Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Mobilización contra o “atentado á democracia” que supón o TTIP

11/10/2014
By

3195ea43d5e81ba0ebab756e1b74f615c481d3f8O TTIP, o Tratado Transatlántico de Comercio que están negociando Estados Unidos e a UE dende hai meses, é sinalado por entidades sociais, economistas e forzas políticas de esquerda como unha ameaza os dereitos sociais e laborais existentes en Europa e tamén para certos sectores, por exemplo para a produción agrogandeira. Neste sábado, ao abeiro do Día Europeo de Acción contra o TTIP, varias mobilizacións celébranse en centos de cidades en todo o continente. En Galicia, Ferrol, Ourense e Compostela acolleron xa pola mañá concentracións que se complentarán coa da Coruña da tardiña e cunha charla informativa que se celebrará en Pontevedra á tarde.

Malia a masiva oposición de moreas de colectivos e organizacións de esquerda, a Xunta xa deixou claro a semana pasado que só ve vantaxes e “oportunidades” na sinatura deste tratado. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta, Jesús Gamallo, respondera así no Parlamento a unha pregunta da deputada Tereixa Paz (BNG), sinalando que o tratado “non supón unha ameaza”. “Está ben claro que este tratado vai na liña de favorecer o comercio Transatlántico. Esta é unha negociación ‘win-win’. Ou gañan as dúas partes ou non se aproba o tratado”. Gamallo defendeu que o TTIP representa “unha oportunidade para moitos sectores” da economía galega e que por exemplo vai favorecer a exportación de viños galegos aos Estados Unidos, ou os sectores textil, a automoción ou o conserveiro, grazas á redución dos aranceis.

O director xeral xustificou, ademais, o escurantismo e a falta de información que dende hai un ano caracteriza a estas importantes negociacións. Para Gamallo, “na fase na que nos atopamos esíxese certa reserva na xestión de información, non porque haxa nada oculto ou nada pernicioso”, senón porque se quere evitar “detallar cales son as auténticas liñas vermellas”, pois esa información beneficiaría a outra parte e “devaluaría as contrapropostas europeas”.

Para AGE, o TTIP é eunha “gravísima agresión que se está a negociar de xeito escurantista e que antepón os intereses das grandes multinacionais aos dereitos fundamentais das persoas pasando por riba da propia lexislación dos países”. O tratado vai incluso máis alá xa que no caso de que algunha das leis aprobadas polos distintos países supuxera que determinada empresa non puidera desenvolver a súa actividade polos riscos sanitarios, medioambientais o calquera outra cuestión, “a empresa podería solicitar unha indemnización millonaria polas supostas perdas que suporía non desenvolver a súa actividade nese país, indemnización que tería que pagar a cidadanía a través das arcas públicas estatais”.

O BNG, pola súa banda, alerta tamén de que o TTIP contitúe “un atentado á democracia”, que antepón o interese das transnacionais aos da cidadanía, con graves riscos para os servizos públicos, “susceptibles de ser privatizados” e para os dereitos laborais. Entre outras cousas, o tratado inclúe un capítulo sobre “protección de investimentos”, que lles outorga aos investidores dereitos para demandar os Estados cando consideren que algunha decisión democrática -realizada por institucións representativas e para o interese xeral- poida ter impactos negativos nas súas ganancias presentes ou futuras.

Ademais, a formación nacionalista  anunciou xa a presentación dunha moción contra o TTIP nos concellos galegos coa intención de declarar os concellos municipios “insubmisos e libres do TTIP, defendendo os servizos públicos básicos para a solidariedade e redistribución social”. As nacionalistas tamén perseguen solicitar do Ministerio de Administracións Públicas “o seu apoio a todas as iniciativas dirixidas a manter o carácter público dos servizos básicos, instar o Ministerio de Economía a que solicite que se faga pública toda a documentación en relación ao tratado, con base no Regulamento 1049/2001 da Unión Europea, e exixirlle ao Ministerio de Economía a suspensión das negociacións do TTIP”.

Fonte: http://praza.gal/movementos-sociais/7996/mobilizacion-contra-o-atentado-a-democracia-que-supon-o-ttip/


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!