O TTIP contra as mulleres
Hai uns meses Lourdes Benería manifestaba que o feminismo en Europa non cuestionara coa suficiente forza o que nos traía o modelo neoliberal, que non introducira como algo central este tema na súa axenda. Non estabamos facendo o suficiente fincapé en que cada vez é máis profundo o conflito entre capital e vida. Víamos as nosas compañeiras latinoamericanas mobilizarse contra o NAFTA, contra o ALCA, xerar novas frontes contra o libre comercio, saír á rúa baixo o lema “somos mulleres, non mercadorías” pero aínda que desde as redes internacionais seguíanse e coñecíanse estes procesos, a “maquilización” considerábase máis un tema de apoio ás redes feministas que como un tema PROPIO da nosa axenda.
Por: Estefanía Rodero, Círculo de Salamanca – Comisión de Economía – Candidata á Secretaría Xeral
Pois ben, xa temos en casa o cabalo de Troia, requírese información, acción e resposta porque, como xa se dixo, non se trata dun enfrontamento entre EEUU e Europa, senón un abuso do poder corporativo e multinacional fronte á soberanía democrática.
ENTRANDO DE CHEO NO ASUNTO:
¿Que nos estamos a xoga-las mulleres coa aprobación do TTIP?
LABORAL
Sabemos que o proceso de negociación non está centrado no tema arancelario, senón na “cooperación reguladora”, é dicir, normativas á baixa. Pois ben ¿cal é a “normativa máis baixa”?
EEUU é a única democracia que non ratificou a convención sobre a eliminación de tódalas formas de discriminación da muller, non recoñece (ó igual que Irán, Somalia ou Sudán do Sur) o CEDAW, nin firmou o protocolo do mesmo que, cos seus erros e lentitudes, permite as denuncias individuais por discriminación e a investigación internacional. Precisamente foron os grupos que agora se sentan a negociar coa UE os que frearon o proceso de ratificación, é dicir: grupo conservador, o fundamentalismo relixioso estadounidense e o sector empresarial, en base a tres argumentos, revestidos de ética, con efectos comerciais:
– “Obrigar ós EEUU a pagar a homes e mulleres o mesmo por igual traballo atenta contra as bases do sistema de libre comercio e é un ataque á nosa soberanía” (Senadora Wendy McElroy)
– A garantía dos dereitos sexuais e reprodutivos -públicos e gratuítos- e a liberdade sexual son contrarios ós dereitos relixiosos, que prevalecen. “Son incompatíbeis coa tradición e a política dos EEUU que defenden a maternidade e ven a maternidade co maior honor e respecto” (E benefician a sanidade privada)
– A coeducación e a corresponsabilidade atentan contra os valores tradicionais da familia “Son incompatibles coa tradición e a política ds EEU que defenden a maternidade (e sustentan os coidados que permiten que o capitalismo funcione)
Entre os Convenios da Organización Internacional do Traballo que EEUU non firmou atópanse:
– Igualdade de remuneración entre homes e mulleres.
– Apoio a traballadores/as con responsabilidades familiares.
– Traballadores/as domésticos.
– Ano 2000, Convenio sobre a protección da maternidade (regulan os permisos, prestacións, dereito á lactancia)
O risco no proceso de negociación comercial, que contempla tódalas proteccións laborais que buscan a corresponsabilidade como CUSTES a eliminar, é que as empresas europeas que os aceptaron obrigadas e a cara de can (como nos lembrou o Círculo de Empresarios a semana pasada) polas lexislacións nacionais, aproveiten a conxuntura para premer ós gobernos, en aras do beneficio económico e o éxito comercial, para desregular e retroceder neste eido.
Preocúpanos tamén que, a través da posta en marcha dos tribunais ISDS, que equiparan multinacionais e estados soberanos a través dun basto sistema de arbitraxe, poidan sancionar en aras dos danos comerciais, políticas públicas de fomento de corresponsabilidade que para nosoutras son moi importantes, como a ampliación dos servizos públicos de gardería no período de 0 a 3 anos ou a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade iguais, intransferibles, ampliados e pagados.
De igual maneira, nos procesos de privatización de servizos públicos e recortes no Estado do Benestar que está en xogo, pola feminización do emprego público (precisamente polo maior cumprimento das leis de protección no público que no privado) o que se destrúa é emprego de calidade das mulleres, tornándoo en emprego precario. Mentres o noso secretario de estado de comercio, Jaime García-Legaz afirma que o TTIP creará 144.000 empregos, o Centro de investigación de política económica dos axentes de banda de Londres estiman en dous millóns os empregos en risco entre EEUU e a UE. As multinacionais non xeran postos de traballo, aumentan os seus beneficios, pero a creación de emprego nunca foi unha prioridade, ten sempe vencellos coa PEME.
Igualmente, cando se recortan servizos públicos, aguantan o “shock social” as mulleres, facéndose cargo da sostenibilidade do benestar e a vida, e minimizando os efectos dos recortes en servizos para a infancia, a saúde ou a dependencia. Sabemos tamén que no caso de rendas altas, estes recortes solvéntanse traspasando os labores de coidados ás mulleres do Sur, emigrantes, co efecto devastador que ten sobre as súas propias sociedades de orixe.
