Marlene Cummins música e activista aborixe
“O meu pasado sempre predirá o meu futuro”
Marlene Cummins rompeu o seu silencio para falar da violencia que sufriu como activista na súa mocidade. Pero esta cantante de blues non se considera vítima e segue con ganas de leva-la súa música a todo o mundo.
Marlene Cummins, activista, saxofonista e cantante enraizada no blues desde que “na infancia conectou coa entrega profunda e espiritual desta música” hoxe desprégase como nunca. O seu disco Koori Woman e o documental Black Panther Woman (dirixido por Rachel Perkins) acaban de ve-la luz. Incansable loitadora polos dereitos das comunidades aborixes de Australia abre un novo capítulo ó romper un silencio de corenta anos para narra-los abusos que, como muller, sufriu dentro do movemento pola liberación negra. Unha violencia que a sumiu nun proceso doloroso tra-lo cal decidiu non falar do ocorrido por non alimenta-la demonización do home aborixe. Sen embargo, chegou a hora de provoca-lo cambio e isto pasa pola verdade. Como muller séntese “vulnerable por revelar unha historia de violencia, pero forte e con coraxe por contalo”.
Marlene, prendiches fogo na túa propia historia rompendo un longo silencio cun disco e unha película. ¿É o fin dun proceso ou o principio dunha nova dimensión?
Ambas cousas. Principio e fin. O meu pasado sempre predirá o meu futuro e as miñas intencións. Sempre sentín unha batalla interna pola busca da verdade sen concesións. A miña loita persoal a través da arte permíteme aceptar e desafia-las dificultades na miña vida.
Falar dunha mesma como ti o fas non debe ser sinxelo. ¿Como te decidiches?
Cando a túa prioridade na vida e persegue-la verdade e a xustiza, te-la capacidade de chegar ata o final. Coidei da miña nai con esquizofrenia, do meu fillo que era adicto á heroína. E antes diso eu mesma tiven unha adición ó alcohol e ó xogo que tiven que controlar. Para prover xustiza, hai que empezar por unha mesma.
A narración de episodios de violencia pode situar á persoa no lugar da vítima. ¿Cres que a música e o cine son canais que permitan formas máis ricas de autorretratarse?
Si. Por ter sufrido violencia sexual fun vítima dun mal social, pero non quero que me vitimicen. Todos temo-lo poder de loitar pola verdade e así ninguén pode manipularnos como supostas vítimas. Ninguén volverá ameazarme, porque se non loito por min mesma eu sería a miña peor inimiga.
Aparte da túa catarse persoal, ¿queres enviar algunha mensaxe ou contribuír á xustiza social dalgunha forma?
Quero atacar decididamente a misoxinia en calquera das súas formas. Exerzo a miña palabra contra a violencia cara ás mulleres e a infancia. A mesma actitude que creo que destrúe á nai Terra. Quero que os homes se responsabilicen da súa violencia e que eles provoquen o cambio. Teñen que unirse a grande escala: políticos, personalidades e xente de a pé. Deben limpa-los horrores que perpetran e dar un paso adiante. Quero que a miña historia contribúa a ese movemento.
¿Que te levou a ser membro das Panteiras Negras?
A experiencia do racismo no meu propio país desde a miña máis tenra infancia. Todo o que teño experimentado na miña vida foi racismo. O partido das Panteiras Negras ofreceume unha saída. Non quería seguir sendo unha vítima. Está no meu ADN o loitar contra a inxustiza. Tivemos suficiente.
¿Sentíadesvos conectados co movemento en América a pesar das diferenzas entre unhas e outras comunidades negras?
Era diferente pero, como indíxenas e negros, compartimos unha camaradería que os non negros nunca entenderán. Enténdemo-la cultura coa mesma perspectiva. Respéctamo-los nosos devanceiros e ninguén ten dereito a desligarnos deste modo de vida. Tamén había algunha diferenzas. Nos nunca levábamos armas, só adoptabamos o que era relevante na nosa cultura e loita como Aboríxenes.
¿Como te sentías entre os teus compañeiros homes?
Inspirábame a súa visión e educación política. Para entrar nas Panteiras Negras había que estudar comunismo, Karl Marx… para poder falar da nosa situación con coñecemento. Nunca vira nada igual.
