Páxina pechada. Lanzamento: 22/03/2013. Peche: 20/04/2017.
Todas as campañas
Campañas
Todas as ferramentas
Ferramentas

Outubro: Banco Mundial

08/04/2016
By

BANCO MUNDIAL

“A loita contra a globalización non é exclusiva dun pensamento, ou dunha bandeira política, ou dun territorio xeográfico, é unha cuestión de supervivencia da raza humana. Ou a Humanidade, ou o neoliberalismo”. (Subcomandante Marcos)

QUE É?

Entidade internacional, integrada por 188 países, que pertence ao sistema das Nacións Unidas. O Banco Mundial defínese como unha fonte de asistencia financeira e técnica para os países en vías de desenvolvemento cuxa misión baséase en “acabar coa pobreza e promover a prosperidade compartida”. Se ben o seu papel real é o de protexer os grandes equilibrios económicos en detrimento dos obxectivos sociais e medioambientais converténdose, xunto ao FMI e outros organismos internacionais, nunha ferramenta de presión capitalista que axuda a impoñer políticas de axuste estrutural e recortes en países en desenvolvemento, a cambio da concesión de préstamos.

 

Aínda que o Banco Mundial nace como un organismo único, hoxe é un grupo conformado por 5 organismos:

  • Banco Internacional de Reconstrución e Fomento (BIRF, 1944): Financia o desenvolvemento dos países de ingresos medios.
  • Sociedade Financeira Internacional (SFI, 1956): Financia as empresas privadas.
  • Asociación Internacional para o Desenvolvemento (AID, 1960): Outorga préstamos aos países máis pobres.
  • Centro Internacional de Arranxo de Diferenzas Reltivas a Inversións (CIADI, 1966): Xestiona os conflitos de Intereses.
  • Axencia Multilateral de Garantes e Inversións (AMGI, 1988): Pretende favorecer  a inversión.

 

COMO SE CONFORMA?

O BM está formado por 185 países membros e conta con máis de 10.000 empregadxs que traballan nas oficinas que están instaladas en 109 países.

Os países membros son accionistas e están representados por unha Xunta de Gobernadores, que é quen formulan as políticas do Banco Mundial. Reúnense anualmente, de xeito conxunto coas autoridades do Fondo Monetario Internacional.

As responsabilidades específicas deléganse nun Directorio Executivo composto por 24 membros. Alemaña, Estados Unidos, Francia, Xapón e Reino Unido, que son xs accionistas principais, elixen a cadanseu representante, mentres que os demais países quedan representados polos 19 directores restantes.

Dende a creación do Banco Mundial, o cargo de presidente sempre foi proposto por Estados Unidos (accionista principal do Banco), elixido pola Xunta de Gobernadores e exercido por un cidadán norteamericano.

protesta-espana-550x353

Protesta contra o Banco Mundial no Estado Español

COMO SE ORIXINA?

Cara ao final da II Guerra Mundial (no mes de xullo de 1944) asináronse os acordos de Bretton Woods. Estes pretendían rematar coa liña proteccionista que se establecera dende o inicio da I Guerra Mundial e que se consideraba o punto sobre o que repousaba a orixe do novo conflito. Así pois establécense unhas regras para as relacións comerciais e financeiras entre os países máis desenvolvidos do mundo baseadas no librecambismo entre os distintos países que será o que permita acadar un mundo de paz. Dos acordos de Bretton Woods aparecen dous organismos clave que empezarán a funcionar no 1946: o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial. Viuse tamén a posibilidade de crear un terceiro organismo económico mundial,  Organización Internacional de Comercio, que non se constituíu e que deu paso á fundación do GATT (1948) que anos máis tarde sería absorvida pola Organización Mundial do Comercio (1995).

 

O Banco Mundial nace como unha entidade que tiña como misión facilitar a reconstrución e o desenvolvemento (fundamentalmente de Europa) unha vez rematada a II Guerra Mundial e que buscaba dar asistencia a longo prazo, e pouco a pouco, irá variando a súa misión e conformación.

