Morres coa austeridade? Que che parece un tratado de comercio?
Robert Kuttner
Europa está ó bordo doutro cabeceo que a afunda na deflación prolongada. O crecemento do PIB está flotando arredor do cero. Alemaña, como motor das exportacións, continúa tirando, pero a costa do resto do continente, vítimas das demandas de austeridade nos orzamentos impostas por Alemaña. O euro, que continúa afundíndose fronte ó dólar estadounidense, cámbiase agora a só 1,20 $, o seu nivel máis baixo en catro anos e medio.
O desemprego fora da próspera Alemaña permanece atascado no 12 por cento. Todo isto debilita o centro político que apoia á UE e incrementa o atractivo de partidos de extrema dereita. (Un se pregunta se os líderes europeos se molestaron en le-la súa propia historia. Sábese que cando houbo depresións prolongadas e xente desesperada, pasaron cousas feas nesta parte do mundo.)
A institución que ás veces desafía ó goberno de Angela Merkel en Berlín, o Banco Central Europeo, é un tigre de papel. O xefe do BCE, Mario Draghi, fala moito sobre face-lo que faga falla para ergue-la moribunda economía europea. Pero cando se enredan as cousas, Draghi para lonxe dos agresivos programas de merca de bonos empregados pola Reserva Federal Americana, por medo a contrariar ós alemáns que seguen a pensar que Europa pode deflaciona-lo seu camiño á recuperación.
Entón ¿que lle queda a Europa? Un signo da desilusión dos líderes europeos é que a UE aposta por un acordo de comercio cos EEUU. A chamada Asociación Transatlántica para o Comercio e a Inversión (TTIP). O TTIP non é un acordo de comercio senón unha serie de medidas para promover máis desregulación na economía, finanzas, saúde, traballo, seguridade, privacidade e proteccións ambientais a ambos lados do Atlántico. O TTIP foi deseñado por corporacións para debilita-la protección laboral e gobernamental, e non faría nada para sacar a Europa da súa trampa de austeridade.
Os aranceis e outras barreiras formais entre os EEUU e a UE xa son ínfimas. O conto de que as diferenzas na política regulatoria nacional obstaculizan o comercio (e polo tanto o crecemento) é falso. Antes, cando se lles pagaban soldos decentes ós traballadores en ambas rexións e os banqueiros non xogaban á ruleta coa economía, as regulacións non supuñan un obstáculo para o florecemento do comercio.
Segundo os técnicos oficiais nos que confía a UE, a proxección máis optimista do impacto do TTIP sería un único aumento de arredor de medio punto do PIB. E as presuncións nas que se basea tal proxección son moi dubidosas. Máis probable é que o TTIP afunda o PIB de Europa, ó aumenta-la presión competitiva para recorta-los soldos.
Aínda que o TTIP é un obxectivo principal tanto nas axendas dos líderes europeos como na da administración Obama, a medrante oposición en ambas rexións continúa a atrasalo. En Europa, hai un crecente escepticismo sobre a medida central do acordo, o procedemento de Acordo de Disputas entre Investidores e Estado (ISDS), que lles permite ás corporacións demandar ós gobernos en tribunais especiais fora do sistema xudicial para desafia-las regulacións que supostamente interfiran co libre comercio e os dereitos de propiedade, ou o que é o mesmo, calquera regulación social de calado. Baixo o Tratado de Libre Comercio de América do Norte, NAFTA, modelo do TTIP, as corporacións con sede nos EEUU, Canada e México demandaron con éxito ós tres gobernos para debilita-las regulacións.
A oposición ó ISDS en Europa é tan fera que se considera seriamente non incluír esta medida, aínda que moitos defensores corporativos Norteamericanos desta característica considerarían racha-lo acordo se a perden.
Mentres, nos EEUU, o presidente Obama esperaba que o Congreso aprobase a autorización para o acordo ou ben antes da elección de Novembro ou antes de que o Congreso saínte e dividido marchase para casa. Pero iso non sucedeu. Calquera adiviñaría se o Congreso, controlado polos republicanos está moi ou pouco disposto a darlle a Obama a autoridade que precisa para pecha-lo acordo.
Por outra banda, a América corporativa, o motor principal detrás do TTIP, está ansiosa por remata-lo acordo. Mitch McConnell, o novo Líder Maioritario no Senado Republicano, falou a favor do TTIP xusto despois das eleccións de novembro. O TTIP é o “terreo común” cos seus opoñentes republicanos que descubriu Obama.
Ademais, o desprezo republicano por Obama acadou un punto álxido despois de que o presidente empregase o seu poder executivo para normaliza-lo status dos millóns de inmigrantes e para tenta-la distensión con Cuba. Hai moitos na delegación republicana do congreso que gustarían de negarlle a Obama o éxito dun acordo comercial importante, así como populistas de dereitas ós que non lles gustaría cede-la soberanía estadounidense.
Parece máis probable que se bloquee o TTIP no lado europeo, onde se ve como un esforzo velado para impoñe-los relaxados controis norteamericanos sobre o exceso corporativo dunha Unión Europea cuns membros aínda moi por diante en saúde, seguridade, ambiente e proteccións laborais.
Dado o amplo apoio tradicional de Europa a unha forma máis controlada de capitalismo, queda a pregunta: ¿por que os lideres da UE apoian este pacto e a filosofía que representa?
Parece que existen dúas razóns principais. Primeiro, a desregulación financeira que causou o colapso económico, as políticas de austeridade que o prolongan sen necesidade e a desregulación que encarna o TTIP forman parte dun mesmo paquete ideolóxico. A ideoloxía coñecida como neoliberalismo.
O feito de que o neoliberalismo faiara calamitosamente non perturba ós líderes europeos. Esta loita vai sobre o poder, non sobre probas nin éxito práctico. As corporacións e os banqueiros de ambos lados do Atlántico fan máis cartos cando están suxeitos a menos restricións sociais, aínda que a economía non medre e ducias de millóns de persoas estean no paro.
O segundo motivo para a falsa atracción do TTIP é que o comercio é unha forma práctica de cambia-lo tema. Se a austeridade faiou, falemos doutra cousa. Busquemo-la salvación nun acordo comercial. Pero nin sequera os máis ferventes defensores do TTIP pensan que o acordo proposto supoña máis que unha mínima diferencia para mellor.
A próxima rolda de negociacións (a oitava) espérase en Febreiro. Desexamos que o TTIP caia polo seu propio peso. Entón, quizais os líderes de ambos continentes poidan centrarse nos asuntos económicos urxentes da nosa era: alto desemprego, desequilibrio grotesco entre ingresos e benestar e a necesidade de reconcilia-la sostenibilidade ambiental cun potencial de vida decente para os cidadáns comúns. Dados estes tremendos retos, o foco das elites políticas neste acordo de comercio e peor que ridículo.
Fonte: http://www.commondreams.org/views/2015/01/05/austerity-killing-you-how-about-trade-deal