Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Os que alimentan a fame / Martín Caparrós

28/02/2015
By

Os que alimentan a fame

– Martín Caparrós edita en España o seu último e demoledor libro, titulado “El Hambre”, no que desentraña por que 805 millóns de persoas non teñen que comer

– A especulación é unha das causas, como desvela este extracto dun dos capítulos

Los-que-alimentan-el-hambreA transformación da comida nun medio de especulación financeira xa leva máis de vinte anos. Pero ninguén pareceu notalo demasiado ata 2008. Ese ano, a grande banca sufriu o que moitos chamaron “a tormenta perfecta”: unha crise que afectou ó mesmo tempo ás accións, ás hipotecas, o comercio internacional. Todo caía: os cartos estaban á intemperie, non atopaban refuxio. Tras uns días de desconcerto moitos destes capitais gorecéronse na cova que lles pareceu más amigable: a Bolsa de Chicago e as súas materias primas. En 2003, as inversións en commodities (Materias primas) alimentarias importaban uns 13.000 millóns de dólares; en 2008 chegaron a 317.000 millóns. E os prezos, por suposto, disparáronse.

Analistas nada sospeitosos de esquerdismo calculaban que esa cantidade de cartos era quince veces maior que o tamaño do mercado agrícola mundial: especulación pura e dura. O Goberno norteamericano desviaba centos de miles de millóns de dólares cara ós bancos “para salva-lo sistema financeiro” e boa parte destes cartos non atopaban mellor inversión que a comida dos outros.

Agora na Bolsa de Chicago negociase cada ano unha cantidade de trigo igual a cincuenta veces a produción mundial de trigo. Digo: aquí cada gran de millo que hai no mundo cómprase e véndese, simúlase cincuenta veces. Dito doutro modo: a especulación co trigo move cincuenta veces máis cartos que a produción de trigo.

O grande invento destes mercados é que o que quere vender algo non precisa telo: véndense promesas, compromisos, vaguidades escritas na pantalla dunha computadora. E os que saben facelo gañan, nese exercicio de ficción, fortunas.

E os que non saben contratan programadores de computación. Máis da metade dos cartos das Bolsas do mundo rico está en mans do HFT (High Frecuency Trading) a forma máis extrema de especulación algorítmica ou automatizada. Son moitos nomes para algo moi complicado e moi simple: supercomputadoras que realizan millóns de operacións que duran segundos ou milisegundos; mercan, venden, mercan, venden, mercan, vende sen parar aproveitando diferencias de cotización ínfimas que, en semellantes cantidades, transfórmanse en montes de cartos. Son máquinas que operan moito máis rápido que calquera persoa, autónomas de calquera persoa. Impresióname que os donos dos cartos poñan tantos nas mans, chamémoslle mans, dunhas máquinas que poderían despistarse e que o seu despiste podería custarlle auténticas fortunas: que teñan tal confianza na técnica ou, quizais, tal avidez.

Os HFT son a especulación máis pura: máquinas que só serven para gañar cartos con máis cartos. Son operacións que ninguén fai sobre contratos que non están feitos para ser cumpridos acerca de mercadorías que nunca ninguén verá. A ficción máis rendible.

A máquina xiraba a mil por hora. Aquel día, 6 de abril de 2008, unha tonelada de trigo chegou a custar 440 dólares. Era incrible; só cinco anos antes custaba tres veces menos: arredor de 125. Os cereais, que se mantiveran en valores nominais constantes, que, polo tanto, baixaran os seus prezos, durante máis de dúas décadas, comezaron a trepar durante o ano 2006, pero nos primeiros meses de 2007 o seu ascenso volveuse incontido: en maio, o trigo pasou os 200 dólares por tonelada, en agosto os 300, os 400 en xaneiro; o mesmo sucedía cos demais grans.

E, como din os negociantes, o mercado alimentar ten unha “baixa elasticidade”. É a súa forma de dicir que, pase o que pase coa oferta, a demanda non pode cambiar tanto: que, se os prezos soben moito, pode postergarse mercar un coche ou unha zapatilla, pero moi pouca xente acepta de boa gaña posterga-la compra do seu almorzo.

O aumento non tiña, por suposto, unha causa exclusiva. Unha delas foi o aumento extraordinario do prezo do petróleo, que nestes días de abril bordeaba os 130 dólares por barril, o dobre que 12 meses antes. O petróleo é tan importante para a produción agropecuaria que un ensaísta político inglés, John N. Gray, dixo hai pouco que “a agricultura intensiva é extraer comida do petróleo”. Referíase, entre outras cousas, a ese cálculo tan cacarexado que di que producir unha caloría de comida custa sete calorías de combustíbeis fósiles.

O prezo do petróleo inflúe nos prezos dos alimentos de varios xeitos. Os alimentos inclúen no seu custe unha parte significativa de combustíbeis: na súa produción, polas máquinas rurais e porque a maioría dos abonos e pesticidas conteñen algunha forma de petróleo, no seu transporte, no seu almacenamento, na súa distribución. Pero, ademais, o aumento do prezo do petróleo deulle máis entidade aínda ós famosos agrocombustíbeis.

