Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Os agricultores europeos organízanse contra o tratado de libre comercio UE-Estados Unidos

16/07/2014
By

O Sindicato Labrego Galego participa no II Encontro da Sociedade Civil Europea contra o TTIP. Advirte de que o tratado terá “efectos demoledores para os agricultores e gandeiros galegos”

Por GCAgro | Bruxelas | 16/07/2014

iiencontrosociedadecivilcontra o TTIP

II Encontro da Sociedade Civil contra o TIPP

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, vén de participar no II Encontro da Sociedade Civil Europea contra o TTIP (Transatlantic Trade and Investment Partnership ou Acordo Transatlántico de Comercio e Investimentos), que se desenvolveu en Bruxelas os días 14 e 15 de xullo. Xunto ao Sindicato Labrego Galego, déronse cita todo tipo de organizacións sociais (ecoloxistas, agrarias, sindicais, etcétera) para debater e acordar estratexias comúns contra un TTIP que se está a negociar de costas á cidadanía e que está a ser deseñado, fundamentalmente, por empresas privadas e transnacionais.

Dende o Sindicato Labrego Galego critican con dureza o TTIP “pois, polo pouco que puido transcender das súas negociacións, derribará as barreiras arancelarias (as máis altas protexen produtos agrícolas e gandeiros) e numerosas normativas legais que existen na na Unión Europea en materia de seguridade alimentaria, medio ambiente ou dereitos laborais”. “Todo en detrimento dos dereitos e a seguridade da cidadanía europea e só co obxectivo de crear un marco para que as principais multinacionais de Europa e Estados Unidos maximicen o seu lucro”, advirten.

Obrigará á UE a eliminar as barreiras aos organismos xenéticamente modificados

Neste sentido, a organización agraria alerta de que por exemplo, para que haxa libre comercio entre Estados Unidos e a Unión Europea, primeiro debemos eliminar, nesta beira do Atlántico, as restricións que existen en materia de organismos xeneticamente modificados (OXMs), carne e leite tratada con hormonas canceríxenas como a Somatotropina Bovina Recombinante, porcos engordados con Ractopamina (prohibida en 150 países pola súa perigosidade); ou permitir os máis de 30.000 produtos químicos aínda legais e comercializados nos Estados Unidos que están asociados a doenzas e enfermidades como cancro de mama e testicular, infertilidade masculina, diabete e obesidade. O TTIP tamén afectaría á Lei de Protección de Datos ou a servizos públicos como a sanidade cobizados polas transnacionais, que achan na súa privatización un fabuloso negocio.

Críticas pola opacidade nas negociacións

Outra das críticas das organizacións sociais que participaron no encontro de Bruxelas foi a opacidade coa que se están a desenvolver estas negociacións entre a Unión Europea e os Estados Unidos. Pola parte europea, quen leva a voz cantante é a Comisión, estando o meirande da información e documentos das negociacións vetados aos e ás representantes do Parlamento Europeo. Un bo exemplo desta falta de transparencia é que, entre xaneiro de 2012 e abril de 2013, antes de comezar as negociacións oficiais entre EEUU e a UE, o 92% dos encontros auspiciados por Bruxelas (520 reunións dun total de 560) foron entre a Comisión Europea e lobbies privados e empresas, e só o 4% (26 reunións) tivo á sociedade civil como protagonista, segundo datos da ONG Observatorio Corporativo Europeo (CEO). A mesma organización revelou que, entre xullo de 2013 e febreiro de 2014, das 154 reunións mantidas, 113 foron con empresas privadas, o que supón o 74%.

Para o Sindicato Labrego Galego, o TTIP “terá un impacto demoledor que este tratado tería sobre os sectores agrogandeiros e forestais europeos e galegos, xa que se eliminarían os aranceis que protexen as nosas producións, baseadas maioritariamente en economías de escala familiar e estruturadoras do medio rural; fronte a megaexplotacións de corte industrial que maximizan e abaratan a súa produción a través de prácticas prohibidas hoxe na Unión Europea por motivos medioambientais, de saúde e de seguridade alimentaria”.

Un dato preocupante ao respecto tamén vén revelado pola CEO: de tódalas empresas que están participando nas negociacións do TTIP, son as relacionadas coa agricultura e a alimentación as que maior presión exerceron sobre os e as representantes de Bruxelas, o cal revela que serán precisamente estes sectores os máis afectados por un posible tratado e os que ser verán sometidos a unha auténtica demolición en materia de protección arancelaria e normativa.

Fonte: http://www.galiciaconfidencial.com/nova/19972.html


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!