Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas
O proceso constituínte da dereita / Miguel Romero - ECOAR))) | ECOAR)))
Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

O proceso constituínte da dereita / Miguel Romero

17/12/2013
By

1. O debate sobre que facer coa Constitución de 1978: defendela, reformala, derrogala por medio dun proceso constituínte… –como veremos, algunhas forzas políticas tratan de xogar en dous campos á vez– están no centro do conflito político alimentado pola crise de réxime. Actúa como un síntoma desa crise e por isto agudizouse desde que o “dereito a decidir” se converteu nunha reivindicación actual e masiva en Catalunya, abrindo unha brecha irreparable nos consensos da Transición. Pero hai que destacar que a identificación da crise de réxime e o proxecto dun proceso constituínte naceu do 15M, e é dentro da cultura rupturista que ten as súas raíces nese movemento onde poden conseguir un desenvolvemento social imprescindible e unha reposta ao complexísimo desafío de articular “procesos constituíntes” no Estado español.

O goberno do PP fíxose o abandeirado da Constitución, como base ideolóxica do patriotismo español e como artefacto institucional supremo fronte a calquera proposta ou proxecto que puidese afectar a “unidade de España”. Pero a política da dereita non se resume en izar bandeiras. Nos anos de goberno de Rajoy, ao que normalmente lle quedan outros dous, a chamada “política de reformas” equivale a un verdadeiro “proceso constituínte” que está transformando dunha maneira coherente bases da economía e da sociedade española. Este proceso non modificou, nin quere modificar a Constitución de 1978; pola contra, apóiase nela e nas institucións encargadas de interpretala, como o Tribunal Constitucional e, chegado o caso, impoñela, como as Forzas Armadas e o aparato de “seguridade” do Estado. O fundamento da política do goberno é a interpretación “natural” da Constitución como garante da orde capitalista, a Constitución material que quedou enmascarada polos consensos da Transición [1].

Cando as relacións de forzas o permitiron, e baixo o amparo ou as ordes da Troika, esta interpretación foise concretando en normas de diverso rango que conduciron destacadamente a: -un oligopolio bancario no que tres grupos, Santander, BBVA e La Caixa, terán o control do conxunto do sistema financeiro; -unha reforma das pensións que atenta contra o sistema público de reparto para beneficiar os fondos de pensións privados; -unha reforma laboral, en vésperas doutra volta de torca, que consagra o poder patronal nas empresas, potencia a precariedade e produce unha debilitación crecente da capacidade de reivindicación sindical; -un sometemento dos sistemas de saúde, coidados e ensinanza a intereses e xestores privados (algúns tan peculiares como a empresa Flisa, filial da “benéfica” Fundación ONCE, que acaba de facerse coa xestión da Lavandería Central Hospitalaria de Madrid, impoñendo recortes salariais próximos ao 50%); -unha reforma fiscal cuxas características están prefiguradas na purga en curso da Axencia Tributaria, xustificada polo ministro de Facenda co peregrino argumento de que “estaba chea de socialistas”… En fin, non hai sector da economía e a sociedade española que non estea afectado, ou vaia estalo, por esta cadea de “reformas”, cunha lóxica xeral que se resume en que a función fundamental do Estado é amparar os intereses do capital, a costa de desamparar á gran maioría da poboación.

Unha recente mostra neste sentido é o proxecto de Lei de Seguridade Cidadá –cuxo precedente é a Lei Corcuera, pero que “reforma” de Rajoy non ten un precedente nalgunha norma dos gobernos de González ou Zapatero?– deseñada á medida para facer fronte a todas as reformas de protesta social que se desenvolveron desde o 15M, co argumento inapelable e a arma máis eficaz do sistema: o poder do diñeiro, é dicir, o poder dos posuidores de diñeiro fronte aos desposuídos, para os que unha multa, especialmente cando acada niveis impagables para quen protagoniza as protestas, é e quere ser mensaxeira do medo.

Ata o momento, non se conseguiu obstaculizar significativamente ningunha das normas que integran este proceso. E hai que ser conscientes de que, conforme vai avanzando, créase unha trama de intereses concretos compartidos entre os seus beneficiarios directos: os máis potentes sectores, empresas e corporacións capitalistas españolas. Esta trama, que conta co sistema e persoal institucional modelado para a súa defensa, e a inspiración e apoio de Bruxelas fará extremadamente difícil derrogar cada unha das normas. En realidade, formúlase como unha tarefa necesaria derrogar este “proceso constituínte” no seu conxunto, ou se se quere, “deconstruílo”.

2. Os portavoces do PSOE anuncian frecuentemente que, cando recuperen o goberno, o cal dan por feito que se producirá nas próximas eleccións xerais, derrogarán tal ou cal das normas impostas pola maioría absoluta na que se apoia o goberno do PP. Deixando aparte as especulacións sobre o que poida ocorrer nas próximas eleccións xerais, o que está claro é que o PSOE non ten ningunha credibilidade para asumir os riscos dun conflito cos poderes establecidos. Unha cousa é a retirada das tropas de Iraq, primeira e espectacular decisión dun recentemente nomeado presidente Zapatero, que foi un xesto único, sen consecuencias significativas posteriores na política exterior e cuxos conflitos cos partidarios civís e militares españois da “Operación Novo Amencer” estaban xa amortizados. Outra moi diferente é, por exemplo, derrogar a reforma laboral, enfrontándose á patronal e á trama de intereses que a sostén e “enviando un sinal negativo aos mercados”, segundo a mensaxe que redobrarán os tambores da Troika, cos seus efectos inmediatos na prima de risco, o interese da débeda pública, etc.

Todas estas “ameazas” de futuras derrogacións por un hipotético goberno socialista só serven como tema de inofensivo entretemento parlamentario. A credibilidade gáñase na oposición concreta ás “reformas” do PP, na que o PSOE brilla pola súa ausencia.

3. Ademais, o PSOE anuncia que porá en marcha unha reforma constitucional que “dará a oportunidade de iniciar un tempo novo de cambios e de pactos”, segundo escribe o seu aínda secretario xeral, Alfredo Pérez Rubalcaba (El País. 5/12/2013, p. 17). Exclúese expresamente un “proceso constituínte” e xustifícase a reforma “en defensa da Constitución”, que se considera ameazada porque, interpretando o texto de Rubalcaba, non incluiría actualmente “uns valores compartidos pola gran maioría”, o cal é unha forma light de recoñecer a crise de lexitimidade que sofre a Constitución de 1978.

O proxecto de “reforma/defensa” constitucional do PSOE consta de tres seccións: ampliar o capítulo de dereitos fundamentais, incluíndo a sanidade, servizos sociais, igualdade de dereitos entre homes e mulleres…; cambios no sistema electoral e a regulación dos partidos políticos; finalmente, o que se vén chamando “reforma federal”. Teoricamente este proxecto é unha alternativa á política da dereita. En realidade, o PSOE é consciente de que unha reforma da Constitución só é viable co apoio do PP; isto explica a forma extremadamente acovardada coa que Rubalcaba defende o seu “federalismo”: “incorporar rasgos que, coas súas respectivas especificidades, países federais como Alemaña ou Austria recollen nas súas constitucións”.

Non é totalmente descartable que o PP poda chegar a aceptar un acordo sobre unha reforma constitucional de baixísima intensidade, sempre que non malogre a Constitución material que o goberno Rajoy está logrando reforzar. Pero este tipo de reforma sería non unha alternativa, senón un complemento do “proceso constituínte” da dereita, que a maioría da poboación recibiría con indiferenza ou con oposición e que en absoluto resolvería a crise de lexitimidade da Constitución de 1978.

Finalmente, chama a atención que a reforma do PSOE non inclúa a derrogación do artigo 135 tal como foi pactado co PP. Esta derrogación sería moito máis eficaz para a reconstrución dos servizos públicos que consideralos “dereitos fundamentais” no texto constitucional, unha proclamación que non iría máis aló da retórica.

Posiblemente, a dirección do PSOE comparte a valoración de Zapatero segundo a cal: “A reforma do artigo 135 foi moi útil. A Constitución prestou un servizo moi útil para a estabilidade orzamentaria (…) Vexo como unha garantía ter unhas contas públicas que te permitan en situacións de dificultade manter as políticas sociais” (El País, 24/11/2013, páx. 7 do suplemento “Domingo”); por se acaso alguén pode ser confundido por semellante cinismo, hai que recordar o contido fundamental do artigo 135: “Os créditos para satisfacer os intereses e o capital da débeda pública das Administracións entenderanse sempre incluídos no estado de gastos dos seus presupostos e o seu pago gozará de prioridade absoluta”.

Pero calquera que sexa esa valoración, está claro que o PSOE considera que o artigo 135 forma parte xa dos consensos intocables. Ata o punto de que a súa “estrela emerxente”, Susana Díaz, tratou de acalar as críticas á evidente capitulación ante o fundamentalismo neoliberal que o artigo implica, aludindo á posibilidade de utilizar o seu apartado 4 (“Os límites de déficit estrutural e de volume de débeda pública só poderán superarse en caso de catástrofes naturais, recesión económica ou situacións de emerxencia extraordinaria que escapen ao control do Estado, apreciadas pola maioría absoluta dos membros do Congreso dos Deputados”). É máis que dubidoso que un goberno dirixido polo PSOE tivese vontade política de aplicar esta excepción, incluso en casos de “emerxencia extraordinaria”, salvo que contara co nihil obstat da Troika, inspiradora e garante do dogma da “estabilidade orzamentaria”. Pero, en todo caso, o artigo 135 introduciuse na Constitución, por iniciativa dun goberno “socialista”, con carácter de norma de obrigado cumprimento nas situacións ordinarias, dando base legal á “prioridade absoluta” do gasto no servizo da débeda pública respecto a calquera gasto social. Por iso, o obxectivo ten que ser revocalo, non buscarlle incertos atallos en condicións extremadamente excepcionais. E esta revogación só pode concibirse dentro dun xenuíno “proceso constituínte” que poña fin á Constitución de 1978.

Esquerda Unida –que se embarrou, a cambio dunha sela e a costa da credibilidade do seu discurso “alternativo” no consenso que permitiu a Gallardón e a Rajoy acadar todos os seus obxectivos na composición do Consello Xeral do Poder Xudicial [2]– difundiu unha proposta presentada á Mesa do Congreso de Deputados polos grupos parlamentarios Esquerda Plural e Mixto que derroga o actual artigo 135 e substitúeo por unha norma de contido alternativo (“O pago dos créditos orzamentarios para satisfacer o financiamento necesario que garanta a cobertura universal dos servizos públicos fundamentais gozará de prioridade absoluta fronte a calquera outro gasto”) Pode ter unha utilidade de propaganda, e se se sometese a votación crearíalle unha situación á dereita, só pode responderse dotando de forza social e credibilidade política ao proceso constituínte derrogatorio da Constitución vixente.

4. Nesa tarefa de extraordinaria dificultade e na que se avanzou moi pouco –salvo a excepción do Procés catalán, que está aínda comezando a superar obstáculos, pero é xa un bo estímulo para outras iniciativas unitarias “desde abaixo”– unha converxencia, plataforma, ou como se lle queira chamar, para a intervención política da esquerda alternativa é imprescindible. Debe servir para misións ambiciosas e arduas: desde a comunicación e o engarce entre as diferentes persoas, correntes e organizacións que se comprometan no proxecto ata a transformación do que agora é un tema de debate dunha minoría activa nun obxectivo de política actual para unha maioría. Hai que saber aproveitar as ocasións que se presenten, que non serán moitas, para darlle un impulso forte. Asumindo os riscos que sexan necesarios. En realidade, non hai maior risco que a ausencia dunha alternativa como esta, que saiba conquistar credibilidade sobre a base de ser leal coas loitas e movementos sociais.

Miguel Romero é editor de VIENTO SUR.

[1] A revista Papeles nº 122 publicou un amplo e recomendable informe sobre “Novos problemas, novas constitucións”. O artigo de Jaime Pastor “A deriva oligárquica do constitucionalismo occidental e a súa vella toupa” está reproducido na web de VIENTO SUR http://www.vientosur.info/spip.php?article8309

[2] Raúl Camargo desenvolve este tema en “Pacto no CGPJ: Un aval para a impunidade do PP” http://www.vientosur.info/spip.php?…

Tags: ,


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!