIP)”.
“Os árbitros pertencen a unha camarilla de dez bufetes, e poden actuar ás veces coma conselleiros de multinacionais, outras como fiscais, como árbitros… poden ser xuíces e parte. Ademais, non teñen ingresos fixos como xuíces, senón que gañan polo número de casos, uns miles de euros á hora, así é que están interesados en que haxa moitos casos, e para que haxa moitos casos os investidores teñen que ter moitas expectativas de gañar” engade Rico.
Aínda que segundo a Conferencia de Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento, as empresas gañaron un 31% dos casos, estes con só os coñecidos, e, ademais, noutro 27% dos casos a decisión final foi “acordada” e non se fixo pública. Estes “xuízos”, ademais, son altamente custosos, cunha media de oito millóns de euros, e os cartos gastados polo Estado na súa defensa non poden ser recuperados.
Aínda que a decisión destes tribunais non é recorrible, nos últimos anos diversos países, principalmente os do sur e en maior medida aqueles que están recibindo un maior número de denuncias por aplicar políticas que limitan o poder das multinacionais, buscaron fórmulas para enfrontarse ás súas decisións. De momento, Arxentina, o país que máis procesos de ISDS sufriu, foi o único que se negou a pagar. Outros Estados, como Bolivia, Ecuador ou Venezuela, explica Rico, abandonaron o CIADI, e estes países, xunto con Suráfrica e Indonesia, deixaron de anova-los seus tratados bilaterais de inversións. Pola súa banda, India conxelou os que tiña en negociación.
A ameaza do TTIP
Os países da UE firmaron máis de 2.000 tratados que inclúen esta cláusula, pero tamén empezaron a sufrila. Un exemplo paradóxico é o de Alemaña, pioneira na creación deste mecanismo e que agora podería converterse unha das súas vítimas. Despois de que o Goberno alemán decidira o peche da súa industria nuclear tra-lo desastre de Fukushima en Xapón, Vattenfall, unha corporación sueca que opera dúas plantas nucleares en Alemaña, denunciou a este país e reclámalle unha compensación de 3.700 millóns de euros, a maior da historia. Quizais por iso Alemaña é un dos sete países que agora din oporse a este mecanismo tanto nas negociacións do TTIP con EEUU como en relación ó CETA con Canadá, acordo que ameazaron con non ratificar se segue mantendo o ISDS.
Para Marina Albiol, eurodiputada de Esquerda Plural e do grupo Esquerda Unitaria Europea, que organizaron en decembro unhas xornadas contra o TTIP no Europarlamento en Bruxelas, “o ISDS é a parte máis importante do tratado porque é un aviso a navegantes. Calquera política que intente por recursos ó servizo das maiorías exponse a denuncias das multinacionais. É un secuestro total da democracia”. Ante as críticas contra este sistema, a UE lanzou en marzo unha consulta pública á que responderon 150.000 persoas, das que máis de 131.000 amosáronse contra o ISDS. Seungo Albiol, “non abonda cunha consulta vía internet, debe haber referendos vencellantes para que a poboación poida decidir se quere ou non o TTIP”, e engade que “para acadar unha maioría de parlamentarios en contra precísase mobilización na rúa, presión ós partidos e ós gobernos, un movemento que faga que os eurodiputados se opoñan”.
“[O ISDS] é un secuestro total da democracia”, di a eurodiputada de Esquerda Plural Marina Albiol
Antes as denuncias públicas contra este sistema e a oposición de certos países, entre os que non se inclúe España, a UE anunciou certas modificacións no mecanismo ISDS. “A UE está facendo unha campaña tremenda e incluso recoñece que é un mecanismo custoso e unidireccional, e é certo que fixeron algunhas reformas, pero quedan moitos fíos soltos polos que as multinacionais poden seguir incidindo sobre a regulación dos países” explica Luis Rico.
En calquera caso, segundo os entrevistados, o ISDS non é máis que un dos mecanismos perversos incluídos no TTIP, CETA e outros tratados de libre comercio. En palabras de Albiol, estes tratados “poñen ó pobo ós pés das multinacionais. Falamos de reduci-las regulacións e elimina-las que prexudiquen ás multinacionais, protexer menos o medio ambiente, os dereitos laborais, os servizos públicos, a seguridade alimentaria ou a agricultura. Pero, aínda que consigamos paralo, hai que vixiar que non metan pola porta traseira as políticas que mana del”.
Luis Rico considera que “o TTIP non é nada novo baixo o sol, senón unha ferramenta forte que reforza os recortes da troika. Non está cambiando nada, senón reforzando políticas actuais, pero isto nos da un marco de loita global porque toca tódalas loitas: a ambiental, o fracking, os transxénicos, as políticas municipais, os movementos en defensa de servizos públicos, e, igual que o Acordo de Libre Comercio das Américas supuxo un marco global para a unión dos movementos sociais de América Latina, o TTIP da pé a que nos unamos tódalas loitas que nos opoñemos a recortes e privatizacións”.
O TTIP e a cooperación regulatoria
un dos punto previstos polo TTIP é a “cooperación regulatoria”, que, en palabras da Comisión Europea é “unha importante ferramenta para axudar a desmantela-las barreiras regulatorias existentes e a evitar que xurdan novas”. Na práctica, esta “cooperación”, como denuncian as organizacións da sociedade civil, provocará por unha banda unha regulación á baixa a nivel social ou medioambiental, a harmonizarse as lexislacións segundo o interese das corporacións. Pero ademais permitirá ás multinacionais e ós lobbies, a través da súa participación no Consello de Cooperación Regulatoria, premer permanentemente, unha vez aprobado o TTIP, para modificar regulacións ó longo dos anos.
Tratados a grande escala ameazan os países
Paralelamente ás negociacións sobre o TTIP e o CETA, este último xa finalizou e á espera de ser aprobado, 50 países, incluídos os da Unión Europea e Estados Unidos, negocian un acordo sobre o comercio dos servizos (TISA, polas súas siglas en inglés). Ó igual que o TTIP e o resto de tratados en negociación, o TISA está envolto en opacidade, pero prevese que, de ser aprobado, provoque a privatización masiva de servizos públicos en tódolos países que o subscriban. Paralelamente, Estados Unidos negocia outro tratado a grande escala con 12 países do Asia-Pacífico, o TPP, que abrirá máis as súas fronteiras ós intereses das transnacionais.
Orixinal: https://www.diagonalperiodico.net/global/25091-isds-cuando-arbitro-es-juez-y-parte.html