Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Novembro: A Corrupción

03/01/2015
By

A CORRUPCIÓN

 

“Ninguén pensa, onde todxs lucran; ninguén soña, onde todxs tragan” (José Ingenieros)

 

Que é a corrupción?

Praxis a través da cal solápase, promóvese ou realízase un mal uso do poder público para acadar unha vantaxe ou beneficio ilexítimos, frecuentemente de xeito segredo e privado.

Formas de corrupción serían: clientelismo, portas xiratorias, cooptación, subornos, fraude, lavado de cartos,…

 

Como se orixina?

No mundo actual a corrupción é un dos males endémicos que se percibe en case todas as sociedades. Dous terzos da poboación global considera que vive nun sistema corrupto. 1

A corrupción preséntase de moi diversas formas e en moi diversos eidos, pero hai unha serie de condicións que facilitan a proliferación da mesma:

 

  • A inoperancia práctica das institucións públicas (exceso de burocratización, non control nin seguimento,…).
  • A falla de delimitación entre o público e o privado.
  • A non exitencia dun axeitado ordenamento xurídico.
  • A alta tolerancia social cara a gozar de privilexios privados. Isto fai que se desenvolva unha cultura na que o lucro prevalece sobre o civismo e a ética.
  • A existencia de dinámicas que sosteñen e afortalan unha cultura da ilegalidade, tanto de carácter xeral como acotada a determinados grupos sociais.
  • O enfrontamento entre formas de organización e sistemas tradicionais cunha orde estatal moderna. Isto soe provocar contradicións que se solventan en moitos dos casos a través da corrupción.
  • Situacións concretas que se dan en fendas entre o ordenamento xurídico e a orde social vixente.

 

 

Cales son as consecuencias?

A corrupción afecta á sociedade na que se instala, xeralmente, de xeito transversal. Ningún eido nin grupo social está libre de poder padecer procesos corruptos. Se ben é certo que o desenvolvemento da mesma nun eido determinado non implica necesariamente que suceda o mesmo noutro. As principais consecuencias da corrupción son:

  • Consolidación de elites e burocracias políticas e económicas.
  • Desgaste da credibilidade e lexitimidade dos gobernos e, nalgúns casos, do sistema en xeral.
  • Reprodución dunha concepción patrimonialista do poder. É dicir, os bens, recursos e servizos acábanse entendendo como unha propiedade do goberno e, por extensión, dos gobernantes e os seus partidos.
  • Redución dos ingresos fiscais e impedimento para que os escasos bens, recursos e servizos públicos axuden ao desenvolvemento e o benestar social.
  • Aprobación e modificación de leis e políticas, así como incumprimento de programas sen substento ou lexitimidade popular.
  • Impulso dunha cultura da corrupción  que, ao tempo contribúe, á súa multiplicación.
  • Impulso de dinámica non cooperativas entre as diferentes persoas que conforman a sociedade.
  • Esnaquizamento do medioambiente e dos dereitos sociais a través da non aplicación das leis que protexen estes eidos.

Como se relacionan corrupción e globalización?

A globalización ten activado un mecanismo que serve de saída aos países enriquecidos para seguir medrando a través do neocolonialismo. O neoliberalismo aplica un dobre raseiro ético: hai unha ética interior e outra exterior. Dentro das fronteiras as normas obrigan ao xogo limpo e fóra das mesmas, foméntase a desregulación e a ‘trampa’.

EDITORIAL-DE-LA-SEMANA1

 

Un claro exemplo deste tipo de políticas foi a aprobación da Foreign Corrupt Practices Act por parte dos EEUU en 1977, que buscaba esixir ás empresas privadas norteamericanas unha serie de medidas para evitar a corrupción internacional. Pero esta acabou por non aplicarse apenas porque quedaban en condicións pouco competitivas coas europeas que non tiñan que someterse a ningunha regulación deste tipo. Así que o que sucedeu foi que se desenvolveu un sistema moito máis agresivo onde os países enriquecidos incrementaron os seus intereses en detrimento dos empobrecidos, e onde as regras afastábanse totalmente das consideracións éticas e sociais.

