Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Marzo: Infraestructuras públicas

02/03/2013
By

QUE SON AS GRANDES INFRAESTRUTURAS PÚBLICAS?

Son aqueles instalacións e servizos de base que se precisan para desenvolver e vertebrar as actividades e servizos dun territorio, así como o territorio mesmo.

O capital privado non sempre tivo capacidade absoluta para facerse cargo de tódolos eidos da vida económica. Nalgúns sectores que precisaban fortes inversións ou que, pasadas unhas inversións iniciais, novas necesidades esixían montantes de cartos que escapaban á súa capacidade ou non prevían os beneficios suficientes, foron os gobernos dos diferentes estados quen cos seus propios recursos públicos acometeron as inversións. Desta forma apareceron empresas públicas que monopolizaban o transporte ferroviario ou aéreo, as telecomunicacións ou o subministro eléctrico. Estas infraestruturas pasaron a formar parte do patrimonio colectivo, ate que o matrimonio Thatcher-Reagan abriu a porta ao fenómeno privatizador no mundo capitalista. Así pois, progresivamente, os diferentes gobernos foron poñendo en mans privadas os valiosos bens que foran construídos co esforzo de todos.

PROCESOS E PORQUÉS DA PRIVATIZACIÓN ACTUAL DAS INFRAESTRUTURAS PÚBLICAS:

TELECOMUNICACIÓNS

As razóns esgrimidas para a privatización das telecomunicacións xiraban en torno á competencia e eficacia. Para baixar ao concreto, no Estado Español temos o caso de Telefónica. A empresa, creada en 1924 e nacionalizada dende 1945 pola necesidade do estado de aumentar a capacidade das liñas telefónicas, foi privatizada posteriormente en dúas quendas, en 1995 (goberno do PSOE) e en 1999 (goberno do PP), aínda que o proceso iniciárase en 1988, coa Lei de Ordenación das Telecomunicacións, como parte do programa de privatización das grandes empresas públicas impulsada dende Bruxelas. Os obxectivos que se establecían eran: a supresión de milleiros de postos de traballo e a precarización dos traballadores que quedasen na empresa (peores salarios, condicións de traballo e subcontratación). En moi pouco tempo, unha empresa con 80.000 postos de traballo estables, atopouse agora con menos de 20.000, nun alto número, precarios.

Asemade, ao privatizar nunha mesma empresa as infraestruturas e o servizo, xerouse un monopolio privado que, lonxe de favorecer a competencia entre empresas, permitiu á nova empresa privatizada facer negocio coa infraestrutura construída e sostida con diñeiro público. O resultado da privatización das telecomunicacións foi que no Estado Español a relación prezo/calidade, neste sector, sexa das peores no planeta. A súa privatización, polo tanto, tan só serviu para favorecer aos empresarios, e á casta política emparentada con eles, que se fixeron co seu control.

TRANSPORTE

Estradas, liñas férreas, liñas aéreas… O esforzo por parte da maioría dos estados para dotarse de infraestruturas que puidesen dar servizo ás novas necesidades en transporte de mercadorías cristalizou en empresas públicas, ou na posterior privatización de emprrenfessesas privadas quebradas (o Metro de Madrid, por exemplo). No Estado Español as máis destacadas foron RENFE no ferrocarril (ate 2017 as súas herdeiras seguirán a ser públicas) e Iberia, absorbida por British Airways.

Pero non só se privatizan grandes compañías públicas. Tamén as estradas, túneles e outras infraestruturas do transporte rodado construídas co esforzo público poden, e están a ser postas, en mans de empresarios privados que cobran peaxe a cambio do mantemento. Incluso, como sucede nas autoestradas madrileñas de recente construción, a xestión privada é tan deficitaria que o Estado ten que intervir con diñeiro público para socializar as súas perdas. Varias veces. É o negocio redondo das privatizacións: se saen ben, un grupo de empresarios capitalistas e corruptos da casta política farán medrar as súas carteiras; se saen mal, o diñeiro público amortizará a súas perdas. Precisamente nestes días estamos a comprobar un dos efectos das privatizacións, nun caso moi semellante ao exposto máis arriba con Telefónica: o despedimento masivo emprégase como medio para gañar rendibilidade, aínda que sexa a costa do servizo.

SUBMINISTRO ENERXÉTICO

No Estado Español o proceso de privatización do subministro enerxético data de 1988, e acelérase durante o goberno de Aznar. Incluso unha institución non afeita a levantar a voz coma o Tribunal de Contas alertou do escuro proceso de privatización de ENDESA, Rede Eléctrica Española e REPSOL. Un novo exemplo da alianza de grandes empresarios e o poder político en prol do beneficio económico.

E de novo, a privatización do sector enerxético non só non redundou no beneficio do interese xeral, senón que converteu as clases populares nas vítimas dunha escalada de prezos froito de decisións amparadas no beneficio duns poucos. Que a xestión privada é deficitaria e supón un custe engadido para os consumidores, quedou máis que comprobado con este exemplo. Neste caso, asemade, dáse a ironía de que unha antiga empresa pública como ENDESA está controlada por unha empresa pública italiana (ENEL). O resultado final que podemos observar é que a enerxía, aspecto fundamental para a sociedade, está en mans de mercaderes que só buscan o rendemento económico.

QUE PODES FACER TI?

En breve todas as infraestruturas pasarán a estar baixo dominio privado. Isto implica que a finalidade última será a de facer negocio e, polo tanto, que non todo o mundo teña acceso a elas. A defensa e consecución das infraestruturas, bens e servizos públicos, pasa pola presión social; polo combate nas rúas. O novo modelo de sociedade cara ao que queremos camiñar dependerá da nosa capacidade de conquistalo a través da loita de cada un e cada unha de nós.


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!