 

PROBLEMÁTICA

O Banco Mundial é un organismo internacional que, xunto a outros como o FMI ou  OMC, conforma un dos alicerces sobre os que se sustenta o modelo capitalista actual. Probablemente a principal crítica que recibe o BM é a imposición de políticas de axuste estrutural que provocan enormes custos sociais sobre os grupos máis vulnerables (especialmente nos países en vías de desenvolvemento), pero traspasa moitas outras fronteiras na súa actuación:

  • A prescrición do “Consenso de Washington” (paquete de reformas “estándar” para os países azoutados pola crise que se basea no fundamentalismo de libre mercado) de xeito indiscriminado con calquera país empobrecido.
  • Impulso de programas financiados polo Banco Mundial que atentan contra os dereitos das persoas como pode ser aqueles que provocan o desprazamento de poboacións contra a súa vontade.
    • Entre 2004 e 2013, os proxectos do BM implicaron o desprazamento de 3,4 millóns de persoas.1
  • A inmensa maioría dos proxectos que financia o Banco Mundial acaban construíndoos empresas multinacionais españolas, italianas, norteamericanas ou francesas, que son quen realmente se benefician dos fondos que teoricamente se destinan a axuda ao desenvolvemento. Isto implica que no país onde se acomete a obra xérase unha infraestrutura pero non se desenvolve tecido industrial, como se daría se o fixeran empresas locais.
    • Da inversión total, parece que de 500 proxectos do BM so un 13% da inversión destínase á axuda ao desenvolvemento.
  • O Banco Mundial dista de ter mecanismos democráticos e representativos, pois as súas autoridades son sempre “elixidas” por Estados Unidos.
    • Todos os presidentes dende a súa fundación ata o momento son cidadáns estadounidenses.
  • O BM non é un organismo independente e/ou neutral, pois todas as olladas e voces críticas coas políticas e institucións neoliberais son silenciadas.
    • Joseph Stiglitz criticou ao Fondo Monetario Internacional e tivo que dimitir ao ano seguinte; Ravi Kanpur realizou un informe sobre a pobreza que propuña como solución a redistribución da riqueza que acabou implicando a renuncia deste despois das presións recibidas.
  • O BM financia proxectos que provocan dano ambiental a grande escala (deforestación e colonización selvática, destrución de caladoiros, contaminación de auga, colleitas,…). proxectos que provocaron dano ambiental masivo.
    • Entre 2009 e 2013, o BM adicou 50.000 millóns de dólares a proxectos con alto risco de impacto medio ambiental.
  • O BM favorece exportación de residuos perigosos ou tóxicos en países empobrecidos, así como a reubicación nos mesmos das industrias contaminantes dos países enriquecidos.
  • O BM empeora as condicións dos pequenos agricultores, desenvolvendo explotacións extensivas de cultivos industriais, incluso en espazos que non son axeitadas para ese fin.
  • O BM presta cartos a gobernos que violan aberta e continuamente os dereitos humanos, que o Banco xustifica indicando que eses préstamos non se empregan en actividades que danan directamente á cidadanía.
  • O BM ameaza os dereitos dos pobos indíxenas, pois a pesar de ditar unhas pautas de aliñamento para os proxectos que afecten a estes pobos, tense aceptado publicamente que estes nunca se seguen.
guerra-del-agua-en-cochabamba1

Guerra da Auga , Bolivia

 

