Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
O movemento polo transporte gratuíto en Brasil / Michael Löwy - ECOAR))) | ECOAR)))
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

O movemento polo transporte gratuíto en Brasil / Michael Löwy

06/01/2014
By

A loita do Movemento Pase Libre (MPL) –movemento polo transporte público gratuíto– contra o aumento dos prezos dos billetes de transporte foi a que desencadeou a multitudinaria e impresionante mobilización popular en Brasil o pasado mes de xuño, que fixo saír á rúa a centenares de miles, senón millóns, de persoas nas principais cidades do país. O MPL foi a pequena chispa libertaria que provocou o incendio. Que leccións se poden sacar desta experiencia e cal é o alcance social, ecolóxico e político da loita polo transporte gratuíto?

O MPL foi fundado en xaneiro de 2005, con ocasión do Foro Social Mundial de Porto Alegre, como unha rede federativa de colectivos locais. Eses colectivos existían desde había varios anos e levaran a cabo xa loitas importantes como a de Salvador de Baía en 2003 contra unha subida do prezo dos autobuses. Na súa Carta de Principios (revisada en 2007 e completada en 2013), o MPL defínese como un “movemento horizontal, autónomo, independente, apartidario mais non antipartidos”.

A horizontalidade é sen dúbida a expresión dunha formulación libertaria que desconfía das estruturas e institucións “verticais” e “centralizadas”. A autonomía en relación cos partidos implica a negativa a ser instrumentalizados por eses últimos, mais o movemento non rexeita a colaboración e a acción común coas organizacións políticas, en particular da esquerda radical. O movemento coopera tamén con asociacións dos barrios populares, dos movementos polo dereito á vivenda, das redes de loita pola saúde, e con certos sindicatos (traballadores do metro, ensinantes). Ven no transporte gratuíto, non un fin en si mesmo, senón “un medio para a construción dunha sociedade diferente”. A rede é pequena, xa que non superou nunca os centenares de militantes, enraizados primeiro nos institutos de ensinanza, e máis tarde en certos barrios populares. De sensibilidade anticapitalista libertaria, os activistas teñen diferentes orixes políticas: trotskistas, anarquistas, altermundistas, neozapatistas… cun toque de humor, algúns incluso defínense como “anarco-marxistas punk”. En novembro de 2013 o movemento organizou por primeira vez unha Conferencia Nacional en Brasilia –grazas ao apoio financeiro da filial brasileira da Fundación Rosa Luxemburgo– coa participación de 150 delegados representantes de 14 colectivos locais. Adoptáronse por consenso algunhas resolucións e encargouse a un grupo de traballo, composto por representantes dos colectivos, que coordinase as iniciativas, respectando a autonomía local e a “horizontalidade”. (Esta información obtívose grazas a dúas reunións con militantes do MPL en São Paulo, Brasil, en novembro de 2013).

O método de loita do MPL é tamén de inspiración libertaria: a acción directa na rúa, a miúdo lúdica e insolente, máis que a “negociación” ou o “diálogo” coas autoridades. Os militantes non fetichizan nin a violencia, nin a non violencia; unha das súas accións típicas e o bloqueo das rúas, ao son de fanfarras musicais, prendendo lume a pneumáticos e “catracas”. Este termo designa en Brasil o torniquete metálico xiratorio, situado en cada autobús, que non se pode atravesar ata pagar o billete. O símbolo do MPL é unha catraca ardendo… Cómpre lembrar que o transporte, que na súa orixe era un servizo público, foi privatizado en todas as cidades do país e pertence a empresas capitalistas de prácticas mafiosas. As alcaldías teñen, porén, certo control sobre o prezo dos billetes.

A intelixencia táctica do MPL consistiu en primeiro lugar en marcar un obxectivo concreto e inmediato: a loita contra o aumento do prezo dos billetes establecido polas autoridades locais nas principais cidades do país, tanto nas xestionadas polo centro-dereita como polo centro-esquerda (o Partido dos Traballadores, que se volveu social-liberal). Rexeitando os argumentos pretendidamente “técnicos” e “racionais” das autoridades, o MPL mobilizou miles de manifestantes, duramente reprimidos pola policía. Estes primeiros miles de manifestantes aumentaron ata chegar a ser decenas de miles e logo millóns (pagando o prezo, é certo, dunha certa dilución política), e os poderes locais víronse obrigados, precipitadamente, a anular os aumentos. Primeira lección fundamental: a loita dá resultado, pódese gañar e facer retroceder ás autoridades responsábeis!

