O ano en cinco escándalos empresariais
OMAL
- Os “principios éticos”, a pesar de que están recollidos nos códigos de “responsabilidade social” das grandes empresas españolas, entran en contradición coas prácticas cotiás destas mesmas compañías.
Erika González* // “A misión do Grupo OHL baseouse sempre nun absoluto compromiso coa ética, a integridade e o respecto aos dereitos humanos”, afirma Juan Miguela Villar-Mir, presidente da construtora, no código ético da empresa. Agbar, seguindo unha liña similar, expón “o cumprimento das leis e normativas, a integridade, a lealdade e a honradez” como os eixos fundamentais que guían o seu comportamento, do mesmo xeito que Iberdrola a ética no centro da súa estratexia de negocio.
Pero todos estes “principios éticos”, a pesar de que están recollidos nos códigos de “responsabilidade social” das grandes empresas españolas, entran en contradición coas prácticas cotiás destas mesmas compañías. Así o demostra a sucesión de casos de fraude, evasión fiscal, formación de cárteles e manipulación de prezos que fomos coñecendo durante este ano que agora remata.
Iberdrola: A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) impuxo en decembro de 2015 unha sanción de 25 millóns de euros a Iberdrola por unha “conduta moi grave”. E é que dous anos antes, segundo a CNMC, Iberdrola, “consciente da existencia dun escenario de elevada demanda ao que corresponde o mes de decembro, decide retirar unha capacidade de produción para provocar un incremento adicional no prezo do mercado”. O resultado? Unha subida nos prezos da electricidade que repercutiu en ganancias para a compañía (21,5 millóns de euros) e nun gasto de 105 millóns de euros para os consumidores e consumidoras. Esta manipulación dos prezos foi realizada a semana anterior e a posterior ao chamado “tarifazo”, que se produciu cando as poxas de electricidade estableceron un aumento do 11% na tarifa eléctrica para 2014. Iso si, o escándalo que xerou esta escalada de prezos en plena crise económica, con cada vez máis poboación sumida na pobreza enerxética, fixo que o goberno español finalmente anulase a poxa na que se disparou a tarifa e fixase un incremento do 2,3%.
E non foi o único caso no que a CNMC multou a grandes corporacións por conformar cárteles para repartirse o mercado e pactar prezos: as construtoras ACS, FCC, Ferrovial e Sacyr no caso da xestión de residuos urbanos; as petroleiras Repsol, Cepsa, Galp, Disa e Meroil co pacto dos prezos dos carburantes; as grandes compañías da alimentación Danone, Nestlé, Puleva, Pascual e Central Lechera Asturiana que impedían aos gandeiros establecer libremente o prezo do seu produto.
Aguas de Barcelona (Agbar): No mes de setembro coñeceuse publicamente a “Operación Petrum”, unha investigación da Fiscalía Anticorrupción sobre varias construtoras e empresas de servizos que pagaron comisións ilegais do 3% a Convergència Democràtica de Catalunya (CDC) supostamente a cambio de millonarios contratos da Generalitat e de Concellos de CDC. As comisións facíanse efectivas a través de doazóns ás fundacións do partido, CatDem e Barcelona Forum, e a compañía que máis diñeiro achegou foi o Grupo Agbar, que “doou” 1,6 millóns de euros entre 2008 e 2013. Tamén estaban presentes na lista de “doantes” grandes construtoras como ACS e FCC.
A obtención de contratos millonarios, para ampliar o control da xestión da auga en Cataluña, foi o obxectivo perseguido a través destas comisións ilegais. Non hai que esquecer que o 84% da poboación catalana ten o servizo de auga privatizada e a súa administración está maioritariamente en mans de Agbar. E este non é, por certo, o único caso onde a compañía -agora propiedade da transnacional francesa Suez- está a ser sometida a investigación xudicial: Aquagest, unha das filiais de Agbar, tamén foi incluída na “Operación Pokemon”. E é que parece ser que, en 2009, a compañía había pago viaxes de pracer ao entón alcalde de Oviedo e ao seu concelleiro de Facenda para devolver un importante aval económico que o Concello fixera á empresa.