 

Ademais disto os grupos de lobby fan presión para derrogar as normas existentes e xerar marcos legais difusos para que este tipo de procesos sexan “normalizados” á hora do comportamento lexislativo dun país ou, canda menos, que non se controlen. O capitalismo actual busca “legalizar” moitas das prácticas corruptas (portas xiaratorias, clientelismo,…) a través de modificacións normativas concretas ou de acordos totais como poden ser o TTIP ou o TPP.

 

Algúns casos…

A corrupción sacude todo tipo de institucións. Dende os organismos internacionais como o FMI ata os concellos, deputacións e ministerios. Os gobernos perden ata 100.000 millóns de dólares por este tipo de prácticas2 e no mundo móvense ata 2 billóns de dólares en subornos3.

  • A directora xerente do FMI, Christine Lagarde, está imputada no Caso Tapie. Onde se lle acusa de corrupción pola atribución dunha indemnización de 403 millóns de euros ao empresario Bernard Tapie en 2007.
  • Entre 1996 e 2007 Siemens dedicou grandes cantidades de  cartos ao suborno de funcionarixs de gobernos corruptos e multinacionais apra acadar contratos por todo o mundo. Ao final do proceso a empresa tivo que pagar 1,6 billóns de dólares. A máis alta da historia moderna.
  • Caso Gurtel (2009-hoxe). Trama de corrupción ligada ao Partido Popular que ten ao redor de 120 imputadxs. O tesoureiro do PP daquela chegou a ter 22 millóns de euros en contas de Suíza).
  • Operación Pokemon (2012-hoxe). Investígase a trama para a obtención de concesións e contratos públicos de xeito irregular en varios concellos galegos. Hai máis de 30 imputadxs e salpica a políticos do PPdeG e do PSdeG

 

…e loitas activas.

Ademais dos procesos abertos polas institucións, hai milleiros de inicaitivas, proxectos e campañas que se ocupan deste tema. Así pois pódense destacar:

  • Organizacións permanentes. Realizan estudos sobre a transparencia e a corrupción, así como tamén inician campañas de sensibilización ou en contra de determinadas situacións e casos. Un exemplo claro neste eido é Transparencia Internacional que, entre outras cuestións, elabora o Índice de Corrupción Internacional, onde se clasifican os países atendendo ao seu nivel de corrupción.
  • Campañas e accións específicas. Son campañas cun carácter reivindicativo que buscan sensibilizar pero en maior medida denunciar e visibilizar aos responsables. El cobrador del chandal foi un exemplo disto. Baseábase en facer un seguimento aos/ás corruptxs publicando a súa ubicación a través das redes sociais.
  • Ferramentas web específicas. Son espazos que están en internet e que buscan fundamentalmente aglutinar información sobre o problema, sensibilizar e concienciar á poboación sobre as consecuencias e causas da corrupción. Exemplo claro disto sería corruptil.com que é unha web onde se pode obter información e depositala.

 

E ti que podes facer?

Evita todo tipo de tratos clientelares e de favor no teu día a día. Só consigues indirectamente seguir fomentando esa cultura que logo se reproduce cando se ten un cargo de responsabilidade. Infórmate e informa ás persoas da túa contorna. Actúa e denuncia as actitudes e os actos que coñezas. Participa en accións, iniciativas e campañas que confronten a corrupción e pula por sistemas nos que a transparencia sexa un dos alicerces centrais.

 

Fontes:

  1. http://www.transparencia.org.es/IPC%C2%B4s/IPC_2013/Nota_de_Prensa_IPC_2013.pdf
  2. http://eleconomista.com.mx/economia-global/2014/11/17/g20-acuerda-plan-evitar-offshore-fiscal
  3. http://www.delitosfinancieros.org/atacar-la-corrupcion-poniendo-fin-al-secreto-en-torno-a-la-propiedad-de-las-companias/

Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!