Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Novembro: Dereitos Humanos

14/11/2013
By

Que son os dereitos humanos?

Os dereitos humanos son unha convención social que proclama a dignidade de tódalas persoas en base a unha única razón, a súa condición humana.

Así, de forma xurídica, defínese a relación de cada individuo e colectivos coa sociedade universal á que pertencemos.

Os dereitos humanos procuran fixar uns criterios fundamentais e universais que aseguren a dignidade, liberdade e realización de todas as persoas por riba de condicionantes particulares (orixe, relixión, sexo, raza, cultura, opinión política, posición económica,…)

Como se enuncian os dereitos humanos?

A enunciación dos dereitos humanos é algo relativamente recente, que aínda non está asumido universalmente.

A existencia duns dereitos para todas as persoas, aparece unha vez a concepción humanista da realidade desterrou á relixiosa. Inicialmente, este “humanismo” só abranguía a unha minoría (quedaban fóra as mulleres, as razas e pobos considerados “inferiores”, as persoas cunha sexualidade que non fora a heterosexual,…)

  • Primeiramente os “dereitos humanos” (ou naturais) tan só eran un concepto filosófico que servía de “fonte de dereito” para os diferentes estados occidentais.
  • Posteriormente (finais do século XIX) comezou a haber acordos internacionais polos cales se estipularon algúns dereitos comúns a xentes de diversa nacionalidade.
    • O primeiro caso significativo foron as “Convencións de Xenebra”: que fixaba unha mínima dignidade para os cativos de guerra e, xa en 1927, a prohibición da escravitude nos países asinantes.
  • Pero haberá que esperar á fin da II Guerra Mundial para comezar a enunciar os dereitos humanos dun xeito universal. En 1948, os estados integrantes daquela da Asemblea Xeral da ONU formularon a “Declaración Universal dos Dereitos do Home”(DUDH).

Críticas á Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

  • Non Pluralidade, só se enfoca dende unha óptica. A DUDH, aínda que se pretende universal, é filla do seu tempo e dos seus pais, os Estados-Nacións que venceron na II Guerra Mudial. A DUDH so foi redacta polos representantes duns poucos paises (18) e aprobada por uns poucos máis (48)… a maior parte do mundo era daquela unha colonia dos países occidentais (India, África, Indochina…) ou títeres das potencias vencedoras (China, Libano, as dúas coreas, Europa do leste…)… así por exemplo a DUDH non recoñece o dereito a autodeterminación dos pobos.
  • Independencia dos Bloques. Posteriormente, en 1955, a Conferencia de Bandung enunciou o dereito dos países á súa independencia respecto á xeopolítica de bloques.
  • Androcentrismo. O texto da Declaración de 1948 mudou o nome, pasando a ser a “Declaración Universal dos Dereitos Humanos”.
  • Defensa do Estado-nación por riba de todo. Ultimamente, no s XXI, tamén se ten centrado a visión nos axentes que enuncian os dereitos humanos. A “Declaración Universal de Dereitos Humanos Emerxentes”, fixose tendo en conta as propostas, non dos estados-nación, senon das persoas / da sociedade.

Cales son os dereitos humanos?

Na DUDDH se recolleron moitos dos dereitos humanos básicos como son:

  • Á vida e a integridade física.
  • Á presunción de inocencia, a igualdade ante a lei, a un xuízo xusto e imparcial e á non aplicación retroactiva das leis.
  • Á propiedade individual e colectiva.
  • Á liberdade de conciencia e expresión.
  • A liberdade de asociación, sindicación e participación política.
  • A ter condicións de vida dignas (alimentación, vivenda, vestido, saúde, asistencia médica,…).
  • Ao traballo, a seguridade social e ao descanso.
  • Á educación fundamental gratuíta;…

Como se garanten os dereitos humanos?

Trala DUDH demostrouse deseguido que a simple enunciación dos dereitos humanos é insuficiente para conseguir a dignidade das persoas; é precisa unha acción social e política. Por esta razón a ONU iniciou un proceso para que existise un mecanismo vinculante.

