Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Menores trans, invisibles e sen dereitos / Patricia Reguero

12/06/2015
By

Menores trans, invisibles y sen dereitos

Patricia Reguero

Algunhas persoas senten e expresan na súa infancia identidades sexuais diferentes ás que lles asignaron ao nacer. O sistema ignóraos mentres as familias loitan para que se recoñezan os seus dereitos.

tomboy

Fotograma da película Tomboy, dirixida por Céline Sciamma, en 2011. Outros filmes recomendables son Ma vie en rose (Alain Berliner, 1997) ou o corto Vestido novo (Sergi Pérez, 2008).

“No momento en que somos capaces de nomearnos”, contesta a sexóloga Almudena Herranz cando se lle pregunta a que idade pode unha persoa expresar a súa identidade sexual. Patrick fíxoo aos dous anos. Eli ao tres. “Cando poden empezar a nomearse falan de si mesmxs no xénero que lles resulta máis afín ao que senten”, explica Herranz. “Algúns/algunhas son moi directxs e empezan a dicir que son nenos ou nenas aínda que todo o mundo pense o contrario”.

Os e as menores transexuais, nenos ou nenas cuxa identidade sexual non coincide co sexo asignado ao nacer en función dos seus xenitais, non existen na estatística. Pero “xs nenxs falan e, cando o fan, temos que escoitalxs”, explica Violeta Herrero, nai de Eli, vicepresidenta de Chrysallis Madrid e coordinadora do grupo de pais e nais do Colectivo de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais de Madrid (Cogam). A súa filla díxolle moi pronto que, a pesar de ser clasificada como neno ao nacer, era unha nena. Na súa familia empezou un proceso de transición. “Cando empezas a deixar que a túa filla sexa ela mesma óuvela rir, ves que, no seu caso, terminan os terrores nocturnos, non lle dan rabechas, non a ves decaída… ves que é unha nena moito máis feliz”. “Deixándolles que se expresen sabemos que mellora o seu estado de ánimo, e calquera familia relátao: empezan a relacionarse doutra maneira coa xente, a estar sorrintes”, explica Herranz.

Pola súa banda, Saida García, presidenta na Comunidade de Madrid da asociación de familias de menores transexuais Chrysallis, sinala que é o que máis demandan as familias. “A primeira necesidade das familias con menores transexuais é a información, e con esa información podes facer un mellor acompañamento”. A asociación Chrysallis dá cobertura a unhas 150 familias e responde cada día dous ou tres mails de nais ou pais que se fan preguntas e non atopan respostas. Nalgúns casos, di Saida, simplemente trátase de pais e nais que detectan actitudes non normativas nos seus fillos e fillas. A psicóloga feminista experta en terapias de xénero Cristina Garaizábal, cunha longa traxectoria xunto a persoas transexuais, pide prudencia para non etiquetar ás persoas antes de tempo e condicionar o seu desenvolvemento. Saida insiste en que nunca quixo condicionar á súa filla, senón que procura que ela teña “toda a información”.

Poñer nome

“Moitas veces os pais e as nais o que relatan é que pensaban que os seus fillos ou fillas eran máis masculinos, ou máis femininos, ou cren que se trata de que son gais ou lesbianas; a capacidade de explicación chega até aí”, di Herranz. “Explícanche que o seu fillo é sensible, ou que a súa filla é marimacho pero, un neno transexual?… quedan sorprendidos”. Pór nome forma parte dun proceso complicado no que xs menores transexuais e as súas familias enfróntanse a un sistema para o que son invisibles. As familias de Chrysallis quéixanse das trabas para cambiar o nome dos seus fillos e fillas no rexistro. Pero hai fendas: os pais de Eli buscaron un nome unisex para poder facer o cambio de nome e ser oficialmente quen xa era na súa vida cotiá. A familia de Patrick espera poder facer pronto a rectificación rexistral de sexo e nome.

O sistema de saúde tampouco é capaz de dar cobertura aos e ás menores transexuais. Violeta e Eli “coáronse” na unidade de xénero da Comunidade de Madrid. Eli, explica a súa nai, era entón a paciente máis pequena e acoden á unidade regularmente para deixar constancia do seu caso, algo que en teoría lle facilitará nun futuro o acceso a outros recursos se así o desexa. Na unidade do xénero, a sensibilidade é pouca, como xa indica o seu nome: Unidade de Transtornos de Identidade de Xénero (UTIG). Non hai pediatra nin persoal médico especializado en menores transexuais. A Eli, ir ver ao seu endócrino parécelle “un rollo”, explica a súa nai. “Dáse por feito que quen vai alí é porque quere operarse e non se atende ningún outro aspecto”. De feito, non todas as persoas transexuais pensan en someterse a unha operación de reasignación de sexo. Segundo Violeta, a súa filla expresou inquietude desde moi pequena: “Preguntaba ao seu irmán por operacións, preguntábame cando lle ía a crecer a barba”. Despois do cambio de nome, explica a súa nai, Eli relaxouse. “Creo que foi aceptando o seu corpo cada vez máis, e que lle inflúe saber que hai outras nenas como ela”.

Patrick, que ten 12 anos e vive nun pobo de Huesca, empezou a tomar bloqueadores hormonais fai catro meses. Faino nunha clínica privada de Barcelona, despois de que o sistema público da súa comunidade autónoma denegásellos. “Foi dificilísimo”, conta a súa nai, Natalia Aventín, presidenta de Chrysallis a nivel estatal. “Estaba preocupada porque o meu fillo estaba a deixar de facer cousas como ir á piscina ou facer deporte; dende que está cos bloqueadores está ben… adolescente, pero ben”.

Segundo Chrysallis, o criterio de acceso a este recurso, que serve para frear o desenvolvemento dos caracteres sexuais secundarios e pódese utilizar na puberdade se o desexa x menor e os pais consenten, non está definido e na práctica depende da vontade dx médico. “O problema é que neste país hai un descontrol total. Hai sitios onde non se dan hormonas até os 18 anos, nin tan sequera danse aos 16, cando se poderían dar co permiso paterno ou materno. Noutros sitios, danse bloqueadores na adolescencia. Iso demostra como nin a propia comunidade profesional que se adica a estes asuntos ponse de acordo en relación aos bloqueadores. Eu creo que hai casos nos que son necesarios… A norma sería analizar cada caso en concreto”, di Garaizábal.

Chrysallis pide unha lei que protexa aos e ás menores transexuais. “As necesidades son moi básicas e o que debería incluír unha lei para xs nosxs menores xa está recollido na Constitución e nos Dereitos dx Nenx: non é outra cousa que o dereito ao libre desenvolvemento da persoa, que non se respecta”, di Natalia Aventín. “Que non se lle exclúa do sistema sanitario ou a libre identidade son dereitos fundamentais”, apunta.

As familias destes nenos e nenas cren que xs seus/súas fillxs son valentes e afirman que ter un/unha fillx transexual enriqueceu as súas vidas. “Fíxome crecer como persoa e ensinoume a diversidade”, di Violeta. “Se isto non me pasara, morrería ignorante”, explica Natalia. “Creo que estamos nunha situación na que, por primeira vez, as familias apostan polo que di o rapaz ou a rapaza”, conta Almudena Herranz. “Estxs peques teñen en primeira liña de apoio aos seus pais, ás súas nais, aos seus irmáns. As vivencias que van ter son moi diferentes ás que tiveron as persoas transexuais que hoxe son adultas”.

Fonte: https://www.diagonalperiodico.net/cuerpo/24379-menores-transexuales-invisibles-y-sin-derechos.html


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!