Á vez que dirixe este combate de xeito práctico e urxente, o MPL non deixa nin por un momento de loitar polo seu obxectivo estratéxico: o prezo cero, o transporte público gratuíto. Para isto é preciso, segundo observa a Carta de Principios, “retirar o transporte público do sector privado e poñelo baixo o control dos traballadores e da poboación”. É o que os militantes do MPL chaman “a perspectiva clasista” do seu combate. É unha esixencia da xustiza social elemental: o prezo do transporte é prohibitivo para os estratos máis pobres da poboación, que viven na periferia degradada das grandes cidades e dependen dos transportes públicos para ir ao seu traballo ou ao seu lugar de estudo. É unha reivindicación que interesa directamente aos mozos, aos traballadores, ás mulleres, aos habitantes dos barrios de chabolas, é dicir, á gran maioría da poboación urbana.

Pero o prezo cero é tamén unha demanda profundamente subversiva e antisistémica, no espírito do que se podería chamar o método do programa de transición: como observa a Carta de Principios do MPL, “as nosas demandas superan os límites do capitalismo e cuestionan a orde existente”. É un fermoso exemplo do que o filósofo marxista Ernst Bloch chamaba unha utopía concreta. Certamente, hai cidades en Brasil ou en Europa nas que esta proposta puido realizarse con éxito. Numerosos estudos especializados demostraron que é completamente posíbel facelo sen gravar o presuposto das administracións locais. Non deixa de ser certo que a gratuidade é un principio revolucionario, que vai en contra da lóxica capitalista, para a que todo debe ser unha mercadoría; é polo tanto un concepto insostíbel, inaceptábel e absurdo para a racionalidade mercantil do sistema. Tanto máis na medida que, como propón o MPL, a gratuidade dos transportes é un precedente que pode abrir o camiño á gratuidade doutros servizos públicos: educación, saúde, etc. De feito, a gratuidade é a prefiguración dunha sociedade diferente, fundada noutros valores e outras regras que as do mercado e da ganancia capitalistas. De aí a resistencia encarnizada das “autoridades”, tanto conservadoras como neoliberais, “reformadoras”, centristas ou social-liberais.

Existe aínda outra dimensión da reivindicación do transporte gratuíto, que polo momento non foi suficientemente formulada polo MPL (pero que comeza a ser tomada en conta): o aspecto ecolóxico. O sistema actual, totalmente irracional, de desenvolvemento ilimitado do coche individual, é un desastre á vez desde o punto de vista da saúde dos habitantes das grandes cidades –miles de mortos a causa da polución do aire directamente provocada polos tubos de escape– e desde o punto de vista do medio ambiente. Como se sabe, o coche é un dos principais emisores de gas con efecto invernadoiro, responsábel da catástrofe ecolóxica do cambio climático. O coche sigue sendo, desde o fordismo ata hoxe, a mercadoría faro do sistema capitalista mundial; por conseguinte, as cidades están completamente organizadas en función da circulación automóbil. Agora ben, todos os estudos amosan que un sistema de transporte colectivo eficaz, extenso e gratuíto, permitiría reducir significativamente o uso do coche individual. O que está en xogo non é só o prezo do billete de autobús ou de metro, senón outro modo de vida urbana, simplemente outro modo de vida.

En resumo: a loita polo transporte público gratuíto é á vez un combate pola xustiza social, polo interese material dos mozos e dos traballadores, polo principio de gratuidade, pola saúde pública, pola defensa do equilibrio ecolóxico. Permite formar amplas coalicións e abrir brechas na irracionalidade do sistema mercantil. Non deberiamos, en España e en toda Europa, inspirarnos no exemplo do MPL impulsando nas nosas cidades movementos amplos, unitarios, autónomos, de loita pola gratuidade dos transportes públicos?

Tags: , ,


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!