  • Así pois, en 1966, enunciáronse os “Pactos Internacionais polos Dereitos Economicos, Sociais e Culturais” (PIDESC) e o “Pacto Internacional polos Dereitos Civis e Políticos” (PIDCP). Pactos nos que por fin, entre outras cousas, a ONU recoñecía o dereito á autodeterminación dos pobos e a prohibición da pena de morte. Estes pactos entre os Estados incluían uns protoclos para garantir o cumprimento dos diferentes tipos de dereitos humanos dentro dos seus territorios, e un “Comité de Dereitos Humanos” supraestatal para observalo.
  • Pero non foi ata 1976 en que por fin certo número de estados aceptou asumir os pactos. Aínda hoxe en día grandes países como EE.UU, China, Pakistán, Arabia Saudita, Sudáfrica, Cuba, Malasia,…, non asinaron ou ratificaron aqueles protocolos; e moitos outros fixérono pero poñendo condicións.

Quen violan os dereitos humanos?

Desgraciadamente moi poucas persoas viven dignamente, podendo chegar así á súa realización persoal. En xeral a violación dos dereitos humanos é sistemática e continuada. Incluso entre a poboación dos países “desenvolvidos” os dereitos humanos son un espellismo mediático. Na maioría dos casos son os Estados os que violan os dereitos humanos:

  • No ano 2012, os estados executaron polo menos 682 persoas, outras 1722 foron condeadas1.
  • No estado español hai máis de 30.000 “persoas sen teito”2. En 2012 houbo máis de 32.000 desafiuzamentos de primeira vivenda, boa parte destas correspóndense a entidades bancarias rescatadas con cartos públicos; arredor de 2.500 desafiuzamentos fixéronse coa intervención dos corpos de seguridade do Estado3.
  • Moitos países da UE teñen prohibida a unión civil e a adopción para os homosexuais, entre eles Italia, Polonia, Grecia, Bulgaria, Romanía,…4. Actualmente en 76 países do mundo está penalizada a homosexualidade, nalgúns chegando a pena de morte e cadea perpetua10.
  • No mundo hai 842 millóns de persoas famentas, 16 millóns delas en países “ricos”5.
  • No mundo hai perto de 60 millóns de menores sen poder ir á escola primaria6. No estado español arredor dun terzo das familias ten serias dificultades para mercar os libros de texto obrigatorios7. Este ano a Comunidade Valenciana non dará axuda ningunha para mercalos8.
  • Entre 1995 e 2013 o Estado español aplicou rectroactivamente a “doctrina Parot” a máis de 80 peroas presas9.
  • Só no concello de Vigo hai 40.000 persoas que teñen comprometidas as súas necesidades materiais pola falta de traballo ou dunha renda básica.

Que podes facer ti?

Ti podes deter os abusos que se producen na túa contorna. Denuncia e visibiliza todo tipo de violacións de dereitos dos que teñas coñecemento, non só dos dereitos recollidos na DUDH e noutros acordos internacionais, senon tamén de calquera cousa que ti vexas que vulnera a dignidade das persoas. Preocupate de particpar na enunciación de novos dereitos humanos. Participa en campañas e iniciativas (manifestacións, recolla de sinaturas,…) que van dende ámbito local ata ao internacional e que pretenden tanto medidas de protección e recoñecemento dos dereitos humanos como o enfrontamento e a denuncia de quen non os respecta. E por outra banda… Organízate e forma parte activa do tecido social: insírete nalgunha ou en varias das organizacións que traballan neste eido e/ou organiza as túas propias iniciativas a título persoal para acadar que os dereitos de cada un/ha de nós sexa respectado!

1http://www.es.amnesty.org/temas/pena-de-muerte/datos-y-cifras/

   

2http://www.ine.es/prensa/np761.pdf

   

3http://www.bde.es/f/webbde/GAP/Secciones/SalaPrensa/NotasInformativas/Briefing_notes/es/notabe10-05-13.pdf

   

4http://es.wikipedia.org/wiki/Homosexualidad_en_Europa#Legislaci.C3.B3n_sobre_homosexualidad_por_pa.C3.ADses

   

5http://www.fao.org/hunger/es/

   

6http://www.uis.unesco.org/Education/Documents/fs-25-out-of-school-children-sp.pdf

   

7http://www.publico.es/441458/un-tercio-de-las-familias-no-podran-comprar-libros-de-texto

   

8http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/09/02/valencia/1378149001_102659.html

   

9www.eitb.com/es/noticias/politica/detalle/1289098/doctrina-parot–listado-presos-saldrian-carcel/
10 http://old.ilga.org/Statehomophobia/ILGA_Homofobia_de_Estado_2013.pdf


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!