Sufríche-la violencia sexual de líderes indíxenas e negros. ¿Por que cres que alguén en principio sensible á inxustiza sexa capaz de abusar do seu poder así?
O sistema branco e patriarcal oprime mundialmente e a misoxinia permea por toda a epidermes da sociedade. Pero creo que os homes negros son máis demonizados por estes actos en comparación cos brancos. E parte desa actitude misioneira que os brancos cren saber-lo que é mellor para nós.
O comezo de Koori Woman corta a respiración, ¿en que senso é esta canción un elemento é esta canción un elemento central no teu disco?
Desde que empecei a cantar blues, Koko Taylor enganchoume. Fago esta versión para as mulleres que sufriron a colonización misóxina no meu país. Creo que as mulleres de calquera lugar e o seu espírito son as que máis sofren calquera invasión. A violación dun país e a dunha muller están promovidas polo mesmo motor. Igual que a avaricia dos ricos e poderosos está matando á Nai Terra.
O son do didgeridoo conecta perfectamente coa crueza do teu blues ¿hai algo ancestral en ambos que os fai compatibles?
O blues naceu dunha tradición antiga e pensei que o didgeridoo tiña que estar aí para representa-lo blues do meu país. De forma natural incorporo elementos da miña cultura. Igual que outros artistas aborixes, creamos un son que nos identifica.
Así como o folk e o country floreceron dentro da comunidade aborixe, o blues foi menos explorado, polo menos entre as mulleres.
Non é porque non conectemos co blues, é porque apenas chegou ás nosas beiras. Na radio só escoitabamos pop feito por brancos ata que irrompeu Ray Charles. Algunha emisoras “brancas” non o facían soar. En Australia non estivemos moi expostos á blues. Eu tiven sorte porque o meu pai era un músico versátil que tocaba algo de blues. Tamén houbo artistas aborixes, como Syvana Doolan, a miña cantante de blues favorita. Escoiteina cantar en 1970. Escribiu temas sobre a opresión contra o noso pobo. Inspiroume moito. Tamén Georgia Lee. Anóxame o estereotipo de que somos bébedos e lacazáns que só escoitamos country. Que non sentimo-lo soul ou o rhythm and blues. Iso non é verdade.
¿Unha xira internacional á vista? ¿España tal vez?
Encantaríame ir a calquera lugar do mundo a presenta-lo meu disco. Probablemente o ano que ven iremos a América a tocar delta blues, a orixe de moitos dos meus artistas favoritos. Soño con ir a Nova Orleans, Chicago, Memphis. Vivimos no mundo espiritual e como Aborixe quero presentarlle-los meus respectos e agradecerlles. Pero por suposto, iría encantada a tocar a España. ¡O vello blues!
150 anos de racismo institucional en Australia
Leis segregadoras (1900-1905)
As persoas aborixes non son consideradas cidadáns segundo a Constitución da Commonwealth. Leis de inmigración para a Australia branca: prohíbese a entrada ó país de persoas non caucásicas. En 1905 apróbase o Western Australia Aborigines Act. A custodia de tódolos menores de 16 anos pasa ó xefe protector. Establécense reservas onde se somete ás comunidades desprazadas. Séguenlle leis similares noutros Estados.
Asimilación (anos 40)
A poboación Aborixe ten que ser asimilada na sociedade branca, queiran ou non. Todo rastro de cultura indíxena ha de ser eliminado. En 1938, 150 anos despois da ocupación europea, a Asociación Progresista declara o Día do Lamento. EN 1939 produciuse a marcha de Cummeragunja: primeira folga masiva aborixe.
Acción (anos 60-70)
Nos 60 aparece a política de integración para supostamente dar máis control á poboación aborixe sobre as súas vidas. Coas tensións entre o fin das políticas de asimilación do goberno e o principio da autodeterminación Aborixe, nace o Partido Australiano de Panteiras Negras en 1971. En 1972 prodúcese unha mobilización polo dereito á terra. En 1975 apróbase a Acta contra a Discriminación Racial.
Reparación (anos 90-2000)
Caso Mabo (1992). O Supremo australiano dálle a razón a Eddie Mabo decidindo que houbo unha ocupación da poboación nativa e que Australia nunca fora unha terra baleira. En 2008, o Parlamento descúlpase polas “Xeracións Roubadas”.
Fonte: https://www.diagonalperiodico.net/culturas/23364-pasado-siempre-predecira-futuro.html