O goberno camufla o 75% do gasto militar
En 2015, o Estado gastará 28.066 millóns de euros en temas militares, de seguridade e control social, 603 euros por cada habitante.
A finais de setembro, as novas falaban para 2015 do primeiro aumento de gasto militar en sete anos, concretamente un discreto 0,4%. Sen embargo, diversos colectivos antimilitaristas levan anos denunciando os diversos métodos contables que serven para encubri-lo alcance dos gastos militares nos orzamentos xerais do Estado.
O Ministerio de Defensa prevé gastar 5.767 millóns de euros en 2015. Sen embargo, un informe do Colectivo Utopía Contaxiosa, apoiado por organizacións como Ecoloxistas en Acción ou o Grupo antimilitarista Tortuga, denuncia que estas cifras agochan só unha pequena parte do gasto militar do Estado, que ascenderá, segundo afirman, a 23.373 millóns de euros.
Estes colectivos denuncian que o 75,32% do gasto militar de 2015 “permanece deliberadamente agochado á sociedade mediante a estratexia de falseamento dos orzamentos levada a cabo polos sucesivos gobernos”. Segundo os autores do informe, a maxia orzamentaria permite “camuflar” en 12 ministerios, a Casa Real, Centros Universitarios da Defensa e outros tipos de gastos nada menos que 17.606 millóns de euros.
O discurso oficial que fala dunha continua redución do gasto militar, denuncia o Colectivo Utopía Contaxiosa, non só agocha os gastos militares escondidos noutros ministerios senón tamén un crecemento da desviación entre o orzamentado e o finalmente gastado. Se esta diferencia mantívose por debaixo do 15% ata o 2011 (1.144 millóns de euros de diferenza), no primeiro ano da chegada do Goberno do PP, o abismo entre o previsto e o realmente pagado a finais do ano trepara ata o 45% (2.826 millóns de euros de diferenza).
Mentres que o declarado oficialmente como gasto militar destínase fundamentalmente a paga-lo persoal militar do Exército, o “disfrazado” emprégase en materias tan diversas como as subvencións á industria militar, a adquisición de armas, os orzamentos da Guardia Civil, os pagos de compromisos coa OTAN e coa política militar da UE, os satélites espía, as viaxes de militares ó exterior, tropas e materiais desprazados ós conflitos internacionais, vixilancia marítima, “sen esquece-lo grave capítulo de endebedamento para a adquisición de sofisticados e innecesarios programas especiais de armamento” sinalan no informe.
Agora ben, se sumamo-lo gasto militar agochado e declarado o resto de partidas que no informe denominan de “control social” integradas no Ministerio de Interior, como poden se-las cárceres, a cifra destinada á chamada “seguridade”, tanto interna como externa, ascende a 28.066 millóns de euros, ou o que é o mesmo, 603 euros ó ano por cada persoa habitante.
Todas estas cifras son especialmente graves nun “contexto de gasto restritivo” afirman sobre todo cando segundo os documentos de plantexamento militar vixentes “España non ten inimigos”. Para os autores, todos estes datos deixan entrever “un acondicionamento da política xeral pola prevalencia outorgada ó control social e o militarismo”.
Orixinal: https://www.diagonalperiodico.net/global/25211-gobierno-camufla-75-del-gasto-militar.html