OHL: En maio, os medios de comunicación mexicanos fixeron públicas as gravacións coas que se demostraba que directivos de OHL en México pagarían sobornos ás autoridades mexicanas. Nelas, un dos principais directivos da empresa recoñecía que estaban “metendo máis goles dos normais” nas obras do Viaduto. A cambio destes “goles?”, levaban a cabo subornos mediante pagos de vacacións en hoteis de luxo para o secretario de Transporte e o secretario de Comunicación do Goberno do Estado de México. O obxectivo? Modificar o custo que nun principio ían ter as obras de construción dun tramo do Viaduto Bicentenario, adxudicado á empresa no ano 2010: o custo inicial da obra, situada no noroeste de México D.F., era de 231 millóns de euros; ao cabo de cinco anos, con todo, gastouse uns 580 millóns, máis do dobre do orzamento orixinal.
En realidade, os elevados sobrecustos en obras de infraestrutura forman parte do “business as usual” das grandes constructoras españolas. Sen ir máis lonxe, este ano coñeceuse que a construción do AVE á Meca, efectuada por un consorcio do que forman parte OHL e ACS, terá que asumir un 60% de sobrecoste. Igualmente, Sacyr esixiu o ano pasado ás autoridades panameñas un 50% máis do orzamento inicial para finalizar a ampliación da Canle de Panamá.
Volkswagen: Despois de máis dun ano e medio de investigación, os organismos reguladores estadounidenses fixeron público en setembro a fraude cometida por Volkswagen. A compañía de automóbiles manipulou os motores de 11 millóns de automóviles para ocultar as súas excesivas emisións de óxido de nitróxeno, xa que emitían na estrada un 40% máis do que se medía nos controis. E a iso hai que sumarlle outra irregularidade máis: a propia compañía detectou en controis internos que 800.000 vehículos emitían máis dióxido de carbono do indicado.
O que foi o maior escándalo empresarial de 2015 non pode dicirse que pillase por sorpresa a boa parte das organizacións ecoloxistas, que levan tempo sinalando a ausencia de controis efectivos das emisións do sector automobilístico, especialmente na Unión Europea. Por mor deste caso, con todo, a UE aprobou un sistema de medición das emisións en condicións reais de condución aínda que, de novo, outórgase un trato de favor á industria do automóbil permitindo nunha primeira fase emitir o dobre de óxidos de nitróxeno que o nivel legal vixente. E é que esta industria é un dos lobbies máis poderosos de Bruxelas para influír no bloqueo de leis que pretendan regular as emisións dos coches: Volkswagen foi a compañía automobilística que máis invirteiu en actividades de lobbi o ano pasado.
HSBC: O Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJ, polas súas siglas en inglés), xunto ao diario francés Le Monde, sacou á luz en febreiro como a filial suíza do maior banco de Europa estaba involucrada nunha trama de evasión fiscal, que incluía tamén o branqueo de diñeiro procedente de actividades ilícitas. Foi o caso coñecido como “Swiss Leaks”, que se baseou na lista elaborada por un antigo traballador do HSBC, Hervé Falciani, cos nomes de numerosos evasores fiscais. A chamada “Lista Falciani” contiña arquivos secretos da compañía con información (ata 2007) das contas bancarias correspondentes a 100.000 persoas físicas e xurídicas procedentes de 200 países. En total, as contas tiñan un valor de 100.000 millóns de dólares e os seus titulares eran políticos, monarcas, traficantes de diamantes e de armas, actores, directivos de grandes transnacionais, etc. Tras a forte repercusión nos medios do caso, a Fiscalía de Xenebra iniciou actuacións contra a filial suíza do HSBC por un posible branqueo de capitais.
Entre as persoas que utilizaban o armazón de contas en paraísos fiscais estaban millonarios como Emilio Botín e Alicia Koplowitz. A familia Botín tiña nas suas contas suizas 2.000 millones de euro utilizabase un armazón de sociedades opacas en Panamá e as Illas Virxes. No caso de Alicia Koplowitz, a empresaria invertiu 20 millóns de euros en fondos non regulados da filial suíza del HSBC que operaban a través dunha rede de paraísos fiscais.
* Erika González é investigadora do Observatorio de Multinacionais en América Latina (OMAL) – Paz con Dignidade.
Fonte: http://www.lamarea.com