LOITAS

  • Guerra da Auga (Bolivia, 2001)2: O Banco Mundial impulsou a privatización do servizo de subministración de auga a Cochabamba en setembro de 1999. Hugo Banzer asinou un contrato coa multinacional Bechtel que adxudicaba o acordo a través dun consorcio empresarial. Pouco tempo despois, abrollaron queixas sobre o aumento das tarifas da auga que aumentaron máis dun 50% e que desembocaron na Guerra da Auga no ano 2000, pois moitas persoas viron imposibilitado o acceso a servizos básicos (educación, sanidade,…) como consecuencia dos prezos da auga. A alta tensión social provocou a declaración da lei marcial, leváronse ao cabo numerosas detencións e as cargas policiais foron constantes e violentas (170 feridxs e un mozo morto: Víctor Hugo Daza, de 17 anos). Finalmente, coa economía do país colapsada e os disturbios en aumento, o goberno rescindiu o contrato con Bechtel. En 2001, Bechtel denunciou o goberno de Bolivia reclamando indemnizacións polo valor de 25 millóns de dólares.
  • Encoro de Auga Zarca (Honduras, 2006-2013)3: En 2006 empezan a aparecer máquinas na comunidade lenca do Río Blanco para acometer a construción dun encoro. O proxecto concédeselle á empresa Desarrollos Energeticos SA (DESA), está auspiciada polo Banco Mundial e logra o respaldo da compañía chines Sinohydro. En 2009, despois do golpe de estado, impúlsanse os megaproxectos no país, e a comunidade oponse cada vez con máis forza a construción do encoro do río Gualcarque. Despois de levar o conflito ata o Congreso en 2010, o goberno respondeu co concesión de explotación do río por máis de 30 anos. Isto implicou que en 2013 o pobo lenca iniciara un bloqueo das estradas durante máis dun ano que supuxo a retirada do proxecto de Sinohydro. Hoxe, despois de tres mortos, ameazas por parte do exército e sicarios, secuestros e ameazas constantes, a pesar de que segue contando coa empresa alemá Voith Hydro, o proxecto está detido.
  • Tata Mundra Ultra Mega Power (India, 2015)4: O Banco Mundial financiou en 2012, con 450 millóns de dólares, a construción da planta térmica no golfo de Kutch, un entrante do mar Arábigo onde os clans de pescadorxs teñen dende hai centos de anos a base da súa economía. A auga quente residual da instalación vérquese a unha canle escavada na terra que, ata a chegada da mesma, vivian familias de pescadorxs. Ademais o pobo wagher emigra, dende hai máis de 200 anos, ata a costa do golfo para asentarse durante 8 meses nos que se dedican por enteiro ás actividades pesqueiras, está vendo como se reduce drasticamente o seu volume de pesca. Por outra banda a instalación da planta elevou o prezo da electricidade para a poboación un 23% pois o prezo de produción de cada kilowatio daba perdas (se ben agora atópase en suspenso esta medida). Por esta cuestión as mobilizacións deviron o 23/04/2015 a ONG Earth Rights International na interposición unha demanda contra a CFI asinada polxs veciñxs da central Tata Mundra que está pendente de resolución.

 

E TI… QUE PODES FACER?

Infórmate e informa ás persoas da túa contorna sobre os abusos dos diferentes organismos internacionais e busca os datos obxectivos que che leven cara a un posicionamento crítico. Actúa a través das diferentes accións e iniciativas que se ofrecen dende o ámbito dixital ata o físico. Participa campañas e iniciativas  que se desenvolvan contra a explotación medio ambiental e a violación de dereitos das persoas e dos pobos froito das políticas que favorecen ás multinacionais e aos grandes grupos de poder político e empresarial. Insírete en colectivos e organizacións que busquen a protección dos ecosistemas e a defensa dos dereitos, así como un cambio de modelo económico que estableza unhas novas normas que vertebren sobre a xustiza global.

 

1http://www.teinteresa.es/dinero/Escandalo-Banco-Mundial-desahucian-personas_0_1340866997.html
2https://es.wikipedia.org/wiki/Guerra_del_agua_%28Bolivia%29
3http://www.bbc.com/mundo/noticias/2015/04/150423_honduras_berta_caceres_am
4http://elpais.com/elpais/2015/06/01/planeta_futuro/1433161466_319761.html


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!