Comezaron chamándoos biocombustíbeis; ultimamente, grupos críticos insisten en que o prefixo “bio” préstalles unha pátina de honorabilidade que non merecen, e postulan que os chamemos agrocombustíbeis. Parece que o agro non está tan cotizado como o bio na conciencia cool. Pero hai xente que para moitos cartos para conseguirlles boa prensa: no ano 2000 o mundo produciu 17.000 millóns de litros e etanol; en 2013, cinco veces máis: 85.000 millóns. E nove de cada dez litros consúmense en Estados Unidos e Brasil. (…)

E é outro xeito de emprega-los alimentos para non alimentar.

E un negocio de primeira para moitos.

O agrocombustibel é a penúltima resposta á superprodución de grans que complica dende hai décadas á agricultura norteamericana. No último medio século as técnicas agrarias melloraron como nunca, os subsidios ós granxeiros aumentaron moito e as súas explotacións acadaron rendementos inéditos: non sabían que facer con tanto millo, con tanto trigo. Na segunda metade do século XX Estados Unidos afrontou un grave problema con poucos antecedentes na historia da humanidade: a superprodución de alimentos. Parece un chiste que ese fora o problema do maior produtor de comida dun mundo onde falta comida.

Entre outros efectos, a superprodución mantivo moi baixos os prezos da comida durante un longo período. Un dos primeiros usos deste excedente foi político: a exportación, baixo capa de axuda, de grandes cantidades de gran. Xa falaremos do programa Food for Peace. (…)

Despois virían outros usos: xaropes de millo, grande adozante da industria alimentar, deterxentes, téxtiles e ultimamente o agrocombustibel.

O etanol norteamericano está feito de millo. Estados Unidos produce o 35 por cento do millo do mundo, máis de 350 millóns de toneladas ó ano. Unha lei federal, a Renewable Fuel Standard, di que o 40 por cento dese gran debe ser usado para enche-los tanques dos coches. É case un sexto do consumo mundial dun dos alimentos máis consumidos do mundo. Cos 170 quilos de millo que se precisan para encher un tanque de etanol-85, un rapaz zambio ou mexicano ou bengalí pode sobrevivir un ano enteiro. Un tanque, un rapaz, un ano. E se enchen, cada ano, case 900 millóns de tanques.

Agrocombustibel que empregan os coches estadounidenses acadaría para que tódolos famentos do mundo recibiran medio quilo de millo por día.

O Goberno americano non só obriga a usa-lo millo para empurrar coches; tamén entrega a quen o fan miles de millóns de dólares en subsidios. (…) O aumento da demanda de millo producida polo etanol é responsable dunha porcentaxe importante, que ninguén pode definir con precisión, do aumento do prezo dos alimentos.

Un exemplo: moitos granxeiros do Medio Oeste americano deixaron de cultiva-lo millo branco que vendían, entre outros, a México, para pasarse ó amarelo que se usa para facer etanol. Entón os prezos da fariña se duplicaron ou incluso triplicaron en México e miles de persoas saíron á rúa. Chamárono a revolta das tortillas.

En Guatemala non saíron. En Guatemala a metade dos rapaces están malnutridos. Hai vinte anos Guatemala producía case todo o millo que consumía. Pero nos noventa comezaron a chega-los excedentes norteamericanos, baratos polos subsidios que recibían no seu país e os campesiños non puideron competir con ese prezos. Nunha década a produción local diminuíu unha terceira parte.

Neses días, moitos campesiños tiveron que vende-las súas terras a empresas que agora plantan palmeiras para facer aceite e etanol, caña para azucre e etanol. E os que puideron seguir cultivando as súas atoparon máis e máis dificultades: ameazas armadas para que llas vendan, propietarios que prefiren deixar de alugarlle-las súas para traballar coas grandes compañías, grandes plantacións que se levan a agua ou a envelenan cos seus químicos.

O problema agudizouse nos anos vindeiros: os americanos comezaron a usa-lo seu millo para facer etanol e os prezos subiron, e subiron máis cos grandes aumentos que precederon á crise de 2008. Agora, nas tortillerías guatemaltecas, un quetzal, uns 15 centavos de dólar, merca catro tortillas; hai cinco anos mercaba oito. E os ovos tamén triplicaron o seu prezo porque os polos tamén comen millo.

Son exemplos.

Pero non creo que ninguén o faga para prexudicar a ninguén. Quero dicir: non é que as autoridades e os lobis e os produtores agrícolas americanos queiran famear ós rapaces guatemaltecos. Só queren mellora-las súas vendas e os seus prezos, depender menos do petróleo, coida-lo ambiente, e iso produce efectos secundarios: sucede, que se lle vai facer.

Shit happens*

*En inglés no orixinal. N. do T.

Orixinal: http://redendefensadelmaiz.net/2015/01/los-que-alimentan-el-hambre/


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!