Seguindo na liña do avance da precariedade, hai un área tamén moi feminizada, os servizos ás empresas e as comunicacións e o sector cultural (a ICC) que tamén se van ver afectados, o sector audiovisual, pola forte denuncia que tiveron en Francia na súa defensa da excepción cultural parece que de momento vai quedar fora. Reflexionando sobre os riscos da “maquilización de Europa” penso que a nosa maquila non vai ser tan industrial, como unha maquila da creatividade e o coñecemento. Contratos a tempo parcial, traballos desde casa que aforran custes, negociación en solitario, xornadas eternas, efectos desocializadores que volven invisibiliza-lo traballo das mulleres e que teñen unha correlación sobre a saúde e o benestar (o aumento do consumo de psicofármacos). Como dicía Benería sobre o feito de teren sido tan pouco tallantes, falamos moito de teitos de cristal, que son moi importantes, que beneficiaban privilexios de clase, e non tanto de “solo pegañentos” do risco de institucionaliza-la precariedade, convertela en norma e recurta-la autonomía económica (cos efectos que ten sobre a superación da violencia de xénero ou o día a día de familias monoparentais).
CONFLUENCIA CO ECOLOXISMO
No proceso de confluencia do feminismo coa denuncia do TTIP poñemo-lo foco especialmente sobre a grande industria da mercantilización e medicalización do corpo das mulleres (non en van L’Oreal é a segunda grande fortuna por detrás de Inditex, dous exemplos de multinacionais cun patrón de consumo moi xeneralizado e á vez cunha responsabilidade evidente sobre a explotación laboral das mulleres do Sur). Pois ben, mentres que a UE prohibe o emprego de 1200 substancias químicas neste sector, EEUU prohibe só 12, polo que se nos procesos de negociación vaise á baixa, a exposición a substancias nocivas estará tamén xeneralizada, á vez que a través da desregulación da protección de datos para fins comercias, estaremos bombardeadas pola chamada ó consumo. A resistencia e a información que despreguemos aquí será clave.
Tamén no ámbito agrícola e gandeiro (deixando a un lado o feito de dar máis espazo a multinacionais que están especulando con produtos alimentares básicos para a creación de agrocombustibles que impactan sobre a propiedade da terra das mulleres e a súa soberanía alimentar), en España corremo-lo risco de acelera-lo proceso de DESPOBOACIÓN RURAL. As mulleres están traballando principalmente nas explotacións familiares e en produtos regulados e protexidos (denominacións de orixe) que están en risco fronte a entrada das multinacionais agrarias e gandeiras estadounidenses. A emigración das mulleres no medio rural supón a morte do mesmo: “solteirízanse” os pobos, envellecen, non hai nen@s nin mozos, pérdense servizos básicos e convértense na pescada que morde a cola, porque non atrae a novos poboadores.
POR TODO ISTO:
Como nos dixeron as nosas compañeiras latinoamericanas, a clave agora está en NON ACEPTAR ESTE MODELO COMO UN FEITO e loitar porque os valores da economía feminista pasen ó centro. Trátase de dicir NON ós acordos, xa non basta con introducir cláusulas de xénero ou denunciar, por exemplo, o risco androcéntrico de quen o está negociando (como din María Jose Capellín e Amaia Pérez Orozco, os BBVAh: Brancos, burgueses, varóns, adultos e heterosexuais). Trátase de facer ver que a macroeconomía non é neutra e que o patriarcado e o neoliberalismo van da man e se reforzan mutuamente. Trátase de entender que a denuncia do feminismo ó neoliberalismo e ó capitalismo máis feroz apunta á liña de flotación. Estase a mercantiliza-la vida, os corpos e tócanos xa levar á opinión pública o feito de que o centro son as persoas, non os mercados e empezar a socava-la lóxica da ACUMULACIÓN. Unha vida adicada ó máis, máis lonxe, máis cantidade ¿para que? Tócanos o diálogo de confluencia con tódalas economías críticas para xerar unha resposta firme e crear alternativas e levar ó centro a nosa ECODEPENDENCIA e a nosa VULNERABILIDADE. A imaxe da competición individualizada e feroz, do sálvese quen poida, é irreal e insostible, porque a vida non é así, a vida é en relación. Por iso a pesares da urxencia, non podemos renunciar a seguir pensando sobre o sentido do noso traballo, nin renunciar á terquedade de que non todo é monetizable.
Hai que fuxir tamén dos discursos que individualizan o “fracaso” e nos illan, sen ter en conta que estamos sufrindo as consecuencias da avaricia e a extracción (dos caixeiros) feita política.
Podemos paralo, xa se fixo antes, obtivéronse 500.000 sinaturas contra o TTIP en 5 días, con mobilización en 27 países, houbo protestas en máis de 300 cidades, están pendentes dos seus custes electorais e coido que, co feminismo tamén en pé, coa estratexia do vampiro que propón Susan Sontag, pararemo-lo TTIP expoñéndoo á luz.
Fonte: http://noalttip.blogspot.com.es/2014/12/el-ttip-contra-las-mujeres.html