Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

O TISA, Neoliberalismo en toda a súa dimensión / Manuel Mera

21/12/2014
By

O TISA, NEOLIBERALISMO EN TODA A SÚA DIMENSIÓN

Manuel Mera

3195ea43d5e81ba0ebab756e1b74f615c481d3f8Por se a ameaza de tratados de libre comercio e privilexios para os investimentos de capital non fose abondo, cincuenta estados están a negociar o TISA, un acordo que afecta especialmente os servizos públicos. Os tratados de libre comercio que se están a negociar en segredo con Canadá e Estados Unidos, coñécense como CETA e TTIP, respectivamente. O primeiro xa ten unha redacción definitiva, e espérase que neste ano pase outro tanto co segundo.

O 16 de setembro, debateuse o CETA no Parlamento Europeo. Cada deputado/da tivo menos dun minuto para dar a súa opinión. Non é precisamente unha demostración de democracia, tendo en consideración a importancia do texto.
Non se trata dun tema menor, cando mesmo Alemaña dixo que non o vai asinar porque dá excesivos privilexios aos investidores. Por exemplo, en caso de litixio porque pensen que as achegas ao sector público ou os dereitos laborais aféctanlles, poden acudir a un tribunal privado que estaría por riba da soberanía das nacións, o Mecanismo de Resolución de Conflitos.

O TISA que están a negociar entre os Estados Unidos e os seus aliados dá un paso máis alá, xa que  desmantela as normas en materia de seguridade laboral, a lexislación medioambiental, a protección aos consumidores e… abre ao negocio privado todos os servizos públicos.

Segundo Raoul Marc Jennar, o TISA “prohibirá os monopolios públicos (como o ensino) e os fornecedores exclusivos de servizos, incluso a nivel nacional e local (as empresas municipais de auga)”. Outra das cláusulas do texto impide o regreso á esfera pública dos servizos e prestacións unha vez privatizados.

Dende os gobernos e partidos sistémicos preséntanse estes tratados como esenciais para poder competir cos BRICS, superar a crise e xerar emprego, mais en realidade son un salto cualitativo no proceso de concentración de poder e riqueza nas corporacións transnacionais, ou sexa, ao servizo dos intereses das grandes fortunas. Ou as clases populares responden axeitadamente a este proceso de globalización, ou o retroceso en dereitos e o aumento da desigualdade non fai máis que encetar, especialmente na periferia das potencias hexemónicas.

Fonte: http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-mera/tisa-neoliberalismo-toda-sua-dimension/20141009002